DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2023 Páx. 62723

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de outubro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Pradorramisquedo e mais Os Chaos, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Pradorramisquedo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pradorramisquedo, e mais Os Chaos, pertencente á CMVMC de Cepedelo, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Pradorramisquedo presentou un escrito (REXEL 2022/2392316) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Cepedelo.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de eslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Solicitude de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Viana do Bolo.

Segundo. O 25.10.2022, a dita comunidade presentou un novo escrito (REXEL 2022/2603586) co cal achegaba a seguinte documentación:

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Viana do Bolo.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 30 de xaneiro de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre os MVMC Pradorramisquedo e Cabezo Grande, pertencentes á CMMC de Pradorramisquedo, e o MVMC Os Chaos, pertencente á CMVMC de Cepedelo, desde o vértice 0 (o situado máis ao N) ata o vértice 3 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os puntos e a súa localización, obsérvase que o vértice 0 coincide co vértice 22 do deslindamento Pradorramisquedo-Penouta (actualmente en trámite e obxecto de informe favorable en data coetánea á deste informe), e é un punto común ás comunidades de Penouta, de Pradorramisquedo e de Cepedelo malia non ter sido acordado de forma expresa por elas ao mesmo tempo; porén, o feito de que o punto fose obxecto de acordos bilaterais entre as tres comunidades comporta, de xeito implícito, o consentimento global sobre este.

O vértice en cuestión, ao estar situado no perímetro dos montes afectados, non pode ter a consideración de punto auxiliar tal e como se define na memoria técnica do deslindamento, senón que é un punto formal deste, polo menos mentres as comunidades de Penouta e Cepedelo non alcancen unha hipotética avinza entre elas a que fai mención a memoria.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os vértices 0 e 3 indicados na acta de conciliación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, dite resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 27 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Pradorramisquedo, pertencente á CMVMC de Pradorramisquedo, e mais o MVMC Os Chaos, pertencente á CMVMC de Cepedelo, no concello de Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 16 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense