DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65037

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 27 de xuño de 2023, Diego Estévez García, en representación do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, a declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo foi constituída pola entidade Atlas Montajes e Ingeniería, S.L.U., representada polo seu administrador único José Luis Villasante Carrera, mediante escritura pública outorgada o 23 de xuño de 2023 ante o notario de Lugo José Manuel López Cedrón, co número de protocolo 885.

3. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

4. Dotación inicial da Fundación: oitenta e catro mil oitocentos catro euros con oitenta e catro céntimos (84.804,84 €).

A entidade mercantil Atlas Montajes e Ingeniería, S.L.U., como socio único da sociedade de responsabilidade limitada, de nacionalidade española, Extel Facilities, Sociedad Limitada, aporta como dotación fundacional un total de tres mil sesenta (3.060) participacións sociais de un euro (1,00 €) de valor nominal cada una delas, iguais, acumulables e indivisibles, numeradas do 1 ao 3.060 da citada sociedade de responsabilidade limitada.

A valoración real das tres mil sesenta (3.060) participacións sociais é de conformidade co informe técnico de valoración das participacións sociais da entidade mercantil Extel Facilities, Sociedad Limitada, elaborado por un auditor independente, como así consta na escritura pública de constitución e que constitúe a dotación inicial da Fundación.

5. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «favorecer o emprego e a integración sociolaboral das persoas con discapacidade a través da súa participación en centros especiais de emprego de iniciativa social, así como a innovación no ámbito social e ambiental, contribuíndo a unha mellora do emprego e da empresa en xeral, a través dunha aposta decidida pola integración laboral, a iniciativa social e as tecnoloxías da información e comunicación».

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por José Luis Villasante Carrera, como presidente; María Jesús Fernández Pita, como vicepresidenta; e Manuel Osorio Díaz, como secretario.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese sociolaboral da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

8. Mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 30 de outubro de 2023 (DOG núm. 213, do 9 de novembro), pola que se clasifica de interese sociolaboral a Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo, adscribiuse a dita fundación ao Protectorado da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (DOG núm. 130, do 8 de xullo), correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo, polo que á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación para la Integración Social en la Empresa y en el Empleo.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o Protectorado, que será exercido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Contra esta resolución pódese interpor un recurso de alzada ante a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego
e Igualdade