DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56592

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

Mediante a Resolución do 26 de decembro de 2022 establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

O número 1 do artigo 30 da dita resolución establece que: «O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 30 de outubro de 2023 para a primeira anualidade e para a segunda, o 30 de xuño de 2024. As cantidades non xustificadas polos beneficiarios na anualidade 2023 poderanse computar e xustificar na anualidade 2024, sempre e cando non foren susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento de acordo co disposto no artigo 21.9».

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar este artigo 30 da resolución e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Artigo único

1. O número 1 do artigo 30 da referida resolución queda redactado nos seguintes termos:

2. «O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de novembro de 2023 para a primeira anualidade e para a segunda, o 30 de xuño de 2024. As cantidades non xustificadas polas persoas beneficiarias na anualidade 2023 poderanse computar e xustificar na anualidade 2024, sempre e cando non foren susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento de acordo co disposto no artigo 21.9».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

Jacobo Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal