DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2023 Páx. 63237

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2023 pola que se dá publicidade da Resolución do 19 de outubro de 2023 pola que se prorroga e modifica o encargo a Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) do servizo de xestión e mantemento dunha rede de seguimento e dinamización xuvenil.

Mediante a Resolución do 28 de outubro de 2022 encoméndase a Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) a execución dun servizo de xestión e mantemento dunha rede de seguimento e dinamización xuvenil.

Na devandita resolución, acompañada polas condicións técnicas pertinentes establécese que o prazo para a execución dos traballos será desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2023, e que poderá prorrogarse por igual período en caso de persistencia da necesidade do encargo.

Ao abeiro desta posibilidade o 19 de outubro de 2023 a Consellería de Política Social e Xuventude ditou resolución pola que se prorroga e modifica o encargo a Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) do servizo de xestión e mantemento dunha rede de seguimento e dinamización xuvenil.

A citada resolución prorroga o encargo a Tragsatec establecendo un prazo de execución dos traballos de 12 meses, desde o 1 de novembro de 2023 ao 31 de outubro de 2024 e modifica puntualmente o punto segundo A).3 do anexo I-condicións técnicas do encargo para incorporar unha persoa máis ao equipo, en idénticas condicións que os seus compañeiros, mantendo as demais condicións do encargo inicial nos mesmos termos, tal e como se detallan no anexo I. Este incremento dos medios persoais leva consigo a correspondente modificación do orzamento recollido no anexo II.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da dita resolución:

– Actividade: servizo consistente na xestión e mantemento dunha rede de seguimento e dinamización xuvenil que busca achegar a mocidade galega á Administración ofrecéndolle, a través das canles de difusión máis adecuadas, orientándoos e informándoos dos recursos, programas, convocatorias e actividades destinados á poboación máis nova. Así mesmo, este programa incluirá o seguimento de resultados e indicadores das anteditas medidas, así como a necesaria dinamización da participación e asociacionismo xuvenil.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 9 e 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e segundo a disposición adicional vixésimo cuarta desta lei Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social e Xuventude.

– Prazo de vixencia: desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

– Financiamento: este encargo tramitase con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.227.99 dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024.

O importe total do encargo fíxase en catrocentos quince mil novecentos dous euros con noventa e cinco céntimos de euro (415.902, 95 €).

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.D. (Orde do 3.3.2016, DOG núm. 54, do 18 marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude