DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54149

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 18 de setembro de 2023 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes das axudas Bonos Talento empresa previsto na Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

O 20 de xullo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedementoTR302D).

No artigo 12 da dita orde, establécese que o período de realización das accións formativas subvencionables comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de novembro de 2023, para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2023, e ata o 30 de setembro de 2024 para aquelas accións formativas que se desenvolvan entre 2023 e 2024, ou exclusivamente en 2024.

Así mesmo, no artigo 16 da Orde do 3 de xullo de 2023 establécese que o prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria.

Cómpre sinalar que, ademais de que esta liña de axudas é a primeira vez que se convoca, o prazo de solicitudes se viu tamén condicionado polo feito de que o mes de agosto é un período maiormente de vacacións no cal as entidades destinatarias destas axudas teñen menor actividade, e todo isto está a incidir en que as potenciais solicitantes se vexan cun prazo de solicitudes limitado para poder valorar a decisión de realizar un proxecto formativo para o seu persoal ao abeiro destas axudas.

Ao estar próxima a fin do prazo inicialmente fixado para a presentación de solicitudes, resulta preciso, atendendo aos motivos expostos, así como a razóns de oportunidade, adecuar o dito prazo ao volume do crédito previsto para esta liña de axudas, de xeito que se facilite a máxima participación en beneficio das entidades destinatarias destas axudas, así como o cumprimento eficaz e eficiente dos obxectivos cuantitativos estimados no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027 que cofinancian estas axudas. En consecuencia, considérase aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente en 2024.

Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiros, por un período que non exceda a metade destes. Os acordos sobre ampliación de prazos ou a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

En consecuencia, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar ata o 3 de novembro de 2023 (incluído) o prazo de presentación de solicitudes de axudas para proxectos formativos que se desenvolvan exclusivamente en 2024, previsto no artigo 16 da Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade