DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2023 Páx. 65326

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda incoar o procedemento para incluír o denominado Muíño Vello da Anta, situado na parroquia de Santa María de Ois no termo municipal de Coirós, no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante LPCG.

A LPCG no seu artigo 1.1 establece que o seu obxecto é «a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras».

Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polos bens inmobles que, polo seu valor etnolóxico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Segundo o artigo 8 da LPCG, os bens do patrimonio cultural de Galicia poden ser declarados de interese cultural (BIC), polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, ou catalogados, polo seu notable valor cultural.

No artigo 8.3 da LPCG establécese que «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».

O artigo 10.1.a) da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 25.1 da LPCG ditamina que «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellaría competente en materia de patrimonio cultural».

Os muíños de río teñen unha especial consideración na LPCG e, como consecuencia, entre os seus obxectivos xerais está a súa protección. Así se recolle no seu capítulo III do título VII, referido aos bens que integran o patrimonio etnolóxico e, especialmente, nos ditados do artigo 91.1: «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia», e que segundo o artigo 91.3: «Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade». Os muíños de río relaciónanse na alínea c) deste artigo.

O 17.7.2019 entra no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha solicitude de declaración de ben de interese cultural dun muíño localizado na parcela coa referencia catastral 4651206NH7845S, lugar da Anta, parroquia de Santa María de Ois, municipio de Coirós. Na solicitude non se acredita un valor cultural sobranceiro do muíño dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, requisito exixido polo artigo 8.2 da LPCG para proceder á incoación dun procedemento de ben de interese cultural.

Segundo se conclúe dos informes elaborados no Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o Muíño Vello da Anta axústase á tipoloxía tradicional dos muíños galegos, conserva de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, polo que se lle recoñece un notable valor cultural como ben etnolóxico, que xustifica a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Unha vez vista a información que se xunta ao expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais como ben etnolóxico, cómpre iniciar a incoación do procedemento de catalogación do Muíño Vello da Anta, no exercicio das competencias establecidas no artigo 19 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoación do procedemento

Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o muíño denominado Muíño Vello da Anta, localizado no lugar da Anta, parroquia de Santa María de Ois, municipio de Coirós, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación detallada no anexo II.

Segundo. Prazo de resolución e caducidade

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Transcorrido este prazo, sen que se emita resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Anotación preventiva e réxime de protección

Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados.

Cuarto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Notificación

Notificar esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello de Coirós.

Sexto. Información pública

Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. O escrito de alegacións ou de achega de información dirixirase ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o cal poderá empregarse o procedemento PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia dispoñible no seguinte enderezo web: www.sede.xunta.gal

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Muíño Vello da Anta.

2. Localización.

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Coirós.

• Parroquia: Santa María de Ois.

• Lugar: A Anta.

• Coordenadas de localización (ETRS89, 29): 574442, 4784900.

• Parcela catastral: 4651206NH7845S.

3. Descrición.

O Muíño Vello da Anta atópase nunha contorna rural de agra regada por pequenos regatos. A auga dun destes, denominado río Anta, derívase na actualidade para chegar ao lavadoiro non tradicional, desde onde se conduce a través dunha canle construída con fábrica de pedra que se ensancha formando unha pequena balsa, xusto antes do canleiro polo que cae a auga e se introduce no inferno do muíño de canle dun único rodicio.

O edificio do muíño é de planta rectangular. A cuberta é a unha auga, paralela á pendente do terreo e semella que foi reconstruída recentemente con placas de fibrocemento sobre as que se colocaron tellas cerámicas curvas. Os muros exteriores son de granito, con aparello de cachotaría construído coa técnica de pedra en seco. Algunhas das pedras das esquinas, dos gardaventos e as que forman os ocos están labradas.

O canleiro introduce a auga no edificio por un oco localizado na parte inferior da fachada noroeste e sae do inferno por outro oco no lado oposto. A porta está no muro nordés e conta cunha carpintaría nova de madeira, reconstruída canda a cuberta. No lintel do oco da porta hai gravada unha cruz. O piso que separa o inferno, que carece de rodicio, do tremiñado do muíño está constituído por perpiaños de pedra.

O Muíño Vello da Anta pertence á tipoloxía de muíño de regato de canle dun único rodicio e dun único mecanismo de trituración de gran de cereal.

4. Usos.

Uso actual: descoñécese, aínda que a falta do rodicio indica que non se mantén como muíño.

Uso proposto: o orixinal de muíño ou calquera outro compatible coa súa protección, que deberá ser autorizado pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

5. Estado de conservación.

O edificio do muíño conserva os elementos da envolvente orixinais (muros e piso) ou reconstruídos (cuberta e porta), e está aparentemente en bo estado de conservación. Tamén conserva os elementos da infraestrutura hidráulica (canle e canleiros) en bo estado, aínda que parte dela puido ser alterada coa construción dun lavadoiro e dunha balsa.

6. Valoración cultural.

Os valores considerados para que un ben constitúa parte do patrimonio cultural de Galicia están relacionados co aprecio ou importancia que a sociedade lle outorga nun momento dado. O valor ou valores deses bens deben determinar o seu interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O interese cultural dun ben deriva da súa autenticidade e da súa integridade, sendo estes factores fundamentais para a súa valoración.

A autenticidade do Muíño Vello da Anta ponse de manifesto pola súa representatividade tipolóxica, como exemplo de muíño de canle; polo seu valor testemuñal como mostra dunha arquitectura tradicional de transformación das materias primas que tivo unha enorme relevancia social e económica en Galicia desde a Idade Media e ata ben entrado o século XX e cuxa actividade practicamente desapareceu, e como exemplo de aproveitamento comunal característico deste tipo de construcións, e pola súa interacción co medio natural e a paisaxe en que se insire dun xeito harmónico.

A integridade do Muíño Vello da Anta maniféstase pola presenza de restos representativos da infraestrutura hidráulica e do edificio do muíño. Esta tamén se pode relacionar co valor simbólico que representan os muíños de río na cultura popular galega e coa vulnerabilidade aos cambios que son característicos deste tipo de construcións, pouco adaptables a outros usos. Sen esquecer que se pode entender este muíño como parte dun sistema territorial tradicional compartido con outras infraestruturas hidráulicas e mesmo con outros elementos da arquitectura tradicional relacionados co pan (eiras, hórreos, fornos etc.).

Entre os bens do patrimonio cultural de Galicia, os declarados ben de interese cultural deben posuír un carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, mentres que os catalogados teñen que ter un notable valor cultural. De acordo con isto, os bens clasificados deben selo porque se saen do normal e os declarados serían aqueles que destacan entre eles.

O Muíño Vello da Anta é un ben da arquitectura tradicional, pero non se pode considerar que destaque singularmente entre este patrimonio etnolóxico, xa que as súas características non difiren especialmente doutros exemplos deste patrimonio e o seu contorno próximo está alterado por construcións recentes.

De acordo con isto, semella oportuno incluír este muíño no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, como outros moitos similares que se consideran integrados nel por ter sido recollidos en instrumentos de planeamento urbanístico polo seu interese cultural.

7. Natureza e categoría.

• Natureza: material.

• Condición: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: etnolóxico.

8. Nivel de protección.

Estrutural.

9. Réxime de protección.

O muíño, como elemento singular do patrimonio etnolóxico protexido, rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da LPCG, en concreto, pode resumirse en:

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellaría competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados, así como, se é o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. A utilización dos bens catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

En aplicación dos criterios sinalados no artigo 38 da LPCG, establécese un contorno de protección do elemento etnolóxico constituído polos espazos e construcións próximas cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais do Muíño Vello da Anta no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo.

O Muíño Vello da Anta está composto polo edificio que acolleu os mecanismos de moenda e pola infraestrutura exterior para a captación, condución e regulación da auga. Estes elementos atópanse nunha pequena parcela de 316 m2, cuxos límites se empregan para configurar a delimitación do ben. A continuación achégase un plano coa delimitación gráfica do ben e do contorno de protección.

A delimitación do contorno de protección tomou como referencia os límites físicos existentes, como o regato, os camiños, o arborado, os límites parcelarios e as construcións próximas. A superficie do contorno de protección proposto é de 22.098 m2.

Tamén se achega a seguir un plano coa delimitación gráfica en que se identifican as parcelas catastrais que abranguen total ou parcialmente o contorno de protección.

missing image file
missing image file