DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2023 Páx. 66747

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Narón

ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de equidistribución do polígono 1 da área de repartición do Plan de sectorización do ámbito I establecido na modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do SRAU do contorno do polígono industrial Río do Pozo.

A Xunta de Goberno local, na sesión ordinaria que tivo lugar o 25 de maio de 2023, acordou a aprobación definitiva do proxecto de equidistribución do polígono 1 da área de reparto do Plan de sectorización do ámbito I establecido na modificación puntual do PXOM do SRAU do contorno do polígono industrial Río do Pozo, redactado polo avogado César Pérez Maldonado e o arquitecto Alfredo Garrote Pazos, incluíndo valoracións de aproveitamento realizadas pola arquitecta María Meroño Pardo de Vera, así como a ratificación do convenio urbanístico proposto para a monetización do deber legal de cesión do aproveitamento urbanístico correspondente ao Concello, subscrito por Iván Luis Menéndez Díaz, en representación de Cementos Tudela Veguín, S.A., e pola Alcaldía Presidencia, para os efectos da súa sinatura.

Consonte o establecido no artigo 403.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, publícase no Diario Oficial de Galicia o texto do convenio, xunto co seu acordo de aprobación aludido no parágrafo anterior.

«Convenio urbanístico de monetización do aproveitamento municipal.

No Concello de Narón,

Comparecen:

Dunha parte: Marián Ferreiro Díaz, alcaldesa do Concello de Narón.

E doutra parte: Iván Luis Menéndez Díaz, con NIF ***5706** e domicilio para estes efectos na Urbanización ************, Principado de Asturias.

Interveñen:

A alcaldesa, en nome e representación do Concello de Narón, conforme o disposto no artigo 21.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Iván Luis Menéndez Díaz, en nome e representación da entidade mercantil Cementos Tudela Veguín, S.A., con CIF A74314980 e enderezo na rúa Argüelles, núm. 25, 33003 Oviedo, de acordo co documento de apoderamento que se achega como anexo 1.

Ambas as partes recoñécense mutua e recíproca capacidade para formalizar o presente convenio, e libremente e para o efecto,

EXPOÑEN:

I. Antecedentes de tramitación.

1. O Concello de Narón conta como instrumento de planeamento cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM), que foi obxecto dunha modificación puntual (no que se refire a este ámbito de solo rústico apto para urbanizar do contorno do polígono industrial Río do Pozo), que resultou aprobada definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 4.11.2010 (DOG núm. 225, do 23 de novembro).

2. En desenvolvemento das súas determinacións tramitouse o Plan de sectorización do ámbito I, aprobado polo Concello Pleno en sesión do 31.1.2013 (DOG núm. 40, do 26 de febreiro), que incluía entre as súas determinacións a delimitación do polígono núm. 1 a que se refire o presente documento.

3. En execución das determinacións do planeamento sinalado constituíron a Xunta de Compensación Polígono 1, SRAU-1 Río do Pozo ante o notario de Narón Juan de la Riva López-Rioboo, o 29 de abril de 2014, co número 723 do seu protocolo, o propietario entón maioritario de terreos no ámbito do polígono, Cementos Tudela Veguín, o Concello de Narón, como Administración tutelante, e as irmás Fortúnez Cabada, adheridas posteriormente.

4. Cementos Tudela Veguín, S.A. adquiriu ás irmás Fortúnez Cabada a porción da parcela súa propiedade incluída no ámbito de actuación (7.997/12.292 avas partes), en virtude de escritura de compravenda autorizada perante o notario Pedro Luis García de los Huertos Vidal o día 4 de febreiro de 2020 baixo o número 253 de orde de protocolo. Desta forma, na actualidade, Cementos Tudela Veguín, S.A. converteuse en propietario único de terreos de titularidade privada no ámbito de actuación.

5. En tal condición, Cementos Tudela Veguín, S.A. formula o proxecto de equidistribución ao cal este convenio urbanístico se incorpora como anexo IV, de acordo co previsto no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante RLSG).

II. Determinacións urbanísticas do proxecto de equidistribución para os efectos do presente convenio.

1. Os parámetros urbanísticos de partida resultantes do planeamento que se executa son os seguintes:

Polígono 1

Uso pormenorizado

Superficie de solo (m2)

Sup. construíble uso lucrativo
(m2 construíbles)

Parcial

Total

Parcial

Total

Espazos libres públicos

P1-EL

7.279

7.279

--------------------

---------------------

Equipamentos públicos

P1-EQ

1.456

1.456

--------------------

---------------------

Prazas aparcadoiro

Dom. público: 66

--------------------

---------------------

Adaptadas: 2

--------------------

Industrial-terciario

P1-M1

52.095

52.095

16.615,04

16.615,04

Servizos técnicos

-----------

0

0

--------------------

---------------------

Pantalla verde

0

0

--------------------

--------------------

Viario rodado e aparcadoiros

4.327

4.327

--------------------

---------------------

Aparcadoiro vehículos pesados

0

--------------------

--------------------

Total polígono 1

65.157

16.615,04

2. Sobre esa base e para os efectos do presente convenio, o Concello de Narón é titular do 10 % do aproveitamento no ámbito de actuación, que equivale a mil seiscentos sesenta e unha con cincuenta unidades de aproveitamento (1.661,50 u.a.).

3. Incorpórase como anexo 3 deste convenio identificación gráfica do ámbito.

III. Proposta de monetización.

Dada a dificultade de establecer unha parcelación que permita materializar o aproveitamento correspondente ao Concello nunha parcela única, cumprindo coas condicións mínimas exixidas na normativa, o promotor propón, e o Concello de Narón acepta, a monetización do dito aproveitamento sinalado na epígrafe anterior.

Por isto, coincidindo a vontade de ambas as partes e amparándose no disposto nos artigos 29.b) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 43.d) e 400.2 do seu regulamento, formalizan este convenio urbanístico de xestión, de acordo coas seguintes,

ESTIPULACIÓNS:

Primeira. Obxecto

1. Este convenio urbanístico ten por obxecto substituír o aproveitamento correspondente ao Concello de Narón no polígono 1, SRAU-1 Río do Pozo (obriga legal de cesión obrigatoria, gratuíta e libre de cargas do solo correspondente ao 10 % do aproveitamento tipo da área de repartición), polo seu equivalente económico.

2. Este aproveitamento, que provén da cesión do 10 %, cuantifícase en 1.661,50 unidades de aproveitamento.

Segunda. Valoración do aproveitamento municipal

Incorpórase como anexo 2 a este convenio o Informe de valoración do aproveitamento correspondente ao Concello de Narón no polígono 1 do Plan de sectorización do ámbito 1, SRAU Río do Pozo, proveniente da cesión legal do 10 %, para efectos da súa monetización, formulado pola arquitecta superior María Meroño Pardo de Vera, do que resulta un valor de noventa e un mil cincocentos sesenta e dous euros con corenta e sete céntimos (91.562,47 €).

Terceira. Pagamento e destino da monetización

1. O promotor deberá pagar a dita cantidade con anterioridade á inscrición do proxecto de equidistribución no Rexistro da Propiedade e, en consecuencia, no prazo máximo de tres meses a partir da firmeza en vía administrativa do acordo de aprobación definitiva do dito proxecto. No dito prazo deberá presentar copia da carta de pagamento nas dependencias municipais.

2. O Concello de Narón obrígase a respectar o disposto nos artigos 132 a 134 da LSG, e 329 a 331 e seguintes do RLSG en canto ao destino e á transmisión do patrimonio público do solo.

Cuarta. Formalización do convenio

1. A validez e vinculación do presente convenio queda supeditada á súa formalización e perfeccionamento de acordo co indicado nos artigos 401 a 403 do RLSG.

2. Todos os gastos e impostos que se orixinen como consecuencia deste convenio serán aboados por cada parte segundo a lexislación vixente.

E para que así conste e en proba de conformidade, asinan este convenio as partes contratantes o presente documento.

Os anexos aludidos neste convenio atópanse incorporados ao proxecto de equidistribución aprobado pola Xunta de Goberno local o 25.5.2023 e do que este convenio forma parte, (…)».

Narón, 10 de agosto de 2023

Manuel Antonio Ramos Rodríguez
Alcalde accidental