DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 59082

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de outubro de 2023 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Veiga de Nostre e Sanguñedo, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, no concello de Castrelo do Val, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Veiga de Nostre e Sanguñedo, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2371839) de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, no concello de Castrelo do Val.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 22.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 25 de xaneiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe unicamente as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

Porén, a dita liña non inclúe a totalidade do perímetro estremeiro con particulares, pois detectáronse os seguintes tramos nos que a liña presenta descontinuidade:

• Da parcela 32022A11000068 á 32022A11400419.

• Na parcela 32022A11100256.

• Da parcela 32022A11100239 á 32022A11300433.

• Na parcela 32022A1120243.

• Da parcela 32022A11200115 á 32022A11200127.

• Da parcela 32022A11300190 á 32022A11300588.

• Da parcela 32022A11300465 á 32022A11300560.

• Entre os pares de coordenadas X: 642.243,3; Y: 4.657.213,3 e X: 642.370,6; Y: 4.657.067,9.

• Entre os pares de coordenadas X: 642.369,9; Y: 4.655.407,5 e X: 642.436,8; Y: 4.655.431,4.

A superficie do MVMC Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, unha vez revisado o esbozo, sería de 1.375,68 ha fronte ás 1.448 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 5,0 %.

Tendo en conta o anterior, infórmase favorablemente revisión do esbozo do MVMC Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, de xeito que o perímetro quedaría revisado case na súa totalidade das estremas con particulares. Quedarían pendentes de definir ou deslindar as descontinuidades das liñas indicadas, así como tamén os tramos estremeiros con todas as comunidades veciñas, coa excepción da CMVMC de Pedrosa, coa cal existe un procedemento de deslindamento en trámite de ser aprobado.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con esta, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Veiga de Nostre e Sanguñedo, pertencente á CMVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo, no concello de Castrelo do Val.

Ourense, 16 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense