DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 29 de agosto de 2023 Páx. 50898

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Alemparte, no concello de Antas de Ulla.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva delimitación de solo de núcleo rural de Alemparte, no concello de Antas de Ulla, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 8 de agosto de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a dita delimitación de solo de núcleo rural no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2091&_aaeTipology_WAR_aae_id=2091

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Resolución de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Alemparte, no concello de Antas de Ulla (expediente PTU-LU-17/150)

O 24.7.2023, o Concello de Antas de Ulla remitiu, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, documentación do expediente de referencia, complementaria da remitida o 7.12.2017, o 5.3.2021 e o 10.3.2023, e da sometida a consultas en maio de 2018 dentro do procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

Analizada a documentación achegada, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Antas de Ulla conta cun proxecto de delimitación de solo urbano (Antas de Ulla, cabeceira municipal) aprobado o 14.3.1977, e varios proxectos de delimitación de núcleos rurais (Vilaboa, Vilane, San Xurxo e A Cervela), e réxese fóra deses ámbitos pola Lei do solo de Galicia e o Plan básico autonómico aprobado polo Decreto autonómico 83/2018.

I.2. Constan as seguintes actuacións relativas á tramitación do proxecto de delimitación do núcleo rural de Alemparte (en diante, PDNR):

• Elaboración do PDNR –1ª versión– (xaneiro 2017).

• Emisión de informes municipais, técnico (19.6.2017) e xurídico (22.6.2017).

• Aprobación inicial (acordo plenario do 29.6.2017).

• Exposición pública mediante anuncios inseridos o 30.8.2017 en El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia e no Diario Oficial de Galicia e audiencia a varios propietarios afectados. Como resultado destes trámites presentáronse 2 alegacións.

• Emisión de informe técnico municipal sobre as alegacións presentadas (6.11.2017).

• Elaboración de nova versión de PDNR –2ª–, datada en novembro de 2017.

• Emisión de informe técnico municipal sobre a nova versión achegada do PDNR (6.11.2017).

• 1ª aprobación provisional do PDNR (acordo do Concello, Pleno do 5.12.2017).

• Elaboración de nova versión do PDNR –3ª–, datada en novembro de 2017.

• Remisión do expediente ao Servizo de Urbanismo en Lugo (en diante, SUL), para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva (7.12.2017). Requirimento de emenda de deficiencias formulado polo SUL (4.1.2018), determinando a necesidade de retrotraer a tramitación á fase inicial do procedemento (ausencia de sometemento do expediente a avaliación ambiental estratéxica e de informes sectoriais).

• Elaboración de nova versión do proxecto de delimitación –4ª–, e de estudo ambiental estratéxico, datados en xaneiro de 2018. Elaboración de documento ambiental estratéxico por requirimento do órgano ambiental autonómico, datado en abril de 2018.

• Avaliación ambiental estratéxica, con resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 10.8.2018 pola que emitiu informe ambiental estratéxico.

• Elaboración de nova memoria do proxecto –5ª versión–, datada en novembro de 2018.

• Nova exposición pública, mediante anuncios do 12.3.2019 en El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Simultaneamente, audiencia aos propietarios afectados. Como resultado destes trámites non se presentaron alegacións.

• Emisión de informes sectoriais:

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (21.5.2019). Non detecta elementos de valor cultural afectados.

1. Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (7.8.2019), favorable.

2. Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (27.9.2019), favorable condicionado.

3. Augas de Galicia (17.11.2020; tras requirimento previo realizado o 28.5.2019), favorable condicionado á resolución favorable do expediente DH.A27.71029, relativo á concesión de augas para o abastecemento municipal e outras observacións.

• Elaboración de nova versión do proxecto de delimitación –7ª–, de novembro de 2020.

• Emisión de informes municipais, técnico (3.12.2020) e xurídico (16.2.2021).

• 2ª aprobación provisional (acordo do Concello en Pleno adoptado o 18.2.2021).

• Solicitude de resolución de aprobación definitiva e remisión do expediente (5.3.2021).

• Publicación no Boletín Oficial del Estado (BOE) para dar audiencia a dous propietarios (parcelas 27003A05700107 e 27003A05700017) constando certificado de secretaría de non alegacións.

• Elaboración de nova versión do PDNR –8ª–, datada en xaneiro de 2023.

• Emisión de informes municipais, técnico e xurídico (ambos de 7.3.2023)

• 3ª aprobación provisional (acordo do Concello en Pleno adoptado o 9.3.2023).

• Emisión de informe municipal de 17.7.2023.

• 4ª aprobación provisional (acordo do Concello en Pleno adoptado o 20.7.2023).

II. Aspectos xerais.

a) Delimítase o asentamento poboacional de Alemparte, cunha superficie dunhas 1,84 ha, diferenciando dúas zonas, unha de núcleo rural tradicional (NRT) de 1,20 ha e outra de núcleo rural común (NRC) de 0,68 ha.

b) O ámbito delimitado sitúase a uns 2 km do núcleo urbano cabeceiro do Concello, próximo á estrada N-640, pola que ten acceso directo mediante un camiño.

c) O proxecto delimita o núcleo, determina as aliñacións aplicables, tipifica as distintas zonas edificables (NRT e NRC) e regula as condicións aplicables dentro das mesmas.

d) Non propón actuacións de carácter integral dentro do seu ámbito nin delimita terreos destinados a usos dotacionais.

III. Análise e observacións.

Analizada a documentación achegada púidose comprobar que foron emendadas as indicacións formuladas no período de consultas e nos requirimentos sinalados.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

a) Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural de Alemparte, no concello de Antas de Ulla.

b) Deberá enviarse para o Rexistro de Planeamento unicamente o proxecto de delimitación da última aprobación provisional, achegando os datos xeográficos de dito proxecto en soporte vectorial xeorreferenciado.

c) De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación de núcleo rural no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

d) Notifíqueselle ao Concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

e) De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación de solo de núcleo rural aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

f) Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.