DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2023 Páx. 65469

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia a fonte denominada Penarrubia, no lugar e na parroquia homónimos do concello de Baralla, provincia de Lugo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

O artigo 1 deste precepto legal establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 14 da LPCG regula o Censo do patrimonio cultural do seguinte xeito:

1. Os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en canto non sexan declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do patrimonio cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

2. Os bens incorporaranse ao Censo do patrimonio cultural mediante resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación.

3. A inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O censo servirá como elemento de referencia para emitir os informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.

O artigo 91 da LPCG establece que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

Con data 8.5.2023 entra no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia un escrito en que se solicita, mediante o formulario normalizado, a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do ben denominado fonte de Penarrubia, sita no lugar e parroquia homónimos, do concello de Baralla. Xúntanse coa solicitud cinco fotografías e un arquivo de texto en que se achega información sobre o ben.

O informe realizado polos servizos técnicos do Servizo de Inventario do Patrimonio Cultural propón a inclusión deste ben no Censo do patrimonio cultural de Galicia.

Polo tanto, no exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe o artigo 19.1 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do patrimonio cultural.

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do patrimonio cultural de Galicia a fonte de Penarrubia, que se localiza no lugar e na parroquia homónimos do concello de Baralla, cuxa descrición figura no anexo I.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e difundir o seu contido na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución, que no pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

María del Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

Nome: fonte de Penarrubia.

Localización:

• Lugar de Penarrubia, parroquia de Santa María de Penarrubia, concello de Baralla.

• Lindes da parcela catastral: polígono 19, parcela 116, Castro, Baralla (Lugo).

• Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS 89): X: 645281 Y: 4755984.

Descrición física: a auga que fornece a fonte de Penarrubia nace no prado da Fonte do Costureiro, aínda que a auga da fonte se aproveita directamente dun depósito localizado máis cara ao leste, ao cabo do Castro, desde onde se conduce entubada ata os tres canos da fonte.

A construción, realizada con cachotaría recebada de cemento, area e cal, estrutúrase en dous corpos diferenciados. Por unha banda, o inferior está decorado verticalmente nos seus laterais por cadansúa moldura lisa rematada no extremo inferior nun adelgazamento de liñas onduladas. Na moldura horizontal que percorre este primeiro corpo, de dobre anchura que as laterais, sitúanse simetricamente os seus tres canos.

Por outra, o segundo corpo presenta un entaboamento con dentículos que actúa como soporte do frontón circular que se enrola a ambos os lados en ménsulas curvilíneas. No pasado, este frontón estaba coroado por un acroterio vasiforme, do cal aínda se conserva a súa base. É probable que tamén existise no tímpano algún elemento decorativo debido aos vestixios que se poden observar no lugar en que estaría localizado.

Uso: a auga da fonte usouse para regar os prados e para a bebida das persoas antes da chegada das traídas das augas ás casas da súa contorna.

Cronoloxía: segundo a memoria que se conserva no lugar, a fonte foi construída a comezos da década dos anos trinta do século XX.

Estado de conservación: bo. No ano 2016 o Concello de Baralla realizou no ben unha intervención pola cal se realizou a limpeza da propia fonte e da súa contorna máis inmediata, e tamén se realizou un levantamento de paredes nas zonas frontal e laterais.