DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65113

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Moaña (expediente IN407A 2023/111-4).

Expediente: IN407A 2023/111-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS, CT Couso 2.

Concello: Moaña.

Feitos:

Primeiro. O 21 de febreiro de 2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS, CT Couso 2.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións no lugar de Couso, no concello de Moaña (Pontevedra):

– Instalación dun centro de transformación compacto de 250 kVA de potencia, rural, manobra exterior 1L+1P telecontrolado e telexestionado.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 729 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.

– Instalación dun interruptor-seccionador telecontrolado (ITC) no apoio 9X67KX0Q da liña de media tensión (LMT) CII809 Latón 9.

– Substitución do apoio CH-630-13 por un novo apoio C-1000-16 e substitución de 73 metros do condutor existente LA-30 por LA-56 desde o apoio proxectado ata o apoio 9W7OH1IA//61-15.

– Retensado doutro van contiguo ao apoio proxectado (86 metros LA-56).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Moaña e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Moaña.

A Deputación Provincial de Pontevedra no emitiu o condicionado técnico entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 28 de marzo de 2023 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación ás persoas titulares das parcelas afectadas, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 19 de abril e do 7 de xuño de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 22 de abril e do 13 de xuño de 2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 28 de marzo de 2023, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 25 de abril de 2023.

– Xornal Faro de Vigo: 8 de maio de 2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Moaña desde o 3 de abril ata o 23 de maio de 2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor tipo LA-56, de 73 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-1000/16 na LMT CII809 Latón 9, que substitúe o 9X67KX0Q CH-630/13, e final no apoio 9W7OH1IA//61-15.

– Retensado doutro van contiguo ao apoio proxectado (86 metros LA-56).

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 729 metros de lonxitude, con orixe no apoio C-1000/16, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación (CT) proxectado Couso 2.

– Centro de transformación Couso a 250 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36029A025003550000ID, no lugar de Couso 98.

A instalación está situada no lugar de Couso, parroquia de Meira, no municipio de Moaña (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Couso 2, expediente IN407A 2023/111-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 31 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra