DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2023 Páx. 46889

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 119/2023, do 20 de xullo, polo que se asume o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e recursos persoais e materiais afectos á Escola de Canteiros de Poio prestados pola Deputación Provincial de Pontevedra e se acorda a súa transformación nun centro público docente dependente da Xunta de Galicia.

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Escola de Canteiros de Poio empeza a súa andaina o 15 de xaneiro de 1979 nas instalacións do mosteiro de Poio, dependente do Ministerio de Cultura. En 1982 pasa a depender da Deputación de Pontevedra e a partir do ano 2000 iníciase un novo proxecto con instalacións propias.

A finalidade da Escola é conservar e promover un dos oficios máis antigos e nobres de Galicia, o de cantaría, para ensinar a arte de traballar a pedra.

A Escola desenvolve as súas actividades como un obradoiro de traballo artesanal en pedra no cal se combinan o ensino teórico e o práctico. Os traballos do alumnado e do profesorado van deixando pegada do patrimonio arquitectónico popular de Galicia por todo o mundo. A formación impartida na Escola de Canteiros de Poio insírese dentro da denominada formación non formal e, por tanto, non conduce a títulos ou a certificados de profesionalidade.

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra concordan na relevancia do traballo desenvolvido, desde a súa creación, pola Escola de Canteiros de Poio para a formación de profesionais cunha alta cualificación nun ámbito de especial transcendencia para o patrimonio e o sector da construción. Dada a súa relevancia, ambas as dúas institucións asinan, o 6 de xullo de 2022, o Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do predio Lourizán e da Escola de Cantaría de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia, onde manifestan a vontade de artellar os procedementos e instrumentos xurídicos necesarios para realizar a transferencia e transformación da Escola nun centro público dependente da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de educación, destinado á implementación de ensinanzas regradas no ámbito da educación e a formación en xeral. A súa organización e a oferta de ensinanzas adecuaranse aos postulados establecidos pola lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e demais normas do sistema educativo.

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 28 de abril de 2023, aprobou inicialmente o expediente de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e recursos persoais e materiais afectos á Escola de Canteiros de Poio, así como os bens, dereitos e obrigas dimanantes do dito traspaso.

No Boletín Oficial da provincia de Pontevedra número 83, do 2 de maio de 2023, publicouse o anuncio de exposición pública do expediente de transferencia da Escola de Cantaría á Xunta de Galicia, durante o prazo de vinte días hábiles. Ao non se presentaren reclamacións durante o prazo concedido para o efecto, enténdese elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial, de conformidade co establecido no punto resolutivo cuarto do citado acordo plenario, e configúrase tal aprobación como requisito da súa validez e eficacia. A aprobación definitiva publícase o 6 de xuño de 2023 no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, número 108.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto asumir o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e recursos persoais e materiais da Escola de Canteiros de Poio, así como os bens, dereitos e obrigas dimanantes do dito traspaso.

Así mesmo, é obxecto deste decreto a transformación da Escola de Canteiros de Poio nun centro público docente dependente da Xunta de Galicia, coa adecuación da súa organización e da oferta de ensinanzas aos postulados establecidos pola Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, e demais normas do sistema educativo.

Artigo 2. Funcións, servizos, bens e dereitos que se traspasan

1. Quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia e asumidos por esta as funcións, servizos e recursos persoais e materiais da Escola de Canteiros de Poio, así como os bens, dereitos e obrigas dimanantes do dito traspaso.

2. O persoal que presta servizos na Escola de Canteiros de Poio será asumido pola Xunta de Galicia, nos termos establecidos no Estatuto dos traballadores, nas mesmas condicións que teñan recoñecidas pola Deputación Provincial de Pontevedra na data de efectividade de tal incorporación. No anexo I recóllese a relación de traballadores actualmente adscritos á Escola de Canteiros.

3. Os bens e dereitos que forman parte da Escola de Canteiros corresponderanlle á Comunidade Autónoma de Galicia nas mesmas condicións en que os posuía a Deputación Provincial de Pontevedra.

A sede da Escola localízase na rúa Illa do Santo, número 2, no concello de Poio, e conta coa referencia catastral 36041A035060000001PU.

Os terreos en que se sitúa a Escola seguirán pertencendo á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Salvador de Poio e subrogarase a Comunidade Autónoma de Galicia na posición xurídica da Deputación Provincial de Pontevedra no acordo de cesión formalizado o 18 de xullo de 1996 e o seu anexo, asinado o 3 de agosto de 2006. Todo iso en virtude do acordo adoptado pola dita comunidade de montes o 20 de marzo de 2023.

Artigo 3. Adscrición

1. Adscríbense á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades as funcións, servizos, bens e recursos persoais e materiais asumidos.

2. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades exercerá as funcións resultantes das súas competencias, en relación coas funcións, servizos, bens e recursos persoais e materiais traspasados con cargo aos seus créditos orzamentarios.

3. O traspaso efectivo do persoal materializarase o día 1 de setembro de 2023. A Deputación Provincial de Pontevedra remitiralle ao órgano competente da Comunidade Autónoma os expedientes do persoal traspasado, así como os certificados de haberes referidos ás cantidades devindicadas no ano anterior á formalización da integración, no prazo indicado no parágrafo seguinte.

No prazo máximo dun mes desde a publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, asinaranse as correspondes actas de entrega e recepción dos citados bens, dereitos e recursos que se traspasan, e faráselle entrega á Comunidade Autónoma da documentación, inventarios e expedientes correspondentes aos servizos e medios materiais e persoais traspasados.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Traballador/a

Descrición do posto

Retribución

Riera Taboas, Marta

Mestre/a de Debuxo Artístico (t.p.)

6.428,19

Santiago Suárez, María Luz

Mestre/a de Historia da Arte (t.p.)

6.428,19

Coia Piñeiro, Manuel J.

Mestre/a de Cantaría e Escultura

45.839,19

Otero Chantada, Adrián

Mestre/a de Escultura

34.521,06

Barreiro Barreiro, Jorge

Mestre/a de Modelado (t.p.)

8.285,06

Espiño López Lucía

Mestre/a de Modelado (t.p.)

8.285,06

Vidal Santos, Manuel Ángel

Oficial/a de maquinaria

24.826,29

Fernández Senra, M. Carmen

Operario/a de servizos varios

26.919,90