DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65323

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 10 de novembro de 2023 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino público convocada para o día 28 de novembro de 2023.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

As organizacións sindicais CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e que se desenvolverá das 00.00 ás 24.00 horas do día 28 de novembro de 2023.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG do 15 de xullo), dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados, é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e, polo tanto, están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e oído o Comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

Terá a consideración de servizos mínimos, para o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a dirección ou membro do equipo da dirección. Nos centros de menos de 6 unidades o director poderá ser substituído por un membro do equipo docente. En todo caso quedarán garantidos a apertura e o peche de todos os centros.

Artigo 2

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no artigo anterior faraa a dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 4

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal na dita situación.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades