DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56589

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2023 pola que se modifica a Resolución do 18 de agosto de 2022 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 (cooperación no ámbito de Leader), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2022 e 2023, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR710A).

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI:2014ES06RDRP011), e modificado por diversas decisións de execución da Comisión, sendo a última a Decisión de execución da Comisión C (2023) 1540 final do 28 de febreiro de 2023, prevé na ficha correspondente á medida 19 (Leader) a tramitación de subvencións destinadas á cooperación (submedida 19.3).

Neste marco, mediante o Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 30 de xullo de 2018, aprobáronse as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (submedida 19.3 da medida Leader), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), e publicáronse mediante a Resolución do director xeral da Agader do 30 de xullo de 2018 (DOG núm. 153, do 10 de agosto de 2018). Mediante Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 28 de xuño de 2022, modificáronse as citadas bases reguladoras e publicáronse mediante a Resolución da directora xeral da Agader do 6 de xullo de 2022 (DOG núm. 134, do 14 de xullo. Corrección de erros no DOG núm. 139, do 21 de xullo).

O 31 de agosto de 2022 publicouse no DOG (núm. 165 ) a Resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, do 18 de agosto de 2022, pola que se convocaron subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 (cooperación no ámbito de Leader), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2022 e 2023, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (código de procedemento MR710A).

A data límite para executar e xustificar os gastos vinculados aos proxectos subvencionados ao abeiro desa convocatoria de axudas estableceuse, no artigo 13 da citada convocatoria, no 20 de decembro de 2022 para os gastos correspondentes á anualidade 2022 e no 15 de outubro de 2023 para os gastos correspondentes á anualidade 2023.

Malia terse fixadas na convocatoria as datas sinaladas no parágrafo anterior para a execución e xustificación dos investimentos, cómpre ter en conta que a complexidade dos proxectos de cooperación en que incluso participan grupos de acción local de terceiros países do ámbito da Unión Europea, así como a necesidade de coordinar o ritmo de execución dos gastos comúns propostos entre os distintos socios de cada proxecto, aconsellan ampliar o prazo de execución inicialmente previsto para estes proxectos.

Por eses motivos preténdese posibilitar a ampliación do prazo final para executar e xustificar os investimentos vinculados á segunda anualidade (2023), ata o 30 de novembro de 2023, tendo en conta:

– Que non se prexudican dereitos de terceiras persoas.

– Que esta resolución non é restritiva nin de dereitos individuais nin colectivos, polo que a súa aplicación de xeito retroactivo ás resolucións de concesión de axuda que xa fosen emitidas e notificadas aos interesados, antes da data da publicación da presente resolución, non presenta inconveniente.

– Que á data de hoxe aínda non finalizou o prazo de execución e xustificación de ningún dos proxectos que concorren a esta convocatoria e que esta ampliación de prazos non excede, en ningún caso, a metade do prazo inicial de execución de xustificación establecido inicialmente.

Polo tanto, cúprense as condicións sinaladas no artigo 32 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas.

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, en virtude do punto cuarto do citado Acordo do 30 de xullo de 2018, delegou na persoa titular da dirección xeral da citada axencia a competencia para realizar a convocatoria de que se trata.

En consecuencia,

RESOLVO:

Modificar o artigo 13 da convocatoria de que se trata, que quedará redactado como a continuación se indica:

«Artigo 13. Prazo de xustificación da subvención

O prazo máximo para a execución e xustificación dos gastos e investimentos será o 20 de decembro de 2022 para os gastos correspondentes á anualidade 2022 e o 30 de novembro de 2023 para os gastos correspondentes á anualidade 2023. As resolucións de concesión de axuda establecerán, para cada resolución de concesión, os importes de axuda que correspondan para cada unha das dúas anualidades en que se distribúa a axuda concedida para cada proxecto».

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da citada publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Eficacia desta resolución

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural