DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65316

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de novembro de 2023 pola que se clasifica como mixta a Fundación Ofir Vida.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ofir Vida con domicilio no lugar da Fírveda, número 5, na Lama (Pontevedra).

Feitos:

1. O 5 de setembro de 2023, Luciano Martínez Carballal, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ofir Vida constituírona Luciano Martínez Carballal, Santiago Martínez Carballal e Ana Emma Martínez Carballal, mediante escritura pública outorgada o 11 de agosto de 2023, co número de protocolo 951, ante o notario de Pontevedra Ramón Mucientes Silva.

3. A Fundación, consonte o artigo 3 dos seus estatutos, ten como fins:

a) A atención das persoas maiores.

b) A atención de colectivos con diversidade funcional.

c) A protección e defensa do medio natural de Galicia, en concreto, na Fírveda e arredores no concello da Lama.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Luciano Martínez Carballal, como presidente; Ana Emma Martínez Carballal, como secretaria, e Santiago Martínez Carballal, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como mixta da Fundación Ofir Vida, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 23 de outubro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Ofir Vida e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes