DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2023 Páx. 61471

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de novembro de 2023 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento DE402C).

O fomento da práctica de actividade física e deportiva entre a poboación en idade escolar é unha das liñas de actuación máis destacadas na política pública de fomento deportivo levada a cabo pola Administración autonómica en desenvolvemento da competencia exclusiva na promoción do deporte e da adecuada utilización do lecer prevista no punto vinte e dous do artigo 27 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que aproba o Estatuto de autonomía de Galicia.

A consideración do deporte como unha actividade de interese público, expresamente recoñecida polo artigo 2 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, vén motivada polas especiais funcionalidades do feito deportivo, especialmente nos ámbitos da educación, a formación, a saúde ou a socialización e a cohesión social, entre outros.

Estas funcionalidades adquiren especial relevancia entre a poboación en idade escolar, polos réditos inmediatos que o deporte e a actividade física supoñen no desenvolvemento integral das nenas e nenos, pero tamén polo que significan para a consolidación de hábitos de vida saudables nas idades futuras.

Neste marco de actuación, a Xunta de Galicia desenvolve distintas actuacións de promoción do deporte de base nas idades temperáns, destacando entre elas o seu programa dos Xogos galegos deportivos en idade escolar, programa Xogade, implementado na tempada 2009/2010.

Desde entón, cada convocatoria anual de Xogade ofrece un modelo en que se posibilitan actividades que atenden as diferentes necesidades dos escolares, partindo sempre do dereito de todos e todas a coñecer e practicar deporte e actividade física de forma libre, voluntaria, democrática, igualitaria e sen discriminación. Neste programa englóbanse distintas actuacións e actividades de fomento como son, entre outras, a facilitación do seguro de accidentes deportivo 6-16 ás federacións galegas adheridas ao programa, ou as actividades de promoción desenvolvidas polas agrupacións deportivas escolares, claves principais, xunto aos clubs deportivos, no desenvolvemento do deporte de base na Comunidade Autónoma.

Co fin de seguir ampliando o modelo consagrado co programa Xogade, permitindo a extensión e promoción da práctica deportiva e de activade física entre os escolares de Galicia, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en exercicio das súas funcións de promoción, ordenación e organización do deporte en idade escolar na Comunidade Autónoma (artigo 5.1.n) da Lei do deporte), pretende a implementación dun novo programa, o Bono deporte, que terá por finalidade axudar as familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos, nos termos que se establezan na convocatoria que se efectúe.

Os bonos poderán ser utilizados na Comunidade Autónoma polos pais e nais, persoas titoras e as que teñan os menores en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, nos termos que se acorden na orde que aprobe o programa e que terá por obxectivo, en todo caso, coadxuvar nos gastos das familias asociados á práctica deportiva dos menores.

Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite unha mellor planificación do novo programa e, en última instancia, a posibilidade de obter antes a consecuente resolución deste, maximizando os obxectivos do Bono deporte.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, prevé a posibilidade de contar con entidades colaboradoras no procedemento de xestión e pagamento de axudas públicas. Neste sentido, o seu artigo 9 establece que será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregue e distribúa os fondos públicos ás persoas beneficiarias cando así se estableza nunhas bases reguladoras ou colabore na xestión da subvención.

Así mesmo, o artigo 13.4 da mesma lei dispón que, cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionarán previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, e a colaboración formalizarase mediante convenio, salvo que polo obxecto da colaboración resulte de aplicación plena a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería Presidencia, Xustiza e Deportes en materia de deportes, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria

1. Convócase o procedemento para a selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas económicas, que se farán efectivas a través do Bono deporte de acordo coa orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes pola que se estableza o procedemento de concesión destes (código de procedemento DE402C).

2. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 no momento da resolución, e a concesión da compensación económica queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión, isto é, no momento da sinatura do convenio.

Artigo 2. Obxecto da colaboración

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do programa de promoción da actividade deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia dos nenos e nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) a través do Bono deporte.

Para estes efectos, subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.

Artigo 3. Requisitos e condicións de solvencia

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos establecementos comerciais, entidades deportivas e prestatarios de servizos adheridos ao programa.

Artigo 4. Prazo de duración

O prazo de duración da colaboración estenderase desde o momento da sinatura do correspondente convenio ata o 31 de decembro de 2024.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Obrigas e compromisos da entidade colaboradora

Son obrigas da entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e a Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

2. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

4. Actuar en nome e por conta da Secretaría Xeral para o Deporte, entregando e distribuíndo as axudas do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar da Comunidade Autónoma de Galicia a través do Bono deporte.

5. Conservar a documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a sinatura do convenio de colaboración.

6. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios de selección da entidade colaboradora

Os criterios obxectivos que servirán de base para a adxudicación deste procedemento de selección son os seguintes:

– Proposta técnica que describa coa amplitude e detalle precisos todos os elementos necesarios para a articulación da colaboración solicitada: ata 70 puntos.

– Experiencia na entrega e distribución de axudas no marco de programas de incentivación promovidos pola Administración autonómica: ata 30 puntos.

Artigo 7. Lugar, forma e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se inclúe como anexo II desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo máximo de presentación das solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Escritura de constitución/modificación.

– Poder acreditativo da representación da persoa que asina a solicitude de participación.

– Proposta técnica, memoria e toda a documentación que, a xuízo da entidade solicitante, permita á Administración valorar a solicitude conforme os criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

1. NIF da entidade solicitante.

2. DNI/NIE da persoa representante.

3. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

4. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 6 desta orde.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogais:

Un/unha xefe/a de servizo da subdirección xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.

Dous funcionarios/as da subdirección xeral de Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte, un dos cales fará as funcións de secretario/a.

3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 11. Resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Órganos competentes

A Secretaría Xeral para o Deporte será o órgano competente para a instrución deste procedemento, así como para realizar a proposta de resolución á vista do informe técnico de valoración das solicitudes emitido pola Comisión de Valoración recollida no artigo 10 da presente orde. Corresponderalle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO I

Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e ... para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte

Santiago de Compostela, ... de ... de 2023

Reunidos:

Dunha parte:

Diego Calvo Pouso, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, nomeado para o devandito cargo polo Decreto 65/2023, do 14 de xuño, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia no uso das facultades que lle veñen atribuídas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte:

..., con DNI ..., actuando en nome e representación de ..., na súa condición de ..., en virtude das facultades emanadas de ...

Ambas as dúas partes interveñen no nome e representación das súas respectivas institucións no exercicio das competencias que lles están legalmente atribuídas, recoñecéndose mutua e reciprocamente capacidade para obrigarse mediante o presente convenio nos termos que nel se conteñen e, para o efecto,

Manifestan:

Primeiro. A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vai proceder á convocatoria do programa Bono deporte coa finalidade de axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos e nenas de 6 a 16 anos no termos que se establezan na convocatoria que se efectúe.

A concesión destas axudas económicas farase efectiva a través do Bono deporte, que poderá ser utilizado na Comunidade Autónoma polos pais e nais, persoas titoras e as que teñan os menores en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, nos termos que se establezan na orde que aprobe o programa e nos establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos radicados en Galicia que se adhiran a el.

Segundo. A entidade ..., conforme a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do ... de ... de 2023, resultou seleccionada como entidade financeira colaboradora na entrega e distribución dos fondos do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte.

Terceiro. Ambas as partes, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación dos servizos ás persoas beneficiarias das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto da colaboración

Constitúe o obxecto do presente convenio establecer o marco da colaboración entre as partes asinantes para a xestión e distribución dos fondos das axudas económicas que van ser convocadas no marco do Programa de promoción da actividade deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia dos nenos e nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) a través do Bono deporte.

Segunda. Entidade colaboradora

... é unha entidade colaboradora que cumpre cos artigos 3 e 6 da Orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte.

Terceira. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido na orde pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade financeira colaboradora para a xestión do Programa de promoción da actividade deportiva en idade escolar a través do Bono deporte, obrígase ao seguinte:

1. Entregar e distribuír as axudas do programa mediante a habilitación dunha plataforma tecnolóxica específica e das aplicacións informáticas máis idóneas para a posta en marcha, a eficaz execución e o seguimento do programa de tal forma que permita ter un seguimento, control e rastrexabilidade da emisión dos bonos, o seu troco nos establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos adheridos e o pagamento destes, de acordo coas previsións establecidas na cláusula quinta.

2. Ter operativas a plataforma e/ou aplicacións informáticas, habilitando o procedemento operativo antes da entrada en vigor da orde de convocatoria do programa.

3. Utilizar a imaxe do programa definida pola Secretaría Xeral para o Deporte en todos os soportes físicos e dixitais.

4. Pór á disposición da Secretaría Xeral para o Deporte os seguintes informes:

– Persoas usuarias dadas de alta no programa.

– Establecementos comerciais, entidades deportivas e prestatarios de servizos deportivos dados de alta no programa.

– Número de bonos descargados (localidade, provincia).

5. Ser a depositaria dos fondos transferidos e entregar e distribuír os fondos públicos aos establecementos comerciais, entidades deportivas e prestatarios de servizos deportivos adheridos ao programa, sen ningún custo ou requisito adicional dos previstos no programa e con independencia de que sexan clientes/as da entidade, cunha periodicidade semanal.

Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu patrimonio.

6. Xestionar, controlar e supervisar o correcto destino dos fondos depositados na conta para o programa e, se é o caso, coas instrucións específicas dadas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

7. Informar do saldo dispoñible dos bonos unha vez alcanzada a súa data de caducidade ou ao fin do programa coa finalidade de realizar o reembolso dese saldo, se é o caso, á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

8. Comunicar á Secretaría Xeral para o Deporte, a través do correspondente ficheiro, as operacións de liquidacións e transferencias de aboamento realizadas, cunha periodicidade semanal.

9. Reintegrar os fondos públicos no suposto de incumprimento dos requisitos e obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Cumprir, en materia de protección de datos, co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e as demais disposicións vixentes sobre a materia.

Deberase manter a xestión das bases de datos do programa á marxe das bases de datos da clientela da entidade financeira, e non poderán utilizalas para ningún fin distinto da propia Administración e xestión dos bonos.

11. Dispoñer de libros e rexistros contables para facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.

12. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

13. Cumprir cos requisitos e obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, particularmente, nos seus artigos 10 e 12, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Cuarta. Obrigas da Secretaría Xeral para o Deporte

A Secretaría Xeral para o Deporte comprométese a:

1. Librar o crédito necesario para realizar o pagamento dos bonos trocados dentro do período subvencionable establecido na correspondente orde de convocatoria do programa.

2. Definir a imaxe do programa en todos os soportes físicos e dixitais.

3. Facilitar o contido das declaracións das altas dos establecementos comerciais, entidades deportivas e prestatarios de servizos deportivos, e das persoas usuarias, así como das autorizacións expresas en materia de protección de datos, nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.

4. Autorizar as liquidacións con carácter previo á súa transferencia.

5. Compensar os gastos en que incorra a entidade colaboradora ao abeiro do artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Operativa da xestión das axudas

– A entidade colaboradora habilitará as aplicacións informáticas tecnicamente máis idóneas para dar de alta as persoas usuarias do Bono deporte, identificando respecto de cada unha delas a información que se estableza na orde de convocatoria do programa e, en todo caso e entre outra posible, a seguinte:

• Nome e apelidos do pai/nai, titor ou persoa que teña ao menor de 6-16 anos en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos.

• Maioría de idade.

• DNI/NIE.

• Localidade de residencia (código postal).

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• Nome e apelidos do menor 6-16.

• Data de nacemento do menor 6-16.

• De ser o caso, DNI do menor 6-16.

• Identificador Xogade ou número de licenza deportiva federada do menor 6-16, con indicación expresa de estar en vigor.

• En caso de ser licenza deportiva federada, federación emisora.

– Habilitación da solución técnica para a descarga dixital dos bonos por parte das persoas usuarias.

Sen prexuízo de que o menor 6-16 sexa titular de varias licenzas deportivas, dunha licenza e dun identificador Xogade, ou que simultanee distintas actividades deportivas, cada persoa usuaria disporá dun único bono deportivo por menor 6-16 nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa, e que poderán ser usados nun ou varios dos establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos adheridos ao programa. A súa aplicación será efectuada polos propios establecementos, habilitando, para tal efecto, a entidade colaboradora os mecanismos e canles necesarios.

Cada bono terá o valor determinado na orde de convocatoria do programa. O dito importe irase reducindo en función do valor da compra de acordo cos criterios establecidos na citada orde.

O período de validez dos bonos será o establecido na orde de convocatoria do programa.

O uso da aplicación e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da cal serán informadas convenientemente.

Para estes efectos, por medio dunha declaración responsable, as persoas usuarias deberán manifestar, baixo a súa responsabilidade, que cumpren cos requisitos establecidos na orde correspondente e que os datos indicados son certos. Así mesmo, deberán constar as autorizacións correspondentes en materia de protección de datos persoais nos termos que se establezan na orde de convocatoria do programa e neste convenio.

– A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, mediante convocatoria pública, establecerá o prazo para que os establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos interesados en adherirse ao programa Bono deporte se dean de alta na aplicación tecnolóxica habilitada para tal efecto pola entidade colaboradora.

Na alta dos establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos deberá quedar constancia da información que se estableza na orde de convocatoria do programa e, en todo caso, a seguinte:

• Nome e apelidos/razón social.

• Domicilio fiscal en Galicia.

• NIF/CIF.

• Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.

• Nome comercial.

• Enderezo do establecemento comercial, entidade deportiva ou prestatario de servizos deportivos.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IAE que deberá coincidir cos establecidos na orde de convocatoria do programa.

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento comercial, entidade deportiva ou prestatario de servizos deportivos.

• No caso de tratarse dunha entidade deportiva, federación a que está adscrita.

• No caso de tratarse dun prestatario de servizo profesional, modalidade deportiva principal ofertada.

A alta e o uso da aplicación suporá a aceptación das condicións e obrigas do programa e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.

Para estes efectos, o establecemento comercial, a entidade deportiva ou o prestatario de servizos deportivos deberá asinar dixitalmente unha declaración responsable en que manifeste o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados.

O importe máximo de bonos que cada empresa poderá trocar establecerase, se é o caso, na orde de convocatoria do programa.

A entidade colaboradora habilitará o sistema de funcionamento e troco dos bonos de tal forma que quede rexistrado o importe e o concepto da compra, a identificación do bono e o importe descontado.

– A entidade colaboradora deberá entregar e distribuír aos establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos, na conta bancaria indicada para tal efecto, o importe dos bonos trocados.

Sexta. Depósito dos fondos públicos

Para dar cumprimento ao disposto no punto 1 da cláusula cuarta, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes depositará os fondos públicos destinados ao programa Bono deporte na seguinte conta bancaria da entidade financeira colaboradora: ... O depósito farase co concepto de «pagamento programa Bono deporte».

Sétima. Compensación económica e constitución de garantías

A compensación económica a favor de ... polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa Bono deporte é de 80.000,00 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.441A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O pagamento da compensación económica farase á entidade financeira colaboradora, unha vez finalizado o programa Bono deporte, na seguinte conta bancaria: ...

En atención ás características da colaboración e á solvencia da entidade, a entidade colaboradora está exenta de constituír as garantías previstas no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este expediente tramítase como anticipado de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de outubro de 2023, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación. A concesión da compensación económica queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente non momento da resolución de concesión (artigo 25 RSG), isto é, no momento da sinatura do convenio.

Oitava. Protección de datos

As partes asinantes virán obrigadas en materia de protección de datos a cumprir co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e coas demais disposicións vixentes sobre a materia.

As partes deberán respectar o segredo profesional e, en consecuencia, manter absoluta confidencialidade e reserva sobre a totalidade dos documentos, datos e informacións que lle sexan confiados para a formalización do programa ou que sexan elaborados con ocasión da execución deste, salvo que a comunicación derive dunha obriga legal ou mandato xudicial.

A entidade colaboradora, como encargada do tratamento dos datos, ten encomendado o labor de recollida, rexistro e almacenamento dos datos persoais necesarios para a tramitación do Bono deporte segundo as directrices establecidas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, garantindo expresamente respecto dos datos de carácter persoal que se traten durante a xestión dos devanditos bonos:

a) Que adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a súa conservación e seguridade e evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

b) Que non os comunicará a terceiras persoas.

c) Que gardará o segredo profesional respecto destes.

d) Que os utilizará única e exclusivamente para os efectos previstos neste convenio.

As obrigacións anteriormente citadas non exclúen nin contraveñen as obrigas que se citarán como condición de encargado do tratamento.

Novena. Encargado do tratamento

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ten a condición de responsable do tratamento de datos persoais e a entidade colaboradora ten a condición de encargada do tratamento, comprometéndose a entidade colaboradora ás seguintes condicións:

1. Tratar por conta da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes os datos de carácter persoal necesarios para a xestión do Bono deporte. A tipoloxía de datos tratados e as categorías de interesados serán unicamente os recollidos nesta orde. O tratamento poderá consistir na recollida, rexistro, conservación, consulta, supresión e destrución da información.

2. Utilizar os datos persoais obxecto de tratamento, ou os que recolla para a súa inclusión, só para a finalidade obxecto desta encarga. En ningún caso poderá utilizar os datos para fins propios e será considerado neste suposto como responsable do tratamento.

3. Tratar os datos de acordo coas instrucións do responsable do tratamento. Se o encargado do tratamento considera que algunha das instrucións infrinxe o RXPD, a LOPDGDD ou calquera outra disposición vixente en materia de protección de datos, informará inmediatamente o responsable.

4. Levar por escrito, cando proceda segundo o artigo 30 do RXPD, un rexistro das actividades de tratamento efectuadas por conta do responsable, que inclúa o contido previsto no referido artigo.

5. Non comunicar os datos a terceiras persoas, salvo que conte coa autorización expresa do responsable do tratamento, nos supostos legalmente admisibles. O encargado pode comunicar os datos a outros encargados do tratamento do mesmo responsable, de acordo coas instrucións deste último.

6. Manter o deber de segredo respecto dos datos persoais a que tivese acceso en virtude do presente contrato, mesmo despois de que finalice o seu obxecto.

7. Garantir que as persoas autorizadas para tratar datos persoais se comprometan, de forma expresa e por escrito, a respectar a confidencialidade e a cumprir as medidas de seguridade correspondentes, das cales serán informados convenientemente. O encargado manterá á disposición do responsable a documentación acreditativa do cumprimento desta obrigación.

8. Garantir a formación necesaria en materia de protección de datos persoais das persoas autorizadas para tratar este tipo de información.

9. Asistir ao responsable do tratamento na resposta ao exercicio dos dereitos recoñecidos pola lexislación vixente en materia de protección de datos persoais, a través de medidas técnicas e organizativas apropiadas, para que este poida cumprir coa súa obrigación de responder ás devanditas solicitudes dos interesados nos prazos previstos pola normativa vixente. Para iso, o encargado facilitará ao responsable, por requirimento deste, e coa maior brevidade posible, canta información sexa necesaria ou relevante para estes efectos. No caso de que os afectados solicitasen o exercicio dos seus dereitos ante o encargado do tratamento, este informaraos a través de calquera medio fidedigno de que poderán acceder ao procedemento previsto para iso en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

10. No caso de que o obxecto da contratación prevexa a recollida de datos directamente polo adxudicatario, este facilitará a información relativa aos tratamentos de datos que se van realizar no momento de recadar os datos. A redacción e o formato en que se facilitará a información deberase acordar co responsable e dará cumprimento en todo caso ás exixencias previstas no RXPD e na LOPDGDD.

11. Notificar ao responsable do tratamento, de forma inmediata e implementando as medidas de seguridade necesarias, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das que teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia, se é o caso, a Axencia Española de Protección de Datos, conforme o previsto no artigo 33 do RXPD.

12. Dar apoio ao responsable do tratamento na realización das avaliacións de impacto relativas á protección de datos e na realización das consultas previas á autoridade de control, cando cumpra.

13. Implantar, nos casos que aplique, as previsións recollidas no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da administración electrónica (ENS). En todo caso, implantaranse as medidas de seguridade necesarias para:

13.1. Garantir a confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e resiliencia permanentes dos sistemas e servizos de tratamento.

13.2. Restaurar a dispoñibilidade e o acceso aos datos persoais de forma rápida, en caso de incidencia física ou técnica.

13.3. Verificar, avaliar e valorar, de forma regular, a eficacia das medidas técnicas e organizativas implantadas para garantir a seguridade do tratamento.

13.4. Seudonimizar e cifrar os datos persoais, se fose necesario.

14. Poñer á disposición do responsable toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das súas obrigacións, en particular, certificados de cumprimento da normativa expedidos por entidades acreditadas ou, en caso de non existir, facilitando a realización das auditorías ou as inspeccións que realicen o responsable ou outro auditor autorizado.

15. Designar un delegado de protección de datos, se correspondese segundo o previsto no artigo 37 do RXPD e no artigo 34 da LOPDGDD, e comunicar a súa identidade e datos de contacto ao responsable, sen prexuízo da preceptiva inscrición na AEPD.

Para estes efectos, faise constar que a entidade financeira colaboradora conta cun/cunha delegado/a de protección de datos formalmente designado/a, ..., e co que o responsable do tratamento pode poñerse en contacto mediante o seguinte enderezo electrónico: ...

16. Devolver ao responsable, unha vez cumpridas as prestacións obxecto da presente contratación, os datos persoais e, se é o caso, os soportes onde consten. A devolución suporá a borradura total dos datos existentes nos equipamentos informáticos utilizados polo encargado. Non obstante, este último poderá conservar unha copia dos datos estritamente necesarios, debidamente bloqueados, mentres se poidan derivar responsabilidades da execución da prestación.

17. Non subcontratar ningunha das prestacións que formen parte do obxecto deste convenio que comporten o tratamento de datos persoais, fóra daqueles servizos auxiliares que resulten necesarios para o normal funcionamento dos servizos do encargado ou aqueles que resulten precisos para alcanzar o bo fin do presente convenio. Neste caso, as entidades subcontratistas terán tamén a condición de encargado do tratamento e deberán cumprir igualmente as obrigacións establecidas neste convenio para esta figura e as instrucións que dite o responsable do tratamento. Á entidade bancaria colaboradora corresponderalle regular a nova relación de forma que o novo encargado quede suxeito ás mesmas condicións (instrucións, obrigacións, medidas de seguridade...), ao mesmo réxime de responsabilidade e cos mesmos requisitos formais que o encargado inicial, no referente ao adecuado tratamento dos datos persoais e á garantía dos dereitos das persoas afectadas.

Décima. Prazo de duración

Este convenio de colaboración entrará en vigor o día da súa sinatura e os seus efectos estenderanse ata o 31 de decembro de 2024.

O convenio poderá ser obxecto de prórroga dentro dos límites establecidos no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Décimo primeira. Interpretación do convenio

As cuestións xurdidas acerca da interpretación, modificación ou efectos do convenio serán resoltas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, poñendo os seus acordos fin á vía administrativa.

Contra estes acordos cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución, segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou poderá interpoñerse directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do acto que poña fin á vía administrativa, se o dito acto for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para o/a solicitante e outros/as posibles interesados/as, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Resolución do convenio

Son causas de resolución deste convenio:

1. O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen que se acordase a súa prórroga.

2. O acordo unánime das partes asinantes.

3. O incumprimento total ou parcial das estipulacións contidas nas cláusulas ou no articulado da orde pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes de axudas en curso.

4. Calquera outra causa distinta das anteriores prevista na lexislación vixente.

Para os efectos do reintegro das subvencións haberá que observar o disposto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo terceira. Xustificación e inspección

A Secretaría Xeral para o Deporte, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar a posteriori e de forma aleatoria cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control xulgue oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa subvencional.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos adheridos, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá cancelar a adhesión destes ao programa Bono deporte, e comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir o troco e pagamento dos bonos.

Os establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos adheridos están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Secretaría Xeral para o Deporte e os restantes órganos de control no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Décimo cuarta. Natureza administrativa

Este convenio de colaboración ten natureza administrativa, e queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que puidese presentar.

O convenio rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.

As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo quinta. Réxime xurídico

Para todo o non previsto neste convenio de colaboración observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público; así como nas restantes normas xerais de dereito administrativo.

E en proba da conformidade cos termos deste convenio de colaboración, as partes asínano e rubrícano no lugar e data indicados na cabeceira.

Diego Calvo Pouso

................

Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes

................

missing image file
missing image file