DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2023 Páx. 46263

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente ao parque 220 kV da nova subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV, no termo municipal de Covelo (Pontevedra), que promove Red Eléctrica de España (expediente IN407A 2013/112-4).

De conformidade co disposto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), con NIF A85309219 e domicilio no paseo Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas (Madrid).

Segundo. Características do proxecto

A subestación de transporte de Fontefría 400/200 kV forma parte dun proxecto global correspondente á interconexión norte con Portugal, promovido por REE, e que está conformado polas seguintes instalacións de transporte de enerxía eléctrica (8), segundo a competencia administrativa para a súa autorización:

• Instalacións de transporte primario, de competencia estatal (5):

– Parque de 400 kV da subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV.

– LAT 400 kV D/C Fontefría-fronteira portuguesa.

– Subestación de transporte de Beariz 400 kV.

– LAT 400 kV Beariz-Fontefría.

– LAT 400 kV E/S en Beariz da LAT 400 kV Cartelle-Mesón do Vento.

• Instalacións de transporte secundario, de competencia autonómica (3):

– Parque de 220 kV da subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV.

– LAT 220 kV Pazos-Fontefría.

– LAT 220 kV E/S en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído.

Segundo consta no proxecto de execución presentado, a nova subestación de Fontefría 400/220 kV estará conformada por un parque de 400 kV, un parque de 220 kV e un parque de transformación:

• Parque de 400 kV.

Adoptará unha configuración de interruptor e medio, en tecnoloxía AIS e disporá das seguintes rúas e posicións explanadas:

Rúa

Posicións

Nº de interruptores

2

L/ F. portuguesa 1-interruptor central-L/ Beariz 2

3

3

Pos. ATP1-interruptor central-L/ Beariz 1

3

4

L/ reserva-reserva interruptor central-reserva (fut. pos. ATP2)

0

Ademais, a instalación deseñarase con espazo para unha rúa máis futura (rúa 1), coa función de posibilitar un segundo circuíto de interconexión con Portugal e novos accesos á rede no caso de que sexa necesario.

• Parque de 220 kV.

Adoptará unha configuración de dobre barra con acoplamento, en tecnoloxía AIS, e disporá das seguintes posicións explanadas:

Posicións

Nº de interruptores

Pos. 3

ATP1

1

Pos. 4

L/ Pazos de Borbén 2

1

Pos. 5

L/ Pazos de Borbén 1

1

Pos. 6

Reserva (futuro ATP2)

0

Pos. 7

Acoplamento

1

Pos. 8

L/ Suído

1

Pos. 9

Reserva

0

• Parque de transformación.

Instalarase un banco de transformación 400/220/33 kV, formado por un conxunto de tres autotransformadores monofásicos coas seguintes características: tensión do enrodelamento primario (kV: 400), tensión do enrodelamento secundario (kV: 220 ± 15 %), tensión do enrodelamento terciario (kV: 33-26,4-24), potencia nominal (MVA: 600) e configuración (banco autotransformadores monofásicos). Ademais, a instalación deseñarase con espazo para un segundo banco de transformación (ATP2), coa función de aumentar a capacidade de transformación entre os parques de 400 e 220 kV, no caso de que sexa necesario.

Terceiro. Consideracións ambientais

Durante a instrución dos expedientes correspondentes ás instalacións de competencia autonómica (IN407A 2013/112-4 para a subestación e IN407A 2013/113-4 para as liñas), a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), deu traslado do estudo de impacto ambiental (EIA), realizado para o conxunto de instalacións que conforman o proxecto global da interconexión norte con Portugal, ás seguintes entidades:

• Concellos afectados da provincia de Pontevedra: A Cañiza, A Lama, As Neves, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela e Salvaterra de Miño.

• Concellos afectados da provincia de Ourense: A Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, O Carballiño, O Irixo, Padrenda, Ribadavia e San Amaro.

• Entidades preceptivas: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, Secretaría Xeral para o Turismo, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Deputación Provincial de Ourense, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Subdirección Xeral de Medio Natural.

• Outras entidades afectadas: Puentengasa, S.L., Parque Eólico O Sobredo, S.L., Parque Eólico Chan do Eixo, S.L. e Alto da Telleira, S.L.

Unha vez rematada a instrución dos expedientes relativos ás instalacións de competencia autonómica, deuse traslado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (en diante, órgano ambiental autonómico) da documentación integrante da tramitación ambiental asociada ao EIA (interconexión norte con Portugal), para os efectos da formulación da declaración de impacto ambiental (DIA autonómica) dos tres proxectos de instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, de competencia autonómica.

O órgano ambiental autonómico emitiu, con data 9.6.2014, informe ao respecto en que conclúe o seguinte: «[...] os proxectos referidos non están comprendidos nos supostos do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. Polo tanto, considérase que non procede formular declaración de impacto ambiental sobre eles. Non obstante, tendo en conta que os citados proxectos forman parte do eixe de interconexión España-Portugal norte; e que o resto de proxectos que forman parte do eixe están sendo sometidos a avaliación de impacto ambiental polo Estado, considérase que as medidas que se impoñan na futura declaración de impacto ambiental sexan tidas en conta, no que proceda, na execución dos proxectos de competencia autonómica».

O 26.4.2022 publicouse no BOE nº 99 a Resolución do 8.4.2022, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (en diante, órgano ambiental estatal), pola que se formulou declaración de impacto ambiental do proxecto Interconexión norte con Portugal (subestacións de Covelo e Beariz e liñas asociadas a 400 kV Fontefría-fronteira portuguesa).

Nesta DIA estatal recóllense unha serie de observacións que se deberán atender con carácter previo á aprobación dos proxectos de competencia estatal. Non obstante, con base no disposto no informe do órgano ambiental autonómico de data 9.6.2014, estas observacións tamén son extensibles aos proxectos de competencia autonómica. En consecuencia, con data 27.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) cursou o correspondente requirimento de documentación a REE para que atendese as referidas observacións, que se detallan a continuación (con indicación da epígrafe da DIA en que veñen recollidas):

• D.4 Paisaxe: os proxectos deberán integrar as medidas indicadas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia no seu informe do 24.9.2013, as cales estaban reflectidas no estudo de impacto e integración paisaxística; a actualización ambiental datada en 2021 remitirase ao IET e solicitarase a emisión do informe de impacto e integración paisaxística, cuxas consideracións, de ser o caso, pasarán a formar parte do proxecto; deberase elaborar un proxecto de revexetación e de restauración das zonas afectadas polas obras e accesos que non sexan necesarios durante a explotación das instalacións proxectadas.

• D.6 Patrimonio cultural: trasladarase o estudo documental de afección ao patrimonio cultural existente no ámbito do proxecto, de data novembro de 2021, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; cada unha das medidas establecidas no estudo de impacto ambiental, no resto de información facilitada polo promotor e nesta epígrafe, deberán estar definidas e orzadas nos proxectos ou nunha addenda a eles, previamente á súa aprobación.

• E.5 xerais: o promotor remitiralle á DXPERN o Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA) definitivo (deberase especificar o seu cronograma e o seu plan de financiamento).

REE contestou ao dito requirimento, con datas 22.11.2022 e 7.3.2023, achegando a documentación xustificativa do cumprimento das referidas observacións para os proxectos de competencia autonómica.

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente ao parque 220 kV da nova subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV, no termo municipal de Covelo (Pontevedra), e que promove REE.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para a citada instalación eléctrica, integrada no proxecto de execución denominado Nova subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV, asinado o 16.4.2013 polo enxeñeiro industrial Luis Cabezón López (colexiado nº 12.864 do COEIM) e visado por este colexio con nº 201300821 e data 16.4.2013, complementado coas dúas addendas seguintes:

• Addenda ao proxecto de execución/nova subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV, asinada o 3.3.2023 polo enxeñeiro industrial Luis Cabezón López (colexiado nº 12.864 do COEIM) e visado por este colexio con nº 201300821 e data 6.3.2023.

• Addenda ao proxecto de execución-Xustificación aplicación RD 337/2014/nova subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV, parque 220 kV, asinada o 9.6.2023 polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado nº 11.729 do COEIM) e visado por este colexio con nº 201300821 e data 9.6.2023.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e que implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Quinto. Condicións

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución e as súas addendas, para o cal se outorga a autorización administrativa de construción.

2. A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

4. A empresa promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA estatal do proxecto de interconexión norte con Portugal, formulada o 8.4.2022 polo órgano ambiental estatal, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida na referida DIA:

• Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: epígrafe C da DIA.

• Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: epígrafe D da DIA.

• Descrición das características do proxecto: epígrafe A da DIA.

• Medidas de seguimento e órgano encargado del: epígrafe E da DIA.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

8. Esta resolución dítase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida instalación eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

10. Como anexo a esta resolución recóllese a RBDA definitiva, que se empregará no procedemento expropiatorio.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais