DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 14 de setembro de 2023 Páx. 52715

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello da Estrada (expediente IN407A 2022/196-4).

Expediente: IN407A 2022/196-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución apoios na LMTA LES809 e LMTA.

Concello: A Estrada.

Feitos:

Primeiro. O 5 de maio de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución apoios na LMTA LES809 e LMTA.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na liña de media tensión LES809 (tramo LES8097495), previstas no lugar de Piñeiro, na parroquia de Miguel de Cora, no concello da Estrada:

Substitución do apoio A99F0044/35-56-14 por un C-1000/14 e do apoio A9D386RH//35-56-15 por un C-1000/18, así como retensado dos vans contiguos e instalación dun van de 190 metros en condutor LA-56 entre os apoios proxectados.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello da Estrada, o Servizo de Infraestruturas Agrarias e o Servizo de Montes. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo de Infraestruturas Agrarias.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos. En consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 9 de xuño de 2022, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 9 de xuño de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 4 de xullo de 2022.

– Xornal La Voz de Galicia: 23 de xuño de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello da Estrada, desde o 10 de xuño ata o 26 de xullo de 2022, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 15 de xuño de 2022, Yolanda Velasco, en representación de Ilary Riveiro Velasco, alegou que non está conforme coa colocación do apoio na súa parcela porque causaría problemas para o uso de maquinaria agrícola utilizada na realización de labores de cultivo.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta UFD destaca que o apoio proxectado C-1000/18 estará pegado ao linde oeste debaixo da traza existente, afectando a parcela cunha ocupación de 1,69 m², o que non impide efectuar os mesmos labores que se viñan realizando.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, onde conclúen que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Basean esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

Respecto da valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse pór de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Respecto á non conformidade coa situación do apoio proxectado, non se presentan propostas que xustifiquen o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para resolver os procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do apoio A99F0O44//35-56-14 por un C-1000/14 e do A9D386RH//35-56-15 por un C-1000/18 na LMTA LES809.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 190 metros de lonxitude con orixe no apoio proxectado C-1000/14 e final no apoio proxectado C-1000//18.

– Retensado dos vans aéreos contiguos aos apoios proxectados.

– A instalación está situada no lugar de Piñeiro, San Miguel de Cora, A Estrada (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase pór de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permítelle á persoa propietaria solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Con relación á situación dos apoios proxectados, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A interesada non define ningún trazado alternativo para poder ser valorado, simplemente afirma que non está conforme coa situación do apoio proxectado na súa parcela.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución apoios na LMTA LES809 e LMTA (expediente IN407A 2022/196-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 18 de agosto de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra