DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 59085

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de outubro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común de Bemposta e Osoño, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bemposta e Osoño, no concello de Vilardevós.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) de Bemposta e Osoño, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Bemposta e Osoño, no concello de Vilardevós, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022 a CMVMC de Bemposta e Osoño presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2337875) de revisión de esbozo do MVMC de Bemposta e Osoño, no concello de Vilardevós.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 26.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 17 de xaneiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe case todo o perímetro lindeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC de Bemposta e Osoño, unha vez revisado o esbozo, resulta de 341,56 ha fronte ás 411 ha do acordo de clasificación inicial. A redución de superficie resulta dun 17 %. Hai que ter en conta que a redución de superficie provocada pola autovía é superior a 16 ha, polo que a redución provocada pola revisión de esbozo vese reducida ata un 13 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Bemposta e Osoño.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 17 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Bemposta e Osoño, pertencente á CMVMC de Bemposta e Osoño, no concello de Vilardevós.

Ourense, 16 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense