DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2023 Páx. 56018

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 2 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao desenvolvemento de áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (código de procedemento IF313A).

O transporte por estrada é un sector estratéxico de calquera economía, como vén demostrando o crecemento da importancia das cadeas de subministración nacionais e internacionais. Isto fai que o volume de cargas que viaxan ao longo das nosas estradas vaia en aumento ano a ano e, a pesar de que outros modos de transporte poden suplir en parte as demandas, o transporte de mercadorías por estrada é na actualidade e seguirá sendo nun futuro próximo imprescindible. Con todo, para o seu desenvolvemento existe un inconveniente severo que resta competitividade ao sector e a Galicia como territorio loxístico.

Este non é outro que a ausencia de áreas de estacionamento seguras e protexidas (AESP), unhas pezas clave no transporte que lle permiten ao/a condutor/a facer en condicións adecuadas os descansos a que está obrigado/a por lei ou simplemente estacionar adecuadamente o vehículo.

Neste sentido, existen dous niveis de AESP: AESP de concentración, dotadas de máis servizos e que se sitúan en grandes polos de atracción de mercadorías, e AESP de tránsito, localizadas para realizar descansos en ruta. Actualmente en Galicia a oferta das primeiras é moi limitada e a oferta das segundas é inexistente.

Doutra banda, a importancia da creación de áreas de estacionamento seguras e protexidas aumenta e chega a considerarse elemento de competitividade para o transporte de mercadorías. A intención destas axudas é promover a creación de áreas de estacionamento seguras e protexidas en Galicia coa intención de crear unha Rede autonómica de aparcadoiros seguros que poida ser incluída na rede nacional.

En virtude do exposto, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao desenvolvemento de áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías (AESP) na Comunidade Autónoma de Galicia, e convocalas para as anualidades 2023 e 2024 (código do procedemento IF313A).

2. A súa finalidade e impulsar o desenvolvemento de áreas de estacionamento seguras e protexidas certificadas conforme os requisitos establecidos no Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012, da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación, para garantir que os condutores de vehículos de transporte de mercadorías por estrada teñan a posibilidade de acceder con facilidade a este tipo de infraestruturas na Comunidade Autónoma de Galicia nas cales poidan descansar con seguridade, e que dispoñan das instalacións adecuadas que lles permitan acceder a todos os servizos necesarios.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para os exercicios 2023 e 2024 e imputaranse ás aplicacións orzamentarias 09.02.512A.770.0 e 09.02.512A.780.1, consonte o seguinte réxime e distribución:

Aplicación

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

09.02.512A.770.0

50.000 €

350.000 €

400.000 €

09.02.512A.780.1

0 €

100.000 €

100.000 €

Total

50.000 €

450.000 €

500.000 €

De acordo co establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a alteración da citada distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

2. O importe previsto poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal da internet do órgano concedente, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

3. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder dos 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas xurídicas e as persoas traballadoras autónomas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Actuacións subvencionables e requisitos que deben cumprir

1. Son subvencionables todas as actuacións que teñan como finalidade o desenvolvemento de áreas de estacionamento seguras e protexidas para vehículos de transporte de mercadorías.

2. As áreas de estacionamento resultantes deben:

a) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Obter unha certificación de nivel prata, ouro ou platino, de acordo co establecido no Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación.

c) Contar cun peche perimetral ou barreira física de, polo menos, 1,80 m de altura. Entre a barreira ou peche e a zona de estacionamento haberá unha zona libre de 1 metro.

d) Reservar unha porcentaxe mínima de prazas de aparcadoiro de rotación do 20 %. Para os efectos da presente subvención, entenderanse por prazas de rotación aquelas que non están suxeitas a contratos de duración superior á diaria.

e) Ter, cada unha das prazas de aparcadoiro, unhas dimensións mínimas de 3,30 metros de largo por 16,50 metros de longo.

f) Ter as limitacións de prezo seguintes:

– Prezo máximo por hora: 1,50 €.

– Prezo máximo por día: 12,00 €.

Estes prezos poderanse actualizar cada ano conforme o IPC vixente. Así mesmo, non existirá impedimento para que se compensen polo uso doutras instalacións do complexo, como gasolineira, cafetaría ou restaurante, hotel, etc.

Artigo 5. Contía da subvención

A contía da subvención calcularase en función do número de prazas de aparcadoiro da área de estacionamento que cumpran os requisitos exixidos nestas bases.

A contía por praza de aparcadoiro é de 2.000 euros. O importe máximo por solicitude é de 120.000 euros.

Artigo 6. Réxime de compatibilidade

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 16 desta orde.

Artigo 7. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Mobilidade é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

En particular, o órgano instrutor recibirá as solicitudes e comprobará os seus requisitos formais. Así mesmo, encargarase de elevar as propostas de resolución, provisionais e definitivas, analizará as alegacións e os documentos presentados, solicitará informe á Comisión de Valoración cando sexa preciso e realizará cantas outras funcións adicionais considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.

2. A Dirección Xeral de Mobilidade é o órgano competente para resolver o procedemento, por delegación da persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en virtude do expresado no Decreto 118/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica e na disposición adicional primeira desta orde.

3. A Comisión de Avaliación é o órgano competente para valorar as solicitudes presentadas e elaborar o informe de acordo co previsto no artigo 13.

As persoas que a integran serán designadas entre o seu persoal polo órgano competente para resolver da concesión, excepto unha delas, que será designada entre o persoal da Administración autonómica de Galicia non dependente do órgano convocante. Non poderán formar parte dela as persoas que posúan a condición de alto cargo nin o persoal eventual.

Esta comisión terá a seguinte composición:

– Presidencia: Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

– Vogalías: unha persoa dependente da Dirección Xeral de Mobilidade e unha persoa dependente da Axencia Galega de Infraestruturas.

– Secretaría: unha persoa dependente da Dirección Xeral de Mobilidade.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, poderán ser substituídos por unha persoa designada polo órgano convocante coas mesmas condicións.

A Comisión axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No momento da constitución da Comisión, as persoas integrantes deixarán constancia da ausencia dun conflito de intereses respecto das persoas solicitantes da subvención, feito que poderá ser manifestado mediante unha declaración expresa ou mediante unha manifestación na acta de constitución.

Para o caso de que, con posterioridade á formulación de tales declaracións responsables, se coñecese un posible conflito de intereses, a persoa da Comisión en que concorra tal circunstancia absterase de participar no procedemento, comunicarallo ao superior xerárquico e o órgano deberá substituíla por outra seleccionada entre o seu persoal ou entre o persoal doutro departamento non dependente, segundo corresponda.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes é dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación para a cal solicita a subvención, que deberá conter, como mínimo, os seguintes puntos:

1º. Descrición clara das instalacións existentes na actualidade, con indicación de forma expresa da localización do aparcadoiro (achegando coordenadas deste), a vía de alta capacidade, estrada nacional ou autonómica da rede estruturante a que presta servizo, o número de prazas para as cales solicita a axuda e as características das instalacións dispoñibles, e deberá achegar a documentación gráfica necesaria (planos e fotografías).

2º. Descrición das actuacións que se van desenvolver como parte dos elementos de seguridade, con identificación cada un dos elementos de forma individual (peche perimetral, iluminación, sistema de vídeovixilancia, etc.).

3º. Descrición das actuacións que se van desenvolver como parte dos servizos ás persoas usuarios, con identificación de cada un dos elementos de forma individual (aseos e duchas, comedor, venta automática, internet, electricidade, etc.).

4º. Planos e descrición do aparcadoiro deseñado para o cal se solicitará a subvención, onde se especifique o número de prazas previsto cunhas dimensións mínimas de 3,30 m × 16,50 m e a súa viabilidade en función das vías e carrís de acceso a cada unha delas.

5º. Descrición do réxime de explotación futuro proposto, con identificación do número de prazas de aparcadoiro totais, número de prazas de aparcadoiro destinadas a rotación, e prezos propostos.

6º. Información relativa aos criterios de valoración:

Criterio 1. Distancia á vía de alta capacidade, estrada nacional ou autonómica da rede estruturante de referencia para o aparcadoiro.

Criterio 2. Intensidade media diaria de vehículos pesados na vía de alta capacidade, estrada nacional ou autonómica da rede estruturante de referencia para o aparcadoiro.

Criterio 3. Nivel de calidade proposto segundo o Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012 da Comisión.

Criterio 4. Servizos adicionais aos mínimos.

Criterio 5. Número de conexións eléctricas para vehículos refrixerados.

Criterio 6. Número de prazas propostas en réxime de rotación.

b) Documentación acreditativa da representación, no caso de actuar a través de representante.

c) Documentación acreditativa da constitución da persoa solicitante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realice a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo dos documentos e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).

f) Alta na Seguridade Social na data concreta.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

j) Concesións doutras subvencións e axudas.

k) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar a documentación.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os criterios que se utilizarán para ponderar os proxectos serán valorados mediante a seguinte formula.

missing image file

missing image file

A máxima puntuación que se pode obter é de 100 puntos.

Os criterios considerados e a súa ponderación recóllense na seguinte táboa:

Nº de criterio

Criterio

Valoración do criterio

Ponderación (missing image file)

1

Distancia en quilómetros por estrada desde o aparcadoiro á vía de alta capacidade (autovía, autoestrada ou vía para automóbiles), estrada nacional ou autonómica da rede estruturante asociada ao aparcadoiro

Ata 2 km: 10 puntos

Máis de 2 e ata 4 km: 8 puntos

Máis de 4 e ata 6 km: 6 puntos

Máis de 6 e ata 8 km: 4 puntos

Máis de 8 e ata 10 km: 2 puntos

Máis de 10 km: 0 puntos

20

2

Intensidade media diaria de vehículos pesados na vía de alta capacidade (autovía, autoestrada ou vía para automóbiles), estrada nacional ou autonómica da rede estruturante asociada ao aparcadoiro, expresada en número de vehículos pesados

Máis de 2.000 ao día: 10 puntos

De 1.501 a 2.000 ao día: 8 puntos

De 1.001 a 1.500 ao día: 6 puntos

De 501 a 1.000 ao día: 4 puntos

De 101 a 500 ao día: 2 puntos

De 0 a 100 ao día: 0 puntos

10

3

Nivel de calidade proposto para a AESP segundo o Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012 da Comisión

Nivel platino: 10 puntos

Nivel ouro: 5 puntos

Nivel prata: 0 puntos

30

4

Existencia de servizos adicionais aos mínimos, que forma parte das instalacións do aparcadoiro ou ligadas el

Gasolineira: 5 puntos

Cafetaría/restaurante: 4 puntos

Hotel: 1 punto

20

5

Dispoñibilidade de conexións eléctricas para vehículos refrixerados

Máis de 2 conexións: 10 puntos

2 conexións: 6 puntos

1 conexión: 4 puntos

Sen conexións: 0 puntos

10

6

Prazas de rotación adicionais ás mínimas

Máis do 20 % de prazas de rotación adicionais: 10 puntos

Máis do 15 e ata o 20 % de prazas de rotación adicionais: 8 puntos

Máis do 10 e ata o 15 % de prazas de rotación adicionais: 6 puntos

Máis do 5 e ata o 10 % de prazas de rotación adicionais: 4 puntos

Ata o 5 % de prazas de rotación adicionais: 0 puntos

10

No criterio 1, a distancia do aparcadoiro á vía de alta capacidade, estrada nacional ou autonómica da rede estruturante medirase desde o acceso ao aparcadoiro ata o inicio do ramal de conexión máis próximo ao tipo de vía mencionado asociada ao aparcadoiro, como distancia real para percorrer por vías de acceso público.

No criterio 2, a intensidade media diaria de vehículos pesados na vía de alta capacidade, estrada nacional ou autonómica da rede estruturante de referencia tomarase como o valor máis actual dispoñible no tramo máis próximo ao aparcadoiro, segundo as memorias de capacidade publicadas polo organismo titular da vía (Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana ou a Axencia Galega de Infraestruturas).

No criterio 3, o nivel de calidade proposto para obter a subvención, que será o que posteriormente certifique o organismo acreditado.

No criterio 4, os servizos adicionais aos mínimos deberán existir ou estar en execución no momento de solicitarse a subvención e formar parte dos servizos prestados pola persoa física ou xurídica que solicita a subvención.

No criterio 5, o número de conexións eléctricas propostas formará parte das condicións mínimas exixidas para o cumprimento dos criterios necesarios para recibir a subvención.

No criterio 6, calcularase por unha banda o número mínimo de prazas de rotación exixidas no aparcadoiro. Calcularase posteriormente a porcentaxe de incremento que supoñen as prazas de rotación propostas respecto ás prazas de rotación mínimas calculadas.

2. A subvención concederáselle, en primeiro lugar, á solicitude de cada provincia que obteña a máxima puntuación entre todas as desa mesma provincia, de acordo coa orde de prelación que resulta da aplicación dos criterios de valoración sinalados no número anterior. A continuación, de existir crédito, concederáselle ao resto das solicitudes, comezando polas que obteñan a puntuación máis alta na citada prelación, sen ter en conta a provincia en que se encontren, ata esgotar o crédito dispoñible.

3. No suposto de que algunha entidade beneficiaria renuncie á subvención ou non a acepte, así como no caso dunha ampliación do crédito, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ás solicitudes seguintes na orde de puntuación.

4. En caso de empate utilizarase como criterio de desempate a maior puntuación obtida na orde de prelación que se indica a seguir, en referencia ao número dos criterios indicados no número anterior: 3-1-4-2-6-5. De persistir o empate, unha vez aplicados estes criterios, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fosen anteriores segundo conste no Rexistro Electrónico Xeneral e, como última opciòn, prevalecerá aquela a que o sistema lle asigne automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. O procedemento que se empregará para conceder as axudas será o de concorrencia competitiva recollido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Unha vez recibidas as solicitudes, o órgano competente para a instrución do procedemento comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Revisadas as solicitudes e feitas as emendas, se é o caso, remitiralle os expedientes administrativos á comisión encargada da súa valoración.

3. A continuación, a Comisión de Avaliación procederá á avaliación das solicitudes remitidas e emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación efectuada.

Este informe conterá unha relación en que consten as solicitudes e a puntuación que lle corresponde a cada unha, de acordo co previsto no artigo 12 destas bases, ordenada de forma decrecente, o cal será remitido ao órgano competente para a intruír o procedemento.

4. Finalizado o trámite anterior, o órgano instrutor elevaralle o informe da Comisión de Valoración, xunto coa proposta de resolución, ao órgano competente para resolver a concesión das subvencións.

Artigo 14. Prazo máximo de resolución e notificación

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa é de tres meses (3), segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles desde a notificación da resolución sen que a persoa beneficiaria comunica que expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se lle notificará a persoa interesada por medios electrónicos.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para conceder estas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido segundo o disposto nestas bases e xustificar, ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión.

b) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de 5 anos a partir da recepción do último pagamento.

c) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos subvencionados ao abeiro desta orde.

e) Adoptar medidas de información e comunicación (carteis informativos, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.) e incorporar de forma visible no material de difusión das actuacións subvencionadas o seu financiamento por parte da Xunta de Galicia, de xeito que se cumpra coa obriga establecida no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Ademais, debe instalar e exhibir un panel de tamaño A3 (297×420 mm) no acceso ao recinto que faga referencia clara e inequívoca á axuda concedida, con expresión dos datos identificativos desta orde, conforme o Manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

f) Obter unha certificación válida emitida por un organismo certificador acreditado, segundo o nivel proposto pola persoa solicitante da subvención no anexo I ou superior, en cumprimento do Regulamento (UE) núm. 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) núm. 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación, e mantela durante un período mínimo de 6 anos.

g) Manter as condicións impostas na concesión da subvención durante un período mínimo de 6 anos contado desde a data de obtención da certificación indicada no punto anterior.

h) Fornecer toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

i) Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non poder realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

Artigo 18. Subcontratación

1. As persoas beneficiarias poderán concertar con terceiras persoas a execución das actuacións subvencionadas ata unha porcentaxe máxima do 100 % do custo total de cada unha das actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante as persoas beneficiarias, que asumirán ante a Administración a responsabilidade da execución da actividade subvencionada, así como de que se respecten os límites establecidos nestas bases en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables, e exixiranlles aos contratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

3. Os subcontratistas están suxeitos ao deber de colaboración para permitir as actuacións de control e quedan obrigados a facilitarlles aos organismos de auditoría e control autonómicos, nacionais ou europeos canta documentación e información lles sexa requirida relativa ás actividades subcontratadas.

4. A negativa ao cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos previstos no artigo 22.3.c) destas bases, sen prexuízo das sancións que, de ser o caso, puideren corresponder.

5. Cando a actividade concertada con terceiras persoas exceda o 20 % do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a 60.000 €, o contrato deberá subscribirse por escrito e ser autorizado previamente polo órgano concedente. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir os requisitos anteriores.

Artigo 19. Solicitude de pagamento e xustificación

1. O prazo para presentar a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa da subvención finaliza o 29 de novembro de 2024.

2. A solicitude de pagamento (anexo II) deberá presentarse a través da Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, empregando a acción «achega de documentación separada da solicitude».

3. De acordo co indicado nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establécese o réxime de concesión e xustificación a través de módulos.

Deste xeito, fíxanse os seguintes módulos e valores:

– Descrición do módulo: unha (1) praza de aparcadoiro.

– Importe por módulo: 2.000 euros.

– Importe máximo por solicitude: 120.000 euros (60 módulos).

4. Xunto coa solicitude de pagamento, a persoa beneficiaria da axuda presentará a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas, que incluirá a seguinte documentación:

a) Certificado emitido por un organismo certificador acreditado, de acordo co establecido no Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, na cal se incluirán planos e documentos gráficos.

c) Memoria económica que, como mínimo, conterá:

– A acreditación do número de unidades físicas consideradas como módulos, é dicir, o número de prazas do aparcadoiro que cumpren os requisitos exixidos nas bases reguladoras.

– A contía global da subvención xustificada.

– Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

5. De ser o caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar o cumprimento das condicións económicas impostas na resolución de concesión de pagamento anticipado na mesma anualidade en que se realizou o dito pagamento.

6. Posteriormente, co obxecto de xustificar que a AESP mantén as condicións impostas na concesión da subvención e a certificación obtida durante un período mínimo de 6 anos, a persoa beneficiaria debe presentar, antes do 29 de novembro dos anos 2025, 2026, 2027, 2028, 2029 e 2030, a seguinte documentación:

a) Certificado vixente emitido por un organismo certificador acreditado, de acordo co establecido no Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012 da Comisión, polo que se completa o Regulamento (CE) nº 561/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, e de ser o caso, resultado da última auditoría realizada.

b) Memoria en que se xustifique o mantemento das condicións impostas na concesión da subvención.

7. Calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento, que, de ser o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

8. De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, non se lles exixirá ás persoas interesadas que presenten documentos orixinais. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente.

9. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa, ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderáselle requirir á persoa beneficiaria que presente unha copia autenticada electrónica.

10. No caso de que a solicitude de pagamento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requiriráselle á persoa beneficiaria que emende os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles.

11. A falta de presentación da solicitude de pagamento ou da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá á persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 20 Pagamento

1. O pagamento das axudas, con carácter xeral, realizarase unha vez que o órgano concedente considere xustificada a execución da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento das demais condicións dentro do prazo establecido no artigo 19.

2. De acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das axudas poderán solicitar un pagamento anticipado, que suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, co límite máximo do 50 % da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Xunto coa solicitude de pagamento anticipado, na cal se acredite a necesidade de facer pagamentos inmediatos para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a persoa beneficiaria deberá achegar o xustificante de ter constituída unha garantía por importe do 110 % da cantidade solicitada, a cal será liberada unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos para o pagamento da axuda.

3. En todos os casos, as persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña ou denegue expresamente o consentimento ao órgano convocante para solicitar as certificacións, estas deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

4. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento sexa inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Perderase o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, de ser o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a orixe da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de maneira que coa nova puntuación non resultase concedida no réxime de concorrencia competitiva.

c) Non someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas.

f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 16.

g) Non presentar no prazo exixido o certificado válido de rexistro da AESP segundo o estándar proposto polo adxudicatario en cumprimento do Regulamento delegado (UE) nº 2022/1012 da Comisión.

4. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, e aplicará a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Artigo 22. Réxime de infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Fiscalización e control

1. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como pola persoa beneficiaria.

3. Sen prexuízo do anterior, o órgano concedente realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para percibir as axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a persoa beneficiaria, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano concedente xunto co informe de verificación. A persoa beneficiaria queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado para realizar as actuacións copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais, todas as persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde están sometidas ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas

Artigo 24. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 25. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano concedente incluirá as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude se autoriza o tratamento necesario dos datos persoais e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano convocante publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web e no Diario Oficial de Galicia, e expresará a norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da persoa beneficiaria e a súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución das concesións.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Artigo 28. Base de datos nacional de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A BDNS daralle traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Disposición adicional primeira. Delegación de facultades

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das facultades para resolver as solicitudes de concesión, modificación e pagamento das subvencións previstas nesta orde.

2. Igualmente, deléganse as facultades para recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos e para conceder anticipos, de ser o caso, así como para resolver os procedementos de perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro das indebidamente percibidas.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade exerceraas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Disposición adicional segunda. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file