DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 17 de outubro de 2023 Páx. 57359

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de outubro de 2023 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido no artigo 16 da Orde 21 de marzo de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e se procede á súa convocatoria para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401C).

Mediante a Orde do 21 de marzo de 2023 (DOG núm. 60, do 27 de marzo), a antiga Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e procede á súa convocatoria para o ano 2023.

Segundo o artigo 16 da citada orde, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 31 de outubro de 2023, para a anualidade de 2023, e segundo o artigo 20 da mesma orde, a falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.

O día 28 de xullo de 2023 publicase no DOG a Resolución do 18 de xullo de 2023 pola que se publica a concesión de subvencións da Orde do 21 de marzo de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e se procede á súa convocatoria para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401C).

Tendo en conta que o período estival dificultou o inicio dos expedientes de contratación e co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación por parte dos concellos beneficiarios resultantes, considérase necesaria a ampliación do prazo de execución e xustificación da subvención concedida na anualidade de 2023.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, agás precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra parte, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo para a execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade de 2023

Amplíase o prazo establecido no artigo 16 da Orde do 21 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, e se procede á súa convocatoria para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401C), e establécese como data límite para a execución do proxecto e a presentación da documentación xustificativa o 15 de novembro para a anualidade de 2023.

De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra o presente acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes