DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63057

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de novembro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia número 104, do 2 de xuño, a Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

Por Resolución da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 3 de novembro de 2023, resolveuse o procedemento de concesión destas subvencións.

De acordo co disposto no artigo 19, punto 4 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2023 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Cómpre significar, non obstante, que o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Pola súa banda, o procedemento para a concesión da ampliación réxese polo establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

En consecuencia, tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, así como as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte dalgunhas das entidades beneficiarias, por mor das dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais polos provedores, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada, acórdase a ampliación que a seguir se sinala.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase, en relación cos gastos que se imputan á anualidade 2023, a data límite do artigo 19, punto 4, letra a) da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O), e amplíase o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 30 de decembro de 2023.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda