DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2023 Páx. 54147

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de setembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 12 de abril de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 e 2024, cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento TR353B).

A Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade do 12 de abril de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 e 2024 (código de procedemento TR353B), cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (Diario Oficial de Galicia número 78, do 24 de abril), establece no seu artigo 4.2 que a data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 16 de xuño de 2023. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente.

Así mesmo, o artigo 36.6 establece que a xustificación final de gastos se presentará dentro do mes seguinte ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca máis tarde do 15 de setembro de 2024.

No proceso de tramitación da convocatoria, revisión das solicitudes, concesión das axudas e actuacións previas ao inicio dos programas de emprego actúan diversas circunstancias que dificultan o cumprimento das datas de inicio das actuacións e a xustificación das axudas previstas. Para favorecer a execución dos proxectos adxudicatarios cómpre modificar as epígrafes referentes ás citadas datas.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 4.2

Engádese un inciso na primeira frase do artigo 4.2 da Orde do 12 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 e 2024 (código de procedemento TR353B), cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, que quedaría coa seguinte redacción:

«2. A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será, con carácter xeral, o 16 de xuño de 2023, salvo que se estableza unha posterior nas resolucións de concesión ou nas prórrogas da data de inicio solicitadas e debidamente xustificadas que, de ser o caso, se autoricen, e sen prexuízo da data límite para a xustificación final recollida no artigo 36.6 desta orde. As actuacións subvencionadas non poderán comezar antes da resolución de concesión. Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro do exercicio de inicio das actuacións e a data límite para a presentación da documentación xustificativa correspondente».

Artigo 2. Modificación do artigo 36.6

Modifícase o contido do artigo 36.6 da citada Orde do 12 de abril de 2023, que quedaría coa seguinte redacción:

«6. A xustificación final de gastos presentarase dentro do mes seguinte ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca máis tarde do 30 de outubro de 2024».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade