DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 13 de novembro de 2023 Páx. 62726

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución dos recursos de reposición presentados contra a revisión do esbozo do monte veciñal de San Vicente (Begonte) (expediente 11/77).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 9.10.2023, figura o seguinte acordo:

MVMC San Vicente (expediente 11/77), pertencente aos veciños da parroquia de San Vicente de Pena, concello de Begonte.

O 14.6.2023, o xurado acordou a revisión do esbozo deste monte por instancia da comunidade de San Vicente de Pena.

O 6.7.2023, a CMVMC San Vicente de Pena presentou un recurso de reposición contra a resolución do xurado por entender que non se axustou ao límite proposto pola comunidade no vento leste. Así mesmo, o 28.9.2023 presentaron un escrito aclaratorio do recurso, no cal indican que na emenda de documentación que lles foi requirida na tramitación do procedemento, incluíron, por erro, unha cartografía que modificaba o linde leste do monte, que se axusta novamente ao esbozo previo ao aprobado pola comunidade.

Examinado o recurso presentado, o Servizo de Montes elaborou unha nova memoria en que se recolle a revisión do esbozo co vento leste axustado á proposta aprobada pola comunidade na asemblea do 18.10.2019. A superficie resultante é de 89,18 ha.

Examinado o devandito recurso de reposición, o xurado, por unanimidade, acorda estimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 30 de outubro de 2023

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo