DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2023 Páx. 65568

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 14 de novembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Ferroedo, e o monte Cadaval e Couto da Pena Cabrón, no concello do Barco de Valdeorras.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Ferroedo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Santa Mariña do Monte, e mais o MVMC Cadaval e Couto da Pena Cabrón, pertencente á CMVMC de Santigoso, no concello do Barco de Valdeorras, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Santa Mariña do Monte presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2391413) de deslindamento do MVMC Ferroedo co MVMC Cadaval e Couto da Pena Cabrón pertencente a Santigoso, ambos os dous no concello do Barco de Valdeorras.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Primeira Instancia do Barco de Valdeorras.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 7 de marzo de 2023 fai constar que o perímetro obxecto de deslindamento inclúe o perímetro colindante entre estes dous MVMC.

A liña de deslindamento comeza no punto 1, na confluencia norte dos montes, nun cruzamento entre unha pista que vén de Santa Mariña e un cortalumes, e diríxese en dirección sur polo cortalumes ata o punto 2, onde empata con outro cortalumes, que o segue, primeiro en dirección oeste ata o punto 3 e, despois, en dirección suroeste ata o punto 7, sempre polo mesmo cortalumes, quedando este dentro dos límites do MVMC Ferroedo. No punto 7 conflúe o cortalumes cunha pista, continuando o deslindamento polo mesmo cortalumes ata o último punto, o 8, preto da confluencia municipal dos concellos do Barco de Valdeorras, Petín e A Veiga.

As diferenzas de superficies dos polígonos resultantes dos MVMC Ferrroedo e Cadaval e Couto de Pena Cabrón, respecto das superficies clasificadas despois do deslindamento, son inferiores ao 1 %.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do 7 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Ferroedo, pertencente á CMVMC de Santa Mariña do Monte, e mais o MVMC Cadaval e Couto da Pena Cabrón, pertencente á CMVMC de Santigoso, no concello do Barco de Valdeorras.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense