DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65211

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 10 de novembro de 2023 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no Rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Natureza xurídica, representación e obrigatoriedade

Artigo 1. Natureza xurídica do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

1. Os colexios profesionais teñen un recoñecemento constitucional diferenciado (artigo 36 da Constitución española).

O Colexio Oficial de Médicos da Coruña é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O funcionamento e o réxime xurídico, no ámbito da súa competencia, rexeranse pola Lei de colexios profesionais de Galicia, pola lexislación básica existente na materia, polos estatutos xerais da Organización Médica Colexial, por estes estatutos e as súas normas de desenvolvemento, e polos estatutos do Consello Galego de Médicos.

Artigo 2. Representación

1. A representación legal do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, tanto en xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se encontrará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados ou a calquera outra clase de mandatarios, logo de acordo da Xunta Directiva.

2. Correspóndelle ao Colexio Oficial de Médicos da Coruña a representación exclusiva da profesión médica, no ámbito provincial da actividade profesional dos colexiados e a defensa dos seus intereses profesionais, de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 3

1. É requisito indispensable para o exercicio da profesión, dentro da provincia da Coruña, estar colexiado no Colexio Oficial de Médicos nos termos establecidos na normativa reguladora sobre obrigatoriedade de colexiación.

2. Para a incorporación ao Colexio de Médicos da Coruña é necesario estar en posesión do título universitario oficial ou dalgún que, conforme a normativa española ou comunitaria, a Administración competente homologue ou recoñeza, así como ter un título universitario oficial de grao que habilite para o exercicio da profesión de médico, de acordo co disposto na Orde ECI/332/2008, do 13 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da citada profesión.

Os profesionais que teñan o seu domicilio en territorio comprendido no ámbito do Colexio deberán solicitar a súa incorporación a este nos termos establecidos na normativa reguladora sobre obrigatoriedade de colexiación.

O Colexio non lles poderá exixir aos profesionais colexiados noutro colexio, pero que exerzan no seu territorio, comunicación nin habilitación ningunha nin pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que llesexixan habitualmente aos seus colexiados, pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

O Colexio deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso de actividades de servizos e o seu exercicio.

3. Así mesmo, enténdese que exerce a profesión a sociedade profesional que realice calquera das actividades que o ordenamento xurídico determine como propias da profesión médica.

A inscrición e colexiación dunha sociedade profesional non exime de colexiación as persoas físicas, polo que tamén será obrigatoria a colexiación dos socios profesionais e dos profesionais non socios que traballen para ela.

A sociedade profesional inscribirase no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, o que determinará a súa incorporación a este para efectos de que se exerzan sobre ela as competencias que o ordenamento xurídico lle outorga sobre os profesionais colexiados.

Artigo 4

Voluntariamente poden solicitar a súa colexiación aqueles que, con título que habilite para o exercicio da profesión, non exerzan a profesión de médico.

CAPÍTULO II

Estatutos

Artigo 5

1. Os preceptos destes estatutos interpretaranse segundo o sentido propio das súas palabras, atendendo fundamentalmente ao seu espírito e finalidade e ao significado que resulte máis acorde coas disposicións legais para o efecto.

2. Compételle ao Pleno da Xunta Directiva, de oficio ou por instancia de persoa interesada, a interpretación das normas destes estatutos cando na súa aplicación se suscitasen dúbidas razoables.

Artigo 6

Para tratar sobre a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña será necesario acordo maioritario do Pleno da Xunta Directiva con 2/3 de votos favorables do total dos seus membros ou que o soliciten ao Pleno da Xunta Directiva o 25 % do censo de colexiados.

Igualmente, o acordo de aprobación da modificación, tanto en xunta directiva como en asemblea xeral, exixirá o voto favorable de dous terzos dos presentes.

CAPÍTULO III

Relacións

Artigo 7

Sen prexuízo doutras relacións derivadas da súa actuación, o Colexio Oficial de Médicos da Coruña relacionarase:

1. No ámbito da Xunta de Galicia, e en todo aquilo referente aos aspectos institucionais e corporativos, coa consellería competente en materia de colexios profesionais ou aquel en que esta delegue e, en todo o que afecte o contido da súa profesión, principalmente coa consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo de poder establecer relacións con outras consellerías ou departamentos competentes en materias relacionadas cos fins da actividade colexial.

2. No ámbito da Administración central do Estado, o Colexio Oficial de Médicos da Coruña relacionarase ordinariamente a través do Consello Galego de Médicos, sen prexuízo de facelo directamente cando se trate de asuntos específicos do propio Colexio, ou que afecten a profesión no ámbito territorial da provincia da Coruña.

Artigo 8

1. O Colexio Oficial de Médicos da Coruña, destinado a colaborar na realización do ben común, gozará do amparo da lei e do recoñecemento da Administración.

2. O Colexio Oficial de Médicos da Coruña terá o tratamento de ilustre e o seu presidente, de ilustrísimo.

TÍTULO II

Fins, funcións e competencias

Artigo 9

Son fins esenciais deste colexio profesional a ordenación e o control do exercicio profesional dentro do marco legal, a súa representación exclusiva, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados.

Artigo 10

Correspóndelle ao Colexio de Médicos da Coruña o exercicio das competencias que o ordenamento vixentes lle outorga aos colexios profesionais e, en concreto, as funcións que lle atribúen a Lei de colexios profesionais de Galicia e a lexislación estatal sobre a materia, e, no que sexa de aplicación ao ámbito, as seguintes:

– A ordenación e o control do exercicio profesional, no ámbito da súa competencia, a súa representación exclusiva, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados.

– A salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión médica e da súa dignidade e prestixio.

– A promoción, por todos os medios ao seu alcance, da constante mellora dos niveis científico, cultural, económico e social dos colexiados; para este efecto poderá organizar e manter toda clase de institucións culturais e sistemas de previsión e protección social.

– A colaboración cos poderes públicos na consecución do dereito á protección da saúde de todos os cidadáns e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina, así como cantos corresponde e sinala a Lei de colexios profesionais e, en especial, o daquelas competencias específicas que lle permiten levar a cabo as finalidades sinaladas no artigo 9 destes estatutos.

Artigo 11

O Colexio Oficial de Médicos da Coruña asume, no seu ámbito territorial, todas as competencias que a lexislación vixente lle outorga e, independentemente destas, a autoridade que dunha maneira expresa lle delegue a Administración co fin de cumprir as funcións que se lle asignan nestes estatutos en todo o que afecte a saúde pública, a ordenación do exercicio da medicina e a conservación dos seus valores éticos.

Dunha maneira expresa correspóndelle asumir, dentro do seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) En relación coa finalidade de representación e defensa das lexítimas aspiracións dos profesionais:

1. Asumir a representación da profesión médica ante as autoridades e organismos públicos.

2. A ordenación do exercicio da medicina no ámbito das súas competencias e de acordo co marco que establecen as leis.

3. A representación e a defensa dos intereses profesionais e o prestixio de todos os colexiados ou de calquera deles, se for obxecto de vexación, menoscabo, desconsideración ou descoñecemento en cuestións profesionais.

4. Emiti informe directamente sobre todas as normas que elabore o Goberno da Xunta de Galicia verbo das condicións xerais do exercicio da medicina en Galicia, as funcións, os ámbitos e os honorarios cando se fixen por tarifa ou arancel, e verbo do réxime de incompatibilidades.

5. Informar, a través do Consello Galego de Colexios de Médicos, de todos os proxectos de lei e disposicións legais que traten das condicións do exercicio legal da medicina e das súas funcións, como son o ámbito, os títulos, o réxime de incompatibilidades, o réxime de honorarios, etc.

6. Participar na elaboración e execución dos plans de estudo e emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión médica e, especialmente, en todo o que se refira á fase posgraduada e de especialización, visar e rexistrar os títulos e méritos profesionais correspondentes, participar na acreditación de actividades docentes e de formación médica continuada, levando un rexistro cos datos que se consideren necesarios desde un punto de vista profesional.

7. Representar a profesión médica nos padroados universitarios e ante as administracións en comisións ou consellos de estudos ou asesores científicos, docentes profesionais éticos e sociais, do ámbito da saúde e da medicina.

8. O exercicio e a xestión de todas aquelas competencias que, de maneira directa ou por mediación do Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos, lle sexan delegadas ou reciba e acepte das administracións públicas.

9. Asesorar os tribunais de xustiza, as corporacións oficiais e as persoas individuais e colectivas, nas condicións previstas pola lei.

10. Facilitarlles os tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmo segundo proceda.

11. Informar sobre a creación de novas prazas de médico e sinalar as bases para regular os contratos de prestación de servizos no ámbito do Colexio, contribuíndo á defensa de honorarios e salarios médicos calquera que sexa a modalidade de exercicio e, en xeral, representar os intereses dos colexiados ante a Administración, institucións, entidades e particulares, de acordo coas leis vixentes.

12. Intervir por si mesmo, ou a través do Consello Galego, segundo o disposto na Lei de colexios profesionais e no ordenamento xurídico fiscal, en todas aquelas cuestións que afecten a tributación dos colexiados.

13. Formar parte de tribunais en que se xulguen coñecementos profesionais ou méritos para o acceso e designación de prazas ou postos de traballo.

b) En relación coa finalidade de orientación e vixilancia do exercicio profesional:

1. A salvagarda e a observancia dos principios éticos e legais da profesión; correspóndelle a elaboración das pertinentes normas deontolóxicas e a vixilancia do seu cumprimento.

2. Delimitar conceptualmente os actos médicos, entendéndose como tales os propios da profesión médica.

3. Velar en todo momento polo correcto comportamento profesional, exixindo dos colexiados a preparación e pericia obxectivamente requirida, así como a utilización dos medios adecuados para o correcto exercicio profesional.

4. Sancionar os actos dos colexiados que supoñan unha infracción da deontoloxía e executar a sanción imposta.

5. Velar por que os medios de comunicación social divulguen os avances da medicina cientificamente arraigados e eviten toda propaganda ou publicidade xeral incerta.

6. Examinar e denunciar as cuestións relacionadas co intrusionismo profesional.

7. Establecer ou validar os protocolos de actuación profesional, de consentimento informado e calquera outro que afecte o exercicio profesional.

8. Atender as solicitudes de información sobre sancións de colexiado.

c) En relación coa finalidade de promoción científica, cultural, laboral e social da profesión:

1. Estimular e realizar os plans de carácter científico, cultural e de asistencia social que se crea conveniente.

2. Promocionar, colaborar e participar na protección social dos médicos xubilados, enfermos e inválidos, viúvos, fillos con discapacidade e orfos de médicos, e outras iniciativas similares.

3. Organizar os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se crean convenientes e, ao mesmo tempo, levar a termo a publicación dos medios informativos que se consideren oportunos.

d) En relación coa finalidade de promocionar o dereito á saúde:

1. Colaborar cos poderes públicos e coas demais institucións do país na consecución da saúde, e loitar por unha eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina, participando na defensa e tutela dos intereses xerais da colectividade no referente a esta como destinataria da actuación profesional dos médicos.

2. Contribuír de forma continuada ao asesoramento cidadán nos temas relacionados coa promoción e defensa da saúde.

e) Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que sexan encamiñadas ao cumprimento dos obxectivos colexiais, de acordo cos intereses da sociedade.

f) Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados.

Os acordos, decisións e recomendacións que adopte este colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

TÍTULO III

Ámbito e distribución territorial do Colexio Oficial de Médicos da Coruña

Artigo 12. Competencia territorial

O ámbito territorial do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Coruña abrangue toda a provincia da Coruña.

O Colexio ten a súa sede na Coruña e o seu domicilio na dita cidade, na avenida Salvador de Madariaga, 66, entresollado, sen prexuízo das delegacións comarcais que, para efectos funcionais, poida ter abertas en Santiago de Compostela e en Ferrol ou noutras localidades.

Artigo 13. Emblema colexial

O emblema do Colexio Oficial de Médicos da Coruña consta dun escudo de forma ovalada que na súa parte exterior ten, a cada un dos dous lados, un basto ao redor do cal se envolve unha serpe coa cabeza mirando ao interior do escudo. Na parte inferior do escudo e ao exterior deste, unha follaxe simétrica estilizada sobre a cal se apoian os dous bastos laterais coas serpes enroladas. Sempre ao exterior e na súa parte superior figura a coroa real. No interior do escudo está debuxada a Torre de Hércules, que leva na súa base unha caveira sobre dúas tibias cruzadas; ao redor da Torre figuran sete cunchas de peregrino (unha debaixo da base e tres a cada lado desta).

TÍTULO IV

Constitución, órganos de goberno, órganos de participación e de asesoramento

Artigo 14

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos da Coruña son:

– A Asemblea Xeral de colexiados.

– A Xunta Directiva.

– O presidente.

CAPÍTULO I

Da Asemblea Xeral

Artigo 15. Natureza

A Asemblea Xeral está formada por todos os colexiados, constitúe o órgano supremo de representación colexial e a ela deberá dar conta da súa actuación a Xunta Directiva.

Artigo 16

A Asemblea Xeral reunirase ordinariamente unha vez ao ano, no transcurso do primeiro trimestre, á cal se presentará para a súa aprobación o proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos para o ano e a liquidación e o balance de contas do exercicio anterior pechadas en 31 de decembro, e extraordinariamente reunirase cando o soliciten por escrito un 25 % dos colexiados ou sexa acordado polo Pleno da Xunta Directiva co voto favorable de 2/3 dos seus membros.

Entenderase validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes a metade máis un dos colexiados. En segunda convocatoria quedará constituída media hora máis tarde, calquera que sexa o número de colexiados presentes.

A convocatoria faraa por escrito o secretario xeral co visto e prace do presidente, e conterá día, hora e lugar de reunión, fixando os correspondentes á primeira e segunda convocatoria, e a orde do día. Se as circunstancias tecnolóxicas o permiten, a convocatoria tamén se poderá facer por vía telemática a través do portelo único.

A convocatoria será remitida cunha antelación mínima de quince días naturais.

Observaranse os mesmos requisitos de contidos e de prazos cando a convocatoria se realice a través do portelo único do Colexio.

As reunións da Asemblea, que serán presididas polo presidente, desenvolveranse de conformidade coa orde do día e non se poderán tratar asuntos non incluídos nesta.

Á orde do día poderá engadirse calquera punto de interese cando o soliciten, mediante escrito dirixido ao presidente, polo menos o 10 % dos colexiados, cunha antelación mínima de dez días naturais ao da realización da reunión.

Do seu desenvolvemento o secretario levantará a acta, que subscribirá xunto co presidente.

Os acordos adoptados difundiranse entre os/as colexiados/as polos medios de comunicación habituais de que dispón o Colexio.

Para a validez dos acordos será necesario o voto favorable da maioría simple de asistentes, e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Non será válido o voto delegado.

Salvo que expresamente se acorde outra cousa, os acordos producirán efectos desde a data en que se adopten.

Artigo 17

Constitúen competencias exclusivas da Asemblea Xeral de colexiados a adopción dos seguintes acordos:

a) A reforma dos estatutos deste ilustre colexio.

b) A aprobación dos orzamentos anuais de ingresos e gastos, cuxo proxecto llo presente a Xunta Directiva.

c) A aprobación do balance e liquidación orzamentaria pechados o 31 de decembro de cada ano, o nomeamento da Comisión de Facenda se a súa existencia se considera conveniente, e a aprobación da memoria anual.

d) A aprobación da conta xeral de tesouraría.

e) Fixar o importe das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias, así como o da cota de entrada, e acordar derramas.

f) Ratificar na Presidencia do Colexio o vicepresidente correspondente, cando aquela quede vacante.

g) A aprobación e a censura da xestión da Xunta Directiva ou a de calquera dos seus membros.

h) Aprobar as normas reguladoras e de control do exercicio profesional que lle someta o Pleno da Xunta Directiva.

i) A designación de auditores.

j) A moción de censura á Xunta Directiva ou a calquera dos seus membros.

O Pleno da Xunta Directiva someterá á aprobación da Asemblea os asuntos que, ao seu criterio, merezan esta atención en razón da súa específica transcendencia colexial e profesional.

Artigo 18

A moción de censura deberá ser proposta mediante escrito dirixido ao presidente, asinado por, polo menos, o 25 % dos colexiados.

Recibida a solicitude de moción de censura, terá lugar unha sesión extraordinaria do Pleno da Xunta Directiva para convocar asemblea xeral extraordinaria, na cal figurarán como únicos puntos da orde do día a intervención do presidente e a votación daquela.

Entre a solicitude de moción de censura e a realización da asemblea non poderá transcorrer máis dun mes.

A asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa presenza da maioría de colexiados e, en segunda, coa presenza do 25 % de colexiados.

Para a aprobación da moción de censura e o consecuente cesamento da Xunta Directiva será necesario o voto favorable de 2/3 dos asistentes á sesión.

Para o caso de aprobarse a moción, a Xunta continuará en funcións, coa obriga de convocar eleccións no prazo máximo dun mes desde a realización da asemblea xeral extraordinaria.

CAPÍTULO II

Da Xunta Directiva

Sección 1ª

Artigo 19

A Xunta Directiva estará constituída por:

– O Pleno.

– A Comisión Permanente.

Artigo 20. Composición do Pleno

O Pleno da Xunta Directiva estará integrado por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente 1º.

c) O vicepresidente 2º.

d) O vicepresidente 3º.

e) O secretario.

f) O vicesecretario.

g) O tesoureiro-contador.

h) Un mínimo de seis (6) e un máximo de dez (10) vogais, número que será fixado para cada período por acordo da Xunta Directiva na convocatoria de eleccións.

Artigo 21. Composición da Comisión Permanente

A Comisión Permanente estará integrada por:

a) O presidente.

b) Os vicepresidentes.

c) O secretario xeral.

d) O vicesecretario xeral.

e) O tesoureiro-contador.

Deberá ser convocado á Comisión Permanente calquera outro membro do Pleno da Xunta Directiva cando teñan que de tratarse asuntos da súa especial incumbencia.

Artigo 22. Reunións do Pleno

O Pleno reunirase ordinariamente, polo menos, seis veces ao ano e extraordinariamente cando o solicite, polo menos, un terzo dos seus compoñentes ou as circunstancias así o aconsellen, ao xuízo da Comisión Permanente ou do presidente.

As convocatorias faraas por escrito o secretario xeral, con oito días hábiles de antelación, logo de mandato do presidente. Sinalaranse o día e a hora en primeira e segunda convocatoria, a orde do día e o lugar da realización.

A convocatoria de sesións urxentes poderá facerse cunha antelación de vinte e catro horas mediante telegrama, fax e polos medios telemáticos que permitan acreditar o seu envío, recepción e o seu contido.

Os acordos adoptaranse por maioría simple e será necesario para iso, en primeira convocatoria, a asistencia da maioría de membros e, en segunda, sexa cal for o número de asistentes, excepto nos casos en que estatutariamente se exixa quórum específico. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

A asistencia ás sesións será obrigatoria e considerarase como renuncia ao cargo a non asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a seis alternas. Do desenvolvemento das sesións o secretario xeral levantará a acta, que será sometida a aprobación e quedará reflectida no libro de actas das sesións do Pleno.

Os acordos serán executivos desde a súa adopción, sen prexuízo dos recursos que contra eles procedan.

Calquera membro da Xunta Directiva poderá solicitar a inclusión de determinados asuntos na orde do día, o que levará a efecto mediante comunicación escrita dirixida ao presidente, polo menos tres días antes de que sexa cursada a convocatoria, facendo constar o tema, antecedentes e documentación que considere que debe achegarse.

Poderán debaterse e ser obxecto de acordos na Xunta Directiva aqueles temas que, aínda que non fosen previamente incluídos na orde do día, polas súas características peculiares e a súa urxencia así o considere a maioría dos membros da Xunta. Para iso requírese a presenza de todos os seus membros. Cando a urxencia do asunto así o aconselle, o presidente poderá incluír na orde do día o novo asunto que se vai tratar, cunha antelación de 24 horas.

Artigo 23. Competencias do Pleno

Son competencias do Pleno da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Coruña:

1. A concesión de autorización para outorgar poderes xerais ou especiais por parte do presidente a procuradores, letrados ou mandatarios.

2. A convocatoria de eleccións para cubrir cargos da Xunta Directiva.

3. A designación, por proposta do presidente, de membros da Xunta Directiva cando os seus cargos queden vacantes e mentres non se cubran de forma regulamentaria.

4. A convocatoria da Asemblea Xeral e a confección da correspondente orde do día.

5. A creación ou suspensión de seccións colexiais e comisións.

6. O nomeamento dos membros da Comisión Deontolóxica e a creación doutras comisións, así como a designación dos seus membros.

6.bis. Aprobar ou rexeitar as solicitudes formuladas por colexiados/as, para que a Comisión Deontolóxica e de Ética emita informes ou atenda consultas en materia de deontoloxía.

7. Outorgar distincións e premios, a concesión do nomeamento de colexiado de honra e a concesión da medalla ao mérito colexial.

8. Propoñerlle á Asemblea a creación de novos premios e distincións.

9. A proposta e aprobación, de ser o caso, de suplementos de créditos.

10. A aprobación e proposta á Asemblea do proxecto de orzamento de ingresos e gastos e da liquidación de orzamentos.

11. Indicarlle ao secretario xeral cuestións relativas á dirección dos servizos administrativos e do persoal do Colexio, conforme as disposicións destes estatutos.

12. A planificación e determinación dos recursos económicos propios e extraordinarios da entidade colexial.

13. O establecemento dos conceptos e da cantidade máxima ata a cal se poderá efectuar o pagamento de gastos previamente orzados, coa única conformidade do tesoureiro-contador e, de ser o caso, do secretario xeral.

14. A regularización dos gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais.

15. En xeral, a administración e a disposición de bens coa limitación que fixan estes estatutos e os orzamentos xerais.

16. A interpretación das normas destes estatutos.

17. Propoñerlle á Asemblea Xeral a designación de auditores.

Artigo 24. Reunións da Comisión Permanente

A Comisión Permanente reunirase ordinariamente unha vez ao mes e extraordinariamente, cando as circunstancias así o aconsellen ou o soliciten tres dos seus membros.

A convocatoria faraa o secretario xeral, por escrito, con corenta e oito horas de antelación, logo de mandato do presidente, na cal sinalará o día e a hora para a reunión en primeira e segunda convocatoria, a orde do día e o lugar da reunión. En caso de urxencia, a convocatoria poderá facerse con menor antelación e por calquera medio de comunicación que permita acreditar o envío, a recepción e o contido.

Durante a sesión soamente se poderán tratar os asuntos da orde do día.

Calquera membro da Comisión Permanente poderá solicitar a inclusión de determinados asuntos na orde do día, o que levará a efecto mediante comunicación escrita dirixida ao presidente, polo menos tres días antes de que sexa cursada a convocatoria, facendo constar o tema, antecedentes e documentación que considere.

Poderán debaterse e ser obxecto de acordos na Comisión Permanente aqueles temas que, aínda que non fosen previamente incluídos na orde do día, polas súas características peculiares sexan considerados de urxencia e así se acorde por maioría e para iso requirirase a presenza do todos os membros da Comisión Permanente.

Sen prexuízo do exposto, cando a urxencia así o aconselle o presidente poderá incluír na orde do día algún asunto para tratar cunha antelación de 24 horas.

Os acordos adoptaranse de igual maneira que nas sesións do Pleno e actuarase igualmente coas actas das sesións e a executividade dos acordos.

Artigo 25. Competencias da Comisión Permanente

Son competencias da Comisión Permanente da Xunta Directiva:

1. En materia de colexiacións, acordar as altas e baixas.

2. A designación de colexiados honoríficos.

3. Autorizar os gastos por custas xudiciais.

4. Resolver diverxencias profesionais entre colexiados.

5. Conceder o aprazamento no pagamento das cotas.

6. Acordar a apertura de informacións previas, de expedientes disciplinarios e a designación do instrutor e secretario dos procedementos.

7. Acordar a baixa do colexiado nos casos de falta de pagamento de cotas.

8. Autorizar a cancelación de sancións.

9. Propoñerlle ao Pleno o nomeamento dos membros das comisións e doutros cargos de designación.

10. Propoñerlle ao Pleno as disposicións e normas que procedan para a aplicación e o desenvolvemento destes estatutos.

Sección 2ª. Cargos da Xunta Directiva

Artigo 26. Do presidente

O presidente velará polo cumprimento das prescricións legais e regulamentarias e dos acordos e disposicións que diten o Consello Galego de Colexios de Médicos de Galicia, a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.

As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle confiren estes estatutos, deberán ser acatadas sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.

Ademais, corresponderanlle as seguintes funcións:

1. Presidir todas as reunións dos órganos de goberno colexial, ordinarias e extraordinarias, e calquera outra reunión de colexiados a que asista.

2. Nomear as comisións por proposta, de ser o caso, do Pleno.

3. Convocar, abrir, dirixir e levantar as sesións.

4. Asinar as actas que lle corresponda, logo de ser aprobadas.

5. Solicitar dos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos dos órganos de goberno, e ilustralos nas súas deliberacións e resolucións.

6. Autorizar o documento que aprobe a Xunta Directiva como xustificante de que o facultativo está incorporado ao Colexio.

7. Autorizar os informes e comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.

8. Autorizar as contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades.

9. Visar as certificacións que expida o secretario.

10. Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e libros de contabilidade.

11. Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos colexiados e polo decoro do Colexio.

No orzamento colexial figurarán as partidas precisas para atender decorosamente os gastos de representación.

Artigo 27. Dos vicepresidentes

Os vicepresidentes levarán a cabo todas aquelas funcións que lles confira o presidente e asumirán as deste en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación.

Vacante a Presidencia, o vicepresidente primeiro exercerá a Presidencia ata a terminación do mandato.

O vicepresidente segundo levará a cabo as funcións que lle confira o presidente e asumirá as do vicepresidente primeiro en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación deste. Vacante a Vicepresidencia primeira, ocuparaa ata a terminación do mandato.

O vicepresidente terceiro levará as funcións que lle confira o presidente.

Artigo 28. Do secretario xeral

Independentemente das outras funcións que deriven destes estatutos, das disposicións vixentes e das ordes procedentes da Presidencia, correspóndelle ao secretario xeral:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba do presidente e coa anticipación debida.

2. Redactar as actas da asemblea xeral, así como as das reunións que realice a Xunta Directiva, en pleno e en comisión permanente, con expresión dos membros que asistan, coidando de que se copien, despois de aprobadas, no libro correspondente, e asinalas co presidente.

3. Levar os libros que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo; deberá existir aquel en que se anoten as sancións que se lles impoñen aos colexiados.

4. Recibir e dar conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

5. Asinar co presidente o documento acreditativo de que o médico está incorporado ao Colexio.

6. Expedir as certificacións que soliciten os interesados.

7. Redactar anualmente a memoria que reflicta as vicisitudes de ano, que se deberá ler na asemblea ordinaria.

8. Asumir a dirección dos servizos administrativos e do persoal do Colexio conforme as disposicións destes estatutos, e segundo as indicacións acordadas polo Pleno da Xunta Directiva.

Artigo 29. Do vicesecretario xeral

O vicesecretario, conforme acorde a Xunta Directiva, auxiliará no traballo o secretario e asumirá as súas funcións en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 30. Do tesoureiro-contador

Correspóndelle ao tesoureiro-contador dispoñer o necesario para levar a termo a contabilidade do Colexio, asinando os cheques e talóns das contas correntes bancarias, así como os libramentos e cargas, que serán autorizados coas sinaturas do presidente ou do secretario da Corporación.

Todos os anos formulará a conta xeral de tesouraría, que someterá á aprobación do Pleno da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral. Así mesmo, redactará o proxecto de orzamento, que será aprobado pola Xunta Directiva e pola Asemblea Xeral, e subscribirá o balance que se deduza da contabilidade, efectuando os arqueos que correspondan dunha maneira regular e periódica.

Artigo 31. Dos vogais

Os vogais participarán activamente no Pleno da Xunta Directiva e corresponderalles, ademais, aquelas funcións que lles encomenda a Xunta Directiva.

Artigo 31 bis. Da figura do xerente

Para dirixir, ordenar e coordinar a actividade e o funcionamento colexial poderase contratar un xerente.

TÍTULO V

Réxime electoral

Artigo 32

1. Os cargos da Xunta Directiva proveranse mediante elección directa e secreta –na cal teñen dereito a participar todos os colexiados incluídos no censo electoral– que se pechará o último día do mes anterior á data de convocatoria de eleccións.

Os colexiados que sexan persoas xurídicas non terán dereito de voto.

2. Para ser elixible como vogal será necesario estar colexiado e estar ao día en todas as obrigas corporativas, non estar afectado por prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria nin estar sometido a expediente. Para os demais cargos (presidente, vicepresidentes, secretario xeral, vicesecretario xeral e tesoureiro), ademais, será necesario estar no exercicio da profesión.

3. O período de mandato dos membros da Xunta Directiva será de catro anos e poderán ser reelixidos.

Artigo 33

A convocatoria de eleccións realizaraa a Xunta Directiva antes de finalizar o mandato.

A dita convocatoria seralles comunicada mediante circular aos/ás colexiados/as, de maneira telemática, e publicada na sede electrónica do Colexio, todo iso sen prexuízo de que se poida difundir nos medios de comunicación.

A convocatoria sinalará a data de votación e os prazos para a presentación de candidaturas, que durará polo menos vinte días naturais.

En todo caso, a votación será persoal ou por correo.

Os candidatos deberán reunir os requisitos do artigo anterior e solicitalo por escrito á Xunta Directiva. As solicitudes soamente se poderán facer candidatura conxunta e completa.

Artigo 34

Expirado o prazo de presentación de candidaturas, a Xunta Electoral reunirase en sesión extraordinaria e proclamará candidatos aqueles que reúnan os requisitos legais exixibles, considerando electos os que non teñan opoñentes.

Diso darase conta aos/ás colexiados.

Artigo 35

O desenvolvemento do proceso electoral axustarase ao seu propio e específico regulamento que aprobe a Xunta Directiva.

Artigo 36

Os membros das xuntas directivas cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración ou termo do prazo para o cal foron elixidos.

b) Renuncia do interesado.

c) Nomeamento para un cargo do Goberno, ou da Administración pública central, autonómica, local ou institucional, de carácter executivo.

d) Condena por sentenza firme que comporte inhabilitación para cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave.

f) Perda das condicións de elixibilidade.

Artigo 37

O Consello Galego adoptará as medidas que considere convenientes para completar provisionalmente, cos colexiados máis antigos, a Xunta Directiva cando se produza o cesamento de máis da metade dos cargos.

Esta xunta provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección, que se convocará no prazo máximo de trinta días.

Cando non se dea o suposto antes previsto, as vacantes cubriranse de forma regulamentaria; mentres, a Xunta Directiva poderá designar os colexiados que deban substituír temporalmente os cesantes. Esa designación non poderá ser superior a un ano e, en caso de restar de mandato máis tempo, convocaranse eleccións aos cargos.

Ao cubrirse calquera destes cargos por elección, a duración do mandato acadará soamente ata o próximo período electoral.

TÍTULO VI

Órganos de participación e asesoramento

Artigo 38

Por instancia ou por iniciativa da Xunta Directiva ou dos colexiados que compartan un modo de exercicio profesional ou teñan en común unha problemática ou teñan calquera tipo de inquietude, poderase acordar a creación dun órgano de participación ou de asesoramento coa denominación que para o efecto se determine.

Os órganos de participación e asesoramento poderán exercer as funcións delegadas que o Pleno da Xunta Directiva lles asigne, aténdose ao establecido no acordo de delegación.

É deber dos colexiados participar e colaborar cos órganos aos cales pertenza.

Constitúe función primordial destes órganos asesorar e colaborar cos órganos de goberno do Colexio en todos aqueles asuntos relacionados co ámbito de cada un deles.

A constitución, funcións e o seu réxime de funcionamento virán definidos no seu respectivo regulamento, que será aprobado polo Pleno da Xunta Directiva.

TÍTULO VII

Da ética, deontología e calidade asistencia

Artigo 39

Como órgano asesor, consultivo e de estudo en materia de deontoloxía médica existirá unha Comisión Deontolóxica e de Ética cuxos membros serán designados polo Pleno da Xunta Directiva.

Polo carácter das funcións que comporta ser membro desta comisión, os membros que a integren deberán posuír a suficiente formación e habilidades nos ámbitos da clínica, a ética, a deontoloxía ou o dereito sanitario.

O tempo de mandato de cada comisión deontolóxica e de ética será de catro anos a partir da toma de posesión. De se producir vacante, farase nova designación para cubrila ata esgotar o mandato.

Son requisitos para ser membro desta comisión:

– Ser colexiado.

– Non estar sancionado nin sometido a expediente disciplinario.

– Non ser membro da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva tamén poderá designar como membro da Comisión calquera persoa que, non sendo médico colexiado, teña formación, coñecementos e experiencia nas materias incluídas no ámbito de traballo e estudo da Comisión. En todo caso, o número de membros médicos colexiados sempre será maior que o de membros non médicos.

Para cuestións ou materias específicas, a Comisión poderá pedir o asesoramento e mesmo a asistencia ás súas sesións de especialistas ou profesionais non membros.

Artigo 40

A Comisión elixirá de entre os seus membros médicos colexiados un presidente e un secretario, de ser o caso, un vicepresidente e un vicesecretario.

Os acordos tomaranse por maioría de asistentes, con voto de calidade do presidente en caso de empate. Salvo en informes ou ditames sobre cuestións disciplinarias, que será necesario o voto favorable da maioría dos membros da Comisión.

De cada sesión, cuxa convocatoria lle corresponde ao presidente, levantarase a acta que será asinada por aquel e o secretario, e unha copia desta será remitida á Xunta Directiva do Colexio.

Artigo 41

1. Son funcións da Comisión Deontolóxica e de Ética:

– Asesorar a Xunta Directiva en todos aqueles asuntos en que esta considere oportuno o seu ditame.

– Elaborar informes, realizar propostas ou recomendacións e redactar documentos destinados á colexiación sobre temas vinculados á deontoloxía e á ética que se consideren importantes ou de actualidade, ou que pola súa especial peculiaridade así se considere oportuno.

2. Será preceptivo o seu informe nos seguintes supostos:

– En todas aquelas cuestións en que, por afectar a deontoloxía médica, deban aplicarse os principios contidos no Código Deontolóxico.

– Previamente á imposición de calquera tipo de sanción a un colexiado.

3. A Comisión Deontolóxica e de Ética entregaralle á Xunta Directiva os seus ditames e informes sobre todas as denuncias e cuestións que lle sexan presentadas cos límites do respecto á intimidade das persoas e á lexislación sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 42

A Comisión Deontolóxica e de Ética emitirá informes e atenderá consultas que poidan formular os colexiados en materia de deontoloxía, logo de aprobación da solicitude polo Pleno de Xunta Directiva.

Artigo 43

No ámbito do desenvolvemento e exercicio das súas funcións, os membros da Comisión Deontolóxica e de Ética observarán os límites do Código de Deontoloxía vixente e do ordenamento xurídico en xeral.

TÍTULO VIII

Das humanidades médicas

Artigo 44. Instituto de Humanidades Médicas

As actividades na área de humanidades canalizaranse a través dun Instituto ou dunha Fundación de Humanidades Médicas que promocionará, potenciará e realizará todas aquelas actividades relacionadas coa tradición humanística médica.

TÍTULO IX

Da colexiación

Artigo 45. Obrigatoriedade da colexiación

1. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión médica na provincia da Coruña, en calquera das súas modalidades, a incorporación previa ao Colexio Oficial de Médicos da provincia nos termos establecidos na normativa reguladora sobre obrigatoriedade de colexiación.

2. De toda inscrición, alta ou baixa, darase inmediata conta ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos.

3. Aos profesionais que, pertencendo a distinto colexio, exerzan na provincia da Coruña, o Colexio non lles poderá exixir comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, para exercer nesta provincia precisarase unha comunicación previa ao Colexio, e iso sen prexuízo do disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Para o exercicio efectivo da función de control da actividade dos colexiados adoptarán os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

4. Enténdese como obrigatoria a pertenza ao Colexio onde se exerza a profesión con carácter habitual.

Artigo 46. Solicitudes de colexiación

1. Para ser admitido no Colexio Oficial de Médicos da Coruña xuntarase á solicitude o correspondente título profesional orixinal ou testemuño notarial deste mesmo, documento nacional de identidade ou documento de identidade equivalente en caso de cidadán comunitario ou estranxeiro, tres fotografías tamaño carné e o resto de documentos ou requisitos administrativos requiridos pola normativa ad hoc.

2. Cando o solicitante proceda doutra provincia deberá presentar, ademais, certificado de baixa expedido polo Colexio de orixe, utilizando o modelo establecido para o efecto no cal se exprese que está ao día no pagamento das cotas colexiais e que non está inhabilitado temporal ou definitivamente para o exercicio da profesión.

3. O solicitante fará constar se se propón exercer a profesión, lugar en que o vai facer e modalidade daquela, e achegará os títulos de especialista oficialmente expedidos, recoñecidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación se vai exercer como médico especialista.

4. A Xunta Directiva acordará, no prazo dun mes, o que considere pertinente verbo da solicitude de inscrición, efectuará neste prazo as comprobacións que crea necesario e poderá solicitar do solicitante documentos ou aclaracións complementarias.

5. Para o suposto caso dos médicos recentemente graduados que non recibisen o título que habilite para o exercicio da profesión de médico, a Xunta Directiva concederá unha colexiación transitoria e temporal coa condición de que o interesado presente un certificado da universidade que xustifique ter aboado os dereitos de expedición do título correspondente, o cal terá a obriga de presentar no Colexio, para o seu rexistro, cando lle sexa facilitado. Transcorrido un ano, a colexiación provisional caducará e o interesado poderá solicitar a súa renovación.

6. Para a colexiación de médicos estranxeiros observarase o que determinen as disposicións vixentes.

7. Cando se trate dunha sociedade profesional, ademais de acreditar a inscrición previa no Rexistro Mercantil, a solicitude constará dos seguintes datos:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e nota identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante, e duración da sociedade se se constituíse por un tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

d) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

A sociedade inscribirase no Rexistro de Sociedades Profesionais que se constitúe no Colexio e que se regula por un regulamento propio, aprobado pola Asemblea de colexiados.

8. Sempre que as circunstancias tecnolóxicas e documentais e permitan, os trámites para a colexiación poderán facerse a través do portelo único.

Artigo 47. Denegación de colexiación e recursos

1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes e ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando o peticionario non acredite ter satisfeito as cotas de colexiado no colexio de orixe.

c) Cando fose condenado, por sentenza firme, que no momento da solicitude inhabilíteo para o exercicio profesional.

d) Cando fose expulsado doutro colexio sen ter sido rehabilitado.

e) Cando, ao formular a solicitude, se encontrase suspenso do exercicio da profesión en virtude de sanción disciplinaria imposta no seo da Organización Médica Colexial.

Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxeron á colexiación, esta deberá ser aceptada polo Colexio sen dilación nin escusa ningunha.

2. Se a Xunta Directiva acorda denegar a colexiación pretendida, notificaralle ao interesado o acordo, que deberá ser motivado.

3. Contra o acordo en que se denegue a colexiación, poderá o interesado formular recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos. Esgotada a vía administrativa, quedará aberta a vía xudicial.

Artigo 48. Trámites posteriores á admisión

Admitido o solicitante no Colexio Oficial de Médicos da Coruña, expediráselle a tarxeta de identidade correspondente e darase conta da súa inscrición ao Consello Galego no modelo de ficha normalizada que este estableza. Así mesmo, abrirase un expediente no cal se consignarán os seus antecedentes e a actuación profesional. O colexiado estará obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os ditos antecedentes.

Artigo 49. Colexiación de oficio

1. Cando un médico estea a exercer a profesión sen a obrigatoria incorporación a un colexio oficial, este poderá proceder, de oficio, á súa colexiación, logo de instrución do correspondente procedemento, sempre que cumpra coas condicións necesarias para o seu ingreso, determinadas neste estatuto.

2. Con carácter previo á resolución do procedemento deberá outorgarlle trámite de audiencia. Para a comprobación do cumprimento das condicións de ingreso, o Colexio poderá solicitar canta información, datos ou documentos estean ao dispor das administracións públicas, nos termos prescritos polos artigos 141 e 142 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. O prazo máximo para resolver e notificar é de seis (6) meses. A resolución que adopte a Xunta Directiva notificaráselle ao interesado, quen poderá interpoñer contra ela os recursos procedentes.

4. A notificación da resolución pola que, de ser o caso, se acorde o ingreso no Colexio determinará a inmediata suxeición do profesional á normativa colexial, así como a asunción de todas as obrigas derivadas da condición de colexiado.

5. Todo o anterior se entende sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese, derivada da infracción do deber legal de colexiación.

Artigo 50. Clases de colexiados

1. Para os fins destes estatutos, os colexiados clasifícanse en:

a) Con exercicio.

b) Sen exercicio.

c) Honoríficos.

d) De honra.

2. Serán colexiados con exercicio cantos practiquen a medicina en calquera das súas diversas modalidades de exercicio libre ou de exercicio por conta allea.

3. Serán colexiados sen exercicio aqueles médicos que non exerzan a profesión.

4. Serán colexiados honoríficos e, polo tanto, exentos de pagar as cotas colexiais, os médicos que cesen de maneira definitiva no exercicio da profesión. Deben estar ao día nas cotas colexiais e ser aprobados nesta condición honorífica pola Xunta Directiva.

5. Cando, polos seus relevantes méritos, o colexiado se faga acredor de superior distinción, poderá ser elevado á consideración de colexiado de honra.

Así mesmo, poderá ser nomeada colexiado de honra toda persoa que, polos seus méritos, así acorde a Xunta Directiva.

Artigo 51. Distincións e premios

1. O Colexio Oficial de Médicos da Coruña, por propia iniciativa, poderá outorgar distincións e honras de distinta categoría conforme os merecementos acadados na orde corporativa e/ou profesional por aquelas persoas que se fixesen acredores deles.

Para tal fin, poderase constituír no seo do Colexio unha comisión, denominada de Honras e Premios, cuxos membros serán designados pola Xunta Directiva e que terá a seguinte composición: presidente, secretario, tres vogais e quen fose distinguido coa máis alta distinción colexial.

Todos os seus membros actuarán con voz e voto. O seu mandato concluirá co da Xunta Directiva que os nomease. A Comisión reunirase canto así o acorde a Xunta Directiva e, en todo caso, polo menos unha vez ao ano, por convocatoria do seu presidente. O secretario levantará a acta das reunións e remitiralla para a súa tramitación correspondente á Xunta Directiva, que decidirá definitivamente.

A concesión da máis alta distinción colexial a persoas ou institucións de calquera natureza ou sector que se destaquen polo seu apoio ou defensa dos intereses da Corporación quedará á marxe da intervención da Comisión de Honras e Premios.

2. O Pleno da Xunta Directiva poderá nomear colexiado ad honorem, sen efectos colexiais, aquelas persoas, médicos ou non, que realizasen un labor relevante e meritorio en relación coa profesión médica.

3. O Colexio Oficial de Médicos da Coruña poderá nomear como presidente/a de honra deste, aquela persoa que se fixese acredora polos merecementos acadados e pola dedicación consagrada ao Colexio, en opinión do Pleno da Xunta Directiva.

A Asemblea Xeral será o órgano competente para decidir o nomeamento do presidente/a de honra, logo de proposta do Pleno da Xunta Directiva.

O Pleno da Xunta Directiva establecerá as funcións do/da presidente/a de honra.

Artigo 52

1. Para os colexiados de honra establécense tres categorías de premios, que terán carácter anual:

– Medalla de ouro e brillantes e pergamiño.

– Medalla de ouro e pergamiño.

– Medalla de prata e pergamiño.

Para outorgar estes nomeamentos valorarase o labor relevante e meritorio das persoas ou institucións que se pretenda distinguir, calquera que sexan as súas actuacións a favor ou en defensa da clase médica en xeral ou da medicina, pero singularmente serán tidos moi en conta os seguintes merecementos: o exercicio profesional exemplar, a actividade consagrada á defensa da ética profesional, a actividade que se destaque polo apoio aos altos intereses da corporación médica provincial, os actos médicos individualizados cando teñan extraordinaria relevancia científica, profesional, social ou humana.

Cada ano só se poderá conceder un máximo de dúas insignias de ouro e brillantes. Discrecionalmente determinarase a categoría outorgada.

2. Distincións:

– Insignia de ouro e pergamiño aos colexiados máis antigos.

– Insignia de prata e pergamiño aos colexiados honoríficos.

3. As insignias e os pergamiños terán o deseño que determinará a Xunta Directiva de acordo cos criterios de identidade corporativa que se aproben en cada momento.

Artigo 53

A concesión farase pública polos medios de difusión colexiais e outorgarase o nomeamento ao distinguido coa maior solemnidade.

Levarase un rexistro especial de colexiados de honra que conterá as persoas que se distinguiron, facendo constar o número de orde do nomeamento e o nome da persoa física ou xurídica a cuxo favor se tomase o acordo.

Artigo 54

Logo de acordo da Asemblea Xeral, poderán crearse outras distincións e premios para a recompensa e estímulo de honra, prestixio e dedicación aos altos valores que comporta o exercicio da medicina.

Artigo 55. Dereitos dos colexiados

1. Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición, o de voto e ao acceso aos postos e cargos directivos, mediante os procedementos e cos requisitos establecidos nestes estatutos colexiais.

b) Ser defendidos, por petición propia, polo Colexio ou polo Consello Galego, cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representados e apoiados polo Colexio, o Consello Galego e a Asesoría Xurídica cando necesiten presentar reclamacións fundadas á autoridade, tribunais, entidades públicas ou privadas e en cantas diverxencias xurdan en ocasión do exercicio profesional; serán por conta do colexiado solicitante os gastos e as custas xurídicas que o procedemento ocasione, salvo decisión contraria da Xunta Directiva ou do Consello Galego.

d) Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, estes estatutos ou as validamente acordadas.

2. Para o exercicio do dereito de sufraxio activo e pasivo será indispensable ser persoa física colexiada.

Artigo 56. Deberes dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Cumprir o disposto nos estatutos e as decisións dos órganos do Colexio provincial e do Consello Galego, sen prexuízo de interpoñer os recursos que procedan.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais.

c) Levar coa máxima lealdade as relacións co Colexio e cos outros colexiados, e comunicarlle a aquel calquera vexación ou atropelo a un compañeiro no exercicio profesional, de que teñan noticia, ou os que recibise en por si doutros compañeiros.

d) Comunicarlle ao Colexio os cargos que ocupen en relación coa súa profesión e especialidades que exerzan co seu título correspondente, para efectos de constancia nos seus expedientes persoais, así como calquera outro dato que lles sexa solicitado.

e) Comunicar igualmente os seus cambios de residencia ou domicilio.

f) Cumprir calquera requirimento que lles faga o Colexio ou o Consello Galego e, especificamente, prestar apoio ás comisións a que fosen incorporados.

g) Tramitar por conduto do Colexio, que lles dará curso, con preceptivo informe, toda petición ou reclamación que deba formular ao Consello Galego.

h) Certificar o estado de saúde ou enfermidade ou do grao de incapacidade ou a defunción exclusivamente en impresos oficiais editados pola Organización Médica Colexial, de conformidade coa normativa vixente.

i) Cumprir coas normas de deontoloxía aprobadas para o efecto.

j) Dar conta ao Colexio das denuncias ou queixas que formule ou pretenda formular contra algún compañeiro ante calquera autoridade sanitaria, administrativa ou xudicial.

k) Inscribirse no Rexistro Público de Profesionais Sanitarios e comprometerse á actualización permanente dos seus datos,, nas condicións fixadas pola normativa aplicable.

Artigo 57. Prohibicións

Ademais das prohibicións sinaladas no Código Deontolóxico, de rigorosa observancia, e do establecido nos artigos anteriores, todo colexiado se absterá de:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a consagración científica ou profesional.

b) Tolerar, encubrir ou colaborar con quen, sen posuír o título que habilite para o exercicio da profesión de médico, trate de exercer a profesión, practique ou practicase o intrusionismo.

c) Utilizar como receita impresos que leven anuncios ou signos de preparados farmacéuticos, nomes de casas produtoras ou calquera outra indicación que poida servir de publicidade.

d) Poñerse de acordo con calquera outra persoa ou entidade para lograr fins utilitarios que sexan ilícitos ou atenten contra a corrección profesional.

e) Venderlles ou administrarlles aos clientes, utilizando a súa condición de médico, drogas, herbas medicinais, produtos farmacéuticos ou especialidades propias.

f) Prestarse a que o seu nome figure como director facultativo, colaborador ou asesor de centros de curación, industrias ou empresas relacionadas coa medicina, que non dirixan ou asesoren persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ao Código Deontolóxico.

g) Aceptar remuneracións ou beneficios directos ou indirectos, en calquera forma, da industria farmacéutica ou de firmas de material técnico e científico de utilidade diagnóstica e farmacéutica, balnearios, sociedades, de augas minerais ou medicinais, ópticas, etc., en concepto de comisión, como acción propagandística ou como provedor de clientes, ou por outros motivos que non sexan de traballos encomendados de conformidade coas normas vixentes.

h) Empregar, para o tratamento dos seus enfermos, medios ou produtos non controlados cientificamente e simular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

i) Realizar prácticas dicotómicas.

j) Desviar os enfermos das consultas públicas de calquera índole cara á consulta privada con fins interesados.

k) Permitirlles o uso da súa clínica a persoas que, mesmo posuíndo o título de licenciado ou doutor en Medicina, non fosen dadas de alta no Colexio.

l) Exercer a medicina cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o/a incapaciten para o dito exercicio, logo de recoñecemento médico pertinente, ou encubrir aqueles que exerzan baixo esas condicións.

m) Colaborar con envío de pacientes, ou de calquera outra forma, en actividades propiciatorias do intrusionismo médico.

Artigo 58. Diverxencias entre colexiados

As diferenzas de carácter profesional que poidan xurdir entre colexiados serán sometidas en primeira instancia a obter unha resolución da Xunta Directiva ou, de ser o caso, do Consello Galego, se se trata de colexiados pertencentes a distintas provincias ou membros da Xunta Directiva.

Artigo 59. Perda da condición de colexiado

A condición de colexiado perderase:

a) Por falecemento.

b) Por baixa voluntaria en caso de non exercicio.

c) Por condena firme que comporte como pena principal ou accesoria a de inhabilitación para o exercicio da profesión.

d) Por sanción firme de expulsión do Colexio, acordada en expediente disciplinario.

En todo caso, a perda da condición de colexiado non liberará o interesado do cumprimento das obrigas vencidas.

A perda da condición de colexiado será acordada pola Xunta Directiva en resolución motivada.

TÍTULO X

Réxime económico e financeiro

Artigo 60. Competencias

A economía do Colexio é independente da doutros organismos da organización médica colexial, pois é autónomo na xestión e administración de bens e libre de adquirir compromisos de índole económica.

O patrimonio e os recursos do Colexio serán administrados pola súa Xunta Directiva. O tesoureiro exercerá funcións de ordenador de pagamentos, cuxas ordes estarán autorizadas polo presidente.

Artigo 61. Confección e liquidación do orzamento

Anualmente, o tesoureiro-contador confeccionará o proxecto de orzamento de ingresos e gastos e someterao á aprobación do Pleno da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, xuntamente coa liquidación do correspondente ao exercicio pasado.

Quince días antes da realización da asemblea, quedarán ao dispor dos seus membros a liquidación e o balance dos orzamentos referidos cos seus xustificantes de ingresos e gastos efectuados.

Artigo 62. Recursos económicos

Os recursos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña serán de carácter ordinario e extraordinario.

1. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o seu patrimonio.

b) Os dereitos que se establezan para a elaboración remunerada de informes, ditames, estudos, recoñecementos de sinaturas e outros servizos.

c) Os dereitos de incorporación ou habilitación, se se establecen, as cotas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas, a participación asignada aos certificados, os selos autorizados e os impresos de carácter oficial.

d) O libramento de certificacións fidedignas.

e) Os dereitos de intervención profesional.

f) Calquera outro que, legalmente, se poida asimilar aos anteriores.

2. Serán recursos extraordinarios:

a) Os donativos ou subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens que, a título hereditario ou por calquera outra causa, sexan incorporados ao patrimonio colexial.

c) Os que proveñan das sancións económicas.

d) Calquera outro que sexa legalmente posible e que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 63. Cotas de entrada

Os colexiados satisfarán, ao inscribirse no Colexio, unha cota de entrada cuxo importe non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.

Artigo 64. Cotas ordinarias

Os colexiados con ou sen exercicio están obrigados a satisfacer as cotas fixadas.

Non se poderá librar certificación colexial, nin sequera de baixa, ao colexiado moroso.

A Xunta Directiva está facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas e débitos nas condicións que acorde en cada caso particular.

Artigo 65. Cotas extraordinarias

Por acordo da Asemblea Xeral poderán establecerse cotas extraordinarias que serán satisfeitas obrigatoriamente polos colexiados. Estas poderán ser únicas, en forma de derrama, ou periódicas, polo tempo que se determine.

Artigo 66. Recadación de cotas

A cota de entrada aboarase no momento da inscrición no Colexio. As cotas ordinarias e as extraordinarias, de ser o caso, cobraranse trimestralmente mediante domiciliación bancaria.

Artigo 67. Gastos

a) Os gastos de Colexio serán os necesarios para o sostemento dos servizos, sen que se poida efectuar pagamento ningún non previsto no orzamento aprobado, salvo casos xustificados, nos cales, e tendo en conta as disposicións de tesouraría, a Xunta Directiva poderá acordar a habilitación dun suplemento de crédito.

b) Sen a autorización expresa do presidente ou do tesoureiro non se poderá realizar gasto ningún.

Na caixa do Colexio existirá a cantidade necesaria para facer fronte aos seus pagamentos, e estes negociaranse, sempre que sexa posible, cunha entidade bancaria.

c) Os gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais serán aboados polo Colexio nas contías e condicións que regule o Pleno da Xunta Directiva. Observarase o mesmo criterio nos supostos en que calquera colexiado sexa designado polo órgano de goberno do Colexio para a realización da función concreta que se lle designe.

d) Poderase acordar o establecemento dunha remuneración fixa aos membros da Xunta Directiva que así se considere pola súa específica e habitual dedicación ao cargo.

Artigo 68. Destino dos bens en caso de disolución

En caso de disolución do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, nomearase unha comisión liquidadora, a cal, no caso de que haxa bens e valores sobrantes, despois de satisfacer as débedas, lles adxudicará estes aos organismos que o substitúan, á Fundación Hipocrática para a Saúde ou ás entidades benéficas e de previsión social dos médicos, preferentemente dentro do seu ámbito territorial.

TÍTULO XI

Certificados médicos oficiais

Artigo 69

Os médicos colexiados deberán utilizar, para certificar, os impresos oficiais editados e distribuídos para tal fin, de conformidade coa normativa vixente. O Colexio velará polo cumprimento estrito da súa aplicación e inspeccionará o seu uso, e adoptará as medidas pertinentes en caso de irregularidades.

TÍTULO XII

Réxime disciplinario

Artigo 70. Principios xerais

1. Os colexiados incorrerán en responsabilidade disciplinaria nos supostos e circunstancias establecidos nestes estatutos.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades de calquera outra orde en que os colexiados poidan incorrer.

3. Non se poderán impoñer sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto, conforme o procedemento establecido neste capítulo. Con todo, non será preceptiva a instrución previa de expediente para a imposición de sancións motivadas pola comisión de faltas cualificadas de leves, logo de audiencia do interesado.

4. A potestade sancionadora correspóndelle á Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos da Coruña. Con todo, o axuizamento e a sanción das faltas cometidas polos membros da Xunta Directiva serán competencia do Consello Galego.

5. Os acordos sancionadores serán inmediatamente executivos, sen prexuízo dos recursos que procedan. Con todo, no caso de que a dita execución poida ocasionar prexuízos de imposible ou difícil reparación, o organismo sancionador poderá acordar, de oficio ou por instancia de parte, a suspensión de execución do acordo impugnado.

6. O Colexio dará conta inmediata ao Consello Galego de Colexios Médicos e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de todas as sancións que impoña por faltas graves ou moi graves, con remisión dun extracto do expediente.

7. As sociedades profesionais rexistradas no Rexistro do Colexio quedan, así mesmo, sometidas ao réxime disciplinario regulado neste título.

Artigo 71. Faltas disciplinarias

As faltas disciplinarias clasificaranse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial ou que deban ser tramitadas polo seu conduto.

b) A neglixencia en comunicar ao Colexio as vicisitudes profesionais para a súa anotación no expediente persoal.

c) A desatención respecto aos requisitos ou peticións de informes solicitados polo Colexio.

2. Son faltas graves:

a) Non corresponder á solicitude de certificación ou información derivada da asistencia, nos termos éticos, cando iso supoña un prexuízo para o enfermo.

b) O abuso manifesto nos honorarios.

c) A desatención respecto aos requisitos ou peticións de informe solicitados polo Colexio que, ademais, comporte un prexuízo ou dano á institución ou a terceiras persoas.

d) A indisciplina deliberadamente rebelde fronte aos órganos de goberno colexiais e, en xeral, a falta grave de respecto debido a aqueles.

e) Os actos e omisións que atenten contra a moral, decoro, dignidade, prestixio e honorabilidade da profesión, ou sexan contrarios ao respecto debido aos colexiados.

f) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou neglixencia, con prexuízo para terceiros.

g) O incumprimento das normas sobre restrición de estupefacientes e a explotación de toxicomanías.

h) Exercer ou ter exercido sen estar colexiado.

i) O incumprimento das funcións como membro de órgano instrutor de procedementos disciplinarios.

j) A actuación como socio profesional nunha sociedade profesional cando se incorra en causa de incompatibilidade ou inhabilitación.

k) A actuación da sociedade profesional con incumprimento do ordenamento profesional e deontolóxico.

l) A reiteración das faltas leves durante o ano seguinte á súa sanción.

m) A emisión de informes ou expedición de certificados con falta á verdade.

n) Atribuírse unha competencia ou título que non se posúe.

3. Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso en materia profesional.

b) A violación dolosa do segredo profesional.

c) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

d) A desatención, maliciosa ou intencionada, dos enfermos.

e) A reiteración das faltas graves durante os dous anos seguintes á súa sanción.

4. O incumprimento dos deberes establecidos no artigo 56 destes estatutos, a incursión en calquera das prohibicións sinaladas no artigo 57 ou o incumprimento das normas do Código Deontolóxico, que non estean especificados nos números 1, 2 e 3, serán cualificados por similitude aos incluídos nos números citados deste artigo.

Será oída a Comisión Deontolóxica, en todo caso, antes de impoñerse calquera sanción.

Artigo 72. Sancións disciplinarias

1. Por razón das faltas a que se refire o artigo precedente, poden impoñerse as seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento mediante oficio.

c) Suspensión temporal do exercicio profesional.

d) Expulsión do Colexio.

e) Sanción económica ata 6.000 €.

2. As faltas leves serán sancionadas con amoestación privada e/ou multa, ou apercibimento mediante oficio e/ou multa. Estas sancións serán impostas por acordo da Xunta Directiva.

3. A comisión de falta cualificada de grave sancionarase con suspensión do exercicio profesional por un tempo inferior a un ano e/ou multa.

4. A comisión de falta cualificada como moi grave sancionarase con suspensión do exercicio profesional por un tempo superior a un ano e inferior a dous e/ou multa.

5. A sanción de expulsión do Colexio comportará a inhabilitación para incorporarse a calquera outro mentres non sexa expresamente autorizado polo Consello Galego. Esta sanción soamente se poderá impoñer pola reiteración de faltas moi graves, e o acordo que determine a súa imposición deberá ser adoptado polo Pleno da Xunta Directiva, coa asistencia das dúas terceiras partes dos membros correspondentes deste, e a conformidade da metade daqueles que o integran.

O cobramento da sanción que consista en multa será efectivo mediante requirimento ao sancionado, ao cal se lle concederá un prazo de trinta días para facer efectivo o seu importe. Transcorrido este, o presidente do Colexio, logo de acordo da Comisión Permanente, instará o procedemento xudicial correspondente para obter o pagamento debido incrementado cos xuros correspondentes. En todo caso, o importe da sanción poderá ser deducido do aboamento que, por calquera concepto, teña que percibir do Colexio.

6. Para a imposición de sancións, deberá o Colexio graduar a responsabilidade do inculpado en relación coa natureza da infracción cometida, transcendencia desta e demais circunstancias modificativas da responsabilidade, e terá potestade para impoñer a sanción adecuada, se for máis dunha a que se estableza para cada tipo de faltas.

7. En caso de sanción por falta moi grave que afecta o interese xeral, poderase dar publicidade na prensa colexial.

Artigo 73. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Por morte do inculpado.

b) Por cumprimento da sanción.

c) Por prescrición da falta.

d) Por prescrición das sancións ou por acordo do Colexio, ratificado polo Consello Galego.

2. As anotacións de sancións serán canceladas definitivamente sempre que, unha vez cumprida a sanción, os colexiados observen boa conduta despois de transcorrido un ano para as leves, tres anos para as graves e cinco anos para as moi graves.

3. As faltas leves prescribirán aos seis (6) meses; as graves, unha vez transcorrido un (1) ano, e as moi graves, aos dous (2) anos.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día da comisión da infracción. No caso de infraccións continuadas ou permanentes, o prazo comezará a contar desde que finalizase a conduta infractora.

A prescrición das infraccións interromperase pola iniciación por parte do Colexio, con coñecemento do interesado, dun procedemento disciplinario.

4. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos duos (2) anos, as impostas por faltas graves, ao ano, e as impostas por faltas leves, aos seis (6) meses. O prazo de prescrición da sanción por falta de execución da mesma comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución sancionadora.

Interromperá a prescrición da sanción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 74. Competencia

As faltas leves serán corrixidas polo presidente do Colexio, por acordo da Xunta Directiva, de conformidade co previsto no artigo 72.2.

A sanción das restantes faltas será da competencia da Xunta Directiva, logo de instrución dun expediente disciplinario e conforme o procedemento que se regula no artigo seguinte.

No caso de presuntas faltas cometidas por colexiados doutras provincias, o expediente tramitarase e resolverá no Colexio onde se cometese, e comunicarásello ao da súa procedencia a través do Consello Xeral e do Consello autonómico respectivo.

As funcións disciplinarias con respecto aos membros das xuntas directivas dos colexios correspóndenlle ao Consello Galego.

Artigo 75. Procedemento

1. O procedemento iniciarase de oficio ou por instancia de parte, sempre mediante acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou por denuncia.

2. A Xunta Directiva do Colexio, ao ter coñecemento dunha suposta infracción, poderá decidir a instrución dunha información previa antes de acordar a incoación de expediente ou, de ser o caso, o arquivamento das actuacións, ben sen imposición de sanción por sobresemento ou ben a dalgunha das previstas para corrixir faltas leves.

3. Decidido o procedemento, o órgano que acordou a súa iniciación poderá adoptar as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso. Non se poderán tomar medidas provisionais que lles poidan causar prexuízos irreparables aos interesados, ou ben que impliquen a violación de dereitos amparados polas leis.

4. A Xunta Directiva, ao acordar a incoación do expediente, designará como instrutor un dos seus membros ou outro colexiado. O designado deberá ter maior antigüidade no exercicio profesional que o expedientado ou, na súa falta, polo menos dez anos de colexiación. Poderase tamén designar secretario ou autorizar o instrutor para nomealo entre os colexiados.

5. Seranlles de aplicación ao instrutor e ao secretario as normas de abstención e recusación dos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

6. O expedientado pode nomear un colexiado para que actúe de defensor ou home bo, o que lle será dado a coñecer, e dispoñerá dun prazo de dez días hábiles, a partir da recepción da notificación, para comunicarlle á Xunta Directiva o citado nomeamento; debendo xuntar a aceptación deste por parte do interesado. O defensor asistirá a todas as dilixencias propostas polo instrutor e poderá propoñer a práctica doutras en nome do seu defendido. Así mesmo, o expedientado poderá acudir asistido de letrado.

7. Compételle ao instrutor dispoñer a achega dos antecedentes que considere necesarios e ordenar a práctica de cantas probas e actuacións conduzan ao esclarecemento dos feitos ou a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.

8. O instrutor formularalle ao expedientado o prego de cargos, no cal se apuntarán con precisión os que aparezan contra el os feitos imputados, a falta presuntamente cometida e as sancións que poidan serlle aplicadas, sen prexuízo da instrución, e concederalle un prazo improrrogable de dez días, a partir da notificación, para que a conteste e propoña as probas que considere convenientes ao seu dereito.

Contestado o prego de cargos, ou transcorrido o referido prazo, o instrutor admitirá ou rexeitará as probas propostas, acordará a práctica das admitidas e cantas outras actuacións considere eficaces para o mellor coñecemento dos feitos.

9. Terminadas as actuacións, o instrutor, dentro do prazo máximo de seis meses desde a data de incoación, formulará proposta de resolución na cal se fixarán con precisión os feitos, fará valoración destes para determinar a falta que considere cometida, precisará a responsabilidade do inculpado e, de ser o caso, a sanción que se vai impoñer.

O dito prazo de seis meses poderá ser prorrogado polo instrutor ata por tres meses máis, en casos excepcionais e cando as circunstancias do caso o requiran, sempre que a prórroga se solicite antes da expiración do prazo. A prórroga acordada seralle notificada ao interesado.

A proposta de resolución notificaráselle ao inculpado para que, no prazo de dez días, con vista do expediente, poida alegar canto considere oportuno na súa defensa.

10. Remitidas así as actuacións á Xunta Directiva do Colexio inmediatamente despois de recibido o escrito de alegacións presentado polo expedientado, ou de transcorrido o prazo para facelo, aquela resolverá o expediente na primeira sesión que teña un lugar, oíndo previamente o asesor xurídico do Colexio, se o houber, e a Comisión de Ética e Deontoloxía, e notificaráselle a resolución ao interesado nos seus termos literais.

11. A Xunta Directiva do Colexio poderá devolverlle o expediente ao instrutor para a práctica daquelas dilixencias que, sendo omitidas, resulten imprescindibles para a decisión. En tal caso, antes de remitir de novo o expediente á Xunta Directiva, darase vista do actuado ao inculpado co fin de que, no prazo de oito días, alegue canto considere conveniente.

12. A resolución pola que se poña fin ao expediente sancionador deberá ser motivada, e nela non se poderán aceptar feitos ou fundamentos destes distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración.

13. Contra a resolución que poña fin ao expediente poderá o interesado interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o Consello Galego de Colexios de Médicos.

14. Contra a resolución ditada polo Consello Galego de Colexios de Médicos poderá o interesado recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO XIII

Réxime xurídico

Artigo 76. Competencias

A competencia é irrenunciable e será exercida precisamente polos órganos colexiais que a teñan atribuída como propia, salvo nos casos de delegación, substitución ou avocación, previstos legalmente.

Artigo 77. Competencia do Colexio

O Colexio é plenamente competente, no seu ámbito territorial, para o exercicio das funcións que lle atribúe a lexislación sobre colexios profesionais, os estatutos xerais da OMC, estes estatutos e os do Consello Galego.

Artigo 78. Eficacia

1. Os acordos ou actos colexiais de regulación interna son públicos e daráselles a publicidade adecuada dentro do ámbito colexial.

2. Os demais acordos ou actos colexiais serán válidos e producirán efectos desde a data en que se diten, salvo que neles se dispoña outra cousa.

A eficacia quedará demorada cando así o exixa o contido do acto ou estea supeditado á súa notificación.

Excepcionalmente, poderáselles outorgar eficacia retroactiva aos actos que se diten en substitución doutros anulados e, así mesmo, cando produzan efectos favorables ao interesado, sempre que os supostos de feito necesarios existisen na data á cal se retrotraia a eficacia do acto e este non lesione dereitos ou intereses lexítimos de terceiros.

Artigo 79. Recursos

1. Contra as resolucións dos órganos colexiais e os actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuar un procedemento ou produzan indefensión poderá interpoñerse recurso de alzada, ante o Consello Galego, no prazo dun mes.

Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso de alzada sen que se notifique a súa resolución, entenderase desestimado e quedará expedita a vía procedente.

Se recae resolución expresa, o prazo para formular o recurso que procede contarase desde a súa notificación.

2. En canto estes actos estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Poderán recorrer contra os actos colexiais:

a) Cando se trate dun acto ou acordo de efectos xurídicos individualizados, os titulares dun dereito subxectivo ou dun interese lexítimo, persoal e directo no asunto.

b) Cando se trate dun acto ou acordo que afecte unha pluralidade indeterminada de persoas, ou a organización en si mesma, entenderase que calquera outro colexiado pertencente ao organismo que o adoptou está lexitimado para recorrer.

4. A interposición do recurso non suspenderá a execución do acto impugnado, pero a autoridade a quen compete resolvelo poderá suspender, de oficio ou por instancia de parte, a execución do acordo impugnado, no caso de que a dita execución poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación.

TÍTULO XIV

Garantías dos cargos colexiais

Artigo 80. Consideración dos cargos

Dada a natureza de corporacións de dereito público dos colexios profesionais, recoñecidos pola lei e amparados polo Estado, o cumprimento das obrigas correspondentes aos cargos electivos terá, para efectos corporativos e profesionais, a consideración e o carácter de cumprimento de deber colexial.

Para todos os efectos, os membros da Xunta Directiva terán a consideración de autoridade no desempeño das súas funcións e competencias.

Artigo 81. Facultades

A designación para un cargo colexial de orixe electiva faculta o seu titular para exercelo libremente durante o seu mandato; comprende as seguintes facultades:

a) Expresar con total liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación colexial.

b) Promover as accións que procedan para a defensa dos dereitos e intereses colexiais confiados ao seu cargo.

c) Reunirse cos restantes membros dos órganos de goberno corporativo, conforme as normas estatutarias, para deliberar, acordar e xestionar sobre temas de actividade colexial.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o exercicio libre da súa función.

e) Obter dos órganos colexiais competentes a información, o asesoramento e a cooperación necesarios nas tarefas do seu cargo.

f) Dispoñer, de acordo coas disposicións aplicables en cada caso, das facilidades precisas para interromper a súa actividade profesional cando as exixencias da súa representación colexial así o impoñan.

Artigo 82. Ausencias e desprazamentos no servizo

Para os efectos do artigo anterior, os colexiados asumirán a cobertura dos servizos correspondentes ao cargo representativo, nos supostos de desprazamentos por causas corporativas dos seus titulares, nas mesmas condicións que as substitucións oficiais.

A asistencia dos cargos electivos de representación ás reunións regulamentarias convocadas polas entidades colexiais terá os efectos sinalados, en cada caso, polas disposicións vixentes.

A Organización Colexial, ao cursar as convocatorias que correspondan en uso das súas facultades, procurará moderar as ausencias de maneira que se produzan as menores perturbacións. En todo caso, o cargo representativo deberá dar conta á autoridade correspondente da necesidade da súa ausencia do posto de traballo, xustificando coa convocatoria o motivo da falta de presenza e anunciándoo coa posible antelación.

TÍTULO XV

Do portelo único, do Servizo de Atención a Colexiados, Consumidores e Usuarios, e da memoria anual

Artigo 83

O Colexio Oficial dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio da súa profesión e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto de acceso por vía electrónica e a distancia.

1. A través do portelo único, os profesionais, de forma gratuíta, poderán:

a) Obter toda a información suficiente e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo as que se exixan para a súa colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado, e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

d) Recibir as convocatorias para as xuntas xerais ordinarias e extraordinarias.

e) Recibir comunicacións e información sobre as actividades públicas e privadas do Colexio.

2. Para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a través do referido portelo único a seguinte información (que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta):

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) Información sobre as vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

d) Información sobre os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obter asistencia.

e) Información sobre o contido dos códigos deontolóxicos profesionais.

O acceso e o funcionamento do portelo único rexerase por un regulamento específico que será aprobado pola Xunta Directiva.

Artigo 84

O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados e, así mesmo, dispoñerá dun Servizo de Atención aos Consumidores ou Usuarios que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como as asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

O Colexio, a través do Servizo de Atención aos Consumidores ou Usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme a dereito.

A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.

A súa creación e as súas normas de funcionamento estableceranse nun regulamento que aprobará a Xunta Directiva.

Artigo 85

Co fin de dar cumprimento ao principio de transparencia na xestión, o Colexio deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística, relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que acadasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, de ser o caso, sempre de acordo coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística, relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou polas súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido do seu código deontolóxico.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros da Xunta Directiva.

A memoria anual publicarase na páxina web no primeiro semestre de cada ano.

Disposición adicional primeira

Autorízase a Comisión Permanente da Xunta Directiva para ditar as disposicións e as normas que procedan para a aplicación e o desenvolvemento do disposto nestes estatutos.

Disposición adicional segunda

En todo o non recollido expresamente nestes estatutos será de aplicación o disposto nos estatutos xerais da Organización Médica Colexial e nos do Consello Galego.

Disposición transitoria

Salvo o cesamento polas causas previstas nos artigos correspondentes destes estatutos, os actuais membros electos da Xunta Directiva do Colexio continuarán desempeñando os seus cargos adaptándose á nova estrutura ata a expiración do mandato para o cal foron elixidos.