DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65109

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Santa Comba (expediente IN407A 2023/106-1).

Expediente: IN407A 2023/106-1.

Promotora: Electra de Santa Comba, S.L.

Denominación do proxecto: LMTS enlace Braña Ancha-CT Guldrís.

Concello: Santa Comba.

Feitos:

1. O 6 de marzo de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co obxecto de mellorar as instalacións e servizos da distribuidora pechando o bucle das liñas de distribución na parroquia de Santa Sabiña, que enlazarán a LMTA Mina Randufe co CT Guldrís.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado LMTS enlace Braña Ancha-CT Guldrís, asinado o 27 de febreiro de 2023 por Antonio Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, co número de colexiado 2.233 da Coruña.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao concello de Santa Comba e Augas de Galicia.

No día desta resolución, non consta no expediente resposta de ditos organismos á solicitude de informe.

4. O 11 de outubro de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño de 2023).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Guldrís, na parroquia de San Xulián de Santa Sabiña, termo municipal de Santa Comba, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Nova LMTS en condutor de tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 3 (1×150 Al) que terá o seu inicio na cela de liña existente no CT Guldrís (expediente IN407A 2022/155-1) e finalizará no paso de soterrado a aéreo que se vai realizar no apoio nº 19/1 proxectado de tipo HVH-15/2500 que se vai intercalar na LMTA Mina-Randufe (expediente 51.018). A súa lonxitude total é de 1.773 metros. Os condutores discorrerán soterrados en gabia de dimensións 0,50 metros de largo e de entre 1,00 e 1,20 metros de profundidade, canalizados no interior dun tubo de polipropileno de 160 mm de diámetro, e instálanse polo menos outro tubo das mesmas características que o anterior a modo de reserva e outro tubo de polipropileno de 125 mm de diámetro para comunicacións. A lonxitude da canalización proxectada é de 1.697 metros.

– O cruzamento co Rego dos Lagos, dependente de Augas de Galicia, realizarase mediante o método de perforación dirixida, e instálanse dous tubos de polietileno de 160 mm de diámetro e un tubo de polietileno de 125 mm de diámetro para comunicacións. A lonxitude da perforación é de 25 metros.

– Para realizar o entronque coa LMTA existente Mina-Randufe (expediente 51.018), proxéctase intercalar un novo apoio de formigón de tipo HVH- 15/2500, que será o final da LMTS proxectada. Os condutores existentes de tipo LA-110 retensaranse sobre o apoio proxectado. Neste apoio instalarase un seccionador de tipo SXS e pararraios autoválvula de 24 kV/10 kA. O apoio proxectado, por albergar un elemento de manobra, deberá cumprir os mesmos requisitos que os apoios frecuentados, no que respecta á posta a terra, tal como se establece no punto 7.1. da ITC-LAT-07.

Debido á instalación do novo apoio, e co fin de equilibrar os vans contiguos deste, faise necesaria a substitución do apoio nº 20 existente de formigón de tipo HV-13/630 da liña Mina-Randufe (expediente 51.018) por un novo apoio tamén de formigón de tipo HV-13/1000, que se situará na mesma parcela que o apoio que substitúe, ao carón da linde desta, desprazándoo uns 26 metros no sentido da liña, respecto ao existente para retirar.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 27 de outubro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña