DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2023 Páx. 61469

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de cooperación local destinado aos concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes, previsto no artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 (código de procedemento PR486B) (Diario Oficial de Galicia número 34, do 17 de febreiro).

Mediante a Orde do 9 de febreiro de 2023 establecéronse os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, previsto no artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, destinado a concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes, publicada no Diario Oficial de Galicia número 34, do 17 de febreiro de 2023, co código de procedemento PR486B.

O 26 de maio de 2023, a directora xeral de Administración Local, por delegación do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes (na actualidade, vicepresidente primeiro e conselleiro), con base na disposición derradeira primeira da Orde do 9 de febreiro de 2023, resolveu o procedemento iniciado en virtude desta orde e asignou as achegas do fondo aos concellos beneficiarios polos importes sinalados na mesma resolución.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos procedeu a realizar os pagamentos anticipados das achegas polo importe correspondente ao 80 % da asignación destinada a cada concello, dentro de cada unha das 3 liñas de financiamento establecidas no artigo 1 da orde que corresponden ás legalmente establecidas en virtude do artigo 59.catro da citada Lei de orzamentos xerais para 2023.

No artigo 13.2 da Orde reguladora fíxase o 15 de novembro de 2023 como data límite para a realización dos investimentos e para a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos. Co fin de posibilitar a execución dos proxectos e o procedemento de xestión administrativa e orzamentaria que resulte de aplicación, preténdese ampliar ata o 30 de novembro o referido prazo de execución e xustificación dos proxectos financiados polo fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local previsto no artigo 59.catro da citada Lei 6/2022, do 26 de decembro.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, segundo o cal a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder, de oficio ou por petición dos interesados, unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiro.

Con base en todo o anteriormente exposto, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa Lei 6/2022, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, co Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en relación co previsto na disposición transitoria segunda do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e co disposto na Orde do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen os criterios e o procedemento para a distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, previsto no artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, destinado a concellos de Galicia con poboación inferior a 15.000 habitantes,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 13.2 da Orde do 9 de febreiro de 2023, que queda redactado nos seguintes termos:

A data límite para a realización dos investimentos e a presentación da documentación xustificativa da aplicación dada aos fondos remata o 30 de novembro de 2023.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes