DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2023 Páx. 61438

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Xuventude

DECRETO 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

I

O artigo 149.1.1ª da Constitución española atribuíu ao Estado a competencia exclusiva para regular as condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio do dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais.

Por outra banda, en materia de servizos sociais, o artigo 148.1.20ª da Constitución española permitiu a todas as comunidades autónomas a asunción de competencias exclusivas en materia de asistencia social.

Ao abeiro desta habilitación, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, a través do artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, a competencia exclusiva na devandita materia.

A Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, segundo refire o seu artigo 1, regula as condicións básicas de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia mediante a creación dun sistema para a autonomía e atención á dependencia, coa colaboración e participación de todas as administracións públicas, e no artigo 16.1 integra as prestacións e servizos establecidos nela na Rede de servizos sociais das respectivas comunidades autónomas no ámbito das competencias que teñan asumidas. Pola súa banda, o número 2 do artigo 16 dispón que as comunidades autónomas establecerán o réxime xurídico e as condicións de actuación dos centros privados concertados, e o número 3 refire que os centros e servizos privados non concertados que presten servizos a persoas en situación de dependencia deberán contar coa debida acreditación da comunidade autónoma correspondente.

Como se establece na súa parte expositiva, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, trata de configurar un desenvolvemento dos servizos sociais que complemente a acción protectora e que poida dar resposta ás necesidades de atención das persoas en situación de dependencia.

Neste labor xogan un papel fundamental as comunidades autónomas e, cando corresponda dentro do seu ámbito competencial, as entidades locais. En concreto, no artigo 11 atribúeselles ás comunidades autónomas a planificación, a ordenación e a coordinación, no ámbito do seu territorio, dos servizos de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia, así como a xestión dos recursos necesarios para iso. Así mesmo, o artigo 12 prevé que as entidades locais participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia de acordo coa normativa das súas respectivas comunidades autónomas e dentro das competencias que a lexislación vixente lles atribúe.

A parte expositiva da propia lei recoñece, tamén, que as necesidades das persoas dependentes foron atendidas, fundamentalmente, desde os ámbitos autonómico e local, polo que a colaboración entre as comunidades autónomas e as entidades locais é determinante para atender as persoas en situación de dependencia e para lograr unha mellor xestión dos servizos, conforme as competencias que a lexislación vixente lles atribúe.

No nivel estatal, o marco xurídico complétase co Real decreto 888/2022, do 18 de outubro, polo que se establece o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e polo Real decreto 174/2011, do 11 de febreiro, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. Ambas as normas son obxecto de desenvolvemento –cando menos en parte– por medio deste decreto.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, cuxo obxecto é a estruturación e regulación, como servizo público, dos servizos sociais de Galicia para a construción do sistema galego de benestar. Como refire o artigo 1.2 da lei, con ela os poderes públicos galegos garanten, como dereito recoñecible e exixible, o dereito das persoas aos servizos sociais que lles correspondan en función da avaliación obxectiva das súas necesidades, co fin de facilitar que a súa liberdade e igualdade sexan reais e efectivas, removendo os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos e todas na vida política, económica, cultural e social.

Deste xeito, o artigo 2.1 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, define os servizos sociais como «… o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos expresados no artigo seguinte». Así mesmo, o número 2 do devandito artigo 2 integra no Sistema galego de servizos sociais o «… conxunto de servizos, programas e prestacións, tanto de titularidade pública coma de titularidade privada, acreditados e concertados pola Administración nos termos establecidos na presente lei».

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou diversas normas regulamentarias no desenvolvemento da Lei 39/2006, do 14 de decembro, entre as que cabe destacar o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, que é obxecto de derrogación expresa mediante este decreto, e o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Á vista da evolución da implantación do sistema de atención á dependencia na Comunidade Autónoma e das súas dificultades, este decreto ten por obxecto, resumidamente, avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia, adaptarse aos últimos cambios normativos, consolidar os dereitos das persoas con grao e nivel de dependencia, así como de todas aquelas persoas que xa eran usuarias do Sistema galego de servizos sociais con anterioridade á entrada en vigor da normativa específica en materia de dependencia, e garantir a máxima axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do Programa individual de atención. Por tales motivos considérase precisa unha modificación substancial da actual regulación do procedemento que leva consigo, como xa se dixo, a derrogación do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

II

O decreto consta de 40 artigos, agrupados nun título preliminar, tres títulos, 4 disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

O título preliminar conta con dous capítulos; o capítulo I contén as disposicións xerais para a aplicación da norma, tales como obxecto e ámbito de aplicación; persoas beneficiarias; catálogo de servizos e prestacións económicas; competencias das distintas administracións públicas, destacando a participación no desenvolvemento da Lei das entidades locais, e fai fincapé no seguimento das prestacións e axudas concedidas. Tamén regula, no seu capítulo II, os órganos do Sistema para a promoción e atención á dependencia en Galicia.

O título I establece os trámites para o recoñecemento da situación de dependencia e a elaboración do Programa individual de atención.

O capítulo I deseña un único procedemento para o recoñecemento da situación da dependencia e a elaboración do Programa individual de atención. O procedemento iniciarase por instancia da persoa interesada ou, de ser o caso, de quen exerza a súa representación, reducirase considerablemente a documentación que se debe presentar coa solicitude e potenciarase a comprobación de datos por parte da Administración, na liña de facilitar a súa resolución coa maior axilidade posible, sen ter que reclamar a intervención da persoa interesada máis que naquilo que sexa estritamente necesario. Desta maneira evítase unha excesiva burocratización, co fin de dar unha resposta máis áxil ás persoas interesadas. Mantense a regulación do procedemento de emerxencia prevista na normativa anterior e establécese o prazo máximo de seis meses para ditar e notificar a resolución, entendéndose desestimada a solicitude cando venza o devandito prazo sen se notificar a resolución.

No capítulo II regúlase a revisión do grao de dependencia e do Programa individual de atención. A revisión do grao de dependencia estará condicionada ás causas establecidas no artigo 30 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa normativa de desenvolvemento. O procedemento de revisión iniciarase de oficio ou por solicitude da persoa interesada ou, de ser o caso, de quen exerza a súa representación, e seranlle de aplicación normas establecidas para o recoñecemento da situación de dependencia.

O Programa individual de atención poderase revisar de oficio ou por solicitude da persoa interesada ou, de ser o caso, de quen exerza a súa representación, e seranlle de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas para a elaboración do Programa individual de atención.

No título II regúlase a xestión das prazas dos servizos. O programa de asignación de recursos é o instrumento a través do cal se asignan os recursos aplicando os criterios de prioridade que se prevén na norma. A asignación de prazas vacantes a persoas incluídas no programa de asignación de recursos en centros do Sistema galego de servizos sociais será efectuada polo órgano superior competente en materia de admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia. No caso do servizo de axuda no fogar, serán os concellos titulares do servizo os que darán de alta as persoas en espera de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. Para estes efectos, garantiráselles aos servizos sociais comunitarios municipais acceso actualizado ao devandito programa de asignación de recursos.

No título III, dividido en tres capítulos, regúlanse o pagamento e a xustificación das prestacións económicas, o procedemento para o reintegro das cantidades percibidas indebidamente e a devolución dos ingresos indebidos, para os efectos dun seguimento e control exhaustivo das prestacións concedidas e na procura e detección de posibles actuacións fraudulentas. Ao mesmo tempo, regúlase un procedemento de reintegro a través de descontos nas prestacións para facilitar a devolución do percibido indebidamente.

Entre as disposicións cabe destacar a disposición transitoria primeira, onde se establece a aplicación desta norma aos expedientes xa iniciados, conservándose os trámites realizados, co obxecto de que se beneficien das melloras introducidas.

Por último, na disposición derradeira primeira regúlase o establecemento de procedementos de coordinación sociosanitaria, en conexión coa recente creación da comisión para o mesmo fin.

Neste sentido, á vista da evolución da implantación do sistema de atención á dependencia na Comunidade Autónoma e das súas dificultades, esta disposición ten por obxecto avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia en prol de garantir unha maior axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do Programa individual de atención, establecendo un único procedemento, máis áxil e cunha menor carga burocrática que permita dar unha resposta máis rápida ás demandas da sociedade galega en materia de dependencia. Por tales motivos faise precisa unha modificación substancial da actual regulación do procedemento que implica a derrogación da actual norma que o regula.

Todos estes cambios buscan optimizar recursos e axilizar o proceso para procurar unha pronta resposta á cidadanía. Co obxecto de contar coa participación dos colectivos directamente afectados, tivéronse en conta as súas alegacións a través do trámite de audiencia correspondente.

III

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. A súa tramitación vén precedida da consulta á cidadanía e durante a instrución deuse audiencia e información ás entidades que puideren resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, oído o Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de setembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Título preliminar

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O decreto ten por obxecto regular o procedemento para o recoñecemento, revisión e seguimento das situacións de dependencia; a elaboración dos programas individuais de atención en que se determinarán as modalidades de intervención entre os servizos e prestacións económicas previstas para cada grao de dependencia, e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes para a súa valoración, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Persoas titulares do dereito

1. Poderán solicitar o recoñecemento da situación de dependencia as persoas con nacionalidade española que cumpran os seguintes requisitos:

a) Atoparse en situación de dependencia nalgún dos graos establecidos.

b) Para as persoas menores de tres anos, atoparse en situación de dependencia conforme o establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

c) Residir en territorio español e telo feito durante cinco anos, dos cales dous deberán ser inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Para as persoas menores de cinco anos o período de residencia exixiráselle a quen exerza a súa garda e custodia.

d) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia na data da presentación da solicitude.

2. As persoas que carezan de nacionalidade española rexeranse polo establecido na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, nos tratados internacionais, convenios que se establezan co país de orixe e, de ser o caso, lexislación aplicable ás persoas menores de idade.

3. As persoas solicitantes que, como consecuencia da súa condición de emigrantes retornadas, non cumpran o requisito do período de residencia no territorio español, poderán acceder aos servizos e ás prestacións económicas con igual contido e extensión que as prestacións reguladas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa posterior normativa de desenvolvemento.

Artigo 3. Catálogo de servizos do Sistema para a autonomía e atención á dependencia

O catálogo do Sistema para a autonomía e atención á dependencia comprende, segundo as prioridades que estableza o Programa individual de atención, os seguintes servizos:

a) Servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal.

b) Servizo de teleasistencia básica e avanzada.

c) Servizo de axuda no fogar.

1º. Atención das necesidades do fogar.

2º. Coidados persoais.

d) Servizo de centro de atención diúrna e de atención nocturna para persoas en situación de dependencia:

1º. Centro de día para maiores.

2º. Centro de día para menores de 65 anos.

3º. Centro de día de atención especializada.

4º. Centro de noite.

e) Servizo de atención residencial:

1º. Residencia de persoas maiores en situación de dependencia.

2º. Centro de atención a persoas en situación de dependencia, en razón dos distintos tipos de discapacidade.

3º. Estadías temporais en residencia.

Artigo 4. Prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia

De conformidade co establecido nos artigos 14 e 17 a 20 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, as prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia serán as que a continuación se enumeran:

a) A prestación económica vinculada ao servizo como achega económica de carácter periódico que ten por finalidade contribuír ao financiamento do custo dos servizos que se determinen no Programa individual de atención como os máis adecuados para a persoa en situación de dependencia e sexan prestados por entidades debidamente autorizadas para a atención á dependencia, cando non sexa posible o acceso efectivo a un servizo público.

b) A prestación económica para coidados na contorna familiar como achega económica de carácter periódico, cuxa finalidade é proporcionarlle á persoa beneficiaria recursos económicos para contribuír á cobertura dos gastos derivados da atención prestada pola persoa coidadora non profesional co obxecto de posibilitar a permanencia da persoa beneficiaria no seu domicilio habitual, sempre que o Programa individual de atención determine esta modalidade de intervención como a máis adecuada entre as do catálogo de prestacións, tendo en conta o grao de dependencia recoñecido e as necesidades de atención da persoa en situación de dependencia.

c) A prestación económica de asistencia persoal como achega económica destinada a contribuír á cobertura dos gastos derivados da contratación dun/unha asistente persoal que facilite o acceso a un proxecto formativo, laboral ou ocupacional para promover unha maior autonomía no exercicio das actividades da vida diaria ás persoas en situación de dependencia en calquera dos seus graos.

Artigo 5. Integración no Sistema galego de servizos sociais

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias e de conformidade co disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, garante a oferta de servizos e prestacións económicas recollidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, integrándoas no Sistema galego de servizos sociais.

2. De conformidade co artigo 14 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, os servizos do catálogo terán carácter prioritario e serán prestados, a través da oferta pública da rede de servizos sociais, pola Comunidade Autónoma mediante centros e servizos públicos ou privados concertados debidamente acreditados.

De non ser posible a atención mediante algún destes servizos, procederá o recoñecemento da prestación económica vinculada ao servizo. Esta prestación irá destinada a cubrir os gastos do/dos servizo/s previstos no Programa individual de atención, que deberán ser prestado/s por unha entidade debidamente autorizada para a atención á dependencia.

Artigo 6. Competencias das administracións públicas

1. Correspóndelle ao órgano territorial da consellería competente en materia de servizos sociais o recoñecemento da situación de dependencia e, de ser o caso, do dereito e acceso aos servizos e prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, sen prexuízo do apoio do persoal que preste servizos en unidades de servizos centrais, sempre que dispoñan da formación axeitada para colaborar na valoración de solicitudes.

2. As entidades locais de Galicia participarán na xestión dos servizos de atención ás persoas en situación de dependencia nos termos previstos na Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na Lei 13/2008, do 3 de decembro, no marco das competencias que a lexislación vixente lles atribúa.

3. Para os efectos deste decreto, as administracións públicas, no exercicio das súas respectivas competencias, actuarán de conformidade cos principios de coordinación, colaboración e cooperación interadministrativa.

Artigo 7. Seguimento das prestacións, axudas e beneficios e acción administrativa contra a fraude

1. A traballadora ou traballador social dos servizos sociais comunitarios correspondentes ao domicilio da persoa beneficiaria ou, de ser o caso, o/a traballador/a social do sistema de saúde ou traballador/a social de servizos sociais especializados será o/a responsable do seguimento da correcta aplicación do Programa individual de atención no seu ámbito territorial e da adecuación á situación da persoa beneficiaria.

2. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicar calquera variación das circunstancias que foron determinantes para a resolución do seu expediente.

CAPÍTULO II

Órganos do Sistema para a autonomía e atención á dependencia en Galicia

Artigo 8. Órganos de valoración e asesoramento da dependencia. Distribución territorial e composición

1. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia, órganos colexiados, estarán adscritos ao correspondente órgano territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais ou á subdirección xeral con competencia en materia de valoración da dependencia.

2. Existirá, como mínimo, un órgano de valoración e asesoramento da dependencia por cada unha das áreas de valoración provinciais adscritas aos órganos territoriais.

Por cada órgano territorial existirá, como mínimo, unha área de valoración correspondente ao ámbito provincial respectivo; se é necesario, poderanse establecer varias áreas de valoración provinciais.

3. Cada órgano de valoración estará integrado por profesionais con perfil social e sanitario, cunha composición mínima dun/dunha profesional médico, un/unha psicólogo/a, un/unha traballador/a social e, de ser o caso, dun/dunha terapeuta ocupacional ou fisioterapeuta.

4. En canto á organización e réxime de funcionamento, seguirase o disposto na sección 3ª, capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización de funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª, capítulo II, do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, que sexa de aplicación.

Artigo 9. Funcións dos órganos de valoración e asesoramento da dependencia

Serán funcións dos órganos de valoración e asesoramento da dependencia:

a) Revisar a información sanitaria, o informe social, de ser o caso, e a restante documentación que conste no expediente ou calquera outra información complementaria e necesaria para os efectos de desenvolver a valoración.

b) Solicitar a documentación, informes ou probas complementarias necesarias para a valoración da situación de dependencia e o establecemento do Programa individual de atención.

c) Coordinar as actuacións do persoal técnico de valoración para garantir a aplicación dos criterios técnicos fixados pola unidade central competente.

d) Revisar e aplicar un control de calidade ás valoracións da dependencia realizadas polo persoal técnico de valoración da Administración autonómica.

e) Codificar os diagnósticos que se detallen no ditame técnico de valoración.

f) Propoñer ditame sobre o grao de dependencia e, de ser o caso, proposta do Programa individual de atención á persoa titular do órgano territorial da consellería competente en materia de servizos sociais.

g) Emitir unha proposta técnica que motive a necesidade de proceder nos casos de emerxencia.

h) Asesorar o persoal técnico de valoración da situación de dependencia nos asuntos da súa competencia.

i) Emitir aqueles informes que lles soliciten as administracións públicas en materia de valoración da situación de dependencia, así como do Programa individual de atención.

j) Aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas no ámbito do asesoramento e avaliación.

Artigo 10. Persoal técnico de valoración da situación de dependencia

1. O persoal técnico de valoración da dependencia dependerá funcionalmente dos órganos de valoración e asesoramento da dependencia e organicamente do órgano territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais ou, de ser o caso, da subdirección xeral con competencia en materia de valoración da dependencia.

2. O persoal técnico de valoración da dependencia serán profesionais con perfil social e sanitario, de conformidade co establecido na normativa de desenvolvemento deste decreto.

Artigo 11. Funcións do persoal técnico de valoración

Serán funcións dos técnicos de valoración da situación de dependencia:

a) Aplicar os baremos para a valoración da dependencia establecidos normativamente.

b) Examinar a situación socioeconómica de acordo co informe social e o resto de documentación relativa á contorna en que vive a persoa solicitante e, de ser o caso, a súa elaboración.

c) Dar traslado ao órgano de valoración e asesoramento da dependencia da necesidade de solicitar informes e/ou probas complementarias necesarias para cubrir a valoración, así como da existencia de causas no expediente que requiran a súa valoración para determinar o carácter de emerxencia.

d) A análise das modalidades do recursos que, dentro do catálogo de servizos e prestacións, se adecúen ás necesidades de cada solicitante.

e) Orientar e asesorar as persoas usuarias do Sistema para a autonomía e atención á dependencia.

f) Aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas.

Artigo 12. Unidade de Coordinación da Dependencia

1. A Unidade de Coordinación da Dependencia, órgano de carácter técnico, estará adscrita ao órgano de dirección competente en materia de dependencia con relación xerárquica directa coa persoa titular da consellería.

2. A Unidade de Coordinación da Dependencia estará integrada, como mínimo, por un/unha profesional médico, un/unha psicólogo/a, un/unha traballador/a social e, de ser o caso, por un/unha terapeuta ocupacional ou fisioterapeuta.

Artigo 13. Funcións da Unidade de Coordinación da Dependencia

Serán funcións da Unidade de Coordinación da Dependencia:

a) Establecer, unificar e informar dos criterios xerais para a correcta aplicación dos baremos para a valoración da dependencia establecidos normativamente, así como no referido ao establecemento e elaboración do Programa individual de atención.

b) Prestar asesoramento técnico nas reclamacións administrativas e xurisdicionais deducidas contra as resolucións da Administración autonómica en materia de valoración da situación de dependencia e dos programas individuais de atención.

c) Prestar asistencia técnica de coordinación e seguimento das valoracións da situación de dependencia e do establecemento dos correspondentes programas individuais de atención, así como nos sistemas de información do Sistema para a autonomía e atención á dependencia.

d) Garantir o seguimento e a calidade da información compartida entre os sistemas de información da Comunidade Autónoma de Galicia e o Sistema de información de atención á dependencia do Estado (Sisaad).

e) Coordinar o recoñecemento dos servizos establecidos nas resolucións do Programa individual de atención coas unidades administrativas competentes en materia de adxudicacións de prazas e prestación dos servizos.

f) Coordinar os plans de formación dos profesionais dos órganos de valoración e asesoramento e do persoal técnico, así como doutros profesionais da rede pública que poidan intervir nos procedementos regulados neste decreto.

g) Aqueloutras cuestións que lle atribúa o órgano de dirección competente en materia de dependencia con relación xerárquica directa coa persoa titular da consellería ou aqueloutras que lle sexan atribuídas en aplicación da normativa vixente.

TÍTULO I

Recoñecemento da situación de dependencia e elaboración do Programa individual de atención

CAPÍTULO I

Procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa individual de atención

Sección 1ª. Iniciación

Artigo 14. Iniciación do procedemento e presentación da solicitude

1. O procedemento iniciarase por instancia da persoa que poida estar afectada por algún grao de dependencia ou, de ser o caso, de quen exerza a súa representación.

2. As solicitudes poderán presentarse:

a) Electronicamente, a través dos modelos normalizados dispoñibles na sede electrónica (https://sede.xunta.es). Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuarios e clave Chave365.

b) Presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas que tivesen recoñecida a necesidade de axuda dunha terceira persoa, cunha puntuación de 45 puntos ou máis, de conformidade coa normativa reguladora do procedemento para o recoñecemento e cualificación do grao de discapacidade, poderán presentar solicitude de homologación á dependencia de conformidade co que se estableza na orde de desenvolvemento do decreto.

Sección 2ª. Ordenación e instrución

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle ao departamento competente en materia de dependencia, de acordo co previsto no decreto de estrutura orgánica da consellería con competencia en materia de servizos sociais.

Artigo 16. Orde de prelación na tramitación dos procedementos

1. Os procedementos iniciaranse por orde de entrada.

Sen prexuízo do disposto no artigo 17, no despacho dos expedientes gardarase a orde rigorosa de incoación en asuntos de homoxénea natureza, salvo que o titular da unidade administrativa dea orde motivada en contrario, da cal quede constancia.

2. Á vista dos informes social e de saúde, o órgano instrutor, logo do ditame técnico do órgano de valoración e asesoramento da dependencia, poderá determinar a orde de prelación dos expedientes na súa valoración da situación de dependencia.

3. Debido ás características específicas do recoñecemento da situación de dependencia das persoas menores de tres anos, establécese a prioridade na tramitación destes procedementos para evitar a demora e interferencia nos prazos de revisión.

Artigo 17. Tramitación dos procedementos nos supostos de emerxencia social

Daráselle prioridade na tramitación ao correspondente procedemento, mediante resolución motivada da persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de servizos sociais e logo do ditame técnico do órgano de valoración e asesoramento da dependencia, unha vez analizado o informe social e de saúde que acredite estas circunstancias, cando así o aconsellen razóns de interese público debidamente documentadas e obxectivadas que supoñan:

a) Unha situación de desamparo ou abandono.

b) Malos tratos físicos e/ou psíquicos.

c) Situación de risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica.

Artigo 18. Citación para a valoración da situación de dependencia

1. O servizo ou órgano que determine a consellería con competencia en materia de servizos sociais, unha vez completada a documentación, comunicará á persoa interesada o día, a franxa horaria e o lugar en que se realizará a valoración da situación de dependencia.

2. Cando a persoa interesada mostre a súa conformidade na solicitude, poderá ser citada por medios telemáticos ou electrónicos.

3. Cando se produza a paralización do procedemento, por causa imputable á persoa interesada, que impida realizar a valoración a que se refire o número anterior, advertirase de que, transcorridos tres meses, se producirá a súa caducidade e o arquivamento das actuacións practicadas, de acordo co establecido no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

4. Se no momento da citación existisen condicións de saúde obxectivamente motivadas que impidan a aplicación dos baremos de valoración da dependencia establecidos normativamente, suspenderase a tramitación do expediente ata que se dean as circunstancias que posibiliten a valoración e así o inste a persoa interesada.

Artigo 19. Requirimento de documentación

1. O órgano instrutor requirirá, de ser o caso, a persoa interesada para que achegue, no prazo máximo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, a documentación necesaria e complementaria que non figure aínda en poder da Administración para a valoración da situación de dependencia e a elaboración do Programa individual de atención. Se non o fixese, considerarase interrompido o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.

2. Transcorrido o prazo de tres meses sen que a persoa solicitante achegue a documentación requirida, a Administración declarará a caducidade do procedemento e acordará o arquivamento das actuacións, de acordo co establecido no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 20. Valoración da situación de dependencia

1. A aplicación dos baremos establecidos normativamente corresponderalle ao persoal técnico de valoración, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 11 deste decreto.

2. A aplicación dos baremos establecidos normativamente realizarase na contorna habitual da persoa solicitante, salvo que os órganos de valoración e asesoramento da dependencia determinen que se leve a cabo nun lugar distinto.

3. O/a profesional técnico respectivo informará a persoa solicitante ou, de ser o caso, a persoa representante, das situacións orixinadas por problemas de saúde especificadas no informe médico, así como das necesidades de apoio doutra persoa para a realización de actividades ou tarefas tidas en conta tras a aplicación do baremo.

4. Corresponderá ao persoal técnico de valoración examinar a situación socioeconómica, así como o estudo sobre a contorna en que vive a persoa en situación de dependencia.

5. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia realizarán de oficio cantas actuacións resulten necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba ditarse resolución. Poderán solicitar ou requirir os informes e/ou probas complementarios ou aclaratorios que consideren convenientes, cando o contido dos antecedentes que figuran no procedemento ou as especiais circunstancias da persoa interesada así o aconsellen.

Artigo 21. Ditame proposta sobre o grao de dependencia e o Programa individual de atención

1. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia realizarán a valoración integral, tendo en conta os resultados da aplicación polo persoal técnico dos baremos de valoración de dependencia establecidos normativamente, o exame das condicións de saúde reflectidas nos informes, o informe social correspondente ao expediente do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e outros informes sociais de que se dispoña, e emitirán ditame proposta que conterá, como mínimo:

a) Diagnóstico, puntuación do baremo, grao de dependencia.

b) Carácter permanente ou revisable do grao de dependencia de acordo co seguinte:

1º. No caso de menores de 3 anos, a valoración terá carácter non permanente e estableceranse revisións de oficio periódicas cando os/as menores fagan 6, 12, 18, 24 e 30 meses. Aos 36 meses todos os/as menores deberán ser de novo avaliados/as co baremo recoñecido normativamente aplicable para a súa idade.

2º. No caso de menores de idade a partir de 3 anos estableceranse revisións de oficio, como mínimo unha revisión por cada tramo de idade en que se divide o baremo, segundo os criterios establecidos no Real decreto 174/2011, do 11 de febreiro, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

3º. Nos demais casos, establecerase un prazo máximo en que se deberá efectuar a primeira revisión do grao resolto cando sexa necesario, en función das circunstancias concorrentes.

c) A proposta do Programa individual de atención, que terá en conta as expectativas ou necesidades de atención a través dos servizos ou das prestacións económicas do Sistema para a autonomía e atención á dependencia manifestadas pola persoa interesada.

As expectativas ou necesidades manifestadas pola persoa interesada terán carácter orientativo e non vinculante para o órgano de valoración e asesoramento da dependencia.

A proposta do Programa individual de atención incluirá o recurso asignado do Sistema para a autonomía e atención á dependencia e, de ser o caso, aquel ou aqueles recursos que lle correspondan ao interesado mentres non se produza a efectividade do recurso asignado.

No caso dos servizos, indicará a participación da persoa beneficiaria no seu custo e, no caso das prestacións económicas, indicará as contías e data e inicio destas.

2. Os órganos de valoración e asesoramento da dependencia elevarán á persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais o ditame proposta sobre o grao de dependencia e sobre o Programa individual de atención.

Sección 3ª. Terminación

Artigo 22. Resolución

1. A persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais ditará a correspondente resolución, que determinará o grao de dependencia da persoa solicitante e aprobará o Programa individual de atención, co contido establecido no número 1 do artigo 21.

2. No suposto en que a modalidade ou modalidades de intervención determinadas sexan distintas á valoración efectuada polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio do solicitante e, de ser o caso, do/da traballador/a social do sistema de saúde ou do/da traballador/a social dos servizos sociais especializados, a resolución xustificará expresamente a motivación da modalidade de intervención.

3. Nos casos en que se determine necesario en función das circunstancias concorrentes, a resolución determinará o prazo máximo en que se deba efectuar a revisión do grao de dependencia que se declare e/ou do Programa individual de atención.

4. O prazo máximo para ditar resolución e para practicar a súa notificación será de seis meses contado desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Artigo 23. Desistencia e renuncia

1. En calquera fase do procedemento a persoa solicitante ou, de ser o caso, quen exerza a súa representación, poderá desistir da súa petición ou ben renunciar aos dereitos recoñecidos nunha resolución previa.

2. A desistencia ou a renuncia formularanse por escrito, por calquera outro medio que permita a súa constancia ou mediante a comparecencia da persoa lexitimada nas dependencias do departamento territorial competente en materia de servizos sociais. Neste último suposto, o órgano competente cubrirá a oportuna dilixencia, que deberá ser asinada pola persoa interesada.

3. Formalizadas a desistencia ou a renuncia, arquivarase a solicitude e poñerase fin ao expediente, de conformidade co disposto no artigo 94 da a Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 24. Efectividade do dereito ás prestacións económicas

A efectividade do dereito ás prestacións económicas producirase a partir do primeiro día do mes seguinte ao da data da resolución en que se recoñeza a concreta prestación económica ou, de ser o caso, desde o día seguinte á data en que se cumpra o prazo máximo de seis meses desde a solicitude sen que se notificase a resolución expresa de recoñecemento da prestación, cando esta fose estimatoria.

Artigo 25. Silencio administrativo

No suposto do vencemento do prazo máximo establecido sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolver expresamente.

Artigo 26. Recurso de alzada

Contra a resolución deste procedemento as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, recurso de alzada ante a persoa titular da consellería con competencia en materia de servizos sociais, de conformidade co disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

CAPÍTULO II

Revisión do grao de dependencia e do Programa individual de atención

Artigo 27. Revisión do grao de dependencia

1. O grao de dependencia será revisable polas causas establecidas no artigo 30 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e na súa normativa de desenvolvemento. O procedemento iniciarase por instancia da persoa interesada ou de quen exerza a súa representación, a través do correspondente modelo normalizado, ou de oficio polo órgano do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

2. Se a solicitude de revisión a presenta a persoa interesada, deberá achegarse cos informes de condicións de saúde e documentos que fundamenten as causas da revisión e dirixirase ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais do domicilio da persoa beneficiaria.

3. No caso de que non existan circunstancias debidamente acreditadas e xustificadas que permitan proceder á revisión solicitada, o órgano de valoración e asesoramento emitirá un ditame técnico en que propoñerá a desestimación da solicitude de revisión. O ditame-proposta elevarase á persoa titular do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais, que ditará resolución denegatoria da revisión.

4. Serán de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas neste decreto para o recoñecemento da situación de dependencia.

Artigo 28. Revisión do Programa individual de atención

O Programa individual de atención poderá ser revisado nos seguintes casos:

1. Revisarao de oficio o órgano do departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais nos seguintes supostos:

a) Cando se produza unha revisión do grao de dependencia recoñecido, sempre que esta implique unha modificación das prestacións económicas e/ou servizos recibidos.

b) Polo traslado de residencia á Comunidade Autónoma de Galicia desde outra comunidade autónoma.

c) Cando existan circunstancias obxectivamente motivadas que aconsellen a súa revisión.

d) Por proposta, debidamente motivada, do/da traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa beneficiaria ou, de ser o caso, do/da traballador/a social do sistema de saúde ou traballador/a social de servizos sociais especializados responsable do seguimento do Programa individual de atención.

e) En calquera caso, coa periodicidade que determine o órgano superior con competencias en materia de dependencia.

2. Poderá revisarse o Programa individual de atención por instancia da persoa interesada, ou de quen exerza a súa representación, sempre que se acredite unha variación nas condicións de saúde ou na situación da súa contorna que puidesen motivar unha modificación do servizo ou prestación económica recoñecida.

3. Será de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas neste decreto para a elaboración do Programa individual de atención.

TÍTULO II

Xestión das prazas dos servizos

Artigo 29. Programa de asignación de recursos

1. O programa de asignación de recursos (en diante PAR) é o instrumento a través do cal a consellería con competencias en materia de servizos sociais establece unha orde de preferencia para o acceso aos centros de día, de noite, residenciais, teleasistencia e axuda no fogar do Sistema galego de servizos sociais.

2. O acceso ás listaxes ordenadas de acordo cos criterios de prelación establecidos neste título é público, sen prexuízo das limitacións que deriven da lexislación vixente sobre o dereito á intimidade e á protección de datos de carácter persoal. Neste sentido, e logo de solicitude a través do correspondente modelo normalizado, o órgano superior competente en materia de admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia emitirá certificacións relacionadas co seu contido.

3. O PAR establecerá a prelación mediante a aplicación dos seguintes criterios de prioridade:

a) O maior grao de dependencia.

b) A menor capacidade económica.

c) A situación sociofamiliar da persoa en situación de dependencia.

d) A non percepción doutra prestación ou servizo do Sistema para a promoción da autonomía e atención á dependencia.

e) A data de presentación da solicitude da valoración da dependencia.

f) A idade da persoa en situación de dependencia.

4. Atendendo aos criterios expostos nos puntos anteriores, o PAR xerará unha actualización automática da listaxe de espera, a medida que o órgano superior competente en materia de admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia incorpore novas resolucións de Programa individual de atención pendentes de asignación de centro ou servizo.

5. As persoas incluídas no PAR poderán comunicar ao órgano superior competente a relación de centros aos cales desexen incorporarse, o cal será tido en conta para os efectos previstos no artigo seguinte.

Artigo 30. Asignación de prazas nos centros e servizos

1. A asignación de prazas vacantes a persoas incluídas no PAR en centros do Sistema galego de servizos sociais será efectuada polo órgano superior competente en materia de admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia, que aprobará o correspondente ingreso. Tal asignación deberá efectuarse a favor da persoa que se atope mellor situada dentro do PAR, con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate.

Non obstante o anterior, darase preferencia na asignación de recursos con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate, excepto nas situacións de emerxencia social reguladas no artigo 17, ao suposto de persoas cuxa atención se veu realizando con recursos do sistema educativo e que, por razón de idade, non poidan permanecer no devandito sistema e sexa necesaria unha continuidade na súa atención a través de recursos do sistema de servizos sociais. A orde de prelación destas persoas entre si virá determinada pola aplicación dos criterios xerais previstos no artigo anterior.

2. A proposta de asignación de praza vacante será elevada ao órgano superior competente en materia de admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia pola unidade administrativa responsable en cada caso, segundo o tipo de centro de que se trate.

3. Mediante resolución o órgano superior competente en materia de admisión nos centros e servizos para as persoas en situación de dependencia asignará unha praza concreta á persoa solicitante, conforme o establecido no correspondente programa individual de atención, onde se deberá indicar o centro ou servizo que lle corresponde.

4. Nas situacións de emerxencia social reguladas no artigo 17 e nos supostos en que por resolución xudicial deba asignarse unha praza, cando non haxa prazas vacantes nun centro da tipoloxía idónea poderase adxudicar de forma temporal unha praza vacante noutro centro.

5. A renuncia á praza de atención residencial asignada non supoñerá a baixa no PAR, salvo manifestación expresa en contrario da persoa solicitante.

Artigo 31. Asignación de prazas vacantes no servizo de axuda no fogar

No caso do servizo de axuda no fogar, os concellos titulares do servizo darán de alta as persoas en espera de acordo coa orde de prelación establecida no PAR. Para estes efectos, garantiráselles aos servizos sociais comunitarios municipais acceso actualizado ao devandito PAR.

TÍTULO III

Pagamento e xustificación das prestacións económicas, procedemento de reintegro das prestacións indebidamente percibidas e devolución de ingresos indebidos

CAPÍTULO I

Pagamento e xustificación das prestacións económicas

Artigo 32. Pagamento e xustificación do mantemento do dereito á prestación económica vinculada ao servizo

1. No prazo dun mes desde a notificación da resolución do procedemento referida no artigo 22, a persoa beneficiaria deberá acreditar ante o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, mediante copia da factura emitida para o efecto ou certificación acreditativa da entidade prestadora do servizo, que efectuou o gasto do servizo a que se vincula a prestación concedida.

2. O importe da prestación aboarase mensualmente.

3. A persoa beneficiaria deberá xustificar mensualmente a prestación do servizo ante o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais. A dita xustificación realizarase mediante copia da factura emitida para o efecto ou certificación acreditativa da entidade prestadora do servizo.

4. De ser o caso, e se a persoa usuaria presta expresamente o seu consentimento, a achega da certificación acreditativa expedida pola entidade prestadora do servizo e/ou da copia das facturas poderá ser remitida ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais pola entidade prestadora do servizo.

5. A persoa beneficiaria, ou quen exerza a súa representación, deberá comunicar ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, no prazo máximo de trinta días naturais, os cambios relativos a entidade prestadora do servizo, para os efectos de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento. No caso de que a entidade prestadora do servizo non cumpra co previsto neste decreto e na súa posterior normativa de desenvolvemento, o departamento territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais interromperá o pagamento da prestación económica ata que se cumpra o requirido anteriormente.

6. En caso de falecemento da persoa beneficiaria, o último pagamento aboarase ata a data en que se xustifique o gasto. Sen prexuízo do anterior, na prestación vinculada ao servizo de atención residencial aboarase como último pagamento a mensualidade total correspondente ao mes en que se extinga a prestación por falecemento da persoa beneficiaria.

Artigo 33. Pagamento da prestación económica de coidados na contorna familiar

1. O importe da prestación aboarase mensualmente.

2. Os efectos económicos do recoñecemento ao dereito á prestación económica de coidados na contorna familiar produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte á data de resolución do procedemento.

Así mesmo, aboarase como último pagamento a mensualidade total correspondente ao mes en que se extinga a prestación económica por falecemento da persoa beneficiaria ou se produza a súa baixa por calquera outro motivo.

Artigo 34. Pagamento e xustificación do mantemento do dereito á prestación económica de asistencia persoal

1. No prazo dun mes desde a notificación da resolución do procedemento referido no artigo 22, a persoa beneficiaria debe acreditar ante o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, mediante copia da factura emitida para o efecto ou certificación acreditativa da entidade prestadora do servizo, que efectuou o gasto do servizo a que se vincula a prestación concedida.

2. O importe da prestación aboarase mensualmente.

3. A persoa beneficiaria deberá xustificar mensualmente a prestación do servizo. A dita xustificación realizarase mediante a presentación dunha certificación da entidade prestadora do servizo, que deberá xuntar o orixinal ou copia da factura.

4. De ser o caso, e se a persoa usuaria presta expresamente o seu consentimento, a certificación acreditativa expedida pola entidade prestadora e/ou as copias das facturas poderá ser remitida ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais pola entidade prestadora do servizo.

5. A persoa beneficiaria deberá comunicar ao departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, no prazo máximo dun mes, os cambios relativos ao/a asistente persoal, para os efectos de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento. No caso de que o/a asistente persoal non cumpra co previsto neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento, o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais interromperá o pagamento da prestación económica ata que non se cumpra co establecido.

CAPÍTULO II

Procedemento de reintegro das prestacións indebidamente percibidas

Artigo 35. Ámbito de aplicación

1. O procedemento establecido neste capítulo aplicarano os departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais cando, como consecuencia da revisión do dereito previamente recoñecido, resulten prestacións indebidamente percibidas.

2. O procedemento a que se refire o número anterior será aplicable nos supostos en que os departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais constaten:

a) Omisións ou inexactitudes nas declaracións das persoas beneficiarias.

b) Erros materiais ou de feito, ou aritméticos, na resolución de recoñecemento de dereito.

c) Calquera infracción na resolución de recoñecemento da normativa aplicable á prestación, logo de revisala a través dos procedementos previstos no título III da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 36. Procedemento de reintegro

1. O procedemento iniciarase, por acordo da persoa titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, tan pronto como teña coñecemento dos feitos ou circunstancias que fundamenten o inicio do procedemento, segundo o disposto no artigo anterior, e tramitarase nun só expediente nos termos sinalados nos parágrafos seguintes. A resolución notificaráselle á persoa interesada no prazo máximo de tres meses, contados a partir da data do mencionado acordo.

2. O órgano instrutor, unha vez redactada a proposta de resolución, remitiraa á persoa interesada poñéndolle de manifesto as actuacións practicadas, os feitos ou datos coñecidos e as consecuencias que deles derivan, conforme a normativa vixente, co obxecto de que poida presentar as alegacións ou documentos que considere convenientes.

Ao mesmo tempo, se procede, efectuarase proposta de reintegro da débeda de acordo coas regras establecidas nos artigos 37 e 38, co fin de que a persoa interesada manifeste a súa conformidade ou formule, de ser o caso, propostas alternativas para as porcentaxes aplicables aos descontos, sempre que delas resulten unhas contías superiores ás que derivan das mencionadas regras.

3. Para os efectos sinalados, concederáselle a persoa interesada un prazo de quince días, contados a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación.

4. Recibidas as alegacións ou documentos da persoa interesada ou transcorrido o prazo concedido sen que a persoa interesada presente alegacións ou novos documentos, o instrutor elevará a proposta de resolución ao titular do departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais para a súa resolución. A resolución que corresponda á vista de todos os datos existentes no expediente será motivada e fará mención expresa dos seguintes criterios:

a) Determinación das causas que motivaron a débeda, especificando o período a que esta se refire e a contía.

b) Fixación, de ser o caso, da nova contía da prestación que corresponda percibir e data dos efectos económicos.

c) Procedencia do reintegro das cantidades indebidamente percibidas, especificando o procedemento para facelo efectivo e, de ser o caso, determinación do importe e prazos do desconto.

d) Prazo e órgano ante o cal pode interpoñerse recurso de alzada.

5. Na notificación da resolución a que se refire o número anterior, informarase a persoa debedora sobre a posibilidade de aboar voluntariamente o importe íntegro da débeda nun só prazo, dentro dos trinta días seguintes ao da notificación, achegando para o efecto os formularios precisos para efectuar o devandito ingreso.

Transcorrido o prazo sinalado sen que a persoa debedora acredite o pagamento da débeda mediante o correspondente recibo xustificativo, aplicaranse os descontos fixados na resolución.

Artigo 37. Desconto da prestación económica

Cando, como consecuencia da revisión do dereito previamente recoñecido, resulten prestacións indebidamente percibidas segundo o disposto no artigo anterior e a persoa debedora destas sexa, de forma simultánea, acredora dalgunha das prestacións económicas do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia xestionadas polos departamentos territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais, estes efectuarán os correspondentes descontos sobre as devanditas prestacións económicas para resarcirse da débeda contraída pola persoa beneficiaria, salvo nos supostos en que a propia persoa debedora opte por aboar a débeda nun só pagamento.

Artigo 38. Regras de determinación dos descontos

Se para o pagamento da débeda se resolveu aplicar descontos sobre as sucesivas mensualidades das prestacións que corresponda percibir á persoa debedora, teranse en conta as seguintes regras:

a) Aplicarase o desconto mensual dunha cantidade comprendida entre o 21 e o 30 % do importe total da prestación ou prestacións económicas que se perciban debidamente, cando a contía da prestación ou prestacións percibidas sexa igual ou superior á metade da prestación económica máxima establecida nese momento.

b) A porcentaxe aplicable oscilará entre o 15 e o 20 % cando o importe das prestacións económicas que se perciban debidamente non alcance a contía sinalada na letra anterior.

c) En todo caso, nos supostos de prestacións inferiores á contía da pensión mínima de xubilación establecida en cada momento, a porcentaxe oscilará entre o 10 e o 14 %.

d) O departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais incrementará o importe dos descontos cando a aplicación das regras anteriores non permita cancelar a débeda nun prazo máximo de tres anos, contados a partir da data en que teña efecto o desconto que se vaia practicar, na cantidade necesaria que permita o seu reintegro dentro do devandito prazo.

e) As porcentaxes aludidas poderán incrementarse cando no expediente, tramitado de acordo co procedemento regulado neste decreto, conste manifestación da persoa interesada en tal sentido.

Artigo 39. Notificación á delegación territorial da Axencia Tributaria de Galicia

Nos supostos en que non fose posible aplicar o procedemento de reintegro por desconto ou en que, aplicándose o devandito procedemento, por falecemento da persoa debedora, extinción das prestacións económicas que percibise ou por calquera outra causa, non fose posible seguir efectuando os descontos necesarios para cancelar a débeda no prazo correspondente, de acordo co previsto no artigo anterior, o departamento territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais notificará a delegación territorial correspondente da Axencia Tributaria de Galicia a resolución definitiva pola que se declarou a procedencia do reintegro e informará sobre a contía pendente de pagamento, coa finalidade de que esta inicie o procedemento de xestión recadatoria previsto na Orde do 21 de xullo de 1998 pola que se regula o procedemento de recadación nos supostos de reintegros de axudas ou subvencións públicas, pensións asistenciais e subsidios económicos.

CAPÍTULO III

Devolución de ingresos indebidos

Artigo 40. Devolución de ingresos indebidos

Os supostos de exceso no pagamento por parte das persoas beneficiarias da súa participación nas prestacións ou servizos que reciban darán lugar a un expediente de ingresos indebidos da Administración, de acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e no Real decreto 520/2005, do 13 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de desenvolvemento da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, en materia de revisión en vía administrativa.

Disposición adicional primeira. Equipos técnicos de valoración da discapacidade

Os equipos técnicos de valoración da discapacidade, constituídos segundo o establecido na Orde do 25 de novembro de 2015 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao da discapacidade, e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, poderán exercer as funcións que se atribúen neste decreto aos órganos de valoración e asesoramento da dependencia para os casos e procedementos que lles sexan asignados polo órgano superior con competencias na área de valoración da discapacidade, segundo o establecido polo decreto en que se regule a estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Disposición adicional segunda. Servizos e centros de servizos sociais

Os servizos e centros de servizos sociais previstos neste decreto rexeranse polo previsto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais de Galicia, Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o réxime de participación dos usuarios no financiamento do seu custo, Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que lles resulte de aplicación.

Disposición adicional terceira. Verificación dos datos achegados

A Administración terá, en todo momento, a facultade de verificar os datos achegados polas persoas interesadas. A ocultación ou falsificación de datos ou informacións que deban figurar na solicitude ou nos documentos que a acompañan poderá ser considerada causa suficiente para denegar o recoñecemento da situación de dependencia, sen prexuízo do disposto no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, que regula as condicións básicas de acceso ao Sistema para a autonomía e atención á dependencia.

Disposición adicional cuarta. Réxime de infraccións e sancións

1. O incumprimento das obrigacións e requisitos da persoa beneficiaria establecidas neste decreto quedará sometido ao réxime de infraccións e sancións regulado no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e, cando proceda, ao réxime de infraccións e sancións disposto nos títulos X e XI da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

2. En todo caso, a sanción que leve consigo a perda da prestación económica implicará o reintegro das cantidades percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da prestación ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o procedemento disposto no título III deste decreto.

Disposición transitoria única. Procedementos iniciados

1. Os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto rexeranse polas disposicións contidas neste decreto. Os trámites xa realizados conforme a normativa anterior manterán a súa validez e o novo procedemento aplicarase aos actos posteriores.

2. Cando por aplicación do novo procedemento sexa preciso realizar un trámite imprescindible para a súa resolución non previsto no anterior procedemento regulado polo Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, seralle requirido á persoa interesada de oficio pola Administración.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

2. Queda derrogado o artigo 18 do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

3. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Procedementos de coordinación sociosanitaria

En cumprimento do disposto no artigo 11.1º.c) da Lei 39/2006, do 14 de decembro, mediante disposición conxunta dos departamentos autonómicos competentes en materia de saúde e de servizos sociais estableceranse os procedementos de coordinación entre o Sistema público de servizos sociais e o sistema de saúde, así como os instrumentos que procedan para garantir unha efectiva atención ás persoas en situación de dependencia.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento e execución

Autorízase a persoa titular da consellería con competencias en materia de servizos sociais para ditar cantas disposicións e actos resulten necesarios para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de setembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude