DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2023 Páx. 67086

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR3O2D).

O 20 de xullo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 138, a Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

No artigo 8.5 da dita orde establécese que as accións formativas poderán ser executadas en modalidade presencial ou teleformación. No que atinxe á modalidade de teleformación, no punto 7 do dito artigo recóllese que requisitos debe cumprir esta modalidade namentres que no punto 9.b) establécese como se realizará o control de presencia.

No artigo 11.4 da dita Orde do 3 de xullo de 2023, establécese o importe dos módulos de custo unitario que determinarán o gasto máximo subvencionable de cada acción formativa, e indicando que os ditos módulos de custo unitario resultan da aplicación do anexo IX do Regulamento delegado (UE) 2021/702 da Comisión, do 10 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento delegado (UE) 2015/2195, segundo o previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xullo de 2021, e, concretamente, conforme os artigos 51.c) e 94.4 do dito regulamento.

No artigo 16 da dita Orde do 3 de xullo de 2023, establécese que o prazo de presentación de solicitudes destas axudas remata o 29 de setembro de 2023. O 25 de setembro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 182 a Orde do 18 de setembro de 2023 pola que se amplía o dito prazo de presentación de solicitudes ata o 3 de novembro de 2023.

Así mesmo, o 1 de setembro de 2023, publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea o Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión do 7 de xullo de 2023 polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo á definición de custos unitarios, importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculada aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión.

No artigo 3 do dito Regulamento delegado (UE) 2023/1676, do 7 de xullo de 2023, establécese que o presente regulamento entraba en vigor aos 20 días tras a súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea. Así mesmo, no seu anexo establece no punto 3, relativo ás operacións relativas á oferta de formación aos traballadores por conta allea, concretamente no punto 3.1, que os cursos de formación poden realizarse de xeito presencial, en liña ou en formato híbrido, pero deben impartirse sempre co formador e as persoas participantes presentes ao mesmo tempo; e no punto 3.4 establécese o método de axuste e no cadro 3.a os importes de formación dos traballadores por conta allea.

En consecuencia co exposto, e atendendo ao indicado pola Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, cómpre modificar os artigos correspondentes da Orde do 3 de xullo de 2023 para axustarse ao establecido no Regulamento delegado (UE) 2023, 1676, do 7 de xullo de 2023, polo que no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D)

Un. Modifícase o punto 2.g) do artigo 4, que queda redactado nos seguintes termos:

«g) Regulamento delegado (UE) 2023/1676 de la Comisión de 7 de julio de 2023, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello e no relativo á definición de custos unitarios, importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculada aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión».

Dous. Modifícase o punto 5 do artigo 8, que queda redactado nos seguintes termos:

«5. Estas accións formativas poderán ser executadas en modalidade presencial, en liña ou en formato híbrido, debendo impartirse sempre coa persoa formadora e as persoas participantes presentes ao mesmo tempo».

Tres. Suprímense os puntos 7, 8, 9.b) e 12.b) do artigo 8.

Catro. Modifícase o punto 1.b) do artigo 9 que queda redactado nos seguintes termos:

«d) Lugar de execución da formación. No caso de que se descoñeza o lugar de impartición no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego cunha antelación mínima de quince (15) días ao inicio da impartición».

Cinco. Modifícase o punto 4 do artigo 11, que queda redactado nos seguintes termos:

«4. O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:

a) 16,70 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.

b) 17,93 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.

Estes dous módulos de custo unitario resultan da aplicación do Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión do 7 de xullo de 2023, polo que se complementa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo á definición de custos unitarios, importes a tanto global e tipos fixos e financiamento non vinculada aos custos para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte de Comisión».

Seis. Modifícase o punto 3.f) do artigo 28, que queda redactado nos seguintes termos:

«f) As actas de asistencia de todas as accións formativas. Cada acta remitirase nun arquivo separado, cuxo título terá a seguinte estrutura:

BTE_2023_[NIF entidade beneficiaria]_[nome acción formativa]_[data da sesión en formato AAAAMMDD]_[número de sesión do día, en caso de haber máis dunha].

Os campos entre corchetes serán particulares para cada acta. Un exemplo da aplicación desta nomenclatura sería «BTE_2023_B12345678_Xestión do talento_20230501_1».

Os modelos de acta para empregar serán os que estean dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Artigo 2. Ámbito de aplicación da presente modificación

Tendo en conta a data de entrada en vigor do Regulamento delegado (UE) 2023/1676 da Comisión do 7 de xullo de 2023, as modificacións recollidas na presente orde seranlle de aplicación aos expedientes presentados desde o día 21 de setembro de 2023 ata o 3 de novembro de 2023 (incluído).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade