DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65263

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de novembro de 2023 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no Rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra é unha corporación de dereito público de carácter profesional, amparada pola Constitución, pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos estatutos da Organización Médica Colexial de España, pola LOPS e pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que goza de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Ámbito territorial

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra estende a súa competencia a todo o territorio da provincia de Pontevedra, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Sede

A sede principal do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra fíxase na cidade de Pontevedra, na rúa Echegaray, 8, cunha delegación comarcal na cidade de Vigo, na rúa Ecuador, 84.

Artigo 4. Representación institucional

A representación institucional do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, que estará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados ou a calquera clase de mandatarios, logo de acordo da Permanente da Xunta Directiva.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra posuirá o emblema que tradicionalmente vén utilizando, en toda a correspondencia, selos, insignias, diplomas e demais documentos específicos da institución.

Artigo 5. Relacións coa Administración e tratamentos

Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao Consello Galego de Médicos, o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra relacionarase, en todo o que se refire aos aspectos institucionais e corporativos, coa consellería competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia e, en todo o que incumbe aos contidos da profesión, co Ministerio de Sanidade e coa consellería competente en materia de sanidade, e gozará do amparo da lei e do recoñecemento das distintas administracións públicas.

O presidente e os vicepresidentes do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra terán a condición de autoridade no ámbito corporativo e no exercicio das funcións que lles están encomendadas.

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra terá o tratamento de ilustre e o seu presidente, de ilustrísimo.

Artigo 6. Fins

Son fins fundamentais do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra:

1. A ordenación do exercicio da profesión, dentro do marco legal específico, no ámbito da súa competencia, en beneficio tanto da sociedade a que serve como dos intereses xerais que lle son propios.

2. A defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a representación exclusiva da profesión.

3. A vixilancia do exercicio da profesión, facilitando o coñecemento e o cumprimento de todo tipo de disposicións legais que lle afecten e facendo cumprir os principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión médica relacionados coa súa dignidade e prestixio.

4. Velar polo adecuado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados; para iso promoveranse os oportunos sistemas para a acreditación de méritos profesionais de acordo coa lexislación vixente e facilitarase a formación continuada.

5. A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, económico e social dos colexiados.

6. A colaboración cos poderes públicos na consecución do dereito á protección da saúde e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina.

7. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra colaborará co sistema sanitario público e privado na prestación de servizos aos cidadáns no marco da profesión médica.

8. A protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados, sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Artigo 7. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins esenciais, correspóndenlle especificamente ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra as seguintes funcións:

1. Asumir a representación e defensa da profesión médica e dos médicos da provincia ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais.

2. Examinar e denunciar as cuestións relacionadas co intrusionismo profesional e exercer as accións que as leis establezan para evitalo, sen prexuízo das actuacións de inspección e sanción a que está obrigada a Administración.

3. Levar o censo de profesionais e o rexistro de títulos, con cantos datos de toda orde se consideren necesarios para unha mellor información, e elaborar as estatísticas que se consideren convenientes para a realización de estudos, proxectos e propostas relacionadas co exercicio da medicina.

4. Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velar pola ética, deontoloxía e dignidade profesional, así como polo respecto debido aos dereitos dos particulares contratantes dos seus servizos, tanto públicos como privados.

5. Exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial para sancionar os actos dos colexiados que practiquen unha competencia desleal no ámbito profesional co resto dos colexiados, cometan infracción deontolóxica ou abusen da súa posición de profesional fronte aos pacientes.

6. Informar directamente e/ou a través do Consello Galego de Médicos de todas as normas que promulgue a Xunta de Galicia sobre as condicións xerais da práctica profesional na Comunidade Autónoma.

7. As actuacións do Colexio respectarán os límites establecidos na Lei da defensa da competencia, e non poderá elaborar baremos orientadores de honorarios.

8. Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas e colaborar con elas mediante a realización de estudos e informes.

9. Cooperar na formulación da política sanitaria e dos plans asistenciais e na súa execución, participando en cantas cuestións afecten ou se relacionen coa promoción da saúde e a asistencia sanitaria.

10. Participar nos órganos consultivos da Administración en materia sanitaria, cando esta o requira ou así o establezan as disposicións aplicables.

11. Organizar cursos de formación ou perfeccionamento para os colexiados, actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados. A recepción deste tipo de servizos polos colexiados será voluntaria, logo de solicitude expresa. Así mesmo, os prezos que se lles cobren aos colexiados non incluirán custos alleos á prestación específica de que se trate.

12. Velar pola protección e polos dereitos e intereses sanitarios dos consumidores e usuarios e polo dereito á protección da saúde dos cidadáns e o dereito á información e libre elección de asistencia polos pacientes, e para estes efectos o Colexio promoverá o servizo de atención a consumidores e colexiados na súa páxina web.

13. Colaborar coas universidades na elaboración dos plans de estudo e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos colexiados.

14. Aprobar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

15. Aprobar os seus orzamentos, así como regular e fixar as cotas dos colexiados.

16. Facilitarlles aos tribunais a relación de colexiados que pola súa preparación e experiencia profesional poidan ser requiridos para intervir como peritos en asuntos xudiciais ou propoñelos por instancia da autoridade xudicial, así como emitir informes e ditames cando sexan requiridos para iso por calquera xulgado ou tribunal, informando e velando polos intereses profesionais e/ou económicos de quen fai a peritaxe.

17. Intervir nos procedementos de arbitraxe naqueles conflitos que por motivos profesionais se susciten entre colexiados ou nos cales o Colexio sexa designado para administrar a arbitraxe, conforme a Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.

18. Subscribir todo tipo de acordos e establecer relacións de cooperación con entidades públicas e privadas, sempre que redunden no beneficio xeral da profesión.

19. Colaborar coas organizacións sen ánimo de lucro para desenvolver accións humanitarias, dentro dos fins xerais do Colexio.

20. Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que se encamiñen ao cumprimento dos obxectivos colexiais, dentro do marco da lexislación vixente.

21. O Colexio dispoñerá dunha páxina web e colaborará coas administracións públicas no necesario para que, a través do portelo único previsto nas leis sobre o libre acceso ás actividades e servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia, realizar todos os trámites necesarios para colexiarse e para darse de baixa no Colexio; obter toda a información e formularios necesarios para o acceso ao exercicio profesional; presentar toda a documentación e as solicitudes necesarias; coñecer o estado dos expedientes en que teña a condición de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite e demais resolucións, mesmo as notificacións dos expedientes disciplinarios; ser convocados ás xuntas xerais, ordinarias ou extraordinarias, así como poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio. Ao mesmo tempo, a través da referida páxina web, o Colexio ofreceralles aos consumidores e usuarios a información clara, inequívoca e gratuíta verbo das cuestións previstas no artigo 10.bis.2 da Lei galega 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais. Tamén manterá un servizo de atención aos consumidores e usuarios conforme o previsto no artigo 10.quáter da referida lei galega. De igual modo, na mencionada web publicarase a memoria anual que se debe confeccionar de acordo co disposto no artigo 10.ter da significada lei galega, e conterá toda a información colexial ao longo de todo o ano. A Xunta de Goberno colexial realizará as actuacións necesarias para implementar o previsto.

TÍTULO II

Dos órganos do Colexio

CAPÍTULO I

Órganos do Colexio

Artigo 8. Órganos do Colexio

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra son:

a) A Asemblea Xeral de colexiados.

b) A Xunta Directiva.

c) O presidente.

CAPÍTULO II

Asemblea xeral de colexiados

Artigo 9. Natureza

A Asemblea Xeral, constituída pola totalidade dos colexiados, é o órgano superior de representación do Colexio, onde se expresa a máxima vontade da Corporación. Os acordos tomados en asemblea xeral serán vinculantes para todos os colexiados. Funcións da Asemblea Xeral:

1. A aprobación e modificación dos estatutos deste colexio e dos regulamentos de réxime interior para o seu desenvolvemento, e a elección, cando corresponda, da Xunta Directiva e do seu presidente, así como a súa remoción por medio da moción de censura.

2. A aprobación do balance de cada exercicio cumprido.

3. A aprobación das cotas colexiais de incorporación e das cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os colexiados, así como as reducións e bonificacións que se poidan establecer.

4. A aprobación ou censura da xestión da Xunta Directiva ou de calquera dos seus membros.

5. A aprobación dos acordos da Xunta Directiva sobre a adquisición, alleamento, gravame e demais actos xurídicos de disposición sobre bens inmobles da Corporación.

6. Aqueles asuntos que lle someta o Pleno da Xunta Directiva que, ao seu criterio, merezan esta atención en razón da súa específica transcendencia colexial, sempre que non sexa da exclusiva competencia da Xunta Directiva.

7. Todas as funcións derivadas das competencias atribuídas pola lexislación vixente estatal e autonómica, e por estes estatutos.

Artigo 10. Convocatoria

1. A Asemblea Xeral convocarase preceptivamente, con carácter ordinario, unha vez ao ano, no primeiro trimestre, para aprobar o balance e a liquidación de contas orzamentarias do exercicio anterior. Con carácter extraordinario, por iniciativa do presidente cando as circunstancias o aconsellen ou así o solicite o quince por cento dos colexiados, caso en que se aceptará a orde do día que obrigatoriamente deberá acompañar a solicitude e terá lugar nun prazo non superior a corenta días hábiles desde a presentación da solicitude.

2. Cando a convocatoria extraordinaria teña por obxecto unha moción de censura do presidente, da Xunta Directiva ou dalgún dos seus membros, a petición deberá ser subscrita, polo menos, polo vinte e cinco por cento dos colexiados e expresará con claridade os motivos en que se funda, e non poderán ser tratados outros asuntos que os expresados na convocatoria. A súa aprobación farase conforme o establecido no artigo 13 destes estatutos.

3. A convocatoria faraa a Secretaría co visto e prace do Presidente, logo de mandato do Pleno da Xunta Directiva, e levarase a efecto por medio de comunicación vía correo electrónico dirixida a cada colexiado, e publicación no taboleiro de anuncios e na páxina web da institución, na cal se expresen o lugar, o día e a hora en que deberá ter lugar, en primeira e segunda convocatoria, así como a orde do día.

4. A convocatoria farase, polo menos, con quince días naturais de antelación ao da data prevista para a asemblea.

Artigo 11. Orde do día e actas

1. A orde do día da asemblea será fixada polo Pleno da Xunta Directiva e achegarase á convocatoria.

2. Das reunións levantará a acta o secretario, na cal se incluirán os asuntos tratados e os acordos adoptados. A acta será subscrita polo presidente e o secretario do Colexio, despois da súa aprobación pola Asemblea Xeral inmediata posterior.

3. Se na orde do día se consigna o punto de rogos e preguntas, estes serán o máis concretos que sexa posible, sen que os asuntos que os motivan poidan ser obxecto de discusión nin de votación.

Artigo 12. Constitución e acordos

1. Para a válida constitución da Asemblea Xeral, sexa ordinaria ou extraordinaria, será necesaria, en primeira convocatoria, a presenza da metade máis un dos colexiados con dereito a voto. Se non se acada o dito quórum, quedará validamente constituída en segunda convocatoria, polo menos media hora máis tarde, calquera que sexa o número de colexiados presentes. En ambos os dous casos deberán asistir o presidente e o secretario do Colexio ou as persoas que deban substituílos en caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

2. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple de votos emitidos polos colexiados asistentes, salvo nos supostos de aprobación e modificación de estatutos e de alleamento ou constitución de gravames sobre bens inmobles, casos en que se exixirá un quórum de asistencia da metade máis un dos colexiados con dereito a voto. Se non se reúne este quórum, terá lugar unha nova asemblea xeral, dentro das 24 horas seguintes á primeira convocatoria, que poderá adoptar acordos por maioría simple e sen quórum especial de asistencia.

3. Non se admitirá o voto delegado.

Artigo 13. Acordos especiais

Na convocatoria da asemblea xeral anunciaranse a hora e a data da segunda, no suposto de que non se reúna o quórum exixido na primeira.

Se a asemblea extraordinaria ten por obxecto a moción de censura, requirirá un quórum de asistencia, como mínimo, da metade máis un dos colexiados con dereito a voto. Para ser aprobada exixirase o voto favorable da metade máis un dos presentes unha vez validamente constituída. Aprobada a moción, os sometidos a ela cesarán no seu cargo e deberán convocarse eleccións para a súa renovación. Os sometidos á moción manteranse en funcións ata que finalice o proceso de renovación e tomen posesión os que resulten elixidos.

CAPÍTULO III

Xunta Directiva

Artigo 14. Composición

A Xunta Directiva estará constituída polo Pleno e a Comisión Permanente.

Artigo 15. Composición do Pleno

O Pleno da Xunta Directiva estará integrado:

a) Polo presidente.

b) Polos vicepresidentes (entre 2 e 4).

c) Polo secretario.

d) Polo vicesecretario.

e) Polo tesoureiro-contador.

f) Polos vogais representantes das seccións colexiais ou áreas de traballo (entre 5 e 10).

Artigo 16. Funcións

Son competencias do Pleno da Xunta Directiva:

a) A convocatoria de eleccións para cubrir os cargos da Xunta Directiva e o nomeamento do presidente da Mesa Electoral.

b) A convocatoria da Asemblea Xeral e a confección da correspondente orde do día.

c) A potestade de outorgar poderes xerais para preitos a procuradores ou letrados por parte do presidente.

d) O nomeamento dos membros da Comisión Deontolóxica.

e) Outorgar distincións e premios.

f) A aprobación do anteproxecto de orzamentos de ingresos e gastos.

g) A aprobación e proposta á Asemblea Xeral do proxecto da conta xeral de tesouraría e a liquidación das contas.

h) Exercer a potestade sancionadora nos casos de faltas graves e moi graves.

i) Autorizar a cancelación polas sancións por faltas graves e moi graves.

j) Acordar, cando se dean os requisitos establecidos nestes estatutos, a creación ou supresión de seccións colexiais.

k) Acordar a creación de comisións e grupos de traballo que considere convenientes para o mellor funcionamento do Colexio e un máis adecuado servizo dos intereses colexiais para fins específicos.

l) A regulación dos gastos de representación e compensación que ocasione o exercicio dos cargos colexiais.

m) A organización do servizo pertinente para a emisión de informes ou ditames médicos.

n) Autorizar a subscrición de convenios ou outro tipo de acordos sempre que redunden en beneficio da profesión.

ñ) Autorizar os gastos extraordinarios superiores a 9.000 euros.

o) Designar os colexiados de honra.

Artigo 17. Reunións e acordos

1. O Pleno da Xunta Directiva reunirase ordinariamente polo menos unha vez ao mes, excepto en período de vacacións, e extraordinariamente cando o soliciten, polo menos, un terzo dos seus membros ou as circunstancias o aconsellen ao xuízo da Comisión Permanente ou do presidente. As convocatorias faraas a Secretaría, despois do mandato da Presidencia, que fixará a orde do día, con oito días naturais de antelación polo menos. Indicaranse o día e a hora en primeira convocatoria e, media hora máis tarde, en segunda convocatoria, o lugar da realización e a orde do día.

O presidente está facultado para convocar o Pleno en calquera momento con carácter de urxencia cando, ao seu criterio, as circunstancias así o exixan, ben por escrito, correo electrónico, oralmente, fax ou por teléfono, sempre que quede constancia da súa realización.

2. Para que se poidan adoptar validamente acordos en primeira convocatoria, será requisito indispensable que concorran a maioría dos membros que integran o Pleno da Xunta. En segunda convocatoria serán válidos os acordos adoptados pola maioría simple, calquera que sexa o número de asistentes. Deberán asistir, en todo caso, o presidente e o secretario do Colexio ou as persoas que deban substituílos en caso de vacante, ausencia ou enfermidade. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Será obrigatoria a asistencia dos membros ao pleno, salvo causa xustificada.

Artigo 18. Composición da Comisión Permanente

A Comisión Permanente da Xunta Directiva estará integrada:

a) Polo presidente.

b) Polos vicepresidentes.

c) Polo secretario.

d) Polo vicesecretario.

e) Polo tesoureiro-contador.

Artigo 19. Competencias da Comisión Permanente

Son competencias da Comisión Permanente:

a) A autorización para outorgar poderes xerais ou especiais por parte do presidente a procuradores, letrados ou mandatarios.

b) A resolución das peticións de altas e baixas de colexiación. Habilitarase nesta función a Secretaría de non existiren incidencias, a cal periodicamente dará conta á Comisión Permanente.

c) Exercer a potestade sancionadora nos casos de faltas leves.

d) Autorizar a cancelación de sancións por faltas leves.

e) Mediar en litixios profesionais entre colexiados/as.

f) A autorización de gastos extraordinarios ata 9.000 euros.

g) A designación de colexiados honoríficos.

h) Aqueles asuntos que resolva por delegación do Pleno da Xunta de Goberno e os demais previstos nestes estatutos.

i) Todas aqueloutras competencias que non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral ou ao Pleno da Xunta de Goberno.

Artigo 20. Convocatoria e constitución da Comisión Permanente

1. A Comisión Permanente reunirase por citación do presidente, que fixará a orde do día, cando os asuntos así o requiran ou o soliciten por escrito, polo menos, catro dos seus membros.

2. A convocatoria da Comisión Permanente cursarase, polo menos, con corenta e oito horas de antelación coas mesmas formalidades e requisitos que o Pleno, e o presidente quedará facultado para convocar de urxencia en calquera momento.

3. A asistencia ás reunións da Comisión Permanente é obrigatoria, salvo causa xustificada.

TÍTULO III

Réxime electoral

Artigo 21. Proceso electivo

Todos os cargos da Xunta Directiva serán elixidos polos colexiados do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra con dereito a voto, en elección libre, directa e secreta.

Artigo 22. Duración do mandato e toma de posesión

1. A duración dos cargos da Xunta Directiva será de catro anos e poderán ser reelixidos, aínda que non se poderá superar un máximo de dous mandatos consecutivos para o mesmo cargo, salvo solicitude expresa e xustificada do aspirante a candidato que, despois de aprobación pola Asemblea Xeral de Colexiados, poderá acceder a un terceiro e último mandato.

2. Os candidatos electos tomarán posesión dos seus cargos no prazo máximo de trinta días naturais contados desde a realización das eleccións.

Artigo 23. Requisitos de elixibilidade

Para ser elixible requírese estar colexiado no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, ao día no pagamento das cotas, acreditar o exercicio da profesión, salvo as excepcións previstas nestes estatutos, e non estar condenado por sentenza firme que comporte suspensión para o exercicio de cargo público, nin estar sancionado disciplinariamente en calquera colexio de médicos mentres non sexa rehabilitado.

Artigo 24. Convocatoria

1. A convocatoria de eleccións á Xunta Directiva será realizada por acordo do Pleno da Xunta, como mínimo, un mes antes de finalizar o seu mandato.

2. A convocatoria será anunciada dentro dos cinco días naturais seguintes ao da adopción do acordo correspondente, mediante correo electrónico a todos os colexiados. Ademais, inserirase nos taboleiros de anuncios das sedes colexiais de Pontevedra e Vigo e na páxina web do Colexio.

3. No anuncio das eleccións deberán constar os cargos a que estas se refiren, o calendario electoral, o día e o lugar da súa realización, e o horario de apertura e peche das urnas.

Artigo 25. Constitución e funcións da Xunta Electoral

1. A Xunta Electoral será a encargada de controlar e executar todo o proceso electoral segundo as normas estatutarias e estará formada por un presidente, un secretario e tres vogais.

2. Presidirá a Xunta Electoral o presidente da Comisión de Deontoloxía do Colexio; en caso de ausencia, vacante ou enfermidade nomearase o membro de maior idade da dita comisión.

3. Como secretario nomearase o empregado de maior rango entre o persoal administrativo do Colexio; en caso de ausencia, vacante ou enfermidade nomearase o seguinte na escala, que terá voz pero non voto.

4. Os tres vogais da Xunta Electoral e os seus respectivos suplentes elixiranse por sorteo entre os colexiados con dereito a voto de cada un dos terzos colexiais. O sorteo para a designación dos vogais terá lugar na propia sesión en que se convoquen as eleccións.

5. Ningún dos membros da Xunta Electoral poderá ser candidato ás eleccións da Xunta Directiva.

6. A Xunta Electoral constituirase nun prazo máximo de cinco días naturais seguintes ao do seu nomeamento e velará polo mantemento dos principios democráticos, o decoro e o cumprimento das normas electorais.

7. O mandato da Xunta Electoral conclúe cando toma posesión a nova Xunta Directiva, como máximo aos trinta días das eleccións.

8. Nos supostos de renuncia ou cesamento dos compoñentes da Xunta Electoral, procederase á súa substitución polo mesmo procedemento previsto para a súa designación.

9. As sesións da Xunta Electoral son convocadas polo seu presidente. O vogal de maior idade substitúe o presidente no exercicio da dita competencia cando este non poida actuar por causa xustificada.

10. Para que os acordos das reunións da Xunta Electoral sexan válidos, é indispensable que concorran, polo menos, tres dos seus membros con dereito a voto, incluído o presidente. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes, e será de calidade o voto do presidente.

11. Serán funcións da Xunta Electoral as seguintes:

a) Dirixir e supervisar o proceso electoral para que se desenvolva segundo as normas electorais estatutarias e o Código de Deontoloxía Médica, sobre todo en canto afecte o respecto persoal entre os candidatos.

b) Proclamar as candidaturas presentadas e rexeitar aquelas candidaturas ou candidatos que non reúnan os requisitos exixibles polas normas vixentes.

c) Aprobar os modelos normalizados de papeletas de voto e sobres segundo as normas destes estatutos.

d) Velar polo correcto funcionamento do sistema de voto por correo; a este respecto, poderá ditar instrucións para facilitarlle o voto a quen desexe exercelo por esta vía coas debidas garantías.

e) Corrixir e resolver, con carácter inmediato, calquera queixa, infracción ou defecto de funcionamento que se poida producir durante a campaña electoral.

f) Vixiar o correcto funcionamento das mesas electorais e o desenvolvemento da votación e o escrutinio dos votos emitidos directamente ou por correo.

g) Proclamar os resultados electorais producidos.

h) Será función da Xunta Electoral designar por sorteo a composición das mesas electorais.

i) A Xunta Electoral poderá facilitar, logo de solicitude, os censos do/dos grupo/s a que refira/n a/s elección/s á candidatura ou candidatos participantes nela/s.

Artigo 26. Presentación e aprobación de candidaturas

1. As candidaturas aos cargos da Xunta Directiva do Colexio poderán presentarse á Xunta Electoral en listas pechadas ou abertas, dentro dos quince días naturais seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria. Deberán incluír relación nominal de candidatos e de cargos elixibles, debidamente asinada por todos os compoñentes da candidatura ou candidatos, que farán constar o seu número de colexiado e o DNI.

2. O día hábil seguinte ao da expiración do prazo de presentación de candidaturas reunirase a Xunta Electoral e proclamará a relación dos candidatos que reúnan as condicións de elixibilidade, de non existir causa de inelixibilidade nalgún deles.

Dentro dos cinco días naturais seguintes ao da expiración do prazo para presentar candidaturas, a Xunta Electoral comunicaralle a quen ocupe a cabeza da candidatura, de existir, as causas de non elixibilidade apreciadas respecto de todos ou dalgúns dos integrantes da lista. O prazo para a reparación destas anomalías é de dous días hábiles. Finalizado o dito período, proclamarase a relación final de candidatos admitidos ás eleccións, dentro dos dous días hábiles seguintes.

3. Contra o acordo da Xunta Electoral de excluír da lista os candidatos incursos en causa de non elixibilidade, os candidatos excluídos e os representantes das súas candidaturas poden interpoñer recurso de alzada, ante o Consello Galego de Médicos, nos termos previstos nestes estatutos. A interposición do recurso non suspende a execución do acto impugnado nin a continuación do proceso electoral.

4. Ao mesmo tempo que se publica a convocatoria de eleccións expoñeranse, nos taboleiros de anuncios do Colexio, os censos electorais e concederase un prazo de dez días naturais para formular reclamacións contra eles, que serán resoltas pola Xunta Electoral, dentro dos sete días naturais seguintes ao da expiración do prazo para formulalas, resolución que se lle notificará a cada reclamante.

5. As eleccións terán lugar a partir dos trinta (30) días naturais desde a proclamación definitiva de candidaturas.

6. No caso de que se presente unha única candidatura, a Xunta Electoral, logo de comprobación de que os candidatos reúnen as condicións de elixibilidade recollidas nestes estatutos, proclamará os mesmos electos, sen que proceda votación ningunha, segundo o estipulado no artigo 30 destes estatutos.

Artigo 27. Campaña electoral

1. Desenvolverase desde o día seguinte ao da proclamación das candidaturas ata un día natural antes da realización da votación para as eleccións; o día anterior ao da votación será xornada de reflexión e estará prohibida toda actividade electoral.

2. Queda prohibida toda actividade electoral que implique descrédito ou falta de respecto persoal aos demais candidatos ou estea en desacordo cos principios contidos no Código de Deontoloxía Médica. O quebrantamento desta prohibición comportará a exclusión como candidato, por acordo da Xunta Electoral, logo de informe, non vinculante, da Comisión de Deontoloxía.

3. A Xunta Electoral poderá autorizarlles ás distintas candidaturas, logo de solicitude e de conformidade coa dispoñibilidade, o uso das instalacións colexiais para actos electorais.

Artigo 28. Elección

1. Todo o territorio en que se estende a xurisdición do Colexio formará un só distrito electoral, e constituiranse a/as mesa/s electorais nos locais do propio Colexio, nas sedes de Pontevedra e na delegación comarcal de Vigo.

2. As mesas electorais estarán constituídas, no día e na hora que fixe a convocatoria, por un presidente e tres colexiados e os seus respectivos suplentes, non candidatos, que deberán pertencer a cada un dos terzos de colexiados.

a) O/os presidente/s da/das mesas serán designado/s polo Pleno da Xunta Directiva e os vogais serán designados pola Xunta Electoral mediante sorteo, e será obrigatoria a aceptación por parte dos colexiados aos cales lles corresponda. Toda candidatura, logo de solicitude á Xunta Electoral que, de ser o caso, expedirá a oportuna credencial, poderá nomear un interventor en cada mesa electoral. Os interventores das candidaturas, ademais de estar colexiados, deberán reunir os requisitos do artigo 23 destes estatutos.

b) Se, chegada a hora de constitución das mesas electorais, non se pode levar a efecto por non acadaren os seus membros o número necesario para isto, a Xunta Electoral proverá a constitución ao seu libre criterio, coa facultade de modificar a súa composición ao longo da xornada de votación, se for necesario, respectando, se é posible, os requisitos exixidos aos membros das mesas electorais no punto 2.

3. En cada sede electoral haberá, á disposición dos colexiados que queiran emitir o seu voto persoalmente, un número suficiente de papeletas de cada unha das candidaturas que se presenten e de sobres especiais de votación.

4. As papeletas de voto que editen as candidaturas deberán ser brancas e do mesmo tamaño (10,5×15 cm), e levar impresos, por unha soa cara e correlativamente, os cargos que se van elixir.

5. Serán nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren nas candidaturas aprobadas, así como as papeletas que non se axusten ao modelo descrito no punto 4 ou que conteñan frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato proclamado.

6. Finalizado o período de votación, procederase seguidamente ao escrutinio dos votos obtidos por cada candidatura en cada unha das mesas electorais. Do desenvolvemento da votación e resultados desta levantarase a acta, asinada por todos os compoñentes da/das mesa/s electorais, que se transmitirá á Xunta Electoral.

7. Sumados os resultados de todas as mesas electorais e levantada a oportuna acta, o presidente da Xunta Electoral proclamará os resultados, e o Colexio expedirá os correspondentes nomeamentos dos integrantes da lista que obtivesen a maioría dos votos. A toma de posesión efectuarase o día que para tal fin sinale o Pleno da Xunta dentro do prazo establecido nos estatutos.

Artigo 29. Instrucións do voto

1. O dereito de sufraxio exércese persoalmente, sen prexuízo das disposicións sobre o voto por correo. O voto é secreto e ninguén pode ser obrigado ou coaccionado baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio nin a revelar o seu voto.

O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo certificado, mediante papeletas separadas para cada un dos cargos que se voten, ou nunha soa se forman candidatura unida, contida/s nun/s sobre especiais de voto, debidamente pechados, confeccionados polo Colexio, e no seu exterior figurará a seguinte inscrición:

«Contén papeleta para a elección da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra do/dos seguinte/s cargo/s ...».

2. Os colexiados que prevexan que na data da votación non se encontrarán na localidade onde se proceda á votación ou que, por calquera outra circunstancia, non se poidan presentar, poderán emitir o seu voto por correo solicitándoo mediante comparecencia persoal na sede social do Colexio ou nalgunha das súas delegacións comarcais, no horario de oficina establecido, a partir da data de aprobación das candidaturas ata o décimo quinto día anterior ao da votación, acreditando a súa identidade mediante exhibición do carné colexial ou do DNI.

Aqueles colexiados que, por imposibilidade física, debidamente acreditada ao xuízo da Xunta Electoral, non poidan comparecer persoalmente (para solicitar o voto por correo) poderán outorgar poderes notariais a unha terceira persoa con carácter individual para o dito trámite.

3. Procedemento do voto por correo.

No caso de que os colexiados decidan emitir o voto por correo solicitarán, persoalmente, nas oficinas do Colexio (segundo se recolle no punto 2) os sobres especiais de voto (descritos no punto 1), e un segundo sobre especial de identificación, tamén editado exclusivamente polo Colexio, así como as papeletas dos distintos grupos a que se deba referir a elección.

Unha vez introducidas as papeletas nos sobres especiais de voto (referidos no punto 1) e debidamente pechados, estes introduciranse nun segundo sobre especial de identificación, confeccionado polo Colexio, en cuxo anverso rezará a inscrición:

«Eleccións aos cargos directivos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra que se citan: ...».

E no seu reverso:

«Votante: apelidos e nome. Nº colexiado. Sinatura:».

Debidamente pechados estes sobres especiais de identificación, editados e facilitados polo Colexio, remitiranse, por correo certificado e con antelación suficiente, ao secretario da Xunta Electoral, dentro dun terceiro sobre no cal figurará de forma destacada a palabra eleccións. Logo de aberto o sobre exterior e despois do recoñecemento da sinatura do votante pola Xunta Electoral, esta custodiará sen abrir os sobres especiais de identificación que conteñen os especiais do voto ata o momento da elección, momento en que llos pasará á Mesa Electoral. Daquela, o presidente da Mesa procederá á súa apertura e a depositalos nas urnas correspondentes, despois de comprobar que o votante figura nos censos a que votou.

Non se admitirán os sobres chegados ao Colexio con posterioridade aos cinco (5) días hábiles previos á data da elección, e serán destruídos sen abrir os que se reciban con posterioridade.

4. O voto persoal anula o voto por correo.

5. A Xunta Electoral reunirase nunha ou varias ocasións para a apertura dos sobres exteriores. Procederá en primeiro lugar á comprobación dos datos do elector e da sinatura que constan na parte exterior do sobre especial de identificación, editado polo Colexio, o cal contén o sobre especial de voto pechado coas papeletas, cotexando os datos de identificación cos contidos no expediente persoal do colexiado. Os sobres serán agrupados por mesas electorais (Pontevedra e Vigo), e levantará a acta e a listaxe dos sobres recibidos e os seus votantes, tanto dos validados como dos que conteñan incidencias, e custodiaraos baixo o seu poder ata o día da votación, momento en que trasladará todo iso ás mesas electorais unha vez constituídas.

6. Serán nulos todos os votos emitidos por correo que non utilicen os sobres especiais de voto e especiais de identificación, editados exclusivamente polo Colexio Médico provincial. Ningún dos candidatos ou candidaturas poderá reproducilos.

Artigo 30. Condicións particulares electorais

1. Non será necesaria a realización das eleccións cando se proclame unha única lista de candidatos.

2. Neste caso, a Xunta Electoral levantará a acta, asinada por todos os seus compoñentes, na cal se expresará a citada circunstancia e a non necesidade de realizar eleccións, e transmitiralla á Xunta Directiva do Colexio.

3. Despois da notificación da acta á Xunta Directiva, expedirá o Colexio os correspondentes nomeamentos, cuxa toma de posesión será verificada o día que, para tal fin, sinale o Pleno da Xunta dentro do prazo establecido nos estatutos.

Artigo 31. Deber de comunicación

1. Da convocatoria de eleccións darase conta ao Consello Galego de Médicos no prazo máximo de quince días.

2. A composición da Xunta Directiva que resulte das eleccións seralles notificada á consellería competente en materia de colexios profesionais, á consellería competente en materia de sanidade, ao Consello Galego de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos.

Artigo 32. Cesamento e vacantes

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra cesarán polas seguintes causas:

a) Incumprimento sobrevido dos requisitos estatutarios para desenvolver o cargo.

b) Expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos ou designados.

c) Renuncia do interesado.

d) Ausencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas da Xunta de Goberno dentro do mesmo ano.

e) Aprobación de moción de censura pola Asemblea Xeral.

2. De se producir a vacante dun cargo da Xunta Directiva polas causas previstas no punto anterior e antes da expiración do período normal de mandato, a Xunta designará o substituto no prazo máximo dun mes, que deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral ou, de ser o caso, pola Asemblea da sección colexial correspondente. O substituto ocupará o cargo durante o tempo que reste ata a finalización do mandato que lle corresponda á persoa substituída. Se a vacante afecta o cargo de presidente ou secretario, serán substituídos, respectivamente e logo de ratificación da Asemblea Xeral, polo vicepresidente que corresponda ou vicesecretario.

En caso de non obter a ratificación por parte da Asemblea, a Xunta Directiva propoñerá un novo substituto.

Cando as vacantes que se produzan afecten a metade máis un dos membros da Xunta Directiva, o Consello Galego de Médicos designará unha Xunta Provisional que convocará eleccións no prazo de trinta (30) días.

3. Conforme o establecido na Lei galega de colexios profesionais, deberá efectuarse auditoría da contabilidade do Colexio cando se proceda á renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos directivos colexiais. Para tal efecto, a Xunta Directiva contratará un auditor titulado con oficina aberta na provincia de Pontevedra. O seu ditame completo estará á disposición dos colexiados quince días antes da Asemblea Xeral en que deban tomar posesión os novos directivos.

TÍTULO IV

Dos cargos da Xunta Directiva

Artigo 33. Presidente

1. O presidente terá a representación institucional do Colexio ante toda clase de autoridades e organismos, e velará dentro da provincia polo cumprimento das prescricións regulamentarias e dos acordos e disposicións que diten os órganos de goberno.

2. Ademais, correspóndenlle no ámbito provincial as seguintes funcións:

a) Presidir as reunións da Xunta Directiva, as asembleas xerais e as comisións a que asista, sen prexuízo, neste último caso, de que delegue noutro membro da Xunta Directiva.

b) Convocar as sesións do Pleno da Xunta Directiva e da Comisión Permanente, así como as comisións a que asista.

c) Nomear todas as comisións colexiais, por proposta da Xunta Directiva, e presidilas se o considera conveniente.

d) Abrir, dirixir e levantar as sesións.

e) Asinar as actas que correspondan, unha vez aprobadas.

f) Autorizar a apertura de contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades, xunto co tesoureiro.

g) Visar as certificacións que expida o secretario do Colexio.

h) Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e libros de contabilidade xunto co tesoureiro.

i) Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do Colexio.

j) Autorizar os informes e as comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións e particulares.

k) Xestionar canto conveña ao interese do Colexio.

l) En caso de xulgalo necesario, o presidente poderá designar un asesor persoal en materia colexial, logo de autorización da Xunta Directiva. O dito asesor deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 23 destes estatutos.

Artigo 34. Vicepresidentes

Os vicepresidentes levarán a cabo todas aquelas funcións que lles encomende o presidente, a quen substituirán, por orde de nomeamento, en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación sen necesidade de xustificación ante terceiros. Vacante, a Presidencia, observarase o disposto no artigo 32.2.

Artigo 35. Secretario

Independentemente das outras funcións que derivan destes estatutos, das disposicións vixentes e das ordes emanadas da Presidencia, correspóndenlle ao secretario as seguintes funcións:

a) Redactar e dirixir, segundo as ordes que reciba do presidente ou da Xunta Directiva e coa anticipación debida, os oficios de citación para todos os actos do Colexio.

b) Redactar as actas das asembleas xerais, plenos da Xunta Directiva e reunións da Comisión Permanente.

c) Levar os libros de rexistro que sexan necesarios para o mellor e máis ordenado servizo; deberá existir obrigatoriamente un no cal se anoten as sancións que se lles impoñan aos colexiados.

d) Recibir e informar o presidente de todas as comunicacións e solicitudes que se remitan ao Colexio.

e) Asinar co presidente o documento acreditativo de que o médico está inscrito no Colexio.

f) Expedir co visto e prace do presidente as certificacións que soliciten os colexiados.

g) Redactar anualmente a memoria que recolla as actividades do ano, que se deberá ler na asemblea xeral ordinaria.

h) Asumir a dirección dos servizos administrativos, do arquivo e a xefatura do persoal do Colexio conforme as disposicións destes estatutos. O cargo de secretario será retribuído coa asignación económica que acorde a Xunta Directiva e será consignado no orzamento colexial.

Artigo 36. Vicesecretario

O vicesecretario, conforme acorde a Xunta de Goberno, auxiliará no seu traballo o secretario e asumirá as súas funcións en caso de ausencia, enfermidade, abstención, ou recusación. Vacante a Secretaría, observarase o disposto no artigo 32.2.

Artigo 37. Tesoureiro

Correspóndenlle ao tesoureiro as seguintes funcións:

a) Velar pola recadación e custodiar os fondos do Colexio.

b) Dispoñer o necesario para que a contabilidade do Colexio se leve polo sistema e conforme as normas fixadas.

c) Pagar os libramentos que serán autorizados coa sinatura do presidente, así como autorizar os cheques e talóns das contas correntes bancarias.

d) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente co presidente.

e) Presentar a conta xeral anual de Tesouraría, que requirirá a aprobación do Pleno da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.

f) Redactar anualmente o anteproxecto de orzamentos.

g) Subscribir o balance que da contabilidade se deduza, efectuando os arqueos que correspondan dunha maneira regular e recíproca.

h) Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

i) Levar inventario minucioso dos bens do Colexio, do cal será administrador.

Artigo 38. Vogais ou representantes das seccións colexiais

As vogalías ou seccións colexiais agrupan os colexiados que coa mesma modalidade e/ou forma de exercicio profesional participan duns obxectivos comúns.

a) A creación, supresión e/ou modificación das vogalías ou seccións colexiais requirirá o acordo do Pleno da Xunta Directiva. Para constituír unha sección colexial será necesario que o solicite un número non inferior a cincuenta colexiados e que se cree unha comisión xestora que elaborará un regulamento provisional de funcionamento e unha listaxe de membros.

b) As vogalías ou seccións elaborarán anualmente unha memoria de actividades.

c) Os representantes das vogalías ou seccións colexiais formarán parte necesariamente de cantas comisións negociadoras constituídas pola Xunta Directiva se poidan establecer para tratar problemas específicos da sección. Así mesmo, o representante da vogalía ou sección será convocado, con voz pero sen voto, ás reunións da Comisión Permanente, cando se traten asuntos directamente relacionados coas súas funcións específicas.

d) Para pertencer a unha vogalía ou sección colexial é necesario estar colexiado e reunir as condicións que se establezan para ser incluído no seu censo.

Os vogais desenvolverán as funcións que lles sexan específicas en relación coa súa vogalía ou sección colexial, así como todas aqueloutras funcións que lles encomende o Pleno da Xunta Directiva.

Artigo 39. Relación de vogalías

Sen prexuízo de que a Xunta Directiva poida crear outras, constituiranse nun principio as seguintes:

– Vogalía ou sección colexial de Médicos de Atención Primaria Urbana.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos de Atención Primaria Rural.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos de Atención Especializada.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos de Exercicio Privado.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos Novos e/ou en Formación.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos Xubilados.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos con Emprego Precario ou en Promoción de Emprego.

– Vogalía ou sección colexial de Médicos ao Servizo da Administración.

Artigo 40. Compensacións económicas

Os membros da Xunta Directiva percibirán as axudas de custos e os gastos de representación aprobadas polo Pleno; estas axudas de custos e gastos serán establecidos dentro dos límites que para cada anualidade fixen os orzamentos da entidade.

Artigo 41. Réxime de garantías dos cargos colexiais

O cumprimento das obrigacións correspondentes aos cargos electivos, para efectos corporativos e profesionais, terá a consideración e o carácter de cumprimento de deber colexial, dada a natureza de corporación de dereito público do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, recoñecida pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e amparada polo resto do ordenamento xurídico.

Artigo 42. Facultades

O nomeamento para un cargo colexial electivo faculta o seu titular para exercelo libremente durante o seu mandato e comprende as seguintes facultades:

a) Expresar con total liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación colexial.

b) Promover as accións que procedan para a defensa dos dereitos e intereses confiados ao seu cargo.

c) Reunirse cos restantes membros dos órganos colexiados, conforme as normas estatutarias, para deliberar, acordar e xestionar sobre temas de actividade colexial.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o exercicio libre da súa función.

e) Obter dos órganos colexiais competentes a información, o asesoramento e a cooperación necesarios nas tarefas do seu cargo.

f) Dispoñer das facilidades precisas para interromper a súa actividade profesional cando as exixencias da súa representación colexial así o impoñan.

g) Non ser obxecto de sanción administrativa ou persecución como consecuencia do desenvolvemento das súas funcións colexiais.

Artigo 43. Asistencia a reunións

1. A asistencia dos cargos electos ás reunións regulamentariamente convocadas dos órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, do Consello Galego de Médicos ou da Organización Médica Colexial terá os efectos sinalados, en cada caso, polas disposicións vixentes.

2. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra instará as autoridades autonómicas competentes para que lles faciliten, aos membros da Xunta Directiva e de calquera órgano colexial, a asistencia aos actos e reunións, sen que se recargue por isto o traballo noutros compañeiros.

TÍTULO V

Da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica

Artigo 44. Composición e funcións

1. No Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra existirá con carácter obrigatorio unha Comisión de Ética e Deontoloxía Médica formada por un presidente e catro vogais, en que un deles actuará de secretario. O nomeamento dos seus membros efectuarao o Pleno da Xunta Directiva. O nomeamento terá unha vixencia de catro anos, que se iniciárá coa constitución de cada xunta directiva e finalizará ao expirar o mandato desta.

2. É función da Comisión asesorar a Xunta Directiva en todas as cuestións e asuntos relacionados coas materias da súa competencia.

3. Será, con todo, preceptivo un informe nos seguintes supostos:

a) En todas as cuestións en que, por afectar a deontoloxía médica, se deban aplicar os principios contidos no Código deontolóxico, que será accesible por vía telemática na web do Colexio.

b) Previamente á imposición de calquera tipo de sanción a un colexiado.

4. De cada sesión, cuxa convocatoria corresponderá ao presidente, redactarase a acta, que será asinada por el e o secretario, e remitirase unha copia á Xunta Directiva.

TÍTULO VI

Da colexiación

Artigo 45. Obrigatoriedade da colexiación

1. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión médica en calquera das súas modalidades, dentro dos límites da provincia de Pontevedra, con carácter de dedicación principal, darse de alta no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

2. Para tal efecto, considérase como exercicio da profesión médica a prestación de servizos médicos nas súas distintas modalidades, mesmo cando non se practique o exercicio privado ou se careza de instalacións propias.

3. Se o profesional presta os seus servizos en calquera das administracións públicas, será igualmente obrigatorio que estea colexiado. Esta obriga deriva do exercicio profesional mesmo, con independencia da entidade empregadora. O decisivo é o exercicio dunha actividade que obrigue, polo dito exercicio, á adscrición colexial.

4. O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo previsto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, e polas demais normas que a substitúan, modifiquen ou complementen, calquera que sexa o seu rango. O Colexio manterá un rexistro especial de sociedades profesionais.

Artigo 46. Tramitación da colexiación

1. Para ser admitido no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, o interesado deberá solicitalo por escrito e achegarase á solicitude o correspondente título profesional orixinal ou testemuño notarial del e cantos outros documentos ou requisitos considere necesarios o Colexio.

2. Para figurar inscrito como médico especialista, é obrigatoria a presentación do correspondente título de médico especialista.

3. Para os cidadáns estranxeiros, será preceptiva a homologación/validación previa do título polo Ministerio de Educación e Ciencia e atenderase ao que determinen as disposicións vixentes.

4. Quen pretenda incorporarse ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, de pertencer con anterioridade a outro colexio, deberá presentar, ademais, certificado de baixa expedido polo colexio de orixe, no cal se exprese se está ao día no pagamento das cotas colexiais e que non está inhabilitado temporal ou definitivamente para o exercicio da profesión.

5. A Permanente da Xunta Directiva acordará, no prazo máximo dun mes, o que considere pertinente verbo da solicitude para colexiarse, efectuará no devandito prazo as comprobacións que crea necesarias e poderá requirirlle ao solicitante documentos e aclaracións complementarias.

6. Para o caso dos médicos acabados de graduar que non recibisen aínda o título que habilita para o exercicio da profesión, a Xunta Directiva poderá permitir que se colexien de xeito provisional, coa condición de que o interesado presente unha certificación da universidade que xustifique ter aboado os dereitos de expedición do título correspondente, o cal terá obrigación de presentar no Colexio para o seu rexistro, no prazo máximo dun ano.

7. Os médicos que estean de alta noutro colexio poderán acollerse, para o exercicio provisional neste de Pontevedra, aos termos que establezan os estatutos do Consello Galego de Médicos ou, na súa falta, os estatutos xerais da Organización Médica Colexial.

Artigo 47. Denegación

1. A solicitude será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou reparasen no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsease os datos e documentos necesarios para colexiarse.

b) Cando o solicitante non acredite que satisfixo as cotas colexiais, se é o caso, no colexio de médicos de orixe ou naquel en que siga incorporado.

c) Cando o solicitante sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o inhabilite para o exercicio profesional.

d) Cando fose sancionado disciplinariamente coa expulsión deste ou doutro colexio, mentres non obteña a rehabilitación respectiva.

e) Cando, ao formular a solicitude, se encontre suspendido do exercicio da profesión en virtude de corrección disciplinaria imposta por outro colexio, o Consello Galego de Médicos ou o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que lle impedían colexiarse, esa solicitude deberá ser aceptada polo Colexio sen dilación nin escusa ningunha.

2. Se a Permanente da Xunta Directiva acorda denegar que se colexie, comunicarallo ao interesado dentro dos quince días seguintes ao da data do acordo, expresando os seus fundamentos e os recursos de que é susceptible.

3. Contra o acordo que lle denega a colexiación poderá formular o interesado recurso de alzada, ante o Consello Galego de Médicos, o cal resolverá no prazo dun mes. Contra a resolución desestimatoria do recurso poderá o interesado recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 48. Tarxeta de identidade e expediente

Admitido o solicitante no Colexio, expediráselle a tarxeta de identidade colexial correspondente e abrirase un expediente en que se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional.

O colexiado está obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os ditos antecedentes, especialmente os censos electorais.

Artigo 49. Control da colexiación

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra está facultado para verificar e exixir o cumprimento do deber de colexiación ou acollida.

Artigo 50. Clases de colexiados

1. Para os fins destes estatutos, os colexiados clasificaranse nas seguintes clases:

a) Con exercicio.

b) Sen exercicio.

c) Honoríficos.

d) De honra.

2. Serán colexiados con exercicio aqueles que, obtendo a incorporación ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, practiquen a medicina en calquera das súas diversas modalidades.

3. Serán colexiados sen exercicio aqueles médicos que, desexando pertencer ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, non exerzan a profesión.

4. Serán colexiados honoríficos os médicos que obtivesen a xubilación regulamentaria e os que se encontren en estado de discapacidade ou incapacidade física total e non continúen no exercicio activo da profesión médica, que deberán acreditalo documentalmente e levar máis de 25 anos colexiados.

5. Para acceder á condición de colexiado honorífico será requisito indispensable estar ao día no pagamento das cotas colexiais e obter acordo da Xunta Directiva.

Os colexiados honoríficos estarán exentos do pagamento das cotas colexiais, aínda que poderán seguir pagando as cotas voluntarias que se determinen na asemblea.

Esta categoría colexial por idade é compatible co exercicio profesional que o seu estado psicofísico lles permita, segundo o considere a Xunta de Goberno.

6. Serán colexiados de honra aquelas persoas, médicos ou non, que realizasen un labor relevante e meritorio coa profesión médica. Esta categoría é puramente honorífica e acordada en asemblea xeral por proposta do Pleno.

Cando, polos seus relevantes méritos, o médico xubilado ou inválido se faga acredor da superior distinción, será proposto para unha recompensa á autoridade sanitaria e elevado á consideración de colexiado de honra.

Artigo 51. Suspensión da colexiación

a) Por sentenza xudicial firme de inhabilitación para o exercicio da profesión.

b) Falta de pagamento de tres cotas. Cando o colexiado teña en descuberto dúas cotas seguidas, o secretario faralle un requirimento de pagamento da débeda e, se non o atende e non paga a seguinte cota, o Pleno da Xunta Directiva acordará a suspensión da colexiación, coa advertencia de que, se non se pon ao día antes do vencemento da cota sucesiva, será dado de baixa do Colexio, coa perda da condición de colexiado.

Artigo 52. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

b) Por petición propia formulada ante a Xunta Directiva en cumprimento da lexislación vixente.

c) Por falecemento.

d) Por falta de pagamento de catro cotas sucesivas. Cando se produza esta circunstancia, o Pleno da Xunta Directiva acordará a baixa do colexiado como membro do Colexio, con perda da condición de colexiado para todos os efectos. Esta condición soamente poderá recuperala pagando as cotas impagadas non prescritas e a cota de entrada en vigor na actualidade. Da baixa daráselles conta a todos os organismos pertinentes.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado por causa das alíneas a), b) e d) deberá serlle comunicada por escrito ao interesado, momento en que producirá efecto.

Artigo 53. Dereitos

1. Os colexiados que estean ao día nas súas cotas terán os seguintes dereitos:

a) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición de voto, de promover moción de censura e de acceso aos cargos directivos mediante os procedementos e cos requisitos recollidos nestes estatutos.

b) Ser defendidos, por petición propia, polo Colexio cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representados e apoiados polo Colexio e as súas asesorías cando necesiten presentar reclamacións fundadas ás autoridades, tribunais, entidades públicas ou privadas e en cantas diverxencias xurdan con ocasión do exercicio profesional; e serán por conta do colexiado solicitante os gastos e as custas xurídicas que o procedemento ocasione, salvo decisión contraria da Xunta de Goberno.

2. Todos os colexiados terán, ademais, os seguintes dereitos:

a) Actuar no exercicio profesional con total liberdade e independencia, sen máis limitacións que as previstas na lei, nas normas deontolóxicas ou nestes estatutos.

b) Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, estes estatutos ou as validamente acordadas.

Artigo 54. Deberes

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Cumprir o disposto nos estatutos xerais e particulares, así como as decisións deste colexio e do Consello Galego de Médicos, sen prexuízo do dereito de impugnación.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais.

c) Levar coa máxima lealdade as relacións co Colexio e cos outros colexiados, comunicándolle a este calquera vexación ou atropelo a un compañeiro no exercicio profesional de que teña noticia.

d) Comunicarlle ao Colexio os cargos que ocupen en relación coa súa profesión e especialidades que exerzan co seu título correspondente, para efectos de constancia nos seus expedientes persoais.

e) Comunicarlle ao Colexio os seus cambios de residencia e domiciliación bancaria, nun prazo máximo de dous meses desde que se produza o cambio. En todo caso, producirá os pertinentes efectos a residencia ou domicilio persoal ou profesional do colexiado que conste no Colexio.

f) Cumprir calquera requirimento que faga o Colexio e, especificamente, prestarlles apoio ás comisións a que foren incorporados.

g) Tramitar por conduto do Colexio, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que lle deba formular ao Consello Galego de Médicos.

h) Emitir os certificados médicos e os documentos de información ao paciente e autorización do acto médico que se vai realizar exclusivamente nos impresos que para o efecto poida editar para tal fin, en papel oficial, o Colexio de Médicos.

Artigo 55. Prohibicións

Ademais das prohibicións sinaladas no Código de Ética e Deontoloxía Médica, de rigorosa observancia, e do establecido nos artigos anteriores, todo colexiado se absterá de:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a consagración de entidades científicas ou profesionais médicas de recoñecido prestixio.

b) Tolerar ou encubrir a quen, sen posuír o título de médico, trate de exercer a profesión.

c) Empregar fórmulas, signos ou linguaxes convencionais nas súas receitas, así como utilizalas se estas levan impresos nomes de preparados farmacéuticos, títulos de casas produtoras ou calquera outra indicación que poida servir de anuncio.

d) Poñerse de acordo con calquera outra persoa ou entidade para acadar fins utilitarios que sexan ilícitos ou atenten contra a corrección profesional.

e) Empregar recrutadores de clientes.

f) Venderlles ou administrarlles aos clientes, empregando a súa condición de médico, drogas, herbas medicinais, produtos farmacéuticos ou especialidades propias.

g) Prestarse a que o seu nome figure como director facultativo ou asesor de centros de curación, industrias ou empresas relacionadas coa medicina que non dirixan ou asesoren persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ao Código de Deontoloxía Médica.

h) Aceptar remuneracións ou beneficios directos ou indirectos en calquera forma, das casas de medicamentos, utensilios de cura, balnearios, sociedades de augas minerais ou medicinais, ópticas, etc., en concepto de comisión propagandística ou como provedor de clientes, ou por outros motivos que non sexan de traballos encomendados de conformidade coas normas vixentes.

i) Empregar, para o tratamento dos seus enfermos, medios non controlados cientificamente e simular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

j) Realizar prácticas dicotómicas.

k) Desviar os enfermos das consultas públicas de calquera índole cara á consulta particular con fins interesados.

l) Permitir o uso profesional da súa clínica a persoas que, mesmo posuíndo o título de licenciado ou doutor en medicina, non estean dadas de alta no Colexio de Médicos.

m) Exercer a medicina cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o/a incapaciten para o dito exercicio, logoo do recoñecemento médico pertinente, acreditado con certificado médico oficial.

Artigo 56. Diverxencias entre colexiados

As diverxencias de carácter profesional que poidan xurdir entre colexiados serán sometidas á xurisdición e ulterior resolución da Xunta Directiva, logo de informe da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica.

TÍTULO VII

Do réxime económico e financeiro

Artigo 57. Competencias

1. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra gozará de plena autonomía na xestión e administración dos seus bens, con total independencia do Consello Galego de Médicos e do Consello Xeral de Colexios de Médicos de España.

2. Os fondos do Colexio serán os procedentes das cotas de incorporación/entrada, cotas ordinarias e extraordinarias, a participación asignada nas certificacións, selos autorizados, impresos de carácter oficial, os prezos privados que se perciban pola emisión de informes ou ditames médicos, a parte fixada ou que se fixe en diante por prestacións de servizos xerais, habilitación, taxación, etc., e os legados ou donativos que fagan particulares ou profesionais e, en xeral, cantos se poidan arbitrar.

3. Das cotas colexiais ordinarias destinarase ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España e ao Consello Galego de Médicos a cantidade que corresponda segundo a porcentaxe establecida nos seus respectivos estatutos ou, de ser o caso, aprobado polas súas asembleas xerais.

Artigo 58. Confección dos orzamentos

1. A confección do anteproxecto de orzamentos de ingresos e gastos correspóndelle ao tesoureiro, que o someterá á aprobación do Pleno da Xunta Directiva.

2. Unha vez obtida esta aprobación, o proxecto de orzamentos será presentado á Asemblea Xeral para a súa aprobación definitiva dentro do primeiro trimestre de cada ano.

3. Durante os tres días naturais anteriores ao da realización da asemblea, o proxecto de orzamentos poñerase á disposición de calquera colexiado que desexe consultalo na sede colexial.

Artigo 59. Liquidación

Durante o primeiro trimestre de cada ano, o tesoureiro someterá á aprobación do Pleno da Xunta Directiva o balance de situación e liquidación de contas correspondentes ao ano anterior para a súa aprobación ou rexeitamento. Obtida a aprobación do Pleno da Xunta Directiva, someterase á preceptiva aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 60. Cotas colexiais

1. Cotas de incorporación/entrada.

Os colexiados satisfarán, ao inscribirse no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, unha cota de incorporación cuxo importe será fixado pola Xunta de Goberno con referencia aos custos asociados á tramitación da inscrición, dentro dos límites establecidos na lei.

2. Cotas ordinarias.

Os colexiados, con ou sen exercicio, están obrigados a satisfacer as cotas trimestrais, cuxo importe fixa a Asemblea Xeral.

3. Cotas extraordinarias.

En caso de débitos ou pagamentos extraordinarios, e logo de acordo da Asemblea Xeral, poderanse establecer cotas extraordinarias que serán satisfeitas obrigatoriamente polos colexiados.

4. Redución de cotas.

O Pleno da Xunta Directiva poderá propoñerlle á Asemblea Xeral a redución ou bonificación das cotas a aqueles grupos de colexiados que polas súas especiais circunstancias considere oportuno. A Xunta Directiva está facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas e débitos nas condicións que acorden en cada caso particular.

Non se lle poderá expedir certificación colexial, nin de ningún tipo, ao colexiado moroso.

Artigo 61. Gastos

1. Os gastos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra serán soamente os necesarios para o sostemento decoroso dos servizos.

No orzamento habilitarase unha partida para gastos de difícil previsión.

2. Malia o disposto no número anterior, o Pleno da Xunta Directiva poderá habilitar suplementos de créditos, sen aprobación previa da Asemblea Xeral, para o pagamento de:

a) Tributos estatais, locais ou autonómicos e cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou estatutaria.

b) Persoal, cando o aumento do gasto derive de disposición legal ou estatutaria.

c) Outros gastos non previsibles e que sexa ineludible atender.

3. Os gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais pagaraos o Colexio nas contías e condicións que periodicamente regule o Pleno da Xunta Directiva. Observarase o mesmo criterio nos supostos en que calquera colexiado sexa comisionado por órgano do Colexio para a realización da función concreta que se lle designe; en todo caso, deberán acreditarse documentalmente os gastos producidos.

4. Pagamentos. Para efectuar os pagamentos dos gastos realizados será indispensable a conformidade conxunta previa do presidente e do tesoureiro; por forza maior e en caso de falta dalgunha sinatura, habilitarase o secretario para dar conformidade.

5. Contas bancarias. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra manterá as contas bancarias que xulgue necesarias para o mellor desenvolvemento da súa actividade e procurará, cando sexa posible, efectuar os pagamentos a través delas mediante transferencias ou cheques.

As sinaturas autorizadas en cada conta bancaria serán as do presidente, vicepresidente primeiro, tesoureiro e secretario, e empregaranse sempre dous para todos aqueles movementos que supoñan unha diminución dos saldos.

TÍTULO VIII

Dos certificados médicos

Artigo 62. Distribución

Correspóndelle ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra a distribución dos impresos de certificados médicos oficiais, calquera que sexa a finalidade destes dentro do seu territorio.

Artigo 63. Clase e importe

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra rexerase, en canto á clase e ao importe dos certificados, pola normativa establecida no artigo 59 dos estatutos xerais da Organización Médica Colexial.

Artigo 64. Honorarios médicos

A expedición dos certificados médicos é gratuíta. Os médicos percibirán, cando proceda, os honorarios correspondentes polos actos médicos que efectúen para expedilos.

Artigo 65. Inspección

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra inspeccionará o uso do certificado médico oficial, sen prexuízo das atribucións sancionadoras que lle competen sobre os seus propios colexiados.

TÍTULO IX

Da receita médica

Artigo 66. Competencia

O Colexio de Médicos seguirá a norma legal para a edición e distribución de impresos normalizados de receitas para o exercicio libre que diten o Consello Galego de Médicos e a Organización Médica Colexial.

TÍTULO X

Do réxime disciplinario

Artigo 67. Principios, competencia e prazo

1. Os colexiados estarán suxeitos á potestade disciplinaria do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra nos supostos e circunstancias establecidos nestes estatutos.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades civís e penais en que os colexiados poidan incorrer.

3. Non poderán impoñerse sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto, conforme o procedemento ordinario establecido neste capítulo e, na súa falta, as normas do procedemento sancionador recollidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e nas normas que as desenvolven ou complementan.

4. A potestade sancionadora correspóndelle, segundo os casos, ao Pleno ou á Permanente da Xunta Directiva, logo de informe reservado da Comisión de Ética e Deontoloxía Médica do Colexio. Con todo, o procesamento e a sanción das faltas cometidas polos membros da dita xunta directiva será competencia do Consello Galego de Médicos.

5. Para a incoación de expediente será necesaria a designación, por parte da Xunta Directiva, dun instrutor e un secretario. A resolución do procedemento sancionador deberá emitirse dentro do prazo máximo de seis (6) meses desde a data en que lle sexa notificada ao instrutor a súa designación como tal.

O prazo de seis (6) meses, por petición do instrutor e cando a complexidade do caso o requira, poderá ser prorrogado polo órgano competente para resolver ata tres (3) meses. A prórroga acordada seralle notificada ao interesado.

6. As sancións disciplinarias faranse constar no expediente persoal do interesado.

7. O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra levará un rexistro das sancións impostas e enviaralles informe á Consellería de Sanidade, ao Consello Galego de Médicos e ao Consello Xeral de Colexios de Médicos de España, no prazo máximo de quince días tras a súa firmeza, de todas as sancións consideradas graves ou moi graves.

Artigo 68. Faltas disciplinarias

As faltas disciplinarias clasificaranse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) A falta de dilixencia no cumprimento das normas estatutarias.

b) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial, ou que deban ser tramitadas polo seu conduto.

c) A neglixencia en comunicarlle ao Colexio as vicisitudes profesionais para a súa anotación no expediente persoal.

d) A desatención respecto aos requisitos ou peticións de informes solicitados polo Colexio.

e) Non corresponder á solicitude de certificación ou información nos termos éticos cando isto non supoña un perigo para o enfermo.

f) A infracción neglixente das normas contidas no Código de Ética e Deontoloxía, cando non supoña falta grave ou moi grave.

2. Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos da Xunta Directiva ou Asemblea Xeral, salvo que constitúan falta de maior entidade.

b) A infracción das prohibicións contidas no artigo 55, salvo que constitúa falta de maior entidade.

c) Indicar unha competencia ou título que non se posúa.

d) A indisciplina deliberadamente rebelde fronte aos órganos de goberno colexiais e, en xeral, a falta grave do respecto debido a eses órganos.

e) Os actos e omisións que atenten contra a moral, decoro, dignidade, prestixio e honorabilidade da profesión ou sexan contrarios ao respecto debido aos colexiados.

f) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiros.

g) O incumprimento das normas sobre prescrición de estupefacientes e a explotación de toxicomanías.

h) A emisión de informes ou expedición de certificados con falta á verdade.

i) Os actos e omisións deliberados que infrinxan as normas deontolóxicas, sempre que non constitúan falta moi grave.

j) A reiteración das faltas leves durante o ano seguinte á súa corrección.

3. Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso en materia profesional.

b) A violación dolosa do segredo profesional.

c) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

d) A desatención maliciosa ou intencionada dos enfermos.

e) A reiteración das faltas graves durante o ano seguinte á súa corrección.

Será preceptivo que a Comisión de Ética e Deontoloxía Médica do Colexio emita o seu informe antes de impoñerse calquera sanción.

Artigo 69. Sancións disciplinarias

1. Por razón das faltas ás cales se refire o artigo precedente, poden impoñerse as seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por oficio.

c) Suspensión temporal do exercicio profesional.

d) Expulsión do Colexio.

2. As faltas leves serán corrixidas coa sanción de amoestación privada ou apercibimento por oficio.

3. As faltas graves sancionaranse coa suspensión do exercicio profesional por un tempo inferior a un ano.

4. As faltas moi graves sancionaranse con suspensión do exercicio profesional por un tempo superior a un ano e inferior a dous.

5. A sanción de expulsión do Colexio soamente se poderá impoñer pola reiteración de faltas moi graves, e o acordo que determine a súa imposición deberá ser adoptado polo Pleno da Xunta Directiva, coa conformidade das dúas terceiras partes daqueles que o integran.

6. Para a imposición de sancións, os órganos competentes para resolver deberán graduar a responsabilidade do inculpado en relación coa natureza da infracción cometida, a transcendencia desta e demais circunstancias, e terán potestade para impoñer a sanción idónea, se for máis dunha a que se estableza para cada tipo de faltas.

Artigo 70. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Por falecemento do inculpado.

b) Por cumprimento da sanción.

c) Por prescrición das faltas.

d) Por prescrición das sancións.

2. Os sancionados poderán pedir a súa rehabilitación, coa consecuente cancelación da nota no seu expediente persoal. A cancelación concederase sempre que, unha vez cumprida a sanción, os colexiados observen boa conduta despois de transcorridos os seguintes prazos:

a) Se é por falta leve, aos tres meses.

b) Se é por falta grave, aos dous anos.

c) Se é por falta moi grave, aos catro anos.

A rehabilitación resolveraa o Pleno da Xunta Directiva e seguirá os mesmos trámites que para a imposición da sanción.

3. As faltas prescriben:

a) As leves, aos tres meses.

b) As graves, ao ano.

c) As moi graves, aos dous anos.

O prazo de prescrición contarase desde que se cometese a infracción e interromperase pola notificación á persoa colexiada do acordo de incoación do expediente disciplinario.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contar o día seguinte ao da firmeza da resolución sancionadora.

Artigo 71. Iniciación e actuacións previas. Procedemento ordinario

1. O procedemento iniciarase de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou por denuncia.

2. O Pleno da Xunta Directiva do Colexio, ao ter coñecemento dunha suposta infracción, poderá decidir a realización dunha información reservada antes de acordar a incoación de expediente ou, de ser o caso, o arquivamento das actuacións, xa sexa sen imposición de sanción por sobresemento ou impoñendo algunha das previstas para corrixir faltas leves.

3. A Xunta Directiva do Colexio poderá delegar nunha comisión para o efecto a práctica da información reservada a que se refire o punto anterior.

Artigo 72. Procedemento simplificado

Se o Pleno da Xunta Directiva considera que existen elementos suficientes para cualificar a infracción como leve, seguirase o procedemento simplificado regulado neste artigo:

a) O Pleno da Xunta Directiva do Colexio notificaralle ao interesado unha proposta de resolución e concederalle un prazo máximo de oito días para que formule alegacións e achegue os documentos que xulgue pertinentes na súa defensa.

b) Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo outorgado para isto, a Permanente da Xunta de Goberno resolverá sen máis trámite.

Artigo 73. Procedemento xeral

1. Unha vez iniciado o procedemento, o órgano competente para resolver poderá adoptar as medidas provisionais que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso. Non se poderán tomar medidas provisionais que lles poidan causar prexuízos irreparables aos interesados ou que impliquen a violación de dereitos amparados polas leis.

2. O Pleno da Xunta Directiva, ao acordar a incoación do expediente, designará como instrutor un dos seus membros ou outro colexiado. O designado deberá ter maior antigüidade no exercicio profesional que o expedientado ou, en todo caso, levar polo menos dez anos colexiado. Desenvolverá obrigatoriamente a súa función, a menos que teña motivos de abstención ou que a recusación promovida polo procesado sexa aceptada pola Xunta. Esta poderá tamén designar secretario ou autorizar o instrutor para nomealo entre os colexiados.

3. Só se considerarán causas de abstención ou recusación do instrutor e secretario as establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Para os efectos do exercicio do dereito de recusación, os nomeamentos de instrutor e secretario seranlle comunicados ao expedientado, que poderá facer uso de tal dereito dentro do prazo de oito días tras recibir a notificación.

5. O expedientado pode nomear un colexiado para que actúe de defensor ou home bo, o que lle será dado a coñecer, e dispoñerá dun prazo de dez (10) días hábiles, a partir da recepción da notificación, para comunicarlle á Xunta Directiva o citado nomeamento; deberá xuntar a aceptación deste por parte do interesado. O defensor asistirá a todas as dilixencias propostas polo xuíz instrutor e poderá propoñer a práctica doutras en nome do seu defendido. Así mesmo, o procesado poderá acudir asistido de letrado.

6. Compételle ao instrutor achegar os antecedentes que xulgue necesarios e ordenar a práctica de cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos ou a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.

7. Ademais das declaracións que presten os inculpados, o instrutor notificaralles en forma escrita un prego de cargos, no cal describirá con precisión os que contra eles se deduzan, e concederalles un prazo improrrogable de oito días a partir da notificación para que o contesten e propoñan a proba que consideren ao seu dereito. Na notificación advertiráselle ao interesado que, de non efectuar alegacións sobre o contido da iniciación do procedemento, o prego de cargos poderá ser considerado proposta de resolución.

8. Contestado o prego de cargos, o instrutor admitirá ou rexeitará as probas propostas e acordará a práctica das admitidas e cantas outras actuacións considere eficaces para o mellor coñecemento dos feitos.

9. Terminadas as actuacións, o instrutor formulará proposta de resolución, que lle deberá notificar por copia literal ao citado, o cal dispoñerá dun prazo de oito días desde a recepción da notificación para examinar o expediente e presentar escrito de alegacións.

10. Remitidas as actuacións ao órgano competente para resolver, en canto se reciba o escrito de alegacións presentado polo expedientado, ou transcorrido o prazo para facelo, resolverá o expediente na primeira sesión que realice, oídos previamente o asesor xurídico do Colexio, se o houber, e a Comisión de Ética e Deontoloxía Médica, e notificaralle a resolución ao interesado nos seus termos literais.

11. O Pleno da Xunta Directiva poderá devolver o expediente ao instrutor para a práctica daquelas dilixencias que, sendo omitidas, resulten imprescindibles para a decisión. En tal caso, antes de que o instrutor remita de novo o expediente, daráselle vista do actuado ao inculpado, co fin de que no prazo de oito días alegue canto considere conveniente, e este tempo non se contará como prazo de alegacións.

12. A decisión pola que se poña fin ao expediente sancionador deberá ser motivada e nela non se poderán aceptar feitos nin fundamentos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración.

13. Contra a resolución que poña fin ao expediente poderá o interesado interpoñer recurso de alzada, ante o Consello Galego de Médicos, presentándoo no Colexio, que, dentro dos quince días seguintes, llo remitirá, en unión do expediente instruído e do seu informe, ao Consello.

14. A interposición de recurso administrativo contra a sanción disciplinaria dentro do prazo establecido suspenderá a execución do acordo impugnado. A suspensión levantarase unha vez que se resolva o recurso.

15. Contra a resolución ditada polo Consello Galego de Médicos poderá o interesado recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO XI

Do réxime xurídico

Artigo 74. Recursos

1. Os actos e as resolucións adoptados polos órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra sometidos ao dereito administrativo poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo do disposto no punto seguinte.

2. Contra os acordos definitivos da Asemblea Xeral, da Xunta Directiva, da Xunta Electoral e os actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuar un procedemento ou produzan indefensión poderá interpoñerse recurso de alzada, ante o Consello Galego de Médicos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que fose notificado.

3. O recurso será presentado ante o órgano que ditou o acordo, o cal se deberá elevar, cos seus antecedentes e informe que proceda, ao Consello Galego de Médicos, dentro dos dez días seguintes ao da data de presentación.

Artigo 75. Impugnación xurisdicional

En canto estes actos estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 76. Eficacia dos actos

Os actos ditados polos órganos colexiais consideraranse válidos e producirán efectos desde a súa adopción.

Artigo 77. Notificación

Os actos e as resolucións limitativos de dereitos dos colexiados seranlles notificados aos interesados no enderezo que deles conste nos arquivos do Colexio. A notificación efectuarase por calquera medio que permita acreditar a súa recepción, incluíndo, sen ánimo exhaustivo, o correo certificado, a comunicación mediante os servizos administrativos do Colexio ou o correo electrónico. O disposto é de aplicación ás notificacións que se efectúen na instrución dos expedientes disciplinarios.

TÍTULO XII

Do réxime de distincións ou premios

Artigo 78. Insignia de máxima honra colexial do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra

O Pleno da Xunta Directiva poderá acordar anualmente a concesión da insignia de máxima honra colexial do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, que distinguirá persoas de especial relevancia cultural, social, profesional ou política. De concorreren circunstancias extraordinarias, ao criterio do Pleno, poderá concederse, excepcionalmente, unha segunda insignia no mesmo ano.

Artigo 79. Colexiado de honra

O título de colexiado de honra será outorgado polo Pleno da Xunta Directiva do Colexio, cos requisitos e procedemento previstos nestes estatutos.

A Xunta Directiva poñerá en coñecemento da Asemblea Xeral todo nomeamento de colexiado de honra na primeira reunión que esta realice.

Artigo 80. Medalla ao mérito colexial

Con absoluta independencia da distinción de colexiado de honra, o Pleno da Xunta Directiva poderá outorgarlles a medalla ao mérito colexial aos médicos colexiados e, excepcionalmente, a persoas que non sexan médicos, para premiar condutas que supoñan un relevante e meritorio labor en favor do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.

Esta distinción só se poderá outorgar, como máximo, unha vez por ano, sen que sexa preceptivo concedela anualmente.

Artigo 81. Competencia

A proposta de concesión da medalla ao mérito colexial poderán realizala os colexiados ou a propia Xunta Directiva, coa excepción das que poidan supoñer concesión a título póstumo, caso en que a iniciativa será só competencia da Xunta Directiva.

Unha vez formulada a proposta, o Pleno da Xunta Directiva, por maioría simple, poderá acordar a apertura do expediente de concesión, de cuxa instrución se ocupará o secretario do Colexio.

Artigo 82. Expediente

O expediente de concesión da medalla encabezarase con copia do acordo da Xunta Directiva que mande instruílo, e a el uniranse todos os documentos e testemuños que haxa para acreditar:

1. Un labor meritorio e relevante nas actividades colexiais.

2. O estrito cumprimento de todos os deberes colexiais, tanto os xenéricos como os que se encomendasen a título persoal. Esta cuestión quedará acreditada por certificación do secretario con base no expediente persoal que se encontra na Secretaría do Colexio, sen prexuízo doutras probas que se poidan atopar.

3. Exercicio profesional exemplar.

4. Total ausencia de amoestacións, correccións ou sancións colexiais, o que se acreditará mediante certificación da Secretaría.

5. Non desempeñar, na data do acordo de instrucción, cargo na Xunta Directiva do Colexio.

O secretario ordenará inserir nos medios de difusión do Colexio o anuncio da instrución do expediente co fin de que calquera colexiado que o desexe achegue datos ou testemuños que poidan afectar a concesión da medalla, no prazo que se estableza para o efecto.

Artigo 83. Resolución

Concluído o expediente, cuxa duración desde o acordo de instrución non poderá ser superior a dous meses, o secretario elevarao ao coñecemento e resolución da Xunta Directiva en pleno, que por maioría de dous terzos dos seus compoñentes poderá outorgar a medalla mediante votación secreta.

Artigo 84. Outorgamento

Á concesión da medalla ao mérito colexial daráselle a pertinente publicidade e outorgarase, coa maior solemnidade, en calquera dos actos relevantes que organice o Colexio.

Artigo 85. Outras distincións e premios

A Asemblea Xeral, por proposta da Xunta Directiva, poderá establecer outras distincións e premios diferentes aos regulados nos artigos anteriores, sen que isto supoña modificación estatutaria.

Artigo 86. Libro rexistro de distincións e premios

1. A concesión de calquera distinción ou premio inscribirase no libro rexistro que se levará para tal efecto, no cal se anotarán tamén os concedidos con anterioridade á entrada en vigor destes estatutos.

2. No expediente persoal de cada colexiado faranse constar as felicitacións e distincións que reciba a título persoal da Asemblea Xeral, Xunta Directiva ou presidente do Colexio, sempre que o órgano que a curse o manifeste expresamente.

TÍTULO XIII

Das sociedades profesionais

Artigo 87. O exercicio da medicina en sociedade

O exercicio en común da medicina poderá exercerse por medio de sociedades profesionais constituídas conforme o disposto na lei e disposicións que a desenvolven. Será requisito imprescindible que a sociedade estea rexistrada no Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais.

Artigo 88. Rexistro de Sociedades Profesionais

1. O Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Pontevedra deberá inscribir, conforme a lei, todas as sociedades profesionais médicas que actúen na demarcación colexial.

Para ese efecto, sen prexuízo da constatación informática, abrirase un libro rexistro de sociedades profesionais no cal se anotarán en orde as inscricións, consignando a súa data e dándolles o número de inscrición consecuente.

2. O Rexistro constará das seguintes mencións:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e descrición identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante, e duración da sociedade se se constituíse por tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

d) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

3. Tamén deberá ser obxecto de inscrición neste rexistro calquera cambio de socios ou de administradores, así como calquera modificación do contrato social.

4. A inscrición xerará as correspondentes cotas de rexistro que deberán ser aprobadas pola Xunta Directiva do Colexio.

Artigo 89. Réxime disciplinario das sociedades profesionais

1. As sociedades profesionais e os profesionais médicos que actúen no seu seo exercerán a súa actividade profesional de conformidade co réxime deontolóxico e disciplinario do Colexio.

2. Sen prexuízo das demais medidas que procedan, poderá suspenderse polo tempo máximo previsto no Código Deontolóxico a efectividade da inscrición da sociedade no Rexistro colexial cando os seus administradores, sexan ou non médicos, incorran en infracción deontolóxica grave.

TÍTULO XIV

Disolución do Colexio e réxime de liquidación

Artigo 90

O Colexio soamente se poderá disolver por causa prevista na lei; en tal caso, a Asemblea Xeral nomeará unha Comisión Liquidadora que se limitará a efectuar, con axuda dos expertos necesarios, as operacións de liquidación do patrimonio colexial, pagará con cargo aos activos as débedas e obrigacións colexiais de lexítimo aboamento que resulten da contabilidade auditada e entregará os activos remanentes da liquidación a outra institución ou corporación profesional legal de análogos fins.

Disposición transitoria primeira

Co fin de adecuar a composición actual da Xunta Directiva ao previsto nestes estatutos, establécense as seguintes normas:

a) As primeiras eleccións conforme estes estatutos terán lugar no momento en que remate o mandato dos actuais cargos.

b) En caso de producirse vacantes antes da realización das eleccións, rexe o disposto no artigo 32 destes estatutos.

c) Os períodos de mandato do artigo 22.1 computaranse a partir das primeiras eleccións realizadas conforme estes estatutos.

Disposición transitoria segunda

As seccións colexiais actualmente existentes subsistirán coa organización e atribucións precedentes ata a realización de novas eleccións á Xunta Directiva.

Disposición adicional primeira

Autorízase a Asemblea Xeral para ditar os regulamentos de réxime interior para o desenvolvemento destes estatutos.

Disposición adicional segunda

As remisións que nestes estatutos se fan ao Código de Deontoloxía Médica entenderanse referidas ao aprobado pola Organización Médica Colexial e ao que no seu día aprobe o Consello Galego de Médicos.

Disposición derradeira

No non expresamente sinalado nestes estatutos observarase o disposto nos estatutos do Consello Galego de Médicos e, na súa falta, aplicaranse os estatutos xerais da Organización Médica Colexial, aprobados polo Real decreto 1018/1980, do 19 de maio e os estatutos xerais do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos, aprobados polo Real decreto 300/2016, do 22 de xullo.