DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 17 de outubro de 2023 Páx. 57356

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 4 de outubro de 2023 pola que se clasifica de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Foro Económico de Galicia.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Foro Económico de Galicia con domicilio na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no Campus Universitario As Lagoas, en Ourense.

Feitos:

1. O 5 de xuño de 2023, Emilio José Vicente Pérez Nieto, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Foro Económico de Galicia constituíuna a Asociación Foro Económico de Galicia, representada por Emilio José Vicente Pérez Nieto e Lucía Ferreira Gómez, mediante escritura pública outorgada o 24 de maio de 2023, ante a notaria de Ourense María Isabel Louro García, co número de protocolo 1.205.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da economía social e desenvolvemento da economía produtiva de Galicia».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Emilio José Vicente Pérez Nieto como presidente; Lucía Ferreira Gómez como secretaria; e Patricio Sánchez Fernández como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia da Fundación Foro Económico de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia e a súa adscrición á Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día 18 de setembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia a Fundación Foro Económico de Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderá interpoñerse, no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes