DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2023 Páx. 55175

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 20 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública e audiencia ás persoas interesadas o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de xestión do monumento natural da serra de Pena Corneira, nos concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión (provincia de Ourense).

A serra de Pena Corneira declarouse monumento natural mediante o Decreto 264/2007, do 20 de decembro.

Este espazo está situado dentro da comarca do Ribeiro, na provincia de Ourense. Constitúe unha prolongación ao nordés da serra do Suído e ten unha superficie aproximada de 988 hectáreas, situadas entre as bacías dos ríos Avia e Miño.

O artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza e beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que fosen expresamente declarados como tales.

Segundo indica o artigo 59 da mesma lei, os monumentos naturais contarán cun instrumento de planificación propio, denominado plan de xestión, no cal se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación da xeodiversidade, dos hábitats e das especies.

O artigo 61 da lei establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da propia lei.

Segundo o recollido na disposición transitoria segunda da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a tramitación dos plans de xestión en espazos naturais protexidos declarados ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que carezan dos citados instrumentos de planificación e que non iniciasen a súa tramitación con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei, realizarase tras o acordo de inicio da persoa titular da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, mediante o procedemento sinalado no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, axustándose o contido do instrumento de planificación ao previsto no artigo 60.1, no caso dos plans de xestión.

O instrumento de planificación aprobarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural.

Dado que ese espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 45/2007, do 1 de marzo, unicamente corresponde desenvolver a tramitación e aprobación do seu instrumento de planificación específico.

Como paso previo para elaborar o plan de xestión, redactouse unha memoria inicial, que foi sometida a participación pública, en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, polo que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O dito documento expúxose ao público na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda durante un período dun (1) mes.

Visto o anterior e en virtude do establecido no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de información pública do proxecto de decreto polo que se aprobará o plan de xestión do monumento da serra de Pena Corneira natural durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion

Tamén se poderá consultar na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de Conservación da Natureza: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar tamén as súas alegacións:

Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Plan de xestión do monumento natural da serra de Pena Corneira».

Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural