DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56639

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para cubrir, polo sistema de acceso libre, unha praza de persoal empregado investigador do marco de estabilización extraordinaria de emprego temporal.

Exposición de motivos:

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, introduciu unha serie de medidas urxentes coa finalidade de reducir a temporalidade no emprego público, co obxectivo de reforzar o carácter temporal da figura do persoal interino, aclarar os procedementos de acceso á condición de persoal interino, obxectivar as causas de cesamento deste persoal e implementar un réxime de responsabilidades disuasorio de futuros incumprimentos.

Precisamente, no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, inclúe, entre outras actuacións relativas á modernización das administracións publicas, a reforma referida á redución da temporalidade no emprego público, dando así cumprimento ao compromiso subscrito coa Comisión Europea de aprobar, no ámbito do emprego público, as reformas estruturais necesarias na planificación da xestión dos recursos humanos que permita garantir a prestación duns servizos públicos de calidade.

Para tal fin foi aprobada a Lei 20/2021, do 28 de decembro, e a conseguinte resolución da Secretaría de Estado de Función Pública coas orientacións básicas para levar a cabo a definición e aprobación das ofertas de emprego público destinadas á estabilización do emprego temporal de cada Administración pública.

Coa finalidade de facilitar o desenvolvemento homoxéneo das futuras convocatorias de estabilización para o acceso aos diferentes corpos e escalas de persoal funcionario de carreira á condición de persoal laboral fixo, en aplicación das previsións contidas no artigo 2, a Secretaría de Estado de Función Pública emitiu a Resolución do 14 de novembro de 2022, coas orientacións referidas á execución dos procesos de estabilización de emprego temporal derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro. Nelas establécese que a valoración dos servizos prestados desagregarase en función do tempo de servizos efectivos prestados na mesma clasificación profesional a que se pretende acceder, no caso do persoal laboral.

En canto ao dereito de acceso en condicións de igualdade aos cargos públicos do artigo 23.2 CE, trátase, tal e como se recolle na Sentenza do Tribunal Constitucional do 1 de marzo de 2012 (STC 27/2012, do 1 de marzo), dun dereito de configuración legal «que supón que as normas reguladoras do proceso selectivo deben asegurar aos cidadáns unha situación xurídica de igualdade no acceso ás funcións públicas, coa inmediata interdición de requisitos de acceso que teña carácter discriminatorio (SSTC 193/1987, do 9 de decembro; 47/1990, do 20 de marzo, e 353/1993, do 29 de novembro), ou de referencias individualizadas (STC 67/1989, do 18 de abril)».

Non obstante, en determinados supostos extraordinarios, tense considerado acorde coa Constitución que, en procesos selectivos de acceso a funcións públicas, se estableza un trato de favor en relación cuns participantes respecto doutros. Esta excepción á regra xeral tense considerado lexítima en supostos verdadeiramente singulares, en que as especiais circunstancias dunha Administración e o momento concreto en que se realizaban estas probas, xustificaban a desigualdade de trato entre os participantes, beneficiando aqueles que xa prestasen no pasado servizos profesionais en situación de interinidade na Administración convocante. Estes supostos varían desde a realización de probas restrinxidas (STC 27/1991, do 14 de febreiro) a probas en que se primaban de maneira moi notable os servicios prestados na Administración, pero nun e noutro caso existe sempre xustificación das singulares e excepcionais circunstancias que, de maneira expresa, se explicaban en cada unha das convocatorias (SSTC 67/1989, do 18 de abril; 185/1994, do 20 de xuño; 12/1999, do 11 de febreiro; 83/2000, do 27 de marzo, ou 107/2003, do 2 de xuño).

En definitiva, para que sexa constitucionalmente lexitimo establecer un proceso selectivo en que se prime notablemente un determinado mérito en relación con outros, debe existir unha xustificación amparada nunha situación excepcional, xa que, noutro caso, a desigualdade de trato lesionaría o artigo 23.2 CE (STC 27/2012, FX 5).

Para tal efecto, hai que destacar que a Universidade de Santiago de Compostela ten unha estrutura complexa e unha singularidade que pouco ou nada ten que ver con outras entidades públicas, como consecuencia do previsto no artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

O referido texto lexislativo indica que as universidades públicas están integradas por escolas, facultades, departamentos, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueloutros centros ou estruturas necesarias para o desempeño das súas funciones.

Así mesmo, hai que ter en conta a heteroxeneidade das actividades de investigación da universidade, nas diferentes áreas de coñecemento, que se desenvolven non soamente en facultades, departamentos, institutos, senón tamén en centros singulares de moi diversa índoles e de ámbitos moi específicos.

Froito desta diversa actividade investigadora, a Universidade de Santiago de Compostela dispón de persoal que, pertencendo á mesma categoría profesional, teñen funcións específicas e diferentes derivadas non só do destino do posto senón da liña de investigación, programa ou estrutura en que se encadre (por exemplo, xenética animal e historia do dereito).

O 8 de novembro de 2022, tivo lugar a Mesa Xeral de PAS e PDI da Universidade de Santiago de Compostela, onde se debateron os criterios conxuntos para os procesos de estabilización extraordinaria derivados da Lei 20/2021.

O 1 de decembro de 2022, polo Acordo da Mesa Xeral de PAS e PDI da Universidade de Santiago, aprobáronse os méritos xerais e específicos da convocatoria do proceso de estabilización extraordinario do persoal empregado investigador.

O 21 de decembro de 2022, publicouse no DOG a Resolución do 7 de decembro de 2022 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, polo sistema de acceso libre, prazas de persoal empregado investigador no marco da estabilización extraordinaria de emprego temporal.

O 6 de xullo de 2023, publicouse a Resolución do 29 de xuño de 2023 pola que, en execución da sentenza, se complementa a oferta de emprego público desta universidade e dos seus entes adscritos para o ano 2022, engadindo a praza que agora se convoca por estabilización extraordinaria. Nesta convocatoria recóllense os mesmos méritos xerais e específicos que se acordaron o 1 de decembro de 2022 e que serán valorados polo tribunal de avaliación.

No anexo II recóllense as funcións e o programa a que pertence o posto convocado que determinan a súa singularidade.

Por todo o anterior, o reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro de universidades, así como nos estatutos desta universidade e, en execución do previsto na Resolución do 29 de xuño de 2023 pola que, en execución de sentenza, se complementa a oferta de emprego público desta universidade e dos seus entes adscritos para o ano 2022, resolve convocar o proceso selectivo para cubrir a praza que se relaciona no anexo, vacante no seu cadro de persoal empregado investigador, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria realizaranse exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse proceso selectivo para cubrir con persoal fixo a praza vacante que figura na Resolución do 29 de xuño de 2023 pola que, en execución de sentenza, se complementa a oferta de emprego público desta universidade e dos seus entes adscritos para o ano 2022 e que se relaciona no anexo II da presente convocatoria.

1.2. O sistema de selección será o de concurso.

1.3. A adxudicación da praza á/ás persoa/s aspirante/s que supere/n o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.4. Na realización deste proceso selectivo aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela (DOG núm. 237, do 24 de novembro de 2020; modificado DOG núm. 180, do 17 de setembro de 2021; última modificación DOG núm. 107, do 6 de xuño de 2022), e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas no proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52.1 da Lei de emprego de Galicia.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que o/a habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral, poderán participar para o acceso unicamente da praza que se convoca de persoal laboral.

b) Ter feitos os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión da titulación que se recolle no anexo II para a praza convocada. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos.

e) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.

f) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin estar sancionado/a, de acordo coa normativa correspondente, coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

g) Aboar as taxas correspondentes para a participación no proceso selectivo, agás o previsto no punto 3.8.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. As persoas que desexen participar neste proceso selectivo deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC, segundo a praza a que se desexa concorrer:

Praza de persoal empregado investigador: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/RRHH_INV_EstabilExtraordinaria.htm

No momento de formalizar a súa solicitude as persoas aspirantes deberán achegar a documentación que proceda segundo as bases da convocatoria.

3.3. Para a presentación de solicitudes, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2 CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.4. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega que corresponda segundo o recollido no anexo II da presente convocatoria. As persoas aspirantes que non o acheguen xunto coa súa solicitude e que sexan propostas para a súa contratación disporán dun prazo de dous anos desde a contratación para acreditalo. Transcorrido o dito prazo, a Universidade convocará aquelas persoas que non achegasen a dita acreditación a unha proba específica de coñecemento da lingua galega.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como persoal empregado investigador na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento; deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se atope debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán, para tal efecto, fotocopia dos diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1 ou C2 ou equivalente. De non achegar esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.4.

3.5. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran será achegada coa solicitude, e non serán valorados méritos que non se atopen suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

a) Certificado acreditativo dos servizos prestados, en que conste a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

b) Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional, agás que xa fosen rexistrados no procedemento habilitado para tal efecto polo Centro de Formación de Persoal.

c) Memoria sobre a praza a que se opta de conformidade co establecido no anexo I desta convocatoria.

O certificado acreditativo dos aspectos indicados na alínea a) expedirase e engadirase de oficio á solicitude das persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC.

Con respecto á alínea b), expedirase unha relación de cursos de formación e de cualificación profesional rexistrados no procedemento habilitado polo Centro de Formación de Persoal, sempre e cando se achegase declaración responsable da persoa solicitante da súa veracidade.

3.6. Os méritos valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.7. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.8. As taxas recóllense no anexo II da praza ofertada da presente convocatoria. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

– Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

– Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non sendo preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.8.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.8.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.8.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen as taxas dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.8.4. Unicamente procederá a devolución das taxas ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución das taxas.

3.9. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.

3.10. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, e para acceder a ela empregaranse os medios de identificación que se indican na base 3.3.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

Persoal empregado investigador:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/RRHH_INV_EmendaEstabilExtr.htm. Para o que o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no punto 3.3 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas do proceso selectivos, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.4. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador deste proceso selectivo terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

5.3. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a procesos selectivos nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria do/da presidente/a, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará, con carácter previo ao inicio do proceso, todas as decisións que correspondan para o seu desenvolvemento e os criterios de valoración, que serán publicados no taboleiro electrónico.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do presidente/a e secretario/a, e da metade polo menos dos seus membros.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas naqueles casos en que se deban valorar coñecementos ou méritos que, pola súa singularidade, requiran dunha valoración específica. Estes asesores emitirán un informe sobre a adecuación dos méritos das persoas aspirantes á praza obxecto de convocatoria. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes que a praza convocada. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento do proceso selectivo.

6.1. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.2. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á fase de concurso, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

A orde de actuación das ditas persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «V» de conformidade co establecido na Resolución do 26 de xaneiro de 2023, da Consellería de Facenda e Administración Pública.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para proceder á valoracións dos méritos presentados.

Quedan exentas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira en algún dos niveis seguintes: nivel B2, C1 ou C2, ou equivalente e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.3. As persoas aspirantes serán convocadas para esta proba nun único chamamento e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coa data de realización desta proba derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.4. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre algún dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo.

7.1. Finalizada a valoración dos méritos, o tribunal cualificador fará pública, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web: https://imaisd.usc.es/seccion.asp?i=gl&s=-2-26-128-129, e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes coa indicación da puntuación obtida desagregada segundo as epígrafes establecidas no anexo I.

7.2. A publicación anterior irá acompañada, segundo a orde de puntuación acadada, da proposta provisional da persoa seleccionada, segundo o previsto no anexo I.

Os empates nas puntuacións resolveranse a favor da persoa aspirante que obtivese a maior antigüidade de servizos prestados na categoría profesional obxecto da convocatoria e, de persistir este, pola maior idade da persoa aspirante.

7.3. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.3.

7.4. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no punto 5.9 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: https://imaisd.usc.es/seccion.asp?i=gl&s=-2-26-128-129

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a proposta definitiva, as persoas aspirantes que figuren nela deberá presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, orixinais da seguinte documentación para proceder á contratación como persoal laboral fixo:

a) DNI ou documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Titulación exixida na base 2.1.c).

d) Acreditación, de ser o caso, dos requisitos específicos exixidos.

e) Orixinais ou copias electrónicas dos méritos que deron lugar á súa selección.

f) Certificado acreditativo de lingua galega, de ser o caso, indicado na base 3.4.

g) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.5.

h) Certificado negativo de delitos sexuais para aquelas categorías en que se exixa.

i) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.e) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do posto de traballo.

9.1. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 %, poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Coa solicitude deberá xuntar un informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, procederase á contratación da persoa aspirante que o superase como persoal laboral fixo. A formalización da contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba para o persoal laboral de novo ingreso será de seis meses cando se acceda ás categorías clasificadas nos grupos I e II e de dous meses para o resto. Durante este período o/a traballador/a terá os dereitos e obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

11. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

O sistema selectivo será o de concurso que constará das seguintes partes:

A puntuación máxima do proceso selectivo será de 100 puntos coa distribución que se indica a continuación:

1. Méritos xerais:

Experiencia: ata un máximo de 70 puntos. Valoraranse unicamente os últimos 10 anos de experiencia profesional inmediatamente anteriores á data fin do prazo de presentación de solicitudes do seguinte xeito:

– Servizos prestados na praza obxecto de convocatoria na Universidade de Santiago de Compostela, con independencia da modalidade contractual e da categoría laboral con que a ocupase. A puntuación será de 0,60 puntos por mes traballado con vinculación temporal.

– Experiencia profesional acreditada na Universidade de Santiago de Compostela en prazas distintas ás convocadas e mesma categoría profesional ou en categoría profesional equivalente: 0,20 puntos por mes traballado con vinculación temporal.

– Experiencia profesional acreditada en calquera outra Administración pública na mesma categoría profesional ou en categoría profesional equivalente: 0,20 puntos por mes traballado con vinculación temporal.

2. Méritos específicos: ata un máximo de 30 puntos obtidos nas seguintes epígrafes.

a) Formación relacionada coa praza. A valoración máxima será de 9 puntos. Valorarase a formación relacionada coas funcións da categoría obxecto de convocatoria do seguinte xeito:

Cursos de formación:

– Cursos impartidos: 0,18 puntos/hora.

– Cursos de aptitude recibidos: 0,12 puntos/hora.

– Cursos de asistencia recibidos: 0,06 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso á categoría ou escala correspondente.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

b) Titulación académica. Valoración máxima de 1 punto por estar en posesión dunha titulación académica de nivel superior á requirida para o acceso á categoría profesional correspondente, valorando só a de maior nivel do MECES que posúa o/a aspirante.

c) Memoria sobre a praza a que se opta. A valoración máxima será de 15 puntos. As persoas candidatas presentarán unha memoria curricular onde se describa a adecuación do seu currículo e traxectoria ás funcións da praza obxecto de convocatoria. A memoria terá unha extensión máxima de 5.000 palabras con tamaño de letra 11, fonte Arial e entreliñado 1,5.

d) Outros méritos. Valoración máxima de 5 puntos.

i. Coñecemento de idiomas comunitarios distintos do galego e do castelán:

O coñecemento de cada lingua oficial valorarase do seguinte xeito:

– C2: 1 punto.

– C1: 0,8 puntos.

– B2: 0,6 puntos.

– B1: 0,4 puntos.

– A2: 0,2 puntos.

– A1: 0,1 puntos.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel.

ii. Outros méritos de investigación: outros méritos relacionados coa praza obxecto de convocatoria como participación en proxectos, conferencias, publicacións científicas entre outros.

A cualificación final do concurso virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes ás dúas partes, na forma establecida neste anexo.

ANEXO II

Praza de persoal empregado investigador

Grupo:

III

Categoría:

Técnico/a especialista de investigación (III.1)

Ref. praza OEP:

PEI0117

Titulación requirida:

Bacharel ou técnico, BUP, FP II, FP grao superior, ciclo formativo de grao medio ou equivalentes.

Dedicación:

TC

Funcións:

Extracción de ADN xenómico de vacún. Medicións e axustes de calidade e cantidade ADN xenómico. Creación de banco de mostras de vacún, do programa de xestión agrupada «Pavillón IV Lugo».

Programa:

Programa de xestión agrupada «Pavillón IV Lugo».

Taxas:

32,48 €

Nivel galego:

Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega.