DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2023 Páx. 60337

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2023 pola que se convoca un posto de persoal directivo na entidade pública empresarial Augas de Galicia.

En virtude do Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, modificado polo Decreto 50/2023, do 11 de maio, e da Orde do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as empregarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade
P.D. (Orde do 30.1.2012; DOG núm. 21, do 31 de xaneiro)
Teresa Mª Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia

Anexo I

Código do posto: IV.E10.00.001.15770.001.

Denominación: xerente.

Dependencia: Entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 65.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro; Decreto 119/2012, do 3 de maio).

Directivo do grupo III, nivel 2.

Subgrupo: A1.

Tipo de persoal: alta dirección/funcionario (subgrupo A1).

Localidade: Santiago de Compostela.

Anexo II

Bases reguladoras da convocatoria de selección para o posto
de xerente da entidade pública empresarial Augas de Galicia

Primeira. Obxecto

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de xerente da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Segunda. Funcións do posto convocado

A Xerencia exercerá as funcións previstas no artigo 16 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

Terceira. Requisitos das persoas aspirantes

As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ser persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír a credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

c) Estar en posesión do Celga 4 ou equivalente.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes coma no de toma de posesión ou formalización do contrato.

Cuarta. Solicitudes, forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, dirixilas a Augas de Galicia e indicando no asunto: CONVOCATORIA XERENCIA AUGAS DE GALICIA.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que a emenda fose presentada.

Co formulario do PR004A achegarase o modelo de solicitude debidamente cuberto.

O enderezo que figure no formulario PR004A considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto os erros na consignación como a non comunicación de cambio de enderezo.

O prazo para presentar as solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia.

As persoas interesadas deberán remitir obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia xunto co formulario do procedemento PR004A e xunto coa solicitude de participación, a seguinte documentación:

a) Copia do documento nacional de identidade da persoa aspirante.

b) Documentación acreditativa da condición de persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Copia cotexada do título universitario ou certificación académica que acredite que realizou os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

d) Copia do título do Celga 4 ou do título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

e) Documentación acreditativa dos méritos que se aleguen para a súa valoración, ben orixinal ou copia compulsada.

f) Curriculum vitae do solicitante e o plan de actuación (recollido no punto 7 destas bases).

A presentación da documentación acreditativa dos méritos deberá ser remitida tendo en conta o seguinte:

– A persoa solicitante empregará o formulario co código PR004A, xuntando o anexo debidamente cuberto e a restante documentación acreditativa exixida na convocatoria.

– Os documentos remitidos deben ser orixinais electrónicos ou copias electrónicas auténticas. Para o suposto de que os orixinais da documentación que deban achegarse non estean en soporte electrónico orixinal, por ser un documento orixinal en papel, deberán presentarse as correspondentes copias electrónicas auténticas. Para a remisión das copias electrónicas auténticas deberá presentarse, a maiores do indicado anteriormente, nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o formulario Achega de documentación separada da solicitude (https://sede.xunta.gal/ficheiros/modelos-normalizados/AchegaDocumentacionG.pdf), para que o persoal funcionario do rexistro realice a copia electrónica auténtica do documento e remita o formulario a Augas de Galicia.

– As copias en soporte papel de documentos electrónicos requirirán que nelas figure un código xerado electronicamente ou outro sistema de verificación, que permitirá contrastar a autenticidade da copia. No caso de que o cadro do formulario en que se detalla a documentación que se presenta non sexa suficiente, achegarase xunto co formulario unha relación da documentación que se achega.

A experiencia profesional deberá acreditarse mediante certificado de servizos prestados.

Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados conforme o disposto anteriormente, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Quinta. Admisión de aspirantes

Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección de Augas de Galicia aprobará a listaxe provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no portal web corporativo de Augas de Galicia, con indicación das causas das exclusións que procedan.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase unha nova resolución da Dirección de Augas de Galicia en que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública no portal web corporativo de Augas de Galicia.

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse ademais no taboleiro de anuncios da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Sexta. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado por resolución da Dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e constituirase unha vez publicada na web da entidade pública empresarial Augas de Galicia a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

Sétima. Procedemento selectivo

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a continuación, cuxa puntuación máxima é de 60 puntos.

O procedemento selectivo constará de dúas fases (puntuación máxima 60 puntos):

1. Fase I, baremación dos méritos alegados (puntuación máxima 40 puntos).

2. Fase II, baremación do plan de actuación (puntuación máxima 20 puntos).

Fase I. Baremación dos méritos alegados (ata un máximo de 40 puntos).

Nesta primeira fase a puntuación máxima é de 40 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 20 puntos para superala.

I.1. Titulación (puntuación máxima de 10 puntos).

– Por estar en posesión da titulación de enxeñeiro/a de camiños, canais e portos ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro/a de camiños, canais e portos: 5 puntos.

– Por estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias oficiais: licenciada/o ou graduada/o nunha titulación da rama de ciencias, enxeñeiro/a agrónomo/a ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro/a agrónomo/a, enxeñeiro/a industrial ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro/a industrial, enxeñeiro/a de montes ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro/a de montes, licenciado/a ou graduado/a en dereito: 4 puntos por cada unha das titulacións.

I.2. Experiencia (puntuación máxima de 30 puntos).

– Por experiencia laboral na Administración hidráulica de Galicia: 2,5 puntos por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral nunha Administración hidráulica distinta da Administración hidráulica de Galicia: 2 puntos por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: 1,5 puntos por cada ano acreditado.

– Por experiencia laboral nunha Administración distinta da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: 1 punto por cada ano acreditado.

As fraccións iguais ou superiores a 6 meses computaranse como un ano completo.

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

Fase II (ata un máximo de 20 puntos).

Nesta segunda fase a puntuación máxima é de 20 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 10 puntos para superala.

II.1. Plan de actuación (puntuación máxima de 15 puntos).

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación, que se desenvolverá a medio prazo.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

1. Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da entidade; así como a súa aliñación con outras estratexias de ámbito rexional, nacional e europeo.

2. Adecuación do plan ao marco administrativo en que se vai desenvolver, tendo en consideración as funcións de Augas de Galicia.

3. Viabilidade, entendida como unha adecuada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

4. Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

5. Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.

6. Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sustentados no tempo.

7. Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

8. Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

9. Seguimento, entendido como o establecemento de indicadores que permitan avaliar o cumprimento do plan anualmente e, de ser o caso, a súa revisión e actualización.

II.2. Exposición do plan de actuación (ata un máximo de 5 puntos).

Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas da primeira fase, para a defensa do plan de actuación.

O tribunal de selección disporá da facultade de non convocar á defensa do plan de actuación a aquelas persoas candidatas que, aínda superando os 20 puntos exixidos na primeira fase, dispoñan dunha puntuación cuxo valor numérico imposibilite matematicamente seren seleccionados/as en relación co resto de candidatos/as.

Os/as candidatos/as deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

Oitava. Cualificación e proposta

A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das súas fases.

No suposto de empate nas puntuacións totais de dous ou máis aspirantes, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación na fase segunda do procedemento selectivo. De persistir o empate, resolverase por sorteo.

O tribunal de selección publicará no portal web corporativo de Augas de Galicia as puntuacións obtidas polos/as aspirantes con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días desde a publicación para presentar alegacións, que serán informadas polo tribunal de selección e a súa estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

Logo do informe do tribunal de selección proporase ao Consello Reitor de Augas de Galicia o nomeamento a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación.

De non se presentaren solicitudes, de non cumprir os requisitos exixidos ningunha das rexistradas ou de ser considerado que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Dirección de Augas de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Nomeamento e toma de posesión

9.1. Se o/a aspirante seleccionado/a para ocupar o posto de traballo convocado desempeñase a condición de funcionario público, o prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia.

Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Se o/a aspirante seleccionado/a para ocupar o posto de traballo convocado non desempeñase a condición de funcionario público, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Xerencia terá retribucións equivalentes a un posto de subdirección xeral.

O/a xerente estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo de considerarse oportuno.

Décima. Datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Augas de Galicia) coa finalidade de levar a cabo a xestión do proceso convocado.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha obriga legal aplicable ao responsable do tratamento (artigo 6.1. letra c) do RXPD). En concreto, a competencia e obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, Lei do Estatuto básico do empregado público que se aproba polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e pola Lei do Estatuto dos traballadores que se aproba polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

A sinatura e presentación da solicitude implica o consentimento para o tratamento dos datos persoais.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución do procedemento. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios. Non están previstas transferencias internacionais de datos.

Os datos deberán ser conservados mentres sexan necesarios para a consecución das referidas finalidades, para determinar as posibles responsabilidades que se puidesen derivar destas e do tratamento dos datos e, en todo caso, durante os prazos establecidos pola lexislación vixente. Será de aplicación o previsto na normativa de arquivos e documentos, concretamente a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización a Augas de Galicia para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas.

missing image file