DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2023 Páx. 58597

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba o texto refundido que recolle as delegacións de facultades na Dirección Xeral.

Mediante o Acordo do Consello de Dirección do Igape do 29 de marzo de 2012 (DOG núm. 78, do 24 de abril) delegáronse na Dirección Xeral do Igape as facultades necesarias para un eficiente exercicio das competencias do Instituto.

Posteriormente, mediante acordos do 5 de febreiro de 2013 (DOG núm. 41, do 27 de febreiro) e do 28 de marzo de 2023 (DOG núm. 75, do 19 de abril), ampliáronse as ditas facultades.

Habería que sumar ás anteriores a delegación de facultades para emendar os erros materiais, de feito ou aritméticos que poidan producirse nos acordos do Consello de Dirección, aprobada mediante o Acordo do Consello de Dirección do 27 de setembro de 2023.

Por todo o anterior, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 11 de outubro de 2023, aprobou o texto refundido que recolle todas as delegacións de facultades vixentes na Dirección Xeral do Igape.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar o texto refundido que recolle as delegacións de facultades na Dirección Xeral do Igape, aprobado polo Consello de Dirección na súa xuntanza do 11 de outubro de 2023:

1. Deléganse na Dirección Xeral as facultades para:

– Acordar a contratación de todo o persoal do Instituto, incluído o persoal de alta dirección, agás a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

– Iniciar e resolver todos os procedementos xestionados polo Igape de concesión, modificación ou denegación de subvencións e axudas públicas, e nos procedementos tramitados en concorrencia competitiva, resolver tamén os arquivos dos expedientes polas causas previstas na lexislación vixente.

– Iniciar e resolver todos os procedementos de incumprimento de condicións e de reintegro de subvencións e axudas públicas xestionadas polo Igape, incluídas as formalizadas mediante convenio de colaboración autorizado polo Consello de Dirección.

– Rectificar, de oficio ou por instancia das persoas interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos acordos do Consello de Dirección, de conformidade co disposto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Formalizar convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape, previamente autorizados polo Consello de Dirección do Igape.

– Iniciar e resolver todos os expedientes de contratación e formalizar e modificar os contratos coas adxudicatarias, incluída a realización de obras, así como a realización de todo tipo de negocios xurídicos de disposición sobre bens inmobles titularidade do Igape e a subscrición de cantos contratos de arrendamento de bens sexan precisos para o funcionamento do Instituto.

– Formalizar contratos de apertura de contas correntes en entidades financeiras, logo de autorización da Consellería de Facenda.

– Acordar, de xeito mancomunado con calquera das persoas titulares dunha dirección de área ou a da Xerencia do Igape, actos de disposición contra as contas correntes aperturadas, e autorizarlles o establecemento de sinaturas suplentes.

– Designar os membros das comisións de valoración previstas nas bases reguladoras e convocatorias das axudas e subvencións do Instituto.

– Resolver as modificacións nos orzamentos do Instituto naqueles supostos non reservados á Consellería de Facenda, por proposta da Xerencia, por iniciativa propia ou da correspondente dirección de área.

– Autorizar todos os gastos que deban ser imputados aos orzamentos do Instituto.

– Aprobar todas as operacións de xestión de ingresos e as de natureza extraorzamentaria, por proposta da persoa titular da Xerencia.

– Ser a tesoureira e ordenadora de pagamentos. Nos casos de ausencia, a persoa titular da Dirección Xeral poderá habilitar expresamente a persoa titular da Xerencia ou calquera das titulares das direccións de área para que a substitúan nas súas facultades.

– Formular as contas anuais do Instituto previstas no Plan xeral de contabilidade pública dentro do primeiro trimestre do ano seguinte. Dentro do primeiro semestre do ano seguinte, someteranse á aprobación do Consello de Dirección do Instituto as contas anuais, xunto cun informe elaborado por auditor externo independente.

– Acordar a rescisión dos préstamos outorgados polo Igape.

– Iniciar e resolver os procedementos de incumprimento e reintegro de cantidades que se incoen con respecto aos préstamos concedidos polo Igape.

– Aceptar ou rexeitar ofertas directas de adquisición de bens ou créditos pignoraticios e/ou hipotecarios titularidade do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia, con subsistencia ou extinción das contragarantías reais do Igape, nos termos e condicións que xulgue convenientes, e coas autorizacións previas da Consellería de Facenda que resulten pertinentes.

– Decidir a adhesión ou non do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia como acredor nas propostas de convenio que se formulen nos procedementos de concurso de acredores de empresas beneficiarias de avais e préstamos do Igape, logo de autorización da Consellería de Facenda, de acordo co artigo 22.2 do TRLRFOG.

– Formular ofertas con cargo aos créditos titularidade do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia nas poxas e alleamento de bens tomados en contragarantía polo Igape, nos termos e condicións que xulgue convenientes, e coas autorizacións previas da Consellería de Facenda que resulten pertinentes, e poderá autorizar os letrados da Xunta de Galicia que vaian comparecer no procedemento xudicial a presentar a oferta.

– Instar da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia a incoación de procedementos xudiciais de execución separada dos bens tomados en contragarantía dos avais e préstamos do Igape.

– Calquera outra facultade decisoria ou de xestión non atribuída especificamente a outros órganos do Instituto.

2. Substitución:

Nos casos de ausencia da persoa titular da Dirección Xeral, habilítase a persoa titular da Xerencia para que exerza as facultades delegadas e, para o caso de ausencia de persoa titular da Xerencia, e con carácter sucesivo, habilítase a persoa titular da dirección da área do Igape que a Xerencia designe expresamente para exercer as ditas facultades. Será suficiente para acreditar a ausencia a declaración de tal circunstancia por parte da persoa titular da Xerencia do Igape ou das persoas titulares das direccións de área que correspondan.

3. Derrogación:

Quedan derrogadas, en canto contradigan a presente delegación, todas as anteriores delegacións de facultades aprobadas a favor da Dirección Xeral do Igape.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica