DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 27 de setembro de 2023 Páx. 54634

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2023 pola que se fai pública a Resolución do 13 de setembro de 2023, de delegación de facultades nas persoas titulares da Dirección Xeral, da Xerencia e da Dirección da Área de Financiamento.

A actividade do Igape na promoción económica das empresas provoca a necesidade frecuente de subscribir contratos e convenios con particulares, así como o exercicio de accións e recursos na vía xudicial para a defensa dos seus intereses.

As facultades de representación do Igape están atribuídas á titular da Presidencia, segundo o artigo 11 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape, e na letra b) do punto 2 do artigo 9 do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento.

Mediante a Resolución do 23 de decembro de 2016 (DOG nº 23, do 2 de febreiro de 2017), a Presidencia do Igape delegou determinadas facultades de representación na Dirección Xeral, na Secretaría Xeral e na Dirección da Área de Financiamento. Posteriormente, mediante a Resolución do 15 de abril de 2019, a Presidencia delegou na Secretaría Xeral as facultades necesarias para elevar a públicos os acordos dos órganos de goberno do Igape.

Mediante o Acordo do 13 de outubro de 2022 (DOG núm. 235, do 13 de decembro), o Consello de Dirección do Igape aprobou a modificación da súa estrutura organizativa.

Considerando que o transcurso do tempo aconsella resolver unha nova delegación de facultades que substitúa as anteriores, e que as facultades de representación do Igape están atribuídas á persoa titular da Presidencia, segundo o artigo 11 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e na letra b) do número 2 do artigo 9 do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento,

Na súa virtude, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Publicar a Resolución do 13 de setembro de 2023, da Presidencia do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de delegación de facultades:

Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección Xeral do Igape, actualmente Covadonga Toca Carús, con DNI 32634329C:

A) A formalización, en representación do Igape, de:

a) Contratos administrativos e das súas modificacións cos adxudicatarios dos procedementos de contratación, incluída a realización de obras.

b) Negocios xurídicos sobre bens inmobles titularidade do Igape, así como contratos de alugamento de bens que sexan precisos para o funcionamento do instituto.

c) Contratos laborais do persoal do Igape e as súas modificacións, incluídos os contratos de alta dirección, agás o da persoa titular da Dirección Xeral.

d) Contratos de apertura de contas correntes en entidades financeiras, logo de autorización da Consellería de Facenda.

e) Contratos de aval e préstamo, previamente autorizados polo Consello de Dirección do Igape e das súas modificacións, así como, se é o caso, a formalización da constitución das garantías reais ou persoais exixibles, e a súa cancelación unha vez amortizado o risco garantido.

f) A rescisión dos préstamos outorgados polo Igape, nos casos previstos legal ou contractualmente, así como a formalización ante notario das actas de peche de conta e liquidación dos préstamos impagados do Igape, segundo o informe da Dirección da Área de Financiamento do Igape. Esta delegación realízase de xeito solidario e indistinto coas facultades outorgadas á persoa titular da Xerencia e da Dirección da Área de Financiamento.

g) Aceptar ou rexeitar ofertas directas de adquisición de bens ou créditos pignoraticios e/ou hipotecarios, titularidade do Igape, con subsistencia ou extinción das contragarantías reais do Igape, nos termos e nas condicións que considere convenientes, e logo das autorizacións da Consellería de Facenda que resulten pertinentes.

h) Decidir a adhesión ou non do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia como acredor nas propostas de convenio que se formulen nos procedementos de concurso de acredores de empresas beneficiarias de avais e préstamos do Igape, logo de autorización da Consellería de Facenda de acordo co artigo 22.2 do TRLRFOG.

i) Formular posturas con cargo aos créditos titularidade do Igape-Comunidade Autónoma de Galicia nas poxas e nos alleamentos de bens tomados en contragarantía polo Igape, nos termos e nas condicións que considere convenientes, e logo das autorizacións da Consellería de Facenda que resulten pertinentes; e poderá autorizar os letrados da Xunta de Galicia para comparecer no procedemento xudicial para presentaren a postura.

j) Convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape previamente autorizados polo Consello de Dirección do Igape.

k) A comparecencia ante os xuíces, tribunais e servizos de arbitraxe en defensa dos seus intereses, así como o outorgamento para tal efecto de poderes suficientes a letrados e procuradores para a representación en xuízo do Igape.

B) Nos casos de ausencia da persoa titular da Dirección Xeral, habilítase a persoa titular da Xerencia para que substitúa as facultades delegadas, coa posibilidade de substitución pola súa vez por calquera dos titulares das direccións da Área do Igape que a Xerencia designe expresamente.

Segundo. Delegar na persoa titular da Xerencia, actualmente Patricia Villajos Grande, con DNI 34955476F:

a) As facultades necesarias para elevar a públicos os acordos dos órganos de goberno do Igape.

b) A formalización dos contratos de aval e préstamo que conten con acordo previo de concesión tomado polo órgano competente segundo a súa propia regulamentación. Esta delegación inclúe a facultade de comparecer ante fedatario público e realízase de xeito solidario e indistinto coas facultades outorgadas á persoa titular da Dirección Xeral e da Dirección da Área de Financiamento.

c) A constitución das garantías previamente aprobadas polos órganos competentes do Igape, tanto reais como persoais, así como a súa cancelación unha vez amortizado o risco garantido. Esta delegación inclúe a facultade de comparecer ante fedatario público e realizase de xeito solidario e indistinto coas facultades outorgadas á persoa titular da Dirección Xeral e da Dirección da Área de Financiamento.

d) A formalización ante notario das actas de peche de conta e liquidación dos préstamos impagados do Igape, segundo o informe da Dirección da Área de Financiamento do Igape. Esta delegación realízase de xeito solidario e indistinto coas facultades outorgadas á persoa titular da Dirección Xeral e da Dirección da Área de Financiamento.

Terceiro. Delegar na persoa titular da Dirección da Área de Financiamento, actualmente Alberto Vivero Fernández, con DNI 31655454P, de xeito solidario e indistinto coas facultades outorgadas ás persoas titulares da Dirección Xeral e da Xerencia:

a) A formalización ante fedatario público dos contratos de aval e préstamo que conten con acordo previo de concesión tomado polo órgano competente segundo a súa propia regulamentación.

b) A constitución ante fedatario público das garantías previamente aprobadas polos órganos competentes do Igape, tanto reais como persoais, así como a súa cancelación unha vez amortizado o risco garantido.

c) A formalización ante fedatario público das actas de peche de conta e liquidación dos préstamos impagados do Igape, segundo o informe dos servizos da Área de Financiamento.

Esta delegación substitúe as publicadas ata esta data.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica