DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65032

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de novembro de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga indefinida convocada no ámbito da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que afectará Fidelis Servicios Integrales, S.L.U. - Centro de Atención de Llamadas S.A.U., UTE, a partir do 25 de novembro de 2023.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa traballadora o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación de asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, o que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os/as conselleiros/as competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.

O Servizo Galego de Saúde ten contratada coa empresa Fidelis Servicios Integrales, S.L.U. - Centro de Atención de Llamadas, S.A.U., UTE a prestación do servizo de operación telefónica, que desempeña o seu traballo na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 (en diante, CCUSG-061).

O Comité de empresa de Fidelis Servicios Integrales, S.L.U. - Centro de Atención de Llamadas, S.A.U., UTE comunicou a convocatoria dunha folga indefinida que afectará as/os traballadoras/es da empresa Fidelis Servicios Integrales, S.L.U. - Centro de Atención de Llamadas, S.A.U., UTE que prestan servizos na CCUSG-061. Esta folga desenvolverase durante todos os luns, sábados e festivos, de forma indefinida, mediante paros parciais das 12.00 ás 14.00 horas e das 19.00 ás 21.00 horas, a partir do día 25 de novembro de 2023, primeiro día dos paros.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o número 061 é a entrada de referencia para a solicitude telefónica da atención sanitaria urxente de toda a cidadanía.

O persoal de xestión telefónica (teleoperador/a) é o primeiro que atende as chamadas de demanda de asistencia, entre outras, a atención das urxencias vitais en materia de saúde que suceden no territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación.

O labor do persoal radiooperador (locutor/a) consiste na activación e seguimento de todos os recursos asistenciais imprescindibles para a asistencia sanitaria e os traslados urxentes.

Polas características do servizo dispensado, a poboación non pode quedar desasistida en circunstancias de urxencia e emerxencia. Ademais, o colectivo afectado pola folga realiza unhas tarefas específicas que non poden ser suplidas por outro persoal. Cómpre ter en conta que a carga de traballo ao longo do día depende dun número imprevisible de chamadas, e o volume de efectivos axústase de maneira periódica para dar cobertura ás necesidades estimadas dentro dun rango.

Con base no que antecede e unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. Ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

O devandito servizo abrangue a recepción inicial das chamadas de demanda que chegan á CCUSG-061 a través dos números de cabeceira que atende (061 e 902 40 01 16), a súa xestión inicial, a activación e seguimento dos recursos e a recollida de datos das incidencias atendidas. Por este motivo, resulta imprescindible a prestación de servizos na dita central do 100 % do persoal habitual nos tramos horarios afectados pola folga, pois a carga de traballo ao longo de toda a xornada depende dun número de chamadas que non son programables e que se dimensiona periodicamente para dar cobertura ás necesidades estimadas en materia de urxencia e emerxencia sanitaria, que en ningún caso poden quedar desasistidas. Noutro caso, poderían producirse graves prexuízos á cidadanía.

Unha vez exposto o fundamento do criterio adoptado e a porcentaxe necesaria, cómpre subliñar que o persoal de operación telefónica (teleoperadores/as) constitúe o primeiro dos elos da cadea de atención das emerxencias na Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir, a primeira toma de contacto coa persoa que alerta, tendo a función principal de realizar o interrogatorio básico no cal se toman datos de filiación do/da enfermo/a, ademais de facer unha clasificación fundamental do seu nivel de gravidade. Unha minoración do número de xestores/as telefónicos/as-teleoperadores/as supón unha perda da porcentaxe de chamadas atendidas, o que implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde que acontecen en todo o territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación.

Pola súa parte, o persoal radiooperador (locutores/as) é o colectivo encargado de activar e realizar o seguimento dos recursos necesarios (ambulancias, helicópteros, persoal médico e de enfermaría, forzas e corpos de seguridade do Estado, etcétera) para dar unha resposta inmediata ás emerxencias e garantir unha atención en tempo dos/das doentes e o seu traslado ata o centro sanitario. Unha diminución no número do posto xestor-locutor supón un atraso na activación do recurso asistencial, coa consecuente demora na atención á persoa enferma e implicando un aumento da mortalidade e unha diminución da supervivencia nas patoloxías tempo-dependentes como ictus, infarto agudo de miocardio ou paradas cardiorrespiratorias, entre outras.

A dimensión da sala de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está estipulada en función do número de chamadas histórico do servizo, por días e tramos horarios, de maneira que queda garantida a atención do 100 % das chamadas. O índice de chamadas perdidas non supera o 3 % e procédese, por protocolo, a chamar a todos aqueles números que non conseguiron contactar, dado o carácter de urxencia do servizo prestado.

Estas circunstancias, unidas á necesidade de garantir a presenza do persoal que poida atender de forma permanente a actividade imprescindible nese ámbito, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde, fan imprescindible garantir a cobertura do 100 % das presenzas habituais no dito servizo.

Polo tanto, resultarán designados como servizos mínimos o total de efectivos establecidos para cadansúa franxa horaria obxecto desta convocatoria de folga, de acordo co exposto no anexo desta orde.

Artigo 2

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada pola empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con suficiente antelación.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que, voluntariamente, acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos* Central de Coordinación
de Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Persoal teleoperador

Persoal radiooperador (locutor/a)

Luns
laborables ou festivos

Sábados laborables ou festivos

Festivos de martes a venres

Luns
laborables ou festivos

Sábados laborables ou festivos

Festivos de martes a venres

12.00-13.00

11+2

11+2

11+2

6+2

6+2

5+2

13.00-14.00

11+2

11+2

11+2

6+2

6+2

5+2

19.00-20.00

10+2

10+2

10+2

5+2

5+2

5+2

20.00-21.00

10+2

10+2

10+2

5+2

5+2

5+2

*Inclúense como sumandos servizos de presenza física e gardas localizadas, respectivamente.