DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 59079

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de outubro de 2023 relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñales en man común Pradorramisquedo e mais Devesa da Chanca, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común (MVMC) Pradorramisquedo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pradorramisquedo, e mais Devesa da Chanca, pertencente á CMVMC de Penouta, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Pradorramisquedo presentou un escrito (Rexel 2022/2392472) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Penouta.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Solicitude de conciliación presentada no Xulgado de Paz de Viana do Bolo.

Segundo. O 25.10.2022 a dita comunidade presentou un novo escrito (Rexel 2022/2607006) co cal achegaban a seguinte documentación:

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Viana do Bolo.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 27 de xaneiro de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Pradorramisquedo, pertencente á CMVMC de Pradorramisquedo, e o MVMC Devesa da Chanca, pertencente á CMVMC de Penouta, desde o vértice 0 (o situado máis ao leste) ata o vértice 22 (o situado máis ao oeste).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que, de conformidade co indicado na propia memoria técnica, o vértice 0 constitúe un punto auxiliar que permite pechar o perímetro contra a estrema dunha terceira comunidade que non participa do acordo (neste caso, Ramilo). Outro tanto acontece co punto 2a, denominado Cruceiro, usado coma referencia para definir o vértice 2, e mais co punto 22a, identificado como Penedo Negro e usado como referencia para definir, no vértice 22, o remate ou peche da estrema.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que lle propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os vértices 1 e 22 indicados na acta de conciliación, conforme a descrición contida nela, tendo os puntos 0 e 22a a consideración de vértices auxiliares que definen a dirección da liña nos tramos inicial e final da estrema.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 27 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos montes veciñais en man común Pradorramisquedo, pertencente á CMVMC de Pradorramisquedo, e mais Devesa da Chanca, pertencente á CMVMC da Penouta, no concello de Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 16 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense