DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2023 Páx. 65571

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de novembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Biduedo e Fías, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Fiz, no concello da Veiga.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Biduedo e Fías, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Fiz, no concello da Veiga, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de San Fiz presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2363946) de revisión de esbozo do MVMC Biduedo e Fías, no concello da Veiga.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 30.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 3 de marzo de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto desta revisión parcial de esbozo inclúe o perímetro lindante con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Biduedo e Fías, unha vez revisado o esbozo, resulta de 508,496 ha fronte ás 510 ha clasificadas, o que supón unha redución mínima, inferior ao 1 % da superficie.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente a revisión do bosquexo do MVMC Biduedo e Fías.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de bosquexos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os bosquexos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do 3 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de bosquexo do MVMC Biduedo e Fías, pertencente á CMVMC de San Fiz, no concello da Veiga.

Ourense, 14 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense