DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2023 Páx. 58601

III. Outras disposicións

Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2023 pola que se publica a addenda de prórroga e modificación do Convenio coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN OA) polo que se instrumenta unha encomenda de xestión para a colaboración no marco das actividades do Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN OA) e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) asinaron un convenio o 8 de outubro de 2021, cuxo obxecto é a colaboración no marco das actividades do Laboratorio Nacional de Referencia para o Control das Biotoxinas Mariñas.

O 29 de setembro de 2023 asinouse unha addenda de prórroga e modificación do referido convenio.

Conforme o previsto na cláusula terceira da dita addenda, publícase no Diario Oficial de Galicia, que figura como anexo desta resolución.

Vilagarcía de Arousa, 16 de outubro de 2023

María Covadonga Salgado Blanco
Directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

ANEXO

Addenda de prórroga e modificación do Convenio entre a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN OA) e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), do 29 de setembro de 2023, polo que se instrumenta unha encomenda de xestión para a colaboración no marco das actividades do Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas

Reunidas:

Dunha parte, Isabel Peña-Rey Lorenzo, directora executiva do organismo autónomo Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN OA), cargo para o que foi nomeada na Resolución do 24 de febreiro de 2021 mediante o Acordo do Consello de Ministros, na súa reunión do día 23 de febreiro de 2021, tras informe do Consello de Dirección da devandita axencia e por proposta do ministro de Consumo, e facultada para a súa representación de conformidade co artigo 15.h) do estatuto da devandita entidade, aprobado polo Real decreto 697/2022, do 23 de agosto, polo que se aproba o Estatuto do organismo autónomo Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, e en virtude do artigo 48.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

E, doutra parte, María Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), nomeada polo Decreto 243/2009, do 23 de abril (DOG núm. 79, do 24 de abril), e que actúa en uso das facultades que lle confire o artigo 8 da Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Intecmar.

Interveñen en función dos seus respectivos cargos, que quedaron expresados, e no exercicio das facultades que a cada unha lle están conferidas, polo que se recoñecen capacidade xurídica suficiente para subscribir o presente convenio e para ese efecto,

Expoñen:

I. Que o 8 de outubro de 2021 asinouse, por 24 meses, un convenio entre a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición e o Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia, cuxo obxecto é a colaboración no marco das actividades do Laboratorio Nacional de Referencia para o Control das Biotoxinas Mariñas.

II. Que na cláusula oitava do convenio se prevé tanto a renovación da vixencia do convenio por ata dous anos adicionais como a modificación deste, de mutuo acordo entre as partes, mediante subscrición da oportuna addenda con anterioridade á data de vencemento.

III. Que o 3 de maio de 2022 se aprobou o Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade, e quedou derrogado o Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica, así como o Real decreto 951/2015, do 23 de outubro, que o modificaba.

IV. Que, desde a sinatura do convenio, as partes colaboraron satisfactoriamente e as necesidades non variaron, polo que consideran de interese manter este marco de colaboración, e reproducir idénticas actividades que se acordaron no convenio orixinal.

V. Que, co fin de adecuar o convenio á evolución normativa en materia de protección de datos persoais, parece conveniente modificar a redacción dalgunha cláusula deste.

Polo que antecede, as partes reunidas acordan de forma unánime subscribir o presente acordo de prórroga e modificación, que se rexerá polas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto da addenda

De conformidade coa cláusula oitava do convenio, o obxecto da presente addenda é modificar a cláusula décimo segunda e prorrogar por dous anos a vixencia do convenio de encomenda de xestión asinado o 8 de outubro de 2021 entre a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, nos mesmos termos que o convenio asinado na data indicada, salvo o relativo ás modificacións que se indican na cláusula segunda, e nos termos previstos nas letras g) e h) do artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. Modificación do convenio asinado o 8 de outubro de 2021

a) O último parágrafo da cláusula sétima queda redactado como segue:

«O orzamento de execución desta prórroga do convenio sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 31.101.313C.227.06 dos orzamentos xerais do Estado das anualidades 2023 e 2024».

b) A cláusula décimo segunda queda redactada como segue:

«Décimo segunda. Control e seguridade dos datos fornecidos e tratados

No tratamento de datos de carácter persoal, ambas as entidades, no desenvolvemento das súas correspondentes actividades derivadas do presente convenio de encomenda de xestión, atenderán as disposicións de obrigado cumprimento establecidas na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e o Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril de 2016, Regulamento xeral de protección de datos.

O control e a seguridade dos datos proporcionados e tratados rexeranse polo disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE; pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; nas disposicións regulamentarias do ordenamento interno en materia de protección de datos de carácter persoal; polo Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade, e polos documentos aprobados enmarcados nas distintas políticas de seguridade da AESAN OA e do Intecmar.

Para estes efectos, as partes asinantes comprométense ao cumprimento da súa obriga de segredo con respecto aos datos fornecidos ao abeiro do presente convenio, e á obriga de tratalos con confidencialidade. Con este fin, adoptarán as medidas necesarias para evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

En materia de protección de datos, o seu tratamento ao abeiro do presente convenio terá por finalidade exclusiva facilitar o cumprimento dos compromisos establecidos nas cláusulas segunda, terceira e cuarta do presente acordo.

O mencionado tratamento de datos persoais é necesario para o cumprimento dunha obriga legal nos termos previstos no artigo 6.1.e) do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016.

Os datos obxecto de tratamento teñen a categorización de nivel baixo, de conformidade co anexo I do Real decreto 311/2022, do 3 de maio.

Os datos persoais fornecidos ao abeiro do presente acordo comunicaránselle exclusivamente a aqueles organismos públicos con competencias propias nas materias obxecto do presente acordo, sempre que sexa necesario para o adecuado exercicio das devanditas competencias.

Así mesmo, e cando así sexan exixidos, proporcionaranse a xulgados e tribunais en cumprimento do requirimento legal. Pola súa banda, non está prevista transferencia a terceiros países ou organizacións internacionais.

No caso da AESAN OA, os responsables do tratamento e o delegado de protección de datos para os efectos do Regulamento xeral de protección de datos son:

Responsables do tratamento:

Dirección do Centro Nacional de Alimentación: cna@aesan.gob.es

Estrada Pozuelo-Majadahonda, km 5,100.

28220 Majadahonda (Madrid).

Delegado de protección de datos:

Secretaría Xeral-Subdirección Xeral Adxunta: dpdaesan@aesan.gob.es

Rúa Alcalá, 56

28014 Madrid

Pola súa banda, no caso do Intecmar, o responsable do tratamento e o delegado de protección de datos para os efectos do Regulamento xeral de protección de datos son:

Responsable do tratamento:

Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Peirao de Vilaxoán, s/n.

36611 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Delegado de protección de datos:

Xerencia do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Peirao de Vilaxoán, s/n.

36611 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

c) O anexo substitúese polo que figura ao final desta addenda.

Terceira. Prórroga do convenio asinado o 8 de outubro de 2021. Vixencia

A presente prórroga terá unha duración de dous anos. O convenio de orixe manterá a vixencia das súas cláusulas, excepto no referente ás modificacións sinaladas na cláusula segunda da presente addenda, que serán as que se prorrogan co resto do convenio.

Esta addenda resultará eficaz coa súa publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, e deberá incluírse na base de datos do Rexistro de Acordos de Colaboración e Encomendas de Xestión do Sector Público Estatal (RCESPE).

E, en proba de conformidade de canto antecede, asinan electronicamente o presente documento, e consta como data de subscrición a da última realizada (Madrid, data de sinatura electrónica: 29 de setembro de 2023). Isabel Peña-Rey Lorenzo, directora executiva do organismo autónomo Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición. María Covadonga Salgado Blanco, directora de Intecmar.

ANEXO

Desagregación das actividades e custo previsto para cada unha delas

Actividades

Descrición do traballo

Estimación

Nº de mostras para analizar(1)

Técnico superior (horas)(2)

Auxiliar (horas)(3)

Gastos de viaxes

Custo total(4)

Participación no workshop organizado polo EURLMB

Asistencia ao workshop anual do EURLMB

1 reunión (2 días de traballo dun técnico superior+2 días de preparación/informe)

 

32

 

2.000,04 €

2.539,56 €

Participar nos exercicios intercomparativos organizados polo EURLMB

Realizar análises das mostras preparadas polo EURLMB

3 ensaios/ano
(4 análises/ensaio)

12

 

 

 

3.600,00 €

Organización dunha reunión anual cos laboratorios de control oficial

Preparación da reunión e asistencia como técnico do LNR

1 día de preparación, 1 día de reunión e 1 día de informe e seguimento das actuacións (total 2 días de traballo de técnico superior)

 

24

 

1.000,00 €

1.404,64 €

Prestar asesoramento aos laboratorios de control oficial

Responder cuestións formuladas polos laboratorios de control oficial nacionais

50 preguntas/ano

 

100

 

 

1.686,00 €

Formación aos laboratorios

Realizar cursos de formación aos laboratorios de control oficial nacionais sobre métodos de análise

2 cursos/ano. Cada curso sería: 3 días de traballo máis 1 de preparación
(32 h/curso) para dúas persoas (técnico superior e auxiliar de laboratorio)

 

96

96

 

2.770,56 €

Realización de análises dirimentes

Realización de análises dirimentes no caso de que se produzan discrepancias cos resultados dun laboratorio de control oficial

2 mostras/ano

10

 

 

 

3.000,00 €

Total

22

252

96

3.000,04 €

15.000,76 €

(1) Custo estimado das análises de mostras: 300 €/mostra.

(2) Custo estimado dun técnico superior: 16,86 €/hora.

(3) Custo estimado dun auxiliar de laboratorio: 12 €/hora.

(4) Os custos parciais das actividades poderán incrementarse en función das necesidades, e coa debida xustificación, sen que o total anual exceda a cantidade de 15.000,76 €.