DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Mércores, 13 de setembro de 2023 Páx. 52522

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 6 de setembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS420E).

No Boletín Oficial del Estado número 312, do 29 de decembro de 2021, publicouse a Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría de Estado de Educación, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Educación, do 25 de novembro de 2021, polo que se aproba a proposta de distribución territorial dos créditos destinados ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil, no marco do compoñente 21 do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

O 6 de xaneiro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado número 5 a Resolución do 28 de decembro de 2022, da Secretaría de Estado de Educación, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Educación, do 13 de decembro de 2022, polo que se aproba a proposta de distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos xestionados polas comunidades autónomas destinados ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil, prioritariamente para nenas e nenos de 1 e 2 anos, con novas prazas de titularidade pública, no exercicio orzamentario 2022, no marco do compoñente 21 «modernización e dixitalización do sistema educativo, incluída a educación temperá de 0-3 anos» do Mecanismo de recuperación e resiliencia, acordo que no seu número quinto aproba a modificación do dito Acordo da Conferencia Sectorial de Educación, do 25 de novembro de 2021, nas partes do seu anexo relativas á normativa aplicable, destinatarios, prazos de execución, actuacións do programa, compromisos do Ministerio de Educación e Formación Profesional e das comunidades autónomas, fitos, obxectivos, indicadores, custo e calendario, xustificación e verificación do programa, obriga de sometemento ás disposicións comunitarias sobre o Mecanismo de recuperación e resiliencia e consecuencias dos posibles incumprimentos por parte das comunidades autónomas.

No Diario Oficial de Galicia número 191, do 6 de outubro de 2022, publicouse a Orde da Consellería de Política Social e Xuventude, do 23 de setembro de 2022, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS420E).

As modificacións introducidas polo Acordo da Conferencia Sectorial de Educación, do 13 de decembro de 2022, e as novas disposicións determinan a necesidade de revisar a referida Orde do 23 de setembro de 2023 con relación ás referencias normativas e a puntualización das obrigas establecidas, a xustificación do período subvencionable e os incumprimentos.

Polo exposto, e para dar cumprimento ao establecido no dito acordo da Conferencia Sectorial de Educación, do 13 de decembro de 2022, e posibilitar a maior concorrencia pública, de conformidade coas facultades conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS420E)

A Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS420E), queda modificada como segue:

Un. Modifícase o artigo 6, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 6. Normativa, acordos e actos de aplicación

Serán de aplicación á presente convocatoria a seguinte normativa, actos, guías e acordos:

1. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006.

2. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

5. Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

6. Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, posto que todas as actuacións que se executen dentro do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do citado regulamento, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

7. Os actos delegados do Regulamento de taxonomía «Supplementing Regulation (EU) 2020/852 of the European Parliament and of the Council by establishing the technical screening criteria for determining the conditions under which an economic activity qualifies as contributing substantially to climate change mitigation or climate change adaptation and for determining whether that economic activity causes non significant harm to any of the other environmental objectives» (Actos delegados de taxonomía).

8. Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (2021/C 58/01) (Guía técnica da Comisión Europea).

9. Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

10. Acordo do 25 de novembro de 2021, da Conferencia Sectorial de Educación, polo que se aproba a proposta de distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos xestionados polas comunidades autónomas destinados ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenos e nenas de 1 e 2 anos.

11. Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022.

12. Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

13. Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

14. Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia».

Dous. Modifícase o artigo 14, que queda redactado como segue:

«Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias, ademais das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante a Consellería de Política Social e Xuventude que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación.

e) Expedir un certificado de creación das novas prazas de titularidade pública creadas, con identificación do centro educativo, co fin de dispoñer dun mapa completo das novas prazas, acreditando a ocupación desas novas prazas a partir da data de finalización da implementación da medida.

f) Expedir un certificado de finalización da obra, reforma ou rehabilitación, así como equipamento de novas prazas.

g) Asumir os gastos de funcionamento das novas prazas creadas, unha vez finalizado o Programa no ano 2024.

h) Comunicarlle á Consellería de Política Social e Xuventude, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

i) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no manual de imaxe do programa, que estará dispoñible na web da Consellería de Política Social e Xuventude, deberá mencionarse ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e da Consellería de Política Social e Xuventude, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, a entidade beneficiaria deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. A Consellería de Política Social e Xuventude facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

k) Conservar os documentos orixinais, xustificativos da actuación realizada e a aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto de comprobación e control.

l) Respectar as normas que se puidesen establecer no ámbito nacional e europeo en relación coa xestión dos fondos asociados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en particular as que estableza a Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, así como os actos delegados da Comisión Europea que se poidan desenvolver para tal fin.

m) Dispoñer dos procedementos de xestión e control que garantan o bo uso e aplicación das axudas.

n) Cumprir cantas instrucións reciba das autoridades nacionais e europeas de xestión ou de certificación destes fondos asociados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, conforme o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR. En particular, cumprir co establecido no Acordo de implementación do Consello (CID pola súa siglas en inglés), de contribuír aos obxectivos de cambio climático, ao establecido en relación co principio de non causar dano significativo (principio de DNSH), evitar conflitos de intereses, fraude, corrupción e non concorrencia de dobre financiamento, entre outros.

o) Igualmente, deberá garantirse o pleno respecto á normativa reguladora das axudas de Estado e terase que cumprir a normativa europea e nacional aplicable, en especial, as medidas relativas a evitar fraude, corrupción, conflito de intereses ou dobre financiamento.

p) Conforme o disposto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión Guía técnica (2021/C 58/01) sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo», co requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España (CID) e o seu documento anexo, así como na decisión sobre os acordos operativos (OA), as entidades beneficiarias garantirán que todas as actuacións subvencionadas que leven a cabo deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). O exposto inclúe o cumprimento das condicións específicas asignadas na compoñente 21, así como na medida I1, en que se enmarcan tales actuacións, tanto no referido ao principio DNSH como á etiquetaxe climática e dixital e, especialmente, as recollidas nos puntos 3, 6 e 8 do documento do compoñente do Plan, na CID e no OA.

q) Introducir na aplicación informática correspondente os informes xustificativos mensuais e trimestrais sobre o grao de execución do gasto e o avance no cumprimento dos fitos e obxectivos.

r) Presentar ao final da execución da medida unha conta xustificativa sobre a utilización dos fondos recibidos para ela, que inclúa:

1º. Grao de cumprimento de fitos e obxectivos respecto dos fixados inicialmente ou, de ser o caso, revisados.

2º. Custo real da medida respecto do custo estimado inicialmente ou revisado.

3º.Descrición da medida e da maneira de implementación, mecanismos de control aplicados na súa execución.

s) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Tres. Modifícase o artigo 17, que queda redactado como segue:

«Artigo 17. Xustificación das actuacións

1. Con base no establecido no título III, artigo 48, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, para a obtención do pagamento da subvención as entidades beneficiarias deberán presentar, xunto co anexo II, a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

d) Acreditación documental, material e/ou gráfica do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada, de conformidade co disposto na norma de aplicación.

e) Declaración responsable sobre o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 14, segundo o modelo do anexo III.

f) Memoria de avaliación substantiva inicial e final xustificativa da obriga de que todas as actuacións subvencionadas que se leven a cabo deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH).

2. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na normativa de contratación do sector público vixente no momento de realización do gasto, a entidade beneficiaria deberá presentar o expediente de contratación.

3. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados, onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data.

4. A data límite de xustificación para os gastos efectuados nas anualidades 2021 e 2022 será antes do 31 de marzo de 2024 para os fondos transferidos nesas anualidades, e para os gastos efectuados no ano 2023 antes do 15 de decembro de 2024 para os fondos transferidos nesa anualidade.

5. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada»

Catro. Modifícase o artigo 19, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera das seguintes situacións:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista no artigo 14.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) No suposto de incumprimento do principio DNSH e/ou da etiquetaxe climática.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 14, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 14, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño».

Quinto. Modifícase o anexo II, relativo á solicitude de pagamento da subvención das axudas correspondentes ao programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que estará dispoñible na sede electrónica.

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

1. A publicación desta orde supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentadas segundo o establecido no número anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 23 de setembro de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS420E).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude