DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58355

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente nun módulo de mestura e inxección, na rede de distribución de gas natural en Lugo, do hidróxeno verde producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía en Lugo, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2023/3-0).

Feitos:

1. O 24.4.2023, Nedgia Galicia, S.A. (en diante, promotor) presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) a solicitude de autorización administrativa previa e de aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente nun módulo de mestura e inxección, na rede de distribución de gas natural en Lugo, do hidróxeno verde producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía en Lugo, á cal se lle asignou o número de expediente IN627A 2023/3-0.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado Proxecto de autorización administrativa e de execución de instalacións para o módulo de mestura e inxección na rede de distribución de gas natural de Lugo, do hidróxeno verde producido no CINE de Norvento en Lugo (Lugo), asinado o 21.4.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada número 25.430 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid), e no cal figura un orzamento de 220.838,51 €.

– Declaración responsable asinada o 21.4.2023 pola técnica proxectista sobre o dito proxecto, exixida no artigo 19 do Decreto 51/2022, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).

– Separatas técnicas do dito proxecto para as seguintes entidades afectadas nos seus bens ou dereitos polo dito proxecto: Concello de Lugo.

– Escrito asinado o 5.6.2023 polo promotor, no cal fai constar que ten un acordo con Norvento Energía, S.L., titular da parcela onde se ten proxectado instalar o módulo de mestura e inxección.

Segundo se desprende do dito proxecto, prevese a implantación dun sistema de inxección de hidróxeno verde, producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía (CINE), na rede de distribución de gas natural no termo municipal de Lugo, así como a construción dunha canalización (obxecto doutro proxecto) para a conexión deste módulo coa rede de gas natural. O módulo de inxección, que se instalará nunha parcela do CINE de Norvento Energía, S.L. (ref. catastral: 7765909PH1676N0001BL), está deseñado para mesturar, regular, medir e controlar a inxección de hidróxeno na rede de distribución de gas natural de forma que a mestura sexa entre 0,5-5 % v/v de hidróxeno, en cumprimento das especificacións de calidade do punto 4 da Resolución do 8.10.2018, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se modifican as normas de xestión técnica do sistema NGTS-06, NGTS-07 e os protocolos de detalle PD-01 y PD-02. Os parámetros e condicións serán os seguintes:

– Subministración de hidróxeno por parte de Norvento: 30 barg.

– Fluxo máximo de hidróxeno: 27,81 Nm3/h.

– Fluxo máximo de gas natural: 4.437,45 Nm3/h.

– Pureza do hidróxeno: 99,99 %.

– Presión da rede de gas natural: 4 barg.

– Concentración final de hidróxeno con respecto ao gas natural: 0,5-5 % v/v.

– Temperatura ambiente: 25 °C.

2. O 7.6.2023, a DXPERN ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do referido expediente.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (10.7.2023), no Boletín Oficial da provincia de Lugo (28.6.2023) e nos xornais La Voz de Galicia (27.6.2023) e La Región (27.6.2023). Así mesmo, estivo exposta, xunto coa documentación sometida a información pública, nas dependencias da DXPERN e da Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial), así como no portal de transparencia desta consellería.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións ao proxecto.

3. O 9.6.2023, a DXPERN trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados polo mesmo: Concello de Lugo.

A respecto da dita entidade, que non contestou á petición de informe nin á súa reiteración, e sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

4. O 7.9.2023, a xefatura territorial remitiu á DXPERN, en contestación á súa petición, a seguinte documentación para incorporar ao referido expediente:

– Certificado expedido o 5.9.2023, pola xefatura territorial, na cal se certifica que o referido proxecto estivo exposto nas súas oficinas, durante 20 días desde a publicación no DOG da resolución de información pública, e que non se presentaron alegacións ao respecto.

– Informe emitido o 6.9.2023, polos servizos técnicos da xefatura territorial, no cal se considera procedente aprobar o proxecto de referencia e autorizar a realización das obras que comprende, sen prexuízo daqueloutras autorizacións que fosen exixibles por outros órganos da Administración.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15.6.2023), e no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022), en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; e coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21.12.1999).

2. O referido expediente tramitouse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, en cumprimento do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura gasista consistente nun módulo de mestura e inxección, na rede de distribución de gas natural en Lugo, do hidróxeno verde producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía en Lugo, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista titulado Proxecto de autorización administrativa e de execución de instalacións para o módulo de mestura e inxección na rede de distribución de gas natural de Lugo, do hidróxeno verde producido no CINE de Norvento en Lugo (Lugo).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O promotor, Nedgia Galicia, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 4.416,77 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado polo promotor titulado Proxecto de autorización administrativa e de execución de instalacións para o módulo de mestura e inxección na rede de distribución de gas natural en Lugo, do hidróxeno verde producido no CINE de Norvento en Lugo (Lugo), asinado o 21.4.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada número 25.430 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid), e no cal figura un orzamento de 220.838,51 €.

3. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á DXPERN todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o promotor deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. A canalización de hidróxeno verde producido no CINE por Norvento Energía, S.L., que se conectará ao módulo que se autoriza nesta resolución, deberá contar co informe do xestor técnico do sistema, conforme o exixido para as liñas directas de inxección no artigo 78.5 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e a dita conexión deberá cumprir co condicionado establecido nel.

8. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, lodo da audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

9. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura gasista, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

10. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 81.5 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais