DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 10 de agosto de 2023 Páx. 47978

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de agosto de 2023, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade.

A aprobación da modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade resulta das necesidades funcionais e organizativas derivadas do Acordo entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais sobre a modificación da relación de postos de traballo e ordenación e mellora da prestación de servizos farmacéuticos oficiais da clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública (FISP).

En consecuencia, por proposta da Consellería de Sanidade e unha vez consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación e na Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 3 de agosto de 2023, adoptou o seguinte,

ACORDO:

Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade nos termos que se sinalan no anexo a este acordo, como consecuencia das súas necesidades funcionais e organizativas actuais.

Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 3 de agosto de 2023, relativo á aprobación da relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Acordo entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais sobre a modificación da relación de postos de traballo e ordenación e mellora da prestación de servizos farmacéuticos oficiais da clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública (FISP)

I. Preámbulo.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dispón a creación dos corpos da Administración especial, entre os cales se encadran os que corresponden ao persoal sanitario.

A Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación das escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, establece no seu artigo 2 a creación da escala de saúde pública e Administración sanitaria.

O Decreto 303/1990, do 31 de maio, de desenvolvemento da citada lei, integra na escala de saúde pública e Administración sanitaria a clase de farmacéuticos/as titulares.

O Decreto 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública (en diante, FISP), ten por obxecto, ademais da creación da citada clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública, fixar as bases para a reestruturación dos farmacéuticos titulares, así como as condicións que rexerán o proceso de integración dos farmacéuticos/as titulares nesta clase. Establece, así mesmo, o seu ámbito territorial de actuación, a delimitación de funcións e o réxime xurídico, retributivo e de incompatibilidades. Así mesmo, neste decreto indícase que a xornada de traballo se poderá desenvolver en horario de mañá e/ou tarde.

No que se refire ás retribucións, o devandito decreto indica que o persoal que desempeñe estes postos de traballo percibirá as mesmas retribucións que lle correspondan ao persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nese momento funcionarios do grupo A1 con nivel 20.

Pola súa banda, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, confírelle á clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública a condición de autoridade sanitaria. Desta forma aumenta a súa responsabilidade no desempeño das súas funcións. Ata ese momento eran considerados axentes da autoridade, segundo se indica no Decreto 202/2005, do 7 de xullo.

Na actualidade e mediante a Resolución do 16 de setembro de 2016 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de setembro de 2016, polo que se aproba a relación de postos de traballo da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, o nivel de complemento de destino dos farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública establécese no nivel 22, tras adecualo debido ao incremento da actividade respecto do número de establecementos que son obxecto de inspección, a dispoñibilidade dentro da súa xornada de traballo, así como os seus niveis de responsabilidades.

A. Características dos postos de traballo.

O persoal farmacéutico inspector de saúde publica desenvolve actualmente actuacións en materia de control oficial, que inclúen vixilancia da saúde ambiental en Galicia, e a súa finalidade é previr a aparición de riscos relativos á saúde ambiental que poidan pór en perigo a saúde da poboación.

O desenvolvemento destas actuacións implica a preparación e realización de inspeccións, auditorías, tomas de mostras e outros controis que se reflicten nas correspondentes actas de inspección. Correspóndelles, ademais, a elaboración de informes e o arquivamento de toda a documentación xerada no cumprimento das súas funcións.

En consonancia coa súa condición de autoridade sanitaria, no caso de que sexa necesario, deben formular propostas de sanción, adoptar as medidas cautelares temporais necesarias e proporcionadas durante a visita de control oficial, tales como a inmobilización de produtos, a suspensión temporal de actividades ou outras, que se consideren necesarias e proporcionadas, co fin de evitar prexuízos para a saúde en casos de urxencia inaprazable por existencia dun risco grave e inminente para a saúde.

B. Funcións actuais dos/das farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública.

Segundo se recolle no artigo 6 do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, as funcións dos FISP, no ámbito das súas competencias, serán:

1. Vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de sanidade ambiental.

2. Vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de sanidade escolar.

3. Vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de policía sanitaria mortuoria.

4. Vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de hixiene alimentaria no ámbito competencial da Consellería de Sanidade.

5. Levar a cabo información e educación sanitaria.

6. Participar na administración, coordinación e execución de programas de saúde xestionados pola dirección xeral competente en materia de saúde pública, xunto co resto dos profesionais de saúde pública ou doutros organismos.

7. Asesorar e emitir os informes solicitados polas autoridades sanitarias competentes.

8. Actuar sobre determinados alimentos, bens ou servizos.

9. Cubrir os sistemas de información dos programas de saúde xestionados pola dirección xeral competente en materia de saúde pública.

10. Xestionar a información dentro do ámbito correspondente.

11. Participar na investigación de gromos epidémicos, xunto co resto de profesionais de saúde pública ou doutros organismos.

Actualmente, os FISP levan a cabo actividades de vixilancia e control oficial dos seguintes programas de sanidade ambiental:

• Programa de vixilancia sanitaria de augas de consumo humano. Obxectivo: diminuír o risco de morbilidade asociado ao consumo de auga.

• Programa de vixilancia sanitaria de establecementos, servizos e produtos biocidas. Obxectivo: protexer a saúde da poboación minimizando os riscos de contraer enfermidades pola fabricación, comercialización, manipulación e/ou aplicación de biocidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

• Programa de vixilancia sanitaria de produtos químicos. Obxectivo: protexer a saúde da poboación minimizando os riscos de contraer enfermidades pola fabricación, comercialización ou manipulación dos produtos químicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

• Programa de vixilancia sanitaria da lexionelose de Galicia. Obxectivo: diminuír o risco de propagación da lexionelose, minimizando a probabilidade de exposición da poboación mediante a vixilancia e o control ambiental das instalacións de risco en Galicia.

• Programa de vixilancia sanitaria das piscinas. Obxectivo: reducir a niveis razoablemente posibles e aceptables o risco de contraer enfermidades para as persoas usuarias das piscinas.

• Programa de vixilancia de zonas de baño de Galicia. Obxectivo: minimizar os riscos de contraer enfermidades ao bañarse nas augas marítimas ou continentais.

• Programa de vixilancia sanitaria de centros de bronceado de Galicia. Obxectivo: protexer a saúde dos usuarios e minimizar os riscos de enfermidades asociadas á exposición das radiacións ultravioletas nos centros de bronceado.

• Programa de vixilancia sanitaria dos establecementos de tatuaxe, micropigmentación e piercing (TMP) de Galicia. Obxectivo: minimizar os riscos de transmisión de enfermidades que poidan estar asociadas ás actividades que se desenvolven nos establecementos que realizan prácticas de TMP.

• Programa de vixilancia sanitaria de sanidade mortuoria. Obxectivo: diminuír o risco de morbilidade asociada Ás prácticas de sanidade mortuoria.

C. Novas actividades asignadas á clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública.

A recente crise sanitaria provocada pola COVID-19 recordou a importancia de dispor dunhas estruturas de saúde pública ben dimensionadas e preparadas para afrontar os retos de saúde que ameazan as poboacións. A saúde pública debe estar preparada ante as eventuais emerxencias que poidan aparecer nun futuro.

Neste contexto, os problemas de saúde asociados a condicionantes ambientais son cada vez maiores, polo que debemos actuar de maneira urxente fronte aos retos ambientais que inciden na saúde dos cidadáns, como son os impactos do cambio climático, da exposición a produtos químicos que poden comportar trastornos endócrinos ou risco de cancro, ou da alteración da calidade da auga ameazada por contaminantes emerxentes (praguicidas, microplásticos, PFAS e alteradores endócrinos (bisfenois, dioxinas, ftalatos...).

Co fin de acadar un mellor servizo e protección da saúde da cidadanía da Comunidade Autónoma de Galicia, faise necesario abordar un proceso de mellora que permita optimizar as prestacións técnicas e profesionais do persoal farmacéutico inspector de saúde pública en relación coa xestión destes novos riscos ambientais para a saúde.

A evolución experimentada nos últimos anos nas actuacións de vixilancia de saúde ambiental na Comunidade Autónoma de Galicia, cun incremento notable no desenvolvemento de novos plans e programas, así como a participación en proxectos europeos e a especialización tecnolóxica do persoal, fan necesario un incremento de tarefas tales como:

1. Dentro da función de vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de sanidade ambiental (artigo 6.1. do Decreto 202/2005, do 7 de xullo):

◦ Actuacións dentro do novo Programa de vixilancia sanitaria de produtos cosméticos e hixiene corporal, cuxo obxectivo é o de protexer a saúde dos usuarios e minimizar os riscos de enfermidades asociadas ao uso dos produtos cosméticos e produtos de hixiene persoal na Comunidade Autónoma de Galicia.

◦ Actuacións dentro do novo Programa de vixilancia sanitaria dos espazos termais de Galicia, cuxo obxectivo é o de protexer a saúde dos usuarios e minimizar os riscos de enfermidades asociadas ao uso dos espazos termais.

2. Dentro da función de vixiar e verificar o cumprimento da lexislación en materia de hixiene alimentaria no ámbito competencial da Consellería de Sanidade (artigo 6.4. do Decreto 202/2005, do 7 de xullo):

◦ Colaboración coa inspección veterinaria de saúde pública na vixilancia e control do Programa 16. Menús escolares, máquinas expendedoras e cafetarías dos centros escolares do Plan nacional de control da cadea alimentaria, dentro do obxectivo estratéxico 2.4. Promover unha alimentación saudable e sustentable, mediante o impulso da calidade nutricional e o seu control, nos menús escolares e nos alimentos e bebidas de máquinas expendedoras e cafetarías.

3. Dentro da función de participar na Administración, coordinar e executar os programas de saúde xestionados pola dirección xeral competente en materia de saúde pública, xunto co resto dos profesionais de saúde pública ou doutros organismos (artigo 6.6 do Decreto 202/2005, do 7 de xullo):

◦ Colaboración en actividades doutros departamentos da Dirección Xeral de Saúde Pública como, por exemplo, os programas da vixilancia e control sanitario da normativa referente á prevención de adiccións, e dentro desta as relacionadas con determinadas accións para desenvolver do Plan Inspira saúde.

D. Creación dos postos de coordinación de programas de saúde ambiental.

No ámbito da sanidade ambiental son necesarios postos con funcións técnicas e xestoras dos programas de vixilancia que dean apoio ao traballo de campo do persoal inspector e aos labores de coordinación e programación dos servizos de Control de Riscos Ambientais das xefaturas territoriais e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Dado que no momento actual non existen na RPT da Consellería de Sanidade prazas destas características, proponse a creación do posto de coordinación de programas de saúde ambiental, dentro da clase de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública.

O obxectivo é reforzar a xestión e a execución dos programas de vixilancia de sanidade ambiental, así como doutras actividades que se leven a cabo en sanidade ambiental no seu ámbito territorial e, principalmente, no relacionado con:

a) Coordinar técnica e organizativamente a actividade inspectora en materia de sanidade ambiental.

b) Programar, realizar o seguimento, supervisar e avaliar as actividades de control oficial.

c) Apoiar a execución das actividades de control oficial programadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

d) Apoiar a execución das actividades de control oficial non programadas e sobrevidas por situacións de risco para a saúde, tales como gromos, casos illados, etc. Así mesmo, coordinarase e apoiarase a execución, en caso necesario, das alertas no marco do Sistema de información rápida de produtos químicos e alertas sobre riscos relacionados cos produtos cosméticos.

e) Xestionar os medios materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades de control oficial.

f) Coordinar a implantación da política de calidade establecida pola Dirección Xeral de Saúde Pública para os servizos de inspección de saúde pública.

g) Colaborar na xestión e no mantemento dos sistemas de información de control oficial no seu ámbito (Sinac, Náyade, Siloe, Herme, etc.).

h) Identificar as necesidades de formación dos/das farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública.

Por todo o anterior e debido ás particularidades dos postos de inspección, o carácter de autoridade sanitaria, o aumento do ámbito competencial, o establecemento de postos de coordinación técnica e a posibilidade de establecer quendas de tarde, así como gardas localizadas de fin de semana e festivos, xustifícase a necesidade, en garantía da saúde pública, da modificación das condicións especiais de traballo (relativas ás xornadas, horarios, mobilidade xeográfica, complemento de destino e complemento específico) da clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde publica, polo que se subscribe o seguinte

II. ACORDO:

Primeiro. Ámbito de aplicación

O presente acordo será de aplicación ao persoal que ocupe postos de traballo de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública nos servizos periféricos ou centrais da Consellería de Sanidade reservados á escala de persoal sanitario ao servizo de Comunidade Autónoma de Galicia, clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública.

Segundo. Revisión do complemento de destino

As novas tarefas e responsabilidades (o carácter de autoridade sanitaria, o aumento do ámbito competencial, etc), derivadas de aspectos organizativos e funcionais, serán obxecto de valoración retributiva e serán incluídas nas correspondentes relacións de postos de traballo da Consellería de Sanidade.

• Reclasificación dos niveis de complemento de destino do nivel 22 ao 24 para todos aqueles postos de farmacéuticos/as inspectores de saúde pública que desenvolvan tarefas de inspección. Esta modificación afectaría 81 postos.

• Creación dos postos de coordinador/a de programas de saúde ambiental, con niveis de complemento de destino 25, dentro da clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública. Esta modificación afectaría 5 postos, un en cada xefatura territorial e un na Dirección Xeral de Saúde Pública, adscrito á Subdirección Xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde.

Terceiro. Horarios de traballo

3.1) Segundo o artigo 5.2 do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, a xornada de traballo do persoal no ámbito de aplicación deste acordo será a establecida con carácter xeral para o persoal funcionario da Xunta de Galicia (trinta e sete horas e trinta minutos semanais), sen prexuízo da exixida por razóns de necesidade ou de urxencia en situacións que demanden unha actuación administrativa inmediata.

Neste mesmo artigo indícase que a xornada de traballo se poderá desenvolver en horario de mañá e/ou tarde.

Para os efectos do cumprimento do horario de traballo, computarase o tempo empregado nos desprazamentos desde o centro de destino ata o lugar de desenvolvemento do traballo efectivo e viceversa.

3.2) O persoal dos servizos farmacéuticos de inspección de saúde pública realizará un horario entre as 7.45 e as 20.45 horas, de luns a venres, mediante o establecemento de quendas obrigatorias con rotación. Establécese, con carácter xeral, o horario seguinte, sen menoscabo da posible adaptación deste en función das medidas de flexibilidade existentes, cos límites establecidos pola normativa de referencia:

– Quenda de mañá: de 7.45 a 15.15 horas.

– Quenda de tarde: de 13.15 a 20.45 horas.

A quenda de tarde non poderá exceder as 10 tardes ao bimestre por inspector/a.

A organización das quendas de tarde realizaraas a xefatura de servizo correspondente, ou persoa en quen delegue. Adecuaranse os efectivos ás necesidades da zona ou, de ser o caso, da provincia e xuntaranse zonas, se for necesario e de forma debidamente motivada.

3.3) Durante as fins de semana e festivos, o horario do persoal da clase de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública quedará determinado pola prestación de servizos de garda localizada e, de ser necesario, de presenza física.

A garda localizada será efectuada necesariamente desde as 8.00 horas ata as 20.00 horas do sábado e do domingo e, de ser o caso, do correspondente festivo, cos medios materiais necesarios, achegados pola Consellería de Sanidade. Para os efectos do cómputo, cada garda localizada está formada polo sábado e o domingo de cada semana (e o festivo correspondente, de ser o caso).

As gardas localizadas non excederán 6 ao ano por inspector/a.

3.4) Durante os festivos coincidentes no período de luns a venres, a prestación de servizos farase segundo a modalidade de garda localizada, en horario das 8.00 horas ata as 20.00 horas, da seguinte forma:

– De coincidir un único festivo no período semanal, a prestación de servizos correrá a cargo das persoas que teñan asignados os servizos da seguinte fin de semana.

– De coincidir máis dun festivo na mesma semana, farase cargo dos servizos no primeiro festivo o persoal FISP que tivese asignado o servizo da fin de semana anterior e do segundo, o persoal FISP que tivese asignados os servizos da fin de semana seguinte.

– Non obstante, a distribución dos festivos coincidentes no período de luns a venres realizarase de forma rotatoria entre o persoal para conseguir unha repartición igualitaria e equitativa.

3.5) No desempeño das súas funcións, cando as persoas traballadoras deban trasladarse, para os efectos do cómputo da xornada terase en conta tanto o tempo efectivo de traballo na zona de destino como o tempo do desprazamento realizado (ida e retorno).

3.6) Ocasionalmente e por circunstancias excepcionais, poderán ser establecidos, mediante instrución para o efecto, pola Dirección Xeral de Saúde Pública servizos extraordinarios, co sistema de compensación retributiva e demais condicións que se recollen no presente acordo.

3.7) Corresponderanlles aos coordinadores/as dos programas de saúde ambiental da provincia a xestión e o control do cumprimento dos horarios, quendas e servizos de fin de semana e festivos, sen prexuízo das atribucións xenéricas que lle corresponden aos/ás xefes/as territoriais da Consellería de Sanidade.

Cuarto. Funcións durante a fin de semana e festivos

4.1) Son funcións que deberá realizar o persoal obxecto do presente acordo, durante as fins de semana e festivos, cando sexa necesaria a presenza física e dentro do seu ámbito territorial de actuación:

Inspección, vixilancia e/ou toma de mostras no ámbito da saúde ambiental de actividades non programadas que requiran un especial seguimento (alertas, catástrofes, accidentes ou calquera outro episodio excepcional).

Investigación, detección e control de factores de risco dos casos illados/gromos das enfermidades de orixe ambiental, tanto os que se orixinen nese período como os que se iniciasen con anterioridade e requiran dun seguimento especial.

4.2) En caso necesario, os/as coordinadores/as dos programas de saúde ambiental, ademais das funcións anteriores, deberán coordinar e apoiar os/as farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública.

4.3) No caso do persoal inspector, o ámbito de actuación é a zona a que estivesen adscritos os FISP. En caso necesario, e debidamente xustificado, a xefatura provincial correspondente podería aumentar este ámbito de zona ao ámbito provincial, debido á carencia ou escaseza de efectivos.

Quinto. Compensacións polo réxime especial de prestación de servizos que excedan a xornada ordinaria

5.1) O persoal da clase de farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública asignados á Consellería de Sanidade percibirá un complemento específico diferencial e equivalente ao aprobado no Acordo para a ordenación e mellora da prestación de servizos veterinarios oficiais no ámbito da Xunta de Galicia.

5.2) As condicións especiais de traballo, a dispoñibilidade para a realización efectiva de actuacións que excedan a xornada ordinaria e a participación en quendas de localización considéranse unha condición inherente ao desempeño das funcións dos postos de traballo do persoal farmacéutico inspector de saúde pública, que se retribuirá de forma estable e continuada a través do complemento específico (CE). Para tal fin, establécense os seguintes complementos específicos, que deben igualarse aos dos postos homólogos dos servizos veterinarios de inspección de saúde pública.

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública:

CE do nivel 24: 883,96 €/mes.

CE diferencial: 139,01 €/mes (igual ao CE diferencial dos/das inspectores/as veterinarios/as de saúde pública (IVSP) de comarca).

Total CE: 1.022,97 €/mes.

Coordinadores/as de programas de saúde ambiental:

CE do nivel 25: 977,07 €/mes.

CE diferencial: 267,48 €/mes (igual ao CE diferencial do director/a técnico/a sanitario/a de industrias alimentarias).

Total CE: 1.244,55 €/mes.

5.3) A realización de actuacións efectivas que excedan a xornada ordinaria dará dereito á percepción dun complemento de produtividade cuxo importe se calculará en relación directa coas horas ou fraccións de hora efectivamente empregadas. Computarase como o tempo necesario por cada actuación efectiva o empregado polo/a funcionario/a tomando como punto de inicio e final da actuación a localización da zona onde estea destinado. Fíxase un valor de 24,74 euros/hora e establécese un mínimo de 3 horas por saída en sábados, domingos e festivos.

A expresión «actuacións efectivas que excedan a xornada ordinaria» entenderase como traballos autorizados motivadamente e realizados mais alá do establecido con carácter xeral no punto 3.1 do presente acordo.

Sexto. Mobilidade do persoal farmacéutico inspector de saúde pública

Co fin de acadar unha maior racionalización na distribución dos recursos do persoal asignado a cada zona farmacéutica, poderase, de maneira motivada, determinar a mobilidade dos/das farmacéuticos/as inspectores/as de saúde pública dentro da súa provincia nos seguintes supostos:

6.1) Necesidade de aumentar a dotación de persoal farmacéutico inspector de saúde pública dunha zona determinada polo incremento temporal da súa carga de traballo.

6.2) Necesidade de aumentar a dotación de persoal farmacéutico inspector de saúde pública nos casos de investigación e seguimento de alertas epidemiolóxicas que se produzan na zona farmacéutica.

A mobilidade dos efectivos en ningún caso será permanente e terá unha duración máxima de 25 días hábiles ao ano, que se cumprirá de xeito fraccionado ou continuado.

Para os efectos do cumprimento do horario, computarase como traballo efectivo a partir da saída da base da zona a que estea asignado o persoal (e na cal se encontran os medios, como o vehículo oficial). Así mesmo, para os efectos do desprazamento, tomarase como punto de partida o lugar onde estean establecidas as zonas.

Sétimo. Efectos económicos

As modificacións retributivas derivadas do presente acordo terán efectos económicos desde a data da súa sinatura.

Actualizaranse anualmente as contías dos complementos na porcentaxe que se estableza para o conxunto dos empregados públicos na Lei de orzamentos.

Oitavo. Modificación da relación de postos de traballo (RPT)

A Administración reclasificará os postos de traballo, coas características descritas no punto segundo, que por aplicación deste acordo varíen o complemento de destino, e modificará a RPT da Consellería de Sanidade nun prazo máximo de tres meses a partir da sinatura do presente acordo.

Noveno. Comisión de seguimento

Créase unha Comisión de Interpretación, Vixilancia e Seguimento do disposto neste acordo, que estará integrada por un representante de cada unha das organizacións sindicais asinantes e un número igual de representantes da Consellería de Sanidade e da Consellería de Facenda, designados polas respectivas secretarías xerais técnicas. Estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa empregada pública en quen delegue.

As súas funcións son as de vixilancia, interpretación e control do contido do presente acordo.

Constituirase no prazo de tres meses desde a sinatura do presente acordo e reunirase de forma ordinaria unha vez cada ano natural e por solicitude dunha das partes, cando así o requiran.

Décimo. Vixencia e denuncia

O presente acordo terá vixencia desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2025.

Non obstante, este acordo continuará en vigor ata a sinatura dun novo que o substitúa ou modifique, logo de comunicación da denuncia cunha antelación de dous meses á data de remate por parte dalgunha das partes.

Toda modificación de mellora na táboa salarial e nas condicións laborais no ámbito da inspección de Saúde Pública, sexa do corpo do persoal inspector veterinario de saúde pública como do corpo do persoal farmacéutico inspector de saúde pública, aplicarase de xeito equivalente e recíproco a ambos os corpos, o que dará lugar a unha modificación do presente acordo.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efectos todos os pactos ou acordos anteriores que versen sobre as mesmas materias.