Mediante a Resolución do 29 de decembro de 2022 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro de 2023), publicáronse as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2023, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
As ditas bases establecen no seu artigo 13.5 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución definitiva do 17 de agosto de 2023 de concesión das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2023, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas. O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que os interesados accedan á oficina virtual do Igape, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o dito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.
Estas axudas son susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2007, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 40 % restante.
En particular:
Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.
Obxectivo específico 1.3: o reforzo do crecemento sustentable e a competitividade das pemes, e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos.
Actuación 1.3.01: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, especialmente das pemes, para promover o crecemento sustentable, a competitividade e a creación e o mantemento do emprego.
Campo de intervención TI0021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.
O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e o Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.
A concesión desta axuda supón a aceptación da persoa beneficiaria para ser incluída na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Así mesmo, a persoa beneficiaria recoñecerá a axuda dos fondos á operación, de acordo co artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.
Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao do acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao do acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego
de Promoción Económica