DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2023 Páx. 46270

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Lalín (expediente IN407A 2022/220-4).

Expediente: IN407A 2022/220-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTA LAL811 e substitución CTI Gate.

Concello: Lalín.

Feitos:

Primeiro. O 13 de maio de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA LAL811 e substitución CTI Gate.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución do centro de transformación intemperie (CTI) Gate 36ABQ8 para ampliar a súa potencia de 50 kVA a 100 kVA, mediante as seguintes actuacións previstas na parroquia de Catasós, no concello de Lalín (Pontevedra):

– Substitución do apoio AVD0FS98/9-10CT por un apoio C-1000-14, no cal se instalará un XS e unha cruceta de derivación.

– Substitución dun total de 46 metros do condutor LA-56 do van augas arriba do apoio proxectado C-1000-14.

– Instalación dun novo apoio C-2000-12, no cal se colocará o novo centro de transformación en substitución do CTI Gate de 100 kVA.

– Tendido dunha nova liña de media tensión aérea (LMTA) en condutor LA-56, de 12 metros de lonxitude, entre os apoios proxectados.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Concello de Lalín e o Servizo de Patrimonio Natural.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 26 de xullo de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación da solicitude de declaración de utilidade pública da instalación eléctrica a todas as persoas que figuran afectadas na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora, esta xefatura publicou os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro de 2022 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 5 de novembro de 2022, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 26 de xullo de 2022 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 18 de agosto de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 11 de agosto de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Lalín desde o 19 de agosto ata o 1 de outubro de 2022, segundo o certificado emitido polo propio Concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Quinto. O 24 de agosto de 2022, UFD comunicou que acadou un acordo con todas as persoas afectadas e como consecuencia non será máis necesaria a declaración de utilidade pública.

UFD tamén achegou a documentación acreditativa dos acordos acadados.

Sexto. O 29 de setembro de 2022, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG) presentou unha alegación onde solicita que se inadmita ou, de ser o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese alega que o proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

Sétimo. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industriais ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas cuxa potencia non exceda os 250 CV, a tensión de 15.000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66.000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. No presente proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique á súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66.000 V.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 46 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente HV-1600/15 e final no apoio proxectado C-1000/14, que substitúe ao AVD0FS98//9-10CT.

– LMTA a 20 kV, con condutor LA-56, de 12 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-1000/14 e final no apoio proxectado C-2000/12.

– Centro de transformación intemperie, situado no apoio proxectado C-2000/12, a 100 kVA con r/t de 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36024A087003210000AA.

A instalación está situada en Catasós, no municipio de Lalín (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se sobrepasar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de casación núm. 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986, non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións teñan que considerarse xenéricas», polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, lles é recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais» pero «subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos», que o Real decreto lexislativo de 1977 atribúe aos antigos peritos.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA LAL811 e substitución CTI Gate (expediente IN407A 2022/220-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de xullo de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra