DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2023 Páx. 67318

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Santiago de Compostela (expediente IN407A 2023/098-1).

Expediente: IN407A 2023/098-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: renovación LMTS SCY813 entre CT 15CC71 e CT 15CDFT.

Concello: Santiago de Compostela.

Feitos:

1. O día 3.3.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de atender os aumentos de demanda de enerxía que se produciron ao longo do tempo na contorna da rúa de Touro e rúa de Anxo Casal, concello de Santiago de Compostela, proxéctase deixar fóra de servizo tres tramos soterrados da liña de distribución de media tensión LMT SCY813, procedente da subestación San Caetano, e instalar novos condutores en novas canalizacións existentes.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegaron o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado renovación LMTS SCY813 entre CT 15CC71 e CT 15CDFT, asinado o día 31.1.2023 por Tito Arias Santos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexial LE-1010.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Santiago de Compostela e ao Servizo do Patrimonio Cultural.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos (Servizo do Patrimonio Cultural).

4. O día 21.9.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

Localización: as instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse na rúa de Touro e na rúa de Anxo Casal, no concello de Santiago de Compostela, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS (actuación 1) a 20 kV, de 145 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe no CT Touro Almáciga (15CC84) existente, na rúa de Touro 18, e remate no CT Vite 10 (15CC71) existente, na rúa de Anxo Casal 1.

– LMTS (actuación 2) a 20 kV, de 82 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe no CT Touro Almáciga (15CC84) existente, na rúa de Touro 18, e remate no CS Secretaría Patrimonio (15CDFT), na rúa de Touro 33.

– Posta fóra de servizo dos tramos soterrados da LMT SCY813, procedente da subestación San Caetano: SCY8130495 (UNI-Al-150-RHV, IN407A 2016/2229-1), SCY8130497 (UNI-Al-240-RHZ1-2OL, IN407A 2016/2229-1) e SCY8130494 (UNI-Al-150-RHV, IN407A 2016/2229-1).

– A liña proxectada discorrerá canalizada no interior dun tubo de polipropileno de 160 mm de diámetro nunha gabia de dimensións de 0,40 metros de largo e de entre 0,80 e 1,20 metros de profundidade (dependendo do número de tubos e do terreo), e instalaranse entre dous e catro tubos de idénticas características. A lonxitude total de canalización proxectada é de 152 m.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 10 de outubro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña