DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2023 Páx. 67083

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 146/2023, do 23 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Tui de estradas e treitos de estradas da Deputación Provincial de Pontevedra e da estrada RI-01066 de titularidade municipal a prol da Deputación Provincial de Pontevedra.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou, o 15 de setembro de 2023, o cambio de titularidade a favor do Concello de Tui de varios treitos das estradas EP-3004, EP-3002, EP-2502, así como a transferencia á Deputación dunha estrada municipal de 275 metros de lonxitude que dá continuidade á EP-2502 ao seu paso por Ribadelouro, desde o p.q. 1+970 ao p.q. 2+140.

As estradas EP-3004 e EP-3002 e o treito antigo da estrada EP-2502 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

O treito da estrada provincial EP-2502 desde o p.q. 1+970 ao p.q. 2+140 cumpre tamén co estipulado no referido número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, ao aceptar a Deputación Provincial de Pontevedra a transferencia de titularidade ao seu favor da vía municipal denominada RI-01066, de 275 metros de lonxitude, que ten o seu inicio no p.q. 1+970 e remata no p.q. 2+140 da EP-2502, e que permite manter a continuidade da estrada provincial EP-2502 tras a transferencia do treito entre os pp.qq. 1+970 e 2+140 a prol do Concello de Tui.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de novembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Tui das seguintes estradas e treitos de estradas da rede da Deputación Provincial de Pontevedra.

Estrada

Denominación da estrada

p.q. inicial

p.q. final

Lonx. (km)

EP-3004

Acceso á igrexa de Caldelas

0+000

1+192

1,192

EP-3002

Acceso a Malvas

0+000

1+805

1,805

Treito da EP-2502

O Cerquido-Ribadelouro

1+970

2+140

0,170

Treito antigo da EP-2502 O Cerquido-Ribadelouro

2+270 MD

0,106

Aprobar o cambio de titularidade a prol da Deputación Provincial de Pontevedra de:

Estrada

Denominación da estrada

p.q. inicial

p.q. final

Lonx. (km)

RI-01066

Vía municipal con referencia RI-01066, segundo o Inventario xeral e do patrimonio do Concello de Tui/Inventario de vías e camiños municipais do Concello de Tui

1+970 da EP-2502

2+140 da EP-2502

0,275

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 3

Correspóndenlles ao Concello de Tui e á Deputación Provincial de Pontevedra, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidesen corresponderlles como novas administracións titulares.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de novembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade