DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 25 de outubro de 2023 Páx. 58638

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Soutomaior e Redondela (expediente IN407A 2021/094-4 modificado).

Expediente: IN407A 2021/094-4 modificado.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: modificación da adecuación LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela entre apoios 393 e 418.

Concellos: Soutomaior e Redondela.

Feitos:

Primeiro. O 7 de maio de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada adecuación LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela entre apoios 393 e 418.

Segundo. O 13 de outubro de 2021, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Soutomaior e Redondela (expediente IN407A 2021/094-4), publicada do Diario Oficial de Galicia (DOG) do 5 de novembro de 2021 coas seguintes características:

Adecuación da LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela, entre os apoios 393 e 418 (lonxitude 4.225 metros) consistente no desmonte dos apoios 394, 401, 402, 407, 408, 409, 416 e 417, instalación de novos apoios 394N, 402N, 407N, 408N e 416N, substitución dos cables existentes LA-180 e AC50 –por outros iguais– entre os apoios 415 e 418, e reinstalación do cable existente no resto dos tramos. Mantense o trazado e o número de aliñacións.

A declaración de utilidade pública foi concedida debido á afección dunha parcela para a instalación do apoio 416N.

Terceiro. O 12 de maio de 2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou unha modificación ao proxecto orixinal. Nesta modificación indícase que, salvo as modificacións introducidas neste modificado, se mantén a validez de todos os datos do proxecto orixinal.

O proxecto modificado, asinado o 6 de marzo de 2023 polo enxeñeiro técnico Miguel A. Alba Benito, visado 549/23E, recolle que as obras de adecuación dos apoios na LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela consisten na retirada dos apoios 401 e 402 para instalar o apoio 402N noutra localización, e dos apoios 416 e 417 para instalar o apoio 416N. Ademais, non se realiza a actuación correspondente á substitución dos apoios 407, 408 e 409, e a instalación de novos apoios 407N e 408N.

Polo tanto, as obras que se realizarán finalmente serán:

Unha primeira actuación desde os apoios 393 e 403, de adecuación de 1.839 metros mediante a desmontaxe dos apoios existentes 394, 401 e 402, e instalación de novos apoios 394N e 402N; o retensado dos cables existentes LA-180 e AC-50, entre os apoios 393 e 395 e os apoios 400 e 403, e a instalación de novo cable AC-50 entre os apoios 393 e 394N.

Unha segunda actuación desde os apoios 415 e 418, de adecuación de 526,7 metros mediante a desmontaxe dos apoios 416 e 417 e a instalación do apoio 416N, e a substitución dos cables existentes LA-180 e AC-50 entre os apoios 415 e 418.

Non se desmontarán os apoios 407, 408 e 409, e non se instalarán os apoios 407N e 408N.

Conforme os planos que figuran en ambos os proxectos (orixinal e modificado), o apoio 416N está situado na parcela con referencia catastral 36045A016007250000WE, polo que non hai variación con relación coa declaración de utilidade pública xa outorgada.

Cuarto. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Soutomaior, o Concello de Redondela, ADIF, Telefónica de España, S.A.U. e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por ADIF e Telefónica de España, S.A.U.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, polo que se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, de 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas finais da instalación son as que a seguir se describen:

Adecuación da LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela, entre os apoios 393 e 418 (lonxitude 2.365,70 metros), que consiste no desmonte dos apoios 394, 401, 402, 416 e 417, instalación de novos apoios 394N, 402N e 416N, substitución dos cables existentes LA-180 e AC50 –por outros iguais– entre os apoios 393 e 394N e os apoios 415 e 418, e retensado dos cables existentes entre os apoios 393 e 395 e os apoios 400 e 403. Mantense o trazado e o número de aliñacións.

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Manter a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica adecuación LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela entre os apoios 393 e 418, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, que foi ditada na Resolución do 13 de outubro de 2021.

Segundo. Deixar sen efecto o outorgamento da autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica adecuación LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela entre os apoios 393 e 418 nos concellos de Soutomaior e Redondela (expediente IN407A 2021/094-4).

Terceiro. Outorgarlle a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada modificación da adecuación LAT 66 kV Ponte Sampaio-Redondela entre apoios 393 e 418, expediente IN407A 2021/094-4 modificado, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran na modificación do proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Cuarto. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Quinto. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de outubro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra