DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2023 Páx. 53747

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación da acta do acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto da acta do acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela, que se subscribiu con data do 18 de xullo de 2023, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2023

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación
do Convenio para o persoal de administración e servizos laboral fixo
da Universidade de Santiago de Compostela

O artigo 7 do Convenio colectivo para o persoal laboral da administración e servizos da USC, establece que se constituirá unha Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do convenio para o exame e a resolución de cantas cuestións deriven da súa interpretación, vixilancia e aplicación.

Entre as competencias da dita comisión está a interpretación da totalidade do articulado e cláusulas do convenio.

A idade obrigatoria de xubilación foi obxecto de varias modificacións nos últimos anos. Actualmente, a redacción do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de seguridade social, é a seguinte:

«Artigo 205. Beneficiarios

1. Terán dereito á pensión de xubilación regulada neste capítulo as persoas incluídas no réxime xeral que, ademais da xeral exixida no artigo 165.1, reúnan as seguintes condicións:

a) Ter feito sesenta e sete anos de idade, ou sesenta e cinco anos cando se acrediten trinta e oito anos e seis meses de cotización, sen que se teña en conta a parte proporcional correspondente ás pagas extraordinarias».

Así mesmo, a disposición transitoria sétima do dito texto normativo fai referencia á aplicación paulatina da idade de xubilación e dos anos de cotización:

«As idades de xubilación e o período de cotización a que se refire o artigo 205.1.a), así como as referencias á idade que se conteñen nos artigos 152.1, 207.1.a) e 2, 208.1.a) e 2, 214.1.a) e 311.1 aplicaranse de xeito gradual, nos termos que resultan do seguinte cadro».

Ano

Períodos cotizados

Idade de xubilación

2023

37 anos e 9 meses ou máis

65 anos

Menos de 37 anos e 9 meses

66 anos e 4 meses

2024

38 anos ou máis

65 anos

Menos de 38 anos

66 anos e 6 meses

2025

38 anos e 3 meses ou máis

65 anos

Menos de 38 anos e 3 meses

66 anos e 8 meses

2026

38 anos e 3 meses ou máis

65 anos

Menos de 38 anos e 3 meses

66 anos e 10 meses

A partir de 2027

38 anos e 6 meses ou máis

65 anos

Menos de 38 anos e 3 meses

67 anos

A Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do convenio acordou o seguinte:

Primeiro. O artigo 81 do Convenio colectivo do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela dispón o seguinte:

«Dentro da política de promoción do emprego, a xubilación será obrigatoria ao facer o traballador a idade de sesenta e cinco anos; a USC comprométese a constituír unha bolsa de emprego coas vacantes que se produzan por esta causa, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.

A universidade, antes de rematar o primeiro trimestre, informará a correspondente representación sindical das previsións de xubilacións nos doce meses seguintes á data de emisión do informe, co obxecto de planificar as futuras vacantes. Esta información realizarase reflectindo a categoría profesional, a clasificación do posto ou servizo, a xornada, a quenda e os complementos correspondentes».

A disposición derradeira 1.1 da Lei 21/2021, do 28 de decembro, de garantía do poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións, modificou a redacción da disposición adicional décima do Estatuto dos traballadores nos seguintes termos:

«Cláusulas dos convenios colectivos referidas ao cumprimento da idade ordinaria de xubilación.

1. Co fin de favorecer a prolongación da vida laboral, os convenios colectivos poderán establecer cláusulas que posibiliten a extinción do contrato de traballo polo cumprimento polo traballador dunha idade igual ou superior a 68 anos, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

I) A persoa traballadora afectada pola extinción do contrato de traballo deberá reunir os requisitos exixidos pola normativa da Seguridade Social para ter dereito ao cen por cento da pensión ordinaria de xubilación na súa modalidade contributiva.

II) A medida deberá vincularse, como obxectivo coherente de política de emprego no convenio colectivo, á remuda xeracional a través da contratación indefinida e a tempo completo de, polo menos, un novo traballador ou traballadora».

Tendo en conta o anterior, a Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do convenio interpreta o artigo 81 para adaptar a súa redacción ao marco normativo actual, nestes termos:

Dentro da política de promoción do emprego, a xubilación será obrigatoria ao facer o traballador a idade de sesenta e oito anos, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

– A persoa traballadora afectada pola extinción do contrato de traballo deberá reunir os requisitos exixidos pola normativa da Seguridade Social para ter dereito ao cen por cento da pensión ordinaria de xubilación na súa modalidade contributiva.

– A xubilación estará vinculada co obxectivo de remuda xeracional a través da contratación indefinida e a tempo completo de, polo menos, un novo traballador ou traballadora.

A USC comprométese a constituír unha bolsa de emprego coas vacantes que se produzan por esta causa, incluíndo nas súas ofertas de emprego prazas de idéntica categoría profesional ou outras de distinta categoría que se creen por transformación das citadas vacantes.

No caso de que se produzan modificacións legais na idade indicada durante a vixencia do convenio, as partes encomendan á Comisión Paritaria do convenio a revisión deste para o axuste á nova idade legal.

Segundo. Polo que respecta ao artigo 83 do convenio, relativo á xubilación anticipada, a súa redacción é a seguinte:

O persoal fixo afectado por este convenio poderá xubilarse anticipadamente nos termos legais establecidos. Ao persoal que se xubile a partir dos sesenta anos concederáselle unha gratificación, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala:

Idade

Mensualidades

60 anos

24 mensualidades

61 anos

20 mensualidades

62 anos

16 mensualidades

63 anos

12 mensualidades

64 anos

8 mensualidades

Tendo en conta a idade máxima de xubilación actualmente vixente, recollida ut supra, cómpre adaptar a idade ao contexto normativo actual e, polo tanto, a Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio, interpreta o artigo 83 nestes termos:

A xubilación anticipada. O persoal fixo afectado por este convenio poderá xubilarse anticipadamente nos termos legais establecidos. Ao persoal que se xubile a partir dos sesenta e tres anos concederáselle unha gratificación, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala:

Idade

Mensualidades

60, 61 e 62 (soamente discapacidade >65 %)

24 mensualidades

63 anos

20 mensualidades

64 anos

16 mensualidades

65 anos

12 mensualidades

66 anos

8 mensualidades

Terceiro. O artigo 86, parágrafo cuarto, do citado convenio establece o seguinte:

– Xubilación. Ao producirse a xubilación dun traballador que teña, como mínimo, quince (15) anos de antigüidade recoñecida, percibirá o importe íntegro de tres mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda os quince de referencia. A percepción desta cantidade será incompatible coas establecidas no artigo 83; en todo caso, o traballador poderá optar por percibir a que lle sexa máis favorable.

Para unha maior claridade do artigo, e co fin de evitar problemas de interpretación sobre a percepción de gratificacións na xubilación ordinaria, que é á que se refire este parágrafo, acórdase suprimir a última oración, polo que a redacción queda nos seguintes termos:

Xubilación. Ao producirse a xubilación dun traballador que teña como mínimo quince (15) anos de antigüidade recoñecida, percibirá o importe íntegro de tres mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda os quince de referencia. A percepción desta cantidade será incompatible coas establecidas no artigo 83.

En mostra de conformidade, asinan este acordo en Santiago de Compostela o 18 de xullo de 2023.